Venres, 18 de Xuño de 2010

Bos Días ao E3, os controis de movemento e as 3D

Esta mañá no Bod Días da TVG tocou falar con Xesús Peleteiro e Carlos Amado das novidades da feira E3, que este ano eran a presentación xa comercial do Kinect de Microsoft (chamado ata o momento Proxecto Natal) e do PlayStation Move, aínda que ao final a meirande parte dos medios centráronse na novidade de Nintendo, unha impresionante renovación da súa consola portátil que agora conta cunha pantalla 3D e incluso con cámara para tirar fotos en 3D (o que permitirá, entre outras cousas, escanear a cabeza do usuario para colocar a súa cara, por exemplo, nun xogo de boxeo, para quedar logo feito un cromo):

O que si resultou curioso é que as Nintendo 3DS de proba que había no E3, en vez de estar nun mostrador, ía suxeitas cun cable á cintura de azafatas de grandes domingas, o que aseguraron certos analistas que foi unha técnica de márketing para dar unha maior sensación 3D.
Eu o que teño claro é que, aínda que comece a un prezo caro, a 3DS vai vender coma churros, e vai ser a principal entrada do cine en 3D nos fogares, pois o público en xeral aínda non está disposto a soltar moita pita por un televisor último modelo, mentre que o feito de que os cativos poidan ver Toy Story 3 en 3D nun dispositivo portátil, sen usar lentes, terá un efecto dinamizador do negocio, o que fará que as 3D na PS3 e na Xbox 360 queden nun segundo plano (mentres os televisores que soporten tal tecnoloxía non baixen de prezo).

Domingo, 23 de Maio de 2010

Otakus a centos en EXPOCoruña

entrada de ExpoCoruña
Esta tarde pasei por EXPOCoruña para visitar a primeira edición de ExpOtaku, e quedei gratamente sorprendido, pois non esperaba que un evento de tal tipo puidese axuntar a tantísima xente.
otakus disfrazados
Cando cheguei había varios centos de asistentes no lugar, pero comentáronme que non era nada comparado co día anterior, cando superaron o milleiro de visitantes, o que parece unha auténtica animalada para un encontro tan pechado (está dirixido a afeccionados ao manga e o anime).
Disfraces de Metal Gear Solid
Moitos dos presentes apareceron disfrazados, uns con mellor fortuna que outros, pero aínda que os disfraces correspondían principalmente a personaxes de anime, escachei coa risa ao ver que había quen decidiu disfrazarse de personaxes de Metal Gear Solid… ¡Incluíndo a Snake camuflado nunha caixa!
Xogando ao Pang
Pero non só de manga e anime ía o conto, senón que tamén había unha sección dedicada aos videoxogos, especialmente ás plataformas clásicas, servindo de anticipo ao RetroCoruña 2010 que terá lugar en Sada o 3 de xullo.

Tamén vin outras cousas que algúns poderían considerar abraiantes como unha moza xogando ao Street Fighter IV (si, si, o xogo non era nin o Tetris nin o Puzzle Bobble):
Moza xogando ao Street Fighter IV

Un rapaz cun zancos cos que pegaba uns chimpos impresionantes:
zancudo

E incluso un libreiro sendo amable cos seus compradores habituais: ;)
Tanxencias Comics en ExpOtaku
Vaia, que visto o visto, non teño dúbida de que este certame terá unha segunda edición en 2011. Vemos así que Viñetas desde o Atlántico pode convivir con máis celebracións frikis na cidade, e incluso poderían xurdir sinerxías entre os eventos (como xa hai con RetroCoruña).

Sábado, 15 de Maio de 2010

Promoción para os nostálxicos de SEGA

Promoción SEGA
Cando vin o anuncio da nova promoción de El País, non puiden evitar lembrar a un amigo segueiro, que para quen non entenda de videoxogos podería dicirlle que é algo así coma ser do Atlético de Madrid (pois a compañía nipona nunca conseguiu liderar o sector das consolas, nin en domésticas nin en portátiles), e sospeito que podería lanzarse a adquirir o produto por mera nostalxia. Trátase dunha consola SEGA (con licenza oficial) que inclúe 30 videoxogos de Master System e Game Gear coma Alex Kidd: High Tech World, Alex Kidd: Miracle World, Alex Kidd: The Lost Stars, Assault City,Astro Warrior, Aztec Adventure, Baku Baku Animal, Bomber Raid, Columns, Dragon Crystal, Fantasy Zone, Global Defense, Golden Axe, Kung Fu Kid, Sonic Spinball… ou sexa, grandes clásicos que hoxe en día seguen moi vivos porque non paran de reeditalos en versións para móbiles (¿cantos clons/plaxios/versións de Sonic comercializaría nos últimos 10 anos?).
Para facerse con esta consola portátil con pantalla de 2,4 polgadas que funciona con 3 pilas AAA hai que pillar mañá a cartilla de participación, xuntar 10 cupóns e pagar 29,95 euros.

¿Compensa adquirila? Eu penso sinceramente que non porque é un produto pechado. Antes optaría por unha Dingo A-320, que aínda que custe preto de 70 euros (con portes incluídos) conta con moitísimos emuladores (incluíndo o MAME), 4 Gb de memoria interna e batería recargable. Pero se temos un corazonciño entregado a SEGA, estamos ante un prezo aceptable, pois unha consola semellane do mesmo fabricante custa nunha web asiática 31,22 euros.
¿Lograrán vender ben esta consola portátil? Sospeito que si, pois este tipo de produtos ao final é moi probable que o merquen os pais, que ven que poden adquirir unha consola con 30 xogos por pouco máis do que custa un xogo de Nintendo DS. E visto así, estamos ante un negocio redondo. Amais, sempre podemos botar unha lagrimiña ao escoitar ao arrincar un xogo o clásico SEEEEGAAAA.

Venres, 26 de Febreiro de 2010

Bos Días a Battle of Puppets

Esta mañá no Bos Días da TVG coincidín cos mozos de Small Wonders, un estudo de videoxogos con sede en Lugo que veñen de desenvolver un dos mellores xogos para iPhone do que vai de ano, Battle of Puppets, que recomendo a todo aquel que teña un iPhone ou iPod Touch:

Foi moi agradable coñecer en persoa a Juan Araújo (con quen só tivera contacto a través da Rede e o teléfono) e a Joan Albero, cos que falei un bo anaco de videoxogos ao rematar a nosa intervención no programa. Xa me tarda ver os 2 novos xogos que teñen proxectados para o que resta de ano, pois coma sexan tan divertidos e simpáticos coma o Battle of Puppets garantiranme moitos pequenos momentos de lecer. ;)

Martes, 9 de Febreiro de 2010

Son Goku volve á Nintendo DS

Estou emocionado cos anuncios do novo xogo de Son Goku para a Nintendo DS, pois o xogo parece que volverá a ser moi fiel á serie As Bolas Máxicas:

O mellor de todo é cómo o promocionan. Por exemplo, teñen un anuncio retro co que case morro de risa (¡pensar que antes os xogos eran así de cutres!):

Pero polo que comento hoxe o tema no blog é polo último anuncio televisivo do xogo, que se o chegan a facer en galego, ata podería facerme chorar:

¡Siiiiiii! A canción é a de ti tamén queres amor, e alegrar o corazón…. Unha mágoa que na TVG non vaian botar este anuncio dobrado ao galego :(

ACTUALIZACIÓN: En Kotaku publican agora un novo vídeo promocionando o xogo que dáme gañas de aprender a tocar o piano:

Para os que non teñan moita memoria (ou poucos anos), velaquí a canción orixinal en galego:

Venres, 11 de Decembro de 2009

Bos Días ás consolas de videoxogos

Esta mañá, dada a proximidade do Nadal, falei con Carlos Amado e Xesús Peleteiro no Bos Días da TVG das consolas de videoxogos:

Está claro que é unha cuestión de gustos. Eu son usuario da Xbox 360, e de usar unha portátil, optaría pola PSP, pois admito que as consolas de Nintendo apenas teñen xogos que encaixen nos meus gustos.
Sobre os xogos tamén falamos un chisco hoxe:

Coido que a semana que vén imos comentar máis sobre xogos, pois non tivemos tempo suficiente para comentar o fenómeno dos xogos musicais, ou facer algunha recomendación de xogos por rangos de idades ou plataformas (que posiblemente é o que quere escoitar moita xente de cara a elixir os agasallos do Nadal).
Precisamente de videoxogos falei tamén o pasado xoves no programa A Tarde da Radio Galega, centrándonos nos xogos musicais e na Wii:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Quixera destacar que aínda que segundo dos datos que anuncian dende aDeSe os nenos son o grupo demográfico que máis uso fai dos videoxogos (o 80%), a media de idade dos xogadores continúa a ser elevada (ronda os 30 anos) e no volume de negocio os adultos temos moito peso, coma queda claro ao ver os cartos que ingresan xogos coma Modern Warfare 2 e Grand Theft Auto IV. Non podemos esquecer que os nenos non teñen capacidade económica como para mercar con certa frecuencia xogos para Xbox 360 e PS3.
Dende a propia aDeSe recoñecen que o grupo de usuarios que pasa máis de 4 horas á semana xogando é maior nos adultos que nos nenos, o que reflicte un cambio xeracional. A xente que utilizou videoxogos de neno nos os abandonou co tempo, e así é de agardar que a medida de idade de xogadores increméntese durante moitos anos, ata que estea normalizado o uso de videoxogos por todos os rangos de idades, como acontece con outros tipos de lecer electrónico. O tópico de que os videoxogos son para nenos é cousa do pasado, aínda que é unha mágoa que fose Nintendo coa Wii e a DS a que máis contribuíu a tal fin.

Xoves, 17 de Setembro de 2009

Libro de ilustracións para nostálxicos do Spectrum

ZX Spectrum +2En febreiro de 1987, tras unha operación de vesícula biliar, regaláronme un ordenador ZX Spectrum +2, e ese acontecemento marcou o meu futuro levándome finalmente ao sector da Informática, pero nalqueles primeiros anos os ordenadores eran máis inocentes, e a súa principal actividade era a de servir de dispositivos orientados aos xogos. Como curiosidade, ás poucas semanas de ter o Spectrum os xogos pasaron de custar 2.500 pesetas a venderse ¡a 875 pesetas! (se fixeran algo semellante na actualidade o panorama cambiaría bastante).
Portada de SpectrumComo os equipos eran moi básicos, era posible que cun equipo de 2 ou 3 persoas puidese facerse un xogo completo (cando na actualidade hai xogos con centos de persoas involucradas no seu desenvolvemento) o que permitiu que en España florecese unha industria que tivo unha forza incrible entre 1984 e 1991. Pero este fenómeno de producións Made In Spain tiña tres ilustradores case oficiais: José María Ponce (autor de moitas das portadas da revista MicroHobby), Luis Royo (autor das carátulas de xogos coma Game Over ou Hundra) e Alfonso Azpiri (que fixo o propio con títulos coma Army Moves, Lorna, Nonamed ou Viaje al Centro de la Tierra).
Agora temos a fortuna de que Planeta de Agostini vai editar o libro Spectrum, El Arte para videojuegos de Azpiri, que en 128 páxinas recolle todo un repaso polas portadas de videoxogos elaboradas por Alfonso Azpiri. ¿É preciso dicir que xa pedín que me gardaran un en Tanxencias? Só pola súas cubertas xa paga a pena:
cuberta do libro
Para quen non o colla, a imaxe imita o formato que tiñan a portadas das casetes nas que viñan os xogos, que en moitos casos contaban con fases distintas por cada cara (aínda que había que rematar a cara A para obter o código de acceso para a cara B).
A ver se tras este volume atrévense a lanzar unha recompilación semellante de Luis Royo, pois a recuperación de material de Ponce si que parece demasiado complicada (perdinlle totalmente a pista a tal ilustrador).

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero