Esta tarde puidemos escoitar a Pepe Carreira entrevistando a Enrique Varela no programa Convivir en Igualdade da Radio Galega co gallo do lanzamento dun novo proxecto empresarial que Varela está a iniciar con David Bello Gacio e José María López Bourio, chamado TTT Social Center, e que consiste nunha compañía de servizos de telemarketing que emprega a persoas con diversidade funcional grazas ao uso das TIC. O vindeiro venres van presentar o proxecto en sociedade, polo que supoño que durante a fin de semana escoitaredes falar máis deste interesante proxecto.
Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.
Este anuncio da revista brasileira Veja quere dar a entender que as novas xeracións comezan a estar incómodos cos vellos soportes, que non ofrecen características ás que están afeitas, como agrandar as imaxes ou reproducir vídeos. E aínda que pareza esaxerado, un amigo comentoume hai uns meses que a un dos seus fillos cativos pasáballe exactamente o mesmo (intentaba agrandar as fotos en papel cos dedos).
Parece unha parvada, pero para moitos o papel está a quedar totalmente obsoleto, non só pola frecuencia de actualización, senón porque carece de interactividade e non está adaptado para o fluxo de información co que traballamos hoxe, no que as novas chegan a través de grandes medios para fluír logo a través das nosas redes sociais.
Esta mañá tivo lugar na sede da Compañía da Radio-Televisión de Galicia un acto de presentación da súa nova páxina web, que superou a súa fase de proba iniciada o pasado 16 de maio (en Código Cero falamos do tema no seu momento, reproducindo tamén unha entrevista radiofónica coa responsalbe do novo espazo, Esther Medina).
A condución do evento correu a cargo de Beatriz Manjón, que non evitou soltar algunha que outra cuña ao seu programa A Revista Fin de Semana.
Xa metidos en fariña deixou a Esther Medina, nai da criatura, para que comentase o que supón a renovación da web da Galega.
Medina comentou a vocación de servizo da nova web, repasou os seus novos apartados e destacou o seu formato multisoporte, ou sexa, que agora non queda limitada a reprodución de audio e vídeo a ordenadores con Windows, senón que tanto dispositivos con outros sistemas operativos e mesmo trebellos móbiles (iPhone, iPod Touch, iPad, móbiles con Android…) poden acceder aos contidos da nova web, o que no caso dos vídeos tamén redunda nunha mellora da calidade que é moi de agradecer (ver a TVG no iPad é unha gozada).
Fíxome certa graza que durante a presentación da nova web aparecesen imaxes do programa Land Róver, nas que figuraba en primeirísimo plano Falete, que ultimamente está bastante de moda por ser unha das figuras de referencia en Twitter (cando non hai nada que contar, moitos fan coñas a costa de Falete, Shakira ou Belén Esteban).
Para destacar a utilidade da páxina web da CRTVG recolleron unha serie de videoconferencias con declaracións de usuarios do espazo virtual dende fóra de Galicia, sorprendéndome que un deles (o da imaxe) asegurou que gustaba de ver a TVG pola Internet para saber da terra dos seus pais: ¡Melide!
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, tamén interviu no acto, destacando o peso que a sección de Deporte ten na web, o que contribuíu ao importante crecemento que tivo a CRTVG en relevancia na Rede. Actualmente é a 9ª páxina web galega segundo Alexa, o que mellora as declaracións de Izquierdo (quen comentou que pasaran nos últimos meses do posto 25 ao 15).
Fíxome especial graza ver que entre o público estaban caras moi coñecidas para os espectadores da TVG como Xosé Ramón Gayoso e Xosé Manuel Piñeiro, curiosamente xunto a outro Xosé (Mª Fdez. Pazos), polo que para completar a galería de estrelas da Galega só faltan Son Goku e Magnum
Pechou o acto Aid, a rapeira viguesa que poucos meses atrás actou en Melide, e ten temas como o divertido Boogie Vigo:
Coa frase de soy la 5ª digievolución de MC ata parece un rap de El Porta
Este martes no programa A Tarde da Radio Galega levei unha sorpresa da man de Cristina García e Rocío Pereira, pois puxéronme un corte de O galo da Galega (conducido por Xosé Manuel García) no que parodian Banda Ancha, o programa no que colaboro con Xosé María Fernández Pazos e Raquel Noya:
Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.
Xa sabes, a partires de agora podedes chamarme Quercus (como a revista ecolóxica) e tedes a obriga de subir á Rede todas as fotografías de michiños que poidades.