Martes, 17 de Abril de 2012

I’m Batman

Se botamos a vista atrás, e buscamos recuperar na memoria a película Batman de Tim Burton, o normal é que lembremos algunhas das grandes interpretacións do Joker de Jack Nicholson, mentres que Batman queda nun segundo plano. Pero hai un momento de Bats que si foi memorable: cando levanta a un delincuente no aire e ao seu Who are you? (cunha voz de pito inesquecible) respóndelle un impresionante I’m Batman. Esta secuencia inspirou unha curtametraxe dirixida por Russell Challenger que recomendo:

Aproveito o momento para comentar que un dos motivos polos que non son quen de esquecer a secuencia do I’m Batman é porque no seu día, ao alquilar no videoclub a película C.I.A. Operación Espacial incluíase un trailer da película de Burton cunha dobraxe nefasta, no que ante un No me mate. No me mate. No me mate. ¿Quién es usted? o cruzado da capa espetaba un desenfadado Me llamo Batman (frases totalmente diferentes ás da montaxe final da película). Sempre pensei que ese trailer non era oficial, pero ao atopalo en YouTube… mudei de idea. Velaquí o tedes:

Xoves, 12 de Abril de 2012

DezTV trasládase a Silleda

Aínda que dende Melide é posible recibir as canles de TDT de Santiago de Compostela, moitos consideran como canle local DezTV, que viña operando dende Lalín, e que agora múdase a Silleda:

Descoñezo se tal traslado afectará á cobertura da actualidade melidense. Polo momento limítome a desexar moita sorte aos embarcados no novo proxecto audiovisual.

Epichode V: El Imperio se pone chusco

Non somos poucos os que coñecemos a Jesús Martínez del Vas (JMV) pola tira cómica que acompañaba nos anos 90 á Gaceta Universitaria, para seguir logo os seus pasos con grandes creacións como o alieníxena BOK, e actualmente é igual de brillante coas súas tiras de Caos en la redacción para 233grados.com:
Caos en la redacción
Pero non se limita a facer tiras, senón que na súa carreira, JMV tamén fixo comics completos parodiando grandes sagas como El Señor de los Anillos e Star Wars, pero no último caso quedou atrancado na cuarta entrega e agora quere embarcarse no Epichode V, que leva por título El Imperio se pone chusco, e para facelo decidiu emprender un proxecto de crowdfunding en Verkammi.
Epichode IV
En que consiste esta leria. Por trátase en que quen queira contribuír a que o Epichode V convértase en realidade poderá facer unha achega económica de entre 1 e 300 euros, con distintas contraprestacións. Así, os mecenas que paguen 5 euros poderán recibir un exemplar do cómic asinado polo autor (eu xa teño un BOK asinado, jeje) e, de engadir máis cartos ao proxecto poderanse recibir copias en dixital das primeiras entregas da saga, copia en papel da cuarta entrega, caricaturas feitas por JMV, páxinas orixinais da obra e incluso a posibilidade de protagonizar un cómic dunha páxina na que poder dicirlle catro cousas a George Lucas. ¡Un soño feito realidade para moitos! :)
Epichode V
Jesús pretende xuntar 1.900 euros para facer viable esta iniciativa, e cando aínda quedan 31 días para que remate a captación de fondos xa conseguiu xuntar 1.506 euros, polo que parece que non haberá problema en superar este reto, para dar continuidade a unha saga nacida en 2001, e que cada vez está máis próxima da súa fin.
Tira con Han Solo

primeira páxinaJMV non quixo agardar a ter os cartos para comezar a debuxar, e xa ten feita unha páxina da nova obra que pretende estar rematada en xullo e que chegaría ás tendas en setembro. Xa falta menos para poder gozar das novas aventuras de Jovijuan, o mestre Yodo, Skaiguolker e compañía… ¡animádevos a colaborar!
Non podo evitar comentar que tiven certo trato con JMV hai máis dunha década, de cando fixemos a revista Dreamers editada por Boxx Press, e a xenerosidade de Jesús foi tremenda, cedendo sen reservas material para a súa publicación (concretamente 2 tiras e unha páxina de El Señor de los Panchitos). Por desgraza non fumos quen de manter a publicación viva, pero poder contar con artistas como JMV, Quim Bou, Javim, Fonollosa ou Roger Tallada foi toda unha honra. Unha mágoa que a comunidade que existía ao redor de Dreamers.com perdese folgos… aínda que o bo é que agora os frikis xa non estamos en guetos virtuais, senón que temos a Rede invadida como unha plaga :P

Podedes seguir a evolución do proxecto do Epichode V a través do seguinte widget:

Martes, 3 de Abril de 2012

Sempre nos quedará Sardiñeira

Matalobos
Chegou o día. Esta noite emítese o capítulo 74 do que para min foi a serie revelación da TVG nos últimos anos, Matalobos, e que porá fin a unha historia que tivo a milleiros de galegos pegados ao televisor todos os martes. Aínda que digan que estamos ante o derradeiro episodio da tempada, todo apunta a que trátase da fin da serie, pois os seus actores levan tempo noutros proxectos (Luis Iglesia, por exemplo, xa participou en Piratas e La Fuga despois da gravación de Matalobos).
Botarei en falta esta grande serie, aínda que agradezo moito que non a alarguen innecesariamente, pois podería chegar a aburrir, e é preferible deixar un bo recordo que facer como Mareas Vivas (que cando rematou xa non tiña ningunha graza).

O argumenta desta noite é o que segue:

Aníbal ten un último encargo para Carmelo: rematar con Ferreiro. Pero o líder dos Matalobos non está disposto a acatar nin unha orde máis. A morte de Irene foi a gota que acabou coa súa paciencia. Non obstante, Aníbal garda un as na manga. Unha arma que lle permitirá facer de Carmelo o que queira. O iso cre el.
Achégase o cumio de seguridade e Alberto Guzmán converteuse no protagonista. A Garda Civil sabe que Guzmán e Aníbal son a mesma persoa. Só queda convencer a Ferreiro, ao que a noticia colleu por sorpresa. Pero toda a información que lle ofrezan non será suficiente; necesitarán unha confesión. E só hai unha persoa capaz de conseguila.
Mentres tanto, os Veloso viven o seu ocaso. Vanesa está arruinada e os que antes a servían, agora reclaman uns cartos que non ten. Serán capaces de calquera cousa, para conseguir o que consideran que lles pertence; Vanesa terá que pagar, queira ou non.

Con esta combinación de elementos só podo prever un tráxico final, no que haxa algunha morte máis para sumar ás que vimos nas últimas semanas, deixando sempre un pequeno fío que amarrar por se algún día queren retomar esta ficción.

Luns, 2 de Abril de 2012

“Esta vala levar ti, porque me dá a gana”

A Vida no Mercado en Compostela
O pasado sábado despois de xantar vimos na TVG o programa A Vida do Mercado, e fixámonos moito para ver se aparecei o posto do meu curmán Manolo (a Cortadoría Fina), pois normalmente non gusta de que o graven os da televisión, polo que sorprendeunos moito ver que ao final o entrevistaran, comportándose tan natural coma sempre:

Sobra dicir que as morcillas e os roxóns que ten o meu curmán no posto son do mellor do mundo. Cando viña a miña avoa a Melide, eu adoecía polas morcillas que traía de Compostela, pero recoñezo que os roxóns tamén estaban ricos; aínda que recoñezo que cando eramos cativos, o meu irmán e mais eu dabamos máis mérito ás bolsas de Rufinos cos que nos recibía a avoa ao baixar do autobús. ;)

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios