Non sei en qué planeta vivo, pero hoxe comentoume Antón que rematara Turkía e quedei flipado, pois non me decatara da fin de programa (supoño que porque continuaron a emitir redifusións do programa tras o seu peche). A xeito de despedida, velaquí vai o derradeiro programa:
Agardemos que Txury e Antón volvan pronto con outra das súas, sexa en televisión ou en radio. Grazas por estar aí.
A pasada noite o programa Actualizad@s da TVG emitiu unha entrega moi especial dedicada aos Faladores , na que tiveron a ben achegarnos á vida de Fernanda, a que os seareiros do programa de radio Zapping coñecen de sobra (e poderán así despellar a eterna dúbida de se era unha persoa real ou un personaxe) e que agora tamén podemos ver con certa frecuencia no programa de televisión Turkía de Localia Coruña.
Temos por fin así unha Fernanda ao alcance de toda Galicia:
Agora só falta que lle dean un programa de seu na TVG, aínda que se teñen dispoñible unha canle enteira para ela, de seguro que non ten problema para encher as súas 24 horas cos seus comentarios
Hoxe visitei a Sevi Martínez e Beatriz Manjón en A Solaina co gallo da proximidade da Noite de Reis, para falar do que serán algúns dos agasallos máis habituais, os videoxogos:
Pasámolo bastante ben, e aínda que quedaron moitas cousas no tinteiro, gustaríame facer algúns apuntamentos para quen pille algún agasallo de última hora:
- A Nintendo 3DS é un agasallo caralludo este ano, pois aínda son poucos os que teñen a consola e comeza a ter un catálogo de xogos moi sólido. O meu xogo favorito para a consola é o Super Mario 3D Land, pero o Mario Kart 7, o The Legend of Zelda: Ocarina of Time e Street Fighter IV 3D Edition tamén son uns xogazos (es estes 2 últimos poden atoparse a prezos de ganga tirando de importación).
- Os trebellos como o iPod Touch ou o Samsung Galaxy S WiFi 3.6 (coido que o teñen de oferta en El Corte Inglés) están moi ben para os rapaces que piden un smartphone coma tolos, pois achégalles xusto o que querían do dispositivo, sen asumir compromisos de permanencia coas operadoras, aínda que para moitos haberá unha alternativa que tamén resultará moi atractiva: Tú. Falo o Operador Móbil Virtual de Tuenti, que ten móbiles en prepagamento bastante interesantes por xuntar prestacións avanzadas cun prezo moi atractivo.
- Para os que queiran un tablet, e o iPad 2 parézalles moi caro, unha das poucas alternativas que recomendaría sería o ARCHOS 80 G9, por ser un tablet con Android 3.2 (os que veñen con Android 2.x non achegan unha boa experiencia de uso) e un prezo bastante axustado (249 euros). Tamén hai a opción de adquirir tablets de grande marcas a prezos moi atractivos, xa que nas últimas semanas están a saldar moitos ante as dificultades de competir co iPad (pois coincidían en rango de prezos), pero nese caso eu optaría por agardar unhas semanas, pois están a chegar os primeiros tablets con Android 4.0, o que podería tirar os prezos dos que veñen con Android 3.x.
Para quen desexe agasallar por videoxogos para as consolas de videoxogos domésticas e ordenadores, diríalle que os xogos de referencia deste ano poderían ser:
- Para PC: Battlefield 3 (o xogo de guerra en rede definitivo para moitos), Football Manager 2012 (o herdeiro do PC Fútbol) e Star Wars: The Old Republic (para frikis que gusten de xogar en rede).
- Para PlayStation 3: Call of Duty: Modern Warfare 3 (tópico pero efectivo), FIFA 12 (por fin os xogadores caeron da burra e pasaron do Pro Evolution Soccer) e Uncharted 3: La Traición de Drake (que aínda que é peor que Uncharted 2 segue a ser un xogazo).
- Para Xbox 360: o Modern Warfare 3 e o FIFA 12 tamén funcionan ben na consola de Microsoft; entre os amantes do motor arrasa o Forza Motorsport 4, para os que teñan Kinect é un flipe o Dance Central 2 e para os que gusten de pegar tiros en rede está de pinga o Gears of War 3.
- Para Wii: o xogo estrela é o The Legend of Zelda: Skyward Sword (posiblemente o mellor xogo da historia para a consola de Nintendo), o imprescindible para roleiros é o Xenoblade Chronicles (que tamén pode mercarse cun mando vermello, o que mellora o seu atractivo como agasallo) e para as festas está a arrasar o Just Dance 3 que recomendo simplemente polo feito de incluír como tema Let’s Go To The Mall de Robin Sparkles:
E, para quen teña dúbidas, engadir que o xogo Batman: Arkham City é unha pasada en PC, Xbox 360 e PlayStation 3. Imprescindible para quen gozase do Batman: Arkham Asylum e sen dúbida o mellor xogo baseado nun personaxe de cómic que se fixo nunca.
O grupo melidense de música tradicional Os Melidaos actuará o vindeiro venres, 28 de outubro, no programa Luar da TVG. Trátase da primeira segunda actuación do grupo nun programa televisivo e agardan que a xente goce da mesma.
Os seis músicos dos Melidaos (Marcelino Vázquez, Pepe Taboada, Pepiño Blanco, Luís Casal, Antonio Raposo e Xele Barrio) aseguran estar moi satisfeitos de poder actuar neste coñecido e veterano programa televisivo pois significa espallar a música feita dende Melide.
Os Melidaos interpretarán nesta ocasión especial unha peza cantada que tamén se poderá escoitar no novo disco, que agardan telo rematado para finais deste ano, que levará por título Axudádeme a cantar.