Martes, 3 de Xaneiro de 2012

Falando de videoxogos en A Solaina

Hoxe visitei a Sevi Martínez e Beatriz Manjón en A Solaina co gallo da proximidade da Noite de Reis, para falar do que serán algúns dos agasallos máis habituais, os videoxogos:

Pasámolo bastante ben, e aínda que quedaron moitas cousas no tinteiro, gustaríame facer algúns apuntamentos para quen pille algún agasallo de última hora:
- A Nintendo 3DS é un agasallo caralludo este ano, pois aínda son poucos os que teñen a consola e comeza a ter un catálogo de xogos moi sólido. O meu xogo favorito para a consola é o Super Mario 3D Land, pero o Mario Kart 7, o The Legend of Zelda: Ocarina of Time e Street Fighter IV 3D Edition tamén son uns xogazos (es estes 2 últimos poden atoparse a prezos de ganga tirando de importación).
- Os trebellos como o iPod Touch ou o Samsung Galaxy S WiFi 3.6 (coido que o teñen de oferta en El Corte Inglés) están moi ben para os rapaces que piden un smartphone coma tolos, pois achégalles xusto o que querían do dispositivo, sen asumir compromisos de permanencia coas operadoras, aínda que para moitos haberá unha alternativa que tamén resultará moi atractiva: Tú. Falo o Operador Móbil Virtual de Tuenti, que ten móbiles en prepagamento bastante interesantes por xuntar prestacións avanzadas cun prezo moi atractivo.
- Para os que queiran un tablet, e o iPad 2 parézalles moi caro, unha das poucas alternativas que recomendaría sería o ARCHOS 80 G9, por ser un tablet con Android 3.2 (os que veñen con Android 2.x non achegan unha boa experiencia de uso) e un prezo bastante axustado (249 euros). Tamén hai a opción de adquirir tablets de grande marcas a prezos moi atractivos, xa que nas últimas semanas están a saldar moitos ante as dificultades de competir co iPad (pois coincidían en rango de prezos), pero nese caso eu optaría por agardar unhas semanas, pois están a chegar os primeiros tablets con Android 4.0, o que podería tirar os prezos dos que veñen con Android 3.x.

Para quen desexe agasallar por videoxogos para as consolas de videoxogos domésticas e ordenadores, diríalle que os xogos de referencia deste ano poderían ser:
- Para PC: Battlefield 3 (o xogo de guerra en rede definitivo para moitos), Football Manager 2012 (o herdeiro do PC Fútbol) e Star Wars: The Old Republic (para frikis que gusten de xogar en rede).
- Para PlayStation 3: Call of Duty: Modern Warfare 3 (tópico pero efectivo), FIFA 12 (por fin os xogadores caeron da burra e pasaron do Pro Evolution Soccer) e Uncharted 3: La Traición de Drake (que aínda que é peor que Uncharted 2 segue a ser un xogazo).
- Para Xbox 360: o Modern Warfare 3 e o FIFA 12 tamén funcionan ben na consola de Microsoft; entre os amantes do motor arrasa o Forza Motorsport 4, para os que teñan Kinect é un flipe o Dance Central 2 e para os que gusten de pegar tiros en rede está de pinga o Gears of War 3.
- Para Wii: o xogo estrela é o The Legend of Zelda: Skyward Sword (posiblemente o mellor xogo da historia para a consola de Nintendo), o imprescindible para roleiros é o Xenoblade Chronicles (que tamén pode mercarse cun mando vermello, o que mellora o seu atractivo como agasallo) e para as festas está a arrasar o Just Dance 3 que recomendo simplemente polo feito de incluír como tema Let’s Go To The Mall de Robin Sparkles:

E, para quen teña dúbidas, engadir que o xogo Batman: Arkham City é unha pasada en PC, Xbox 360 e PlayStation 3. Imprescindible para quen gozase do Batman: Arkham Asylum e sen dúbida o mellor xogo baseado nun personaxe de cómic que se fixo nunca.

Xoves, 22 de Decembro de 2011

Os VIII Premios EGANET xuntaron a moitos amigos do sector tecnolóxico galego

Gañadores
Onte entregáronse en Compostela os VIII Premios EGANET, convocatoria á que concorreron 74 empresas, entidades e profesionais cun total de 192 candidaturas, o que serviu de escaparate do sector tecnolóxico galego, recoñecendo traballos como a campaña Mátalos de risa con Kill Paff, a aplicación BayDICOM Media de Bahía Software, o servizo de ofertas BuyDeal de Elo Technologies, o proxecto emprendedor Trileuco Solutions (responsable de LetsLearnTV), a empresa con sede viguesa Elogia e á iniciativa social da Fundación Foltra.
Asociados
Pero entre os recoñecementos da xornada gustei especialmente dos que foron a parar ás empresas socias de EGANET que levan cando menos unha década en activo (Abertal Networks, Ceo Aberto, Elogia, Igalia, Infonet, Infoweb Galicia, Iterdata Networks, MIP Configuraciones Informáticas e Teaxul). Iso fíxome lembrar aos primeiros tempos da Asociación, que tiven a fortuna de vivir de preto.
Autoridades
Tampouco faltaron as autoridades no evento, tanto da Xunta de Galicia como de distintas asociacións profesionais, o que demostra que o sector, pese ao que pode parecer nalgunhas ocasións, está cohesionado e cada vez máis interrelacionado.
Presentadores
Pero unha das mellores cousas da gala de entrega de premios foi poder compartir a experiencia con Susana Alvite (Hexis Comunicación), quen fixo un traballo excelente presentando a cerimonia. Tamén gustaríame agradecer á xunta directiva de EGANET por convidarme este ano a participar tanto da gala coma do xurado. Foi unha honra e un pracer, así como unha excelente oportunidade para atopar a moitos amigos xuntos, o que sempre está ben, e que promete repetirse o último venres de xaneiro co segundo aniversario da LaconNetwork. ¡Espérovos alí! ;)

ACTUALIZACIÓN (6-2-2012): O acto pode verse resumido en vídeo:

Sábado, 10 de Decembro de 2011

MobileCONGalicia xuntou aos desenvolvedores de aplicacións móbiles da nosa comunidade

Reyes Leis
Onte quedei impresionado polo poder de concatoria acadado polo MobileCONGalicia, encontro de desenvolvedores de aplicacións para dispositivos móbiles que congregou baixo o mesmo teito a uns 170 profesionais. Todos con ganas de emprender e compartir coñecemento, e que celebrouse no Edificio CERSIA de Santiago de Compostela, grazas en boa medida á colaboración da Concellaría de Turismo, Economía e Mercados da cidade, dirixida por Reyes Leis, a quen foi toda unha sorpresa para min ver alí (coincidira con ela durante a miña etapa en Correo TV).
Martín Pérez
A organización foi cousa de, entre outros, María Encinar e Martín Pérez, tendo que ser este último quen deu a cara para dicir que finalmente o evento carecía de conectividade Wi-Fi, o que foi todo un marronazo tanto para el como para o resto dos presentes, pois as redes 3G non eran capaces de aturar a tantos frikis con smartphones xuntos :(
Miguel Silva
Tampouco faltaron no evento figuras representativas do sector tecnolóxico como Miguel Silva de Blusens, quen logrou convencer a moitos dos presentes para adquirir o seu produto estrela, o web:tv, así como insistiu constantemente na necesidade de que os desenvolvementos que se fagan para móbiles teñan vocación de negocio (o que parece que moitos precisaban escoitar).
María Encinar e Alberto Ruibal
Pero houbo un trebello que eclipsou o web:tv, que non era outro que o flamante Galaxy Nexus que viña de gañar Alberto Ruibal (Mobialia) no Google DevFest Barcelona 2011. Era a envexa de todos os presentes, por poder catar ese terminal antes de que comezase a distribuírse comercialmente.
Marcial Mouzo e Alberto Ruibal
Tamén se achegou por alí Marcial Mouzo, para conectar en directo dende o evento coa Radio Galega. Quedou impresionando polo que se estaba a mover por alí, e incluso comentou que de saber que había tanta figura representativa do sector TIC galego terían reservado máis tempo de radio para falar do tema. É o que pasa coas primeiras edicións (os medios non eran conscientes de que o evento podía dar moito xogo).
José Manuel García Pérez
A xornada rematou cunha competición de aplicacións chamada AppCircus na que concorreron proxectos interesantes como o Escucha y Aprende Inglés, PictoDroid Lite e Chove?.
Sergio Abraham Martínez
Aínda que resultou rechamante que só un xogo se presentase a concurso. Foi o Absolute Defense de Sergio Martínez, quen de seguro achegará moitas sorpresas nos vindeiros meses.
Javier Pazos
Pero o que parecía cantado era o gañador da competición, ReallyLateBooking, aplicación para móbiles que permite facer reservas de hotel de última hora, que vai mellor cada día e que é todo un exemplo dun negocio real baseado en plataformas móbiles. Parabéns a Javier Pazos e compañía, e grazas por demostrar que dende Galicia é posible facer cousas así.

Mércores, 16 de Novembro de 2011

A barba de 3 días e os smartphones

Acabo de ver en Microsiervos un impresionante vídeo que dá a coñecer a grande ameaza que supón a barba de tres días para as pantallas dos smartphones:

Cando merquedes un novo móbil, mirade que teña unha pantalla con Gorilla Glass ou algunha outra tecnoloxía semellante ;)

Sábado, 12 de Novembro de 2011

Socialtrend.com, ou como facer que o de Pervi.es pareza un xogo de nenos

Esta semana o diario El País publicou un longo artigo na súa edición impresa para Galicia no que daban conta dunha empresa galega que ía presentar dende Vilagarcía unha nova rede social con vocación internacional, asumindo todas as vendidas de moto da empresa como certas, deixando en ridículo á autora da peza, Elisa Lois, que demostra unha vez máis que ese tipo de informacións non se poden deixar en mans de calquera, e deberían pasar por algún tipo de filtro.
O artigo é unha vergoña de arriba a abaixo, pois asume cifras ridículas que unha persoa con dedos de fronte rexeitaría, como podedes comprobar a continuación:

Una empresa de inversores gallegos crea una red social con 20.000 usuarios de partida

Impulsada con la estrategia comercial de una TIC Internacional (Empresa de Tecnología de la Información) creada en 2009 por inversores gallegos y a la que posteriormente se unieron italianos y suizos, Vilagarcía acogerá la presentación de una nueva red social que comenzará a operar a partir del viernes. Será la primera que se lanza desde Galicia con esas características, ya que cuenta con una cobertura inicial de 20.000 usuarios, clientes de la compañía dentro de sus seis divisiones online. El portal Socialtrend pretende conquistar en la Red 43 países donde el grupo comercial ya está implantado, aunque las mayores expectativas se sitúan en Europa y todo el continente americano.
Ver o resto do artigo ▼

O discurso ambicioso que vemos no artigo lembroume ao que aconteceu no seu día con Pervi.es e La Voz de Galicia (agravado polas televisións autonómicas, que deron credibilidade a tal información), especialmente cando os responsables da plataforma aseguraban que ían achegar prestacións que non teñen os servizos actuais (nesta ocasión falan da protección dos cativos), o que xa debería facer correr a calquera berrando ¡lume!
Presentador do evento de lanzamento de Socialtrend.com
Pero decidín darlles o beneficio da dúbida, e ver pacientemente a presentación de Socialtrend.com a través de streaming, o que agora tamén pode facerse en diferido, se sodes capaces de non cortarvos as veas no intento:

O vídeo xa non está dispoñible para a súa reprodución pública ▼

¡¿Pero que merda é iso?! Unha chea de vendedores de fume italianos, soltando andrómenas ante un auditorio de persoas sometidas previamente a un lavado de cerebro para adorar aos seus líderes como se estivesen nunha seita, aplaudindo sen xeito, bailando, asubiando… dun xeito que nin sequera vemos nos mitins políticos, dando a impresión de que estabamos ante un telepredicadores norteamericanos. ¿Podería saír algo bo de aí? Claramente non.

Pouco a pouco ía véndoselle o plumeiro a esa xente, e o que estaban a presentar era unha serie de produtos que todos levan trend no seu nome, e que ían dende o xogo en liña ata a economía, sempre prometendo beneficios económicos e cun discurso que só busca motivar. Chega con visitar a páxina web de Thetrend Social Corporation para ver de qué vai esta xente, e hai que estar moi desesperado para tragarse o seu discurso, especialmente cando non hai ninguén con credibilidade que os sustente.
Presentación de Socialtrend.com
Pero imos ao noso. A nova rede social. ¿Será unha nova tendencia? ¿Conseguirá captar 100.000 usuarios de cara a febreiro? Pois permitídeme dubidalo, pois para comezar, tan pronto como amosaron a súa interface no evento de Vilagarcía, aseguraron que levaba 10 minutos en liña (mentira, aínda tardou máis dunha hora en funcionar) e que a presentación a través de streaming estaba a ser seguida por 34.000 persoas en todo o mundo (trola moitísimo máis gorda, xa que só eramos 110 persoas seguindo o evento). Queda así totalmente soterrada a credibilidade desta xente, pero a cousa aínda é peor:
- Para comezar, a nova páxina web carece de información imprescindible para un espazo deste tipo, como a identificación da empresa que está detrás, as condicións do servizo e a súa política de privacidade, seccións que están en branco, polo que estariamos ante unha flagrante vulneración da LOPD e da LSSI-CE, como xa aconteceu tanto con Pervi.es coma co patético Parobook.
- Dos prometidos 20.000 usuarios actuais do servizo eu só atopo uns poucos, e practicamente ningunha actividade (só 3 ou 4 molestáronse en subir unha fotografía ao seu perfil). Ou sexa, que nin sequera as persoas que acudiron ao evento de presentación de Socialtrend.com (como oradores) participaron do servizo na súa fase de probas.
- E para acabar de coincidir con Pervi.es, non podía faltar o feito de que non existise un desenvolvemento de software orixinal detrás do proxecto, e temos que Socialtrend.com é unha instalación de iSocial, unha plataforma india de creación de redes sociais que pode mercarse por 297 dólares na súa versión básica.
Captura de Socialtrend.com
Se temos a ousadía de rexistranos en Socialtrend.com (eu fíxeno para probalo, pero non o recomendo), podemos atopar unha plataforma moi pobre, que nin de broma soportaría a 100.000 usuarios, e que dificilmente atopará usuarios máis aló dos descerebrados que piquen nos negocios piramidais multinivel de TheTrend.
One more thing
Para rematar de cagala, tiveron a pouca vergoña de pechar a presentación de Socialtrend.com cun One more thing como facía Steve Jobs nas súas keynotes. ¡Non o teñen crido nin nada!

Dáme bastante carraxe ver que esta panda de falabaratos puido organizar un evento destas dimensións, cuns medios moi superiores aos que estamos afeitos nos encontros tecnolóxicos en Galicia, e cunha retransmisión a través de streaming que destacou pola súa realización profesional (moi televisiva), aínda que os contidos non estaban á altura da técnica. Por fortuna, é de agardar que este tipo de iniciativas cheiren a timo dende lonxe, e espero que este proxecto non acade repercusión mediática nos vindeiros días para que esmoreza como unha trapallada propia das teletendas das 5 da madrugada.

ACTUALIZACIÓN (13-11-2011): Estou abraiado ante o feito de que, tras a polémica que se montou na Internet (especialmente en Twitter) sobre Socialtrend.com algúns medios de comunicación desen algún crédito a tal iniciativa.
É patético que na portada da edición de Arousa do Faro de Vigo publicasen o seguinte:

Una iniciativa con altura de miras
El portal Socialtrend se presentó como un “evento histórico para la humanidad”
Estado que presentó el Auditorio para la presentación de la versión de pruebas de la red Socialtrend. Abajo, Vincenzo Giorgioni interviniendo. //J.L.Oubiña
La empresa Thetrend Social, que patrocina el Cortegada de baloncesto femenino, eligió Vilagarcía para realizar el lanzamiento mundial de su proyecto global de comunicación, idea bautizada como Socialtrend.
El proyecto engloba diversas opciones dentro de un concepto general. Con siete divisiones online, los clientes de esta nueva idea tendrán la posibilidad de disponer de muchas posibilidades. Ramas como el ocio, el entretenimiento o el negocio están incluidas en una iniciativa que pretende conquistar 43 países donde el grupo comercial está ya implantado.

Amosar o resto do artigo ▼

Pero aínda peor foi a reportaxe que Elisa Lois dedicou á presentación en El País:

Internet también tiene guardería
Nace una red social que permitirá a los padres vigilar por dónde navegan sus hijos
Fernando César, creador y director de la red Socialtrend, en el auditorio de Vilagarcía.- CARLOS PUGA
Encima de un enorme escenario multimedia, Fernando César hace un alto en el complejo montaje de uno de los más asombrosos milagros de la comunicación que ofrece Internet. Dentro de siete horas, desde este auditorio de Vilagarcía, él y su equipo conectarán en directo con audiencia de 43 países para estrenar la nueva red social que comenzará a emitir en período de prueba hasta febrero, cuando se lance su versión oficial.

Ver o resto do artigo ▼

Coido que o caso do Faro de Vigo só indica o pouco criterio da cabeceira á hora de destacar unha información (continúo a soster que calquera con dous dedos de fronte que vise de qué ía a presentación de Socialtrend.com fuxiría a fume de carozo), pero o de El País paréceme moi grave, pois a publicación da reportaxe foi despois da polémica creada na Rede (e da que non poden argumentar descoñecemento, pois citónselles explícitamente). Dado que María Encinar descubriunos que a persoa que asina o texto é unha xornalista de verdade, só podo entender que a publicación de tal panfleto propagandistico só pode responder a unha cousa: é unha reportaxe pagada. Cadaquén que saque as súas propias conclusións.

A isto tamén podemos engadir certos comentarios que xurden na Rede (principalmente baseándose nun blog dun afectado, polo que tamén habería que coller a información con pinzas), que vinculan a unha das empresas detrás de Socialtrend.com cunha compañía acusada en Italia de vender sistemas de apostas por Internet como un produto financeiro (o que é ilegal, polo que teñen prohibida temporalmente a súa actividade en Italia). Tamén comentan certas tácticas pouco elegantes para captar público para o evento, así como prácticas laborais moi discutibles por parte de The Trend (que cobran pola formación dos seus potenciais futuros traballadores).Vaia, que a cousa non cheira ben, e os medios de comunicación que publican información comercial sobre certa xente non faría mal en documentarse un pouco antes, polo que puidera pasar no futuro.

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios