Xoves, 26 de Xaneiro de 2012

Momento grúa en Matogrande

Cando falo por teléfono coa miña nai teño o costume de ir ata a galería do salón para mirar a rúa, e esta noite puiden ver unha desas situacións típicas en calquera cidade, pero que me indigna especialmente, pois no meu barrio leva tempo sendo un problema grave a xente que aparca onde lle sae dos collóns mentres van tomar unhas copas, sen importar se están sobre unha mediana, bloquean un garaxe ou impiden circular por unha rúa. Esto último foi o que pasou xusto na esquina na que vivo, e 2 coches moi considerados aparcaron máis adiante da zona estipulada, estreitando a vía de xeito que é case imposible circular sen axuda externa, e dando lugar a unha escena patética:

Porque é triste que houbese coches pitando durante media hora, chamasen á Policía Local, chegase a grúa e estivese intentando mover un dos vehículos mal estacionados durante outra media hora para que aparecesen os propietarios, case consternados polo que vían que estaba a acontecer. Pero non digo iso gratuitamente, pois hai que pór os sucesos no seu contexto:
Coches mal aparcados en Matogrande
E con contexto refírome que á altura da última farola que pode verse na fotografía está a entrada dun aparcadoiro público.
Aparecen os donos
Vaia, que me parece a hostia que quen se poida permitir un coche descapotable non poida pagar 2 euros no parking.
Para máis inri o aparcadoiro foi unha esixencia veciñal durante unha década, e agora que está construído, o público (agás os que van ao Eroski) non o usa, provocando problemas de viabilidade económica para concesionaria e non resolvendo o problema do tráfico na zona. :(

Aos 3 coches mal estacionados xunto aos multados non lles puxeron receita ningunha, pois aínda que estaban en curva, non molestaban a estas horas. Ou sexa, que quedou claro que non había afán recadatorio na intervención da Policía Local e do servizo da grúa, por se a alguén lle dá por pensar mal.

Domingo, 20 de Novembro de 2011

Os resultados electorais vistos dende Melide

Hoxe temos un comicio electoral máis, e vemos que a situación é moi diferente á de 2008, cunha caída da participación do 73,85% ao 70,59% a nivel español e do 72.08% ao 71,96% no caso de Melide, reflictindo o desinterese por unhas eleccións que en todo momento parecían cantadas (aínda que sorprendeume que a participación fose tan elevada en Melide).
En 2008 saímos co seguinte reparto de escanos no Congreso:

Partido Resultado en Melide Resultado en España Deputados
PP: 2.398 votos (47,85%) 10.278.101 votos (39,94%) 154
PSOE: 1.424 votos (28,42%) 11.289.335 votos (43,87%) 169
BNG: 1.101 votos (21,97%) 212.543 votos (0,83%) 2

Neste momento, en cambio, co 46,31% escrutado en España e o 17,50% en Melide, o resultado vai camiño de ser:

Partido Resultado en Melide Resultado en España Deputados
PP: 620 votos (73,02%) 4.821.566 votos (43,13%) 186
PSOE: 123 votos (14,48%) 3.254.728 votos (29,11%) 111
BNG: 75 votos (8,83%) 56.370 votos (0,50%) 2

Parece clara a maioría absoluta do Partido Popular, que pasaría liderar o Congreso dos Deputados, a Xunta de Galicia e o Concello de Melide, o que está a repetirse en moitos outros concellos, nunha situación que coido que nunca aconteceu de xeito tan xeralizado na historia da democracia española.

ACTUALIZACIÓN (21:43): En Melide aínda é moi cedo para sacar conclusións, pois a porcentaxe de votos que van a pasar ao PP parécenme esaxerada. De todos os xeitos sorpréndeme que cando a nivel estatal o escrutinio achégase ao 60%, en Melide continúe estancado no 17,50%.

ACTUALIZACIÓN (21:50): Co 67,02% escrutado o PP quedaría con 187 deputados, o PSOE con 109 e o BNG con 2, mentres que en Melide o escrutinio continúa atascado no 17,50%. ¿Haberá algún problema técnico no colexio electoral?

ACTUALIZACIÓN (22:00): A nivel estatal xa temos o 74,62% do escrutinio realizado, confirmándose que o PP vai rematar con 187 deputados, o PSOE con 109 e o BNG con 2, mentres que en Melide segue o escrutinio nun ridículo 17,50%. ¿Escangalláronse as PDA? ¿Fallou a conexión á Internet?

A esta hora, e como curiosidade, comentar que en Palas de Rei xa rematou o escrutinio, cunha importantísima caída do PSOE: o PP levou 1.697 votos (63,03%) fronte aos 1.530 (52,49%) de 2008, o PSOE levou só 791 votos (29,38%) fronte aos 1.165 (39,97%) de 2008 e mesmo o BNG pasou de 181 votos (6,21%) a 132 (4,90%). Supoño que este dato anecdótico aparecerá mañá en moitos medios, por estarmos ante o vila natal de Jose Blanco (PSOE).

ACTUALIZACIÓN (22:05): Por fin arreou o escrutinio en Melide, e co 37,60% dos votos temos que hai 1.070 veciños (66%) que confían no PP, mentres que 296 (18,26%) e 178 (10,98%) fan o propio co PSOE e o BNG. Nos 2 últimos partidos estamos ante unha perda de máis de 10 puntos porcentuais.

ACTUALIZACIÓN (22:20): Co 80,69% do voto melidense escrutado temos 2.237 apoios (63,46%) para o PP, 645 (18,29%) para o PSOE e 459 (13,02%) para o BNG. Acúrtanse as distancias fronte aos anteriores datos, pero continúa a ser un golpe moi forte para PSOE e BNG na vila (aínda que a nivel estatal o descalabro socialista é moito peor).

ACTUALIZACIÓN (23:05): Co 89,74% escrutado en Melide temos 2.589 votos (64,40%) para o PP, 728 (18,10%) para o PSOE e 511 (12,71%) para o BNG. Con estes datos resulta evidente a perda de confianza da vila nos partidos de esquerda.

ACTUALIZACIÓN (00:30): Os resultados finais para Melide quedan en 2.914 (65,64% dos votos para o PP, 743 (16,73%) para o PSOE e 570 (12,84%) para o BNG, o que non deixa de ser un tanto rechamante, pois non se ve que os votos dos descontentos co PSOE vaian parar ao BNG (o que dá bastante que pensar), senón que pasan ao PP ou a grupos sen posibilidade algunha de acadar escano (sorprende que en Melide recibisen votos as candidaturas anecdóticas).
A nivel autonómico (co 98,84% do escrutinio realizado) o PP pasa do 43,86% dos votos de 2008 ao 52,51%, o PSOE do 40,64% ao 27,72% e o BNG do 11,51% ao 11,11%, confirmándose unha vez máis que os descontentos do PSOE non rematan no BNG, do que pode entenderse que os electorados do PSOE e do BNG poden ter menos en común do que se entendía co bipartito.
Co 99,81% do escrutinio total realizado confírmase que o PP queda con 186 deputados, o PSOE con 110 e o BNG con 2. Cómpre destacar que como cuarta formación máis botada do Estado queda UPyD, con 1.138.169 votos e só 5 escanos (mentres que os 1.012.176 votos de CiU conseguen 16 escanos e os 333.592 de AMAIUR 7).

Luns, 10 de Outubro de 2011

Continúan os éxitos de Os Melidaos

Os Melidaos na Coruña
O pasado domingo Os Melidaos actuaron en A Coruña e a acollida foi todo un éxito segundo comunican dende a formación melidense:

O grupo de música tradicional Os Melidaos abriu o VII Ciclo de Coros Históricos da Coruña, xunto á Coral Ruada de Ourense, cunha gran actuación que foi moi aplaudida polo numeroso público que encheu o Teatro Rosalía de Castro. Entre as pezas interpretadas houbo varias cantadas que formarán parte do segundo disco que están gravando e que levará por nome Axudádeme a cantar.

Os membros dos Melidaos agradeceron a Cántigas da Terra que lles permitira tocar no teatro Rosalía de Castro a carón dos coros históricos deste país. En representación do grupo melidense, o gaiteiro e voz principal Antonio Raposo, afirmou no escenario coruñés “estar na actuación máis importante do grupo nos seus dez anos de existencia”. Antonio Raposo foi tamén o encargado de presentar cada unha das pezas e, ademais, fixo entrega ao presidente de Cántigas da Terra dun cadro co cruceiro de Melide (século XIV), o máis antigo de Galicia, debuxado por Castelao.

Miki e Noelia Varela e Suso Sánchez con Eva Balboa bailan ao son de Os MelidaosOs Melidaos estiveron acompañados nesta ocasión por dúas parellas de baile formadas por Miki e Noelia Varela, e Suso Sánchez con Eva Balboa. Todos eles están na actualidade facendo un enorme traballo en toda a comarca da Terra de Melide coa posta en marcha hai un anos da escola de música tradicional Herba Grileira.

Os membros dos Melidaos Marcelino Vázquez (gaita), Pepe Taboada (clarinete e gaita), Pepiño Blanco (bombo), José Luís Casal (tamboril), Antonio Raposo (gaita) e Xele Barrio (acordeón) comezaron a súa actuación na cidade herculina cun pasarrúas dende o Obelisco ata o mesmo Teatro Rosalía de Castro.

Os Melidaos interpretaron no escenario un total de oito pezas, algunhas delas do arquivo de Cántigas da Terra, tradicionais outras, e tamén composicións propias como o Pasodobre os Melidaos de Pepe Taboada ou a Muiñeira de Entrambasaugas proporcionada ao grupo por Marcelino Vázquez.

Os Melidaos actuarán mañá mesmo no San Froilán de Lugo e seguirán o sábado 15 de outubro, na homenaxe a Morgan en Santiago de Compostela. Este intenso mes rematará cunha actuación no programa Luar da TVG.

Vaia, que quen non puidese achegarse ao Rosalía a escoitar a Os Melidais, non terá desculpa cando se acheguen ao Luar da TVG. ¿Animarase Gayoso a bailar unhas pezas? ¿Seguirán o ritmo as Cantareiras de Ardebullo?

Domingo, 11 de Setembro de 2011

VI Triatlón de Riazor

Esta mañá acompañei ao meu irmán Xurxo á súa segunda triatlón, que é a sexta que se celebra en Riazor (A Coruña) e que resultou unha experiencia moi interesante aínda que a mañá comezase con auga (por sorte, deixou de chover antes do comezo das probas).
neopreno
Xurxo comezou con moito ánimo, e enfundado en neopreno para flotar mellor e non notar moito o frío da auga do mar.
Vese que o recoñeceron ao chegar, pois ao seu carón pareceume ver a unha muller poñendo un naríz de pallaso para ir a xogo co bromista do meu irmán. ;)

nadando
Xa na auga resultaba imposible distinguir aos competidores, que parecían un banco de atúns preto da costa

percebeiro
Unha testemuña da competición, que madrugara para currar nas rochas, ao ver o panorama de seguro que pensou algo do tipo de: «se traballaran, carallo»

vistas da competición
Iso si, ver a competición coa Torre de Hércules de fondo, cunha praia limpiña e dende as rochas tiña o seu aquel.

Xurxo saíndo da auga
Aínda que o mar estaba bastante revolto, e tragou algo de auga do mar, finalmente o meu irmán logrou saír airoso na proba.
logro desbloqueado

Xurxo en bici
Aínda que é a proba que leva peor, Xurxo non lle deu mal á bicicleta, ¡incluso posaba para a cámara cada vez que pasaba ao meu carón!

Xurxo esforzándose
Aínda que finalizando a proba xa tiña que esforzarse moito máis.

comezando a correr
Pero recuperou folgos cando deixou a bicicleta para correr.

pose gay
«¡Socorro, que me pilla Xurxo!»

Posto 58
E finalmente Xurxo chegou á meta nunha moi digna 58ª posición (había máis de 140 participantes! Nada mal para alguén que non adestraba para o triatlón, e que comezou nas últimas semanas a darlle a tal disciplina. ¡Parabéns, brother!

ACTUALIZACIÓN (12/9/2011): Finalmente publicaron os resultados das probas e Xurxo quedou no posto 53 de 95 (mellorou 5 postos porque a 58ª posición anterior incluía a 5 mozas que chegaron antes que el á meta) con 44 minutos e 42 segundos para superar 300 metros a nado, 12 quilómetros en bicicleta e 2 quilómetros e medio correndo.

Venres, 9 de Setembro de 2011

Un truco complicado (feito por cativos)

O típico truco (¿de maxia?) de tirar forte dun mantel sen tirar o que hai sobre o mesmo parece doado cando o vemos nun espectáculo, pero os cativos Michel e Sven demostran que é moi difícil nos seguintes vídeos (descubertos a través de Microsiervos:

E finalmente saíulles (cunha sorpresa final):

O vídeo pertence a unha campaña viral para dar a coñecer un espectáculo de variedades en Alemaña. Posiblemente non fose moi efectivo, pero serve de exemplo de que pode innovarse á hora de dar a coñecer algo aproveitando os novos medios.

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios