Descoñecía que o actor Robin Williams era tan friki que puxera de nome Zelda á súa filla polo videoxogo protagonizado por Link, pero vese que os de Nintendo escoitaron a curiosa anécdota e decidiron aproveitala para o anuncio televisivo que acompañará a The Legend of Zelda: Ocarina of Time 3D que chega este venres ás tendas para a Nintendo 3DS:
O anuncio é divertidísivo, e tamén podo confirmar que o xogo é unha pasada (probei a demo hai 3 meses), converténdose con toda seguridade no primeiro vende-consolas para 3DS (unha mágoa que non fose un xogo de lanzamento) e que chega xusto no ano no que a saga de Zelda fai 25 anos, deixando claro que algúns imos vellos, e que conceptos como Super Mario, Donkey Kong ou Zelda son tan bos que poden manterse no tempo como clásicos modernos.
A Nintendo 3DS está a tardar en calar, pero co novo Zelda e os xogos que van chegar de cara ao Nadal (como Kid Iccarus: Uprising, Mario Kart e Super Mario) parece seguro que vai ser toda unha supervendas. Aínda que hoxe non vexamos moitas 3DS polas rúas, apostaría algo a que 2012 vai ser o seu ano (especialmente se rebaixan algo o seu prezo ou inclúen algún xogo con certo pulo ao adquirila).
Había tempo que non publicaba ningún vídeo dos Rabbids de Rayman, e agora que estrean un vídeo co gallo da voda real británica teño unha desculpa para instarvos a velo:
Eles non van perder o evento de mañá, pero eu espero facerlle tanto caso como aos partidos de fútbol (aínda souben hoxe o resultado da semi-final da Copa do Rei)
Os xogos sinxelos para o móbil son todo un éxito, pero a simplicidade aínda era maior nos anos 80, pois antes da Game Boy había unha especie de reloxos con alarma que inspirados en calculadoras ofrecían horas de lecer cunha mecánica repetitiva e unha música e uns efectos de son que enganchaban aos máis cativos.
Eu lembro con moito cariño a Game & Watch de Donkey Kong e o xogo de Kung Fu, pero agora a páxina web Pica Pic creada por Hipopotam ofrécenos unha interesante colección de maquiniñas que podemos xogar dende o noso navegador web, para rememorar así os velos tempos.
Para min resultoume especialmente rechamante que estivese o clásico Donkey Kong Jr. e un xogo que deseñecía de Arale, pois resulta que nos primeiros anos da TVG emitían as series do Dr. Slump e Arale (vaia, vaia) e Donkey Kong (foooorza muuuusculaaaar). Unha afortunada coincidencia que ilumina o meu corazonciño nostálico dos videoxogos retro.
Os que botasen moitas horas con este tipo de xogos no seu tempo, que fuxan da mencionada páxina, para non pór en perigo a súa produtividade laboral
Estou moi contento, xa que o meu adorado Mike Tyson axudoume a superar a miña adicción ao Angry Birds para iPad:
Aínda que admito que a técnica de Tyson non foi precisa, pois rematou a adicción en canto superei os novos niveis (co gallo do Día de San Patricio) que sairon o xoves pasado
Si, si, non teño dúbida, a pantalla autoesteroscópica (3D sen lentes para os amigos) da Nintendo 3DS vai ser un reclamo irresistible para os rapaces, que van querer facerse coa nova consola portátil de Nintendo que sae á venda o vindeiro día 25, pero a meirande parte deles van ter que agardar ao Nadal ou á súa Primeira Comuñón se queren facerse co novo dispositivo de lecer electrónico, pois que o seu prezo estea en preto de 250 euros convérteo en todo un luxo que dificilmente estará ao alcance dos máis cativos. Os de Nintendo son conscientes diso, polo que o seu novo produto vai contar cun catálogo inicial de xogos moi variado, entre os que hai moitos xogos para adultos. Queda claro que agora xa non estamos ante un xoguete (a Nintendo DS abriu camiño apostando por títulos coma Brain Training, que atraeron a un público que nunca antes tocara unha consola de videoxogos), e aínda que as 3D parezan o máis destacable, estou certo que iso vai quedar na nunha anécdota co paso do tempo, e resultarán máis importantes outras características como as súas posibilidades sociais ou a súa aposta polos contidos descargables. A Nintendo 3DS é un produto prometedor, do que as 3D serven como xustificación de compra, pero que logo servirá para cargar os vellos xogos de DS, multitude de vellos títulos de Game Boy, Game Gear e outras plataformas mediante descarga, tirar fotografías e gravar vídeo en 3D, xogar coa realidade aumentada e, especialmente, competir en rede cos nosos amigos.
Aínda é moi cedo para sacar conclusións, pero tras asistir a un acto en Madrid no que presentaron oficialmente a consola á prensa, e tras poder fozar coa 3DS e distintos xogos durante máis de 2 horas, hai certas cousas que podo asegurar:
- A percepción das 3D é case instantánea e moi natural.
- Para min o selector de intensidade da 3DS equivale case a un botón de apagado e acendido das 3D, mentres que outros asistentes aseguraban que tiñan que reducir un pouco o nivel de 3D para ter unha percepción confortable. Entendo así que estamos ante unha experiencia moi persoal, polo que recomendaría a cadaquén que probase a 3DS, para o que poden acudir entre os días 23 y 27 deste mes a unha unidade móbil de Nintendo en A Coruañ, para o que poden realizar unha reserva na web de ¡Prueba y Verás!. - Non notei ningún signo de fatiga visual, polo que sospeito que as 3D non teñen por qué cansar máis que utilizar a consola con tal función desactivada. Sobra dicir que depende dos casos (hai xente que marea no cine 3D).
- O nivel gráfico dos xogos de 3DS non ten nada que envexar aos da PSP, polo que títulos coma o PES 2011 3D ou o Resident Evil: The Mercenaries 3D presentan un acabado máis que digno.
- O uso das 3D cambia moito duns xogos a outros, de xeito que no Puzzle Bobble aínda que é moi pronunciado resulta moi chorras (simplemente o fondo de pantalla ten profundidade), en Los Sims 3 nótase moi pouco, nos xogos de coches pode chegar a camuflar a carencias gráficas e en xogos como Rayman 2 (un dos que levei unha mellor impresión) ou Kid Icarus contribúen seriamente a mellorar a experiencia de xogo.
- O Super Street Fighter IV: 3D Edition foi para min o mellor xogo de 3DS que vin, non só porque amosase unha profundidade impresionante (parecía que estabas a ver bonecos repartindo hostias nunha caixa de zapatos), senón porque demostraba a calidade do mando analóxico da consola. Digamos que era capaz de lanzar hadoukens sen problema, algo que non podo dicir, por exemplo, dos xogos de loita da PSP (que dan bastante pena). - Os vídeos 3D que servían de adianto do que serán xogos como Mario Kart, Paper Mario ou Metal Gear Solid 3D: Snake Eater deixaban claro que durante o vindeiro ano a Nintendo 3DS vai ter moitos títulos que van atrapar aos xogadores. A min gustoume especialmente a aparencia do Paper Mario, que parecía facer un uso bastante atractivo das 3D para ser un xogo de plataformas moi diferente do que achegará finalmente o Super Mario de 3DS (que será algo semellante ao Super Mario Galaxy).
Pero o evento que contou unha especie de programa de Buenafuente feito a medida, no que Andreu abriu cun monólogo que foi seguido por varias entrevistas, destacou pola sorprendente aparición de Eduart Punset, quen defendeu a capa e espada os videoxogos entre os cativos, afirmando que son tan importantes para o seu desenvolvemento como aprender idiomas, e asegurando que se sentía moi identificado cunha camiseta que veu a un rapaz nos EE.UU. na que dicía algo así como «mamá, no es un déficit de atención, es que no me interesais nada».
Punset tamén falou dunha campaña televisiva que vén de comezar na que participou con Buenafuente e moitas outras persoas do mundo da televisión:
Aínda que do mundo da televisión posiblemente destacou tanto Estela Giménez, a presentadora de Insert Coin, que estaba alí gravando entradillas rodeada de salidillos
Haberá que estar atentos á rapaz, pois non podemos esquecer que a súa predecesora no programa foi Berta Collado. ¿Veremos a Estela algún día en Sé lo que hicísteis?
Polo demais, se alguén ten quere facer algunha pregunta sobre a miña experiencia coa Nintendo 3DS, é libre de preguntar, aínda que hai detalles como a duración da súa batería que loxicamente non puiden comprobar.