Mércores, 25 de Xaneiro de 2012

«¡Volveu o ferrado!»

Xurxo cos presentadores de Cifras e Letras
O pasado verán comentei que o meu irmán Xurxo participara na gravación dun programa de Cifras e Letras (TVG) e finalmente emitiuse hoxe, polo que xa podemos dicir moi alto que volveu o ferrado:

A mensaxe coa que pechou o meu irmán o programa parece un tanto críptica, pois vén dunha expresión do meu pai, quen mentres Xurxo non sacaba as oposicións de primaria chamábao profesor de ferrado ;)

Aproveito a ocasión para desculpar publicamente ao profesor Mira por chamarme Carlos Ballesteros, co que compartía a subdirección da revista Código Cero (ou sexa, que foi unha metedura de zoca comprensible), á vez que non podo evitar agradecerlle todas as veces que atendeu ás nosas preguntas sobre os seus proxectos (entre os que destaca a organización do Programa ConCiencia) e os desfiles de camisetas divertidas.
Tamén teño que admitir que, tras a sorpresa de atopar a María Canosa durante a gravación do programa (foi antes de que se fixera público que Yolanda Castaño abandonara Cifras e Letras), quedei aínda máis abraiado pola súa amabilidade. Con xente así dá gusto.

O peche de Megaupload en Vía V

A pasada noite en V Televisión tivo lugar un debate sobre o peche de Megaupload no que interviron Pancho Casal (Continental) e Javier Pedreira Wicho (Microsiervos), con achegas moi interesantes por ambas partes:

Agradécese que en Vía V tratasen o tema, especialmente nun día no que a actualidade esta centrada no abandono da vida política por parte de José Luis Baltar.

Martes, 24 de Xaneiro de 2012

As vítimas da tecnoloxía

Estes días está a falarse moito da obsolescencia de modelos de negocio coma o do cine ou a música co gallo do peche dos servidores de Megaupload, pero o certo é que a tecnoloxía está a afectar a moitas outas cousas que antes considerabamos cotiás, como amosan nun esaxerado vídeo promocional (que descubrín no blog de Sonia Blanco) do libro Digital Leader do autor de Socialnomics:

Digo que é unha esaxeración porque tecnoloxías como as peaxes de autopistas automáticas levan moitos anos funcionando, e non substituíron ás tradicionais totalmente, simplemente porque pensar que toda a poboación vai adoptar masivamente as novas tecnoloxías non é realista. Pero que os reloxos de pulso, os tocho-manuais de instruccións de moitos produtos, os mapas, os espertadores e os DVD teñen os días contados como produtos masivos está clarísimo. Non penso o mesmo da televisión (os medios pasivos seguirán tendo peso) e a radio terrestre (iso da radio por satélite só está de moda nos EE.UU.); mentres que dos xornais e dos libros en papel, aínda que estou seguro de que quedarán coma produtos marxinais, non é algo que vaia acontecer en só 6 anos.

Luns, 23 de Xaneiro de 2012

A polémica de Megaupload en RadioVoz

Víctor Salgado, Javier Pedreira, Isidoro Valerio e Manuel Cristobal
Esta mañá tiven a fortuna de coincidir con Víctor Salgado, Javier Pedreira, Isidoro Valerio e Manuel Cristobal no programa Voces de Galicia de RadioVoz para falar o que está a pasar con Megaupload (a falta do servizo, tamén subín a gravación a Mediafire):

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Se ben quedaron moitos temas por tratar (como a ameaza que supón para a Rede que os EE.UU. poidan manipular o sistema de DNS segundo os seus intereses), pareceume moi interesante o contraste de pareceres e as distintas perspectivas nas que abordamos o tema de Megaupload.
Foi especialmente agradable escoitar a opinión de Manuel Cristobal, que amosouse moi aberto, algo pouco habitual dende o sector audiovisual. Aproveito a ocasión para desexarlle moita fortuna coa última produción de Perro Verde Films, Engurras, que estréase comercialmente o vindeiro venres, e que incluso está a xogar forte na carreira polos Oscars (na categoría de Animación). Velaquí un pequeno adianto da obra que poderamos ver dobrada ao galego:

Eu espero ir vela ao cine nos primeiros días (pois este tipo de películas duran en cartel un suspiro). Agardemos que conte cunha boa distribución internacional, pois apostaría algo a que vai funcionar moi ben en países como Francia e Xapón, mentres que en España seguimos a dar as costas á animación como xénero que vai máis aló do público infantil.

Sábado, 21 de Xaneiro de 2012

O peche de Megaupload.com na CRTVG

O peche de Megaupload, Megavideo e servizos asociados (polo momento Megatrón e MegaMan están a salvo), como era previsto, converteuse en tema a abordar por moitos medios de comunicación, especialmente pola popularidade desta plataforma de compartición de ficheiros en España. Na TVG tamén fixeron referencia ao asunto no Telexornal:

Aínda que eu gocei máis da explicación desta nova para A Tarde da Radio Galega, onde o pasamos ben comentando algunhas curiosidades sobre un acontecemento que non fixo máis que comezar, e que podería ter repercursións considerables:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Incautación dos coches do fundador de Megaupload
Unha das cousas máis curiosas foi a incautación dos coches (¡ese Cadillac rosa!) do fundador de Megaupload, un personaxe que é unha boa peza, e aínda que externamenta o servizo de Megaupload non parece comenter ningunha ilegalidade (xa intentaron ir contra el xudicialmente en múltiples ocasións, sen éxito), as autoridades norteamericanas aseguran ter evidencias de que dende a compañía estaban a promover activamente a distribución de contidos que vulneraban os dereitos de propiedade intelectual. Terán que probalo, pero a min, de momento, paréceme que os EE.UU. están a estender a súa xurisdicción á Internet, como se a Rede fose deles, o que é un precedente moi perigoso.

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios