Domingo, 14 de Agosto de 2011

A Palladium tamén celebra o San Roque en Melide

Estes días botan a andar as festas do San Roque en Melide (e en moitas outras vilas galegas) e mentres a organización oficial trae á París de Noia, á Sintonía de Vigo e a Cornelius 1960, os da discoteca Palladium sorprenden cun cartel que podería colar como o das festas (especialmente no seu deseño), se non fose polo seu carácter gamberrete:
Cartel das actividades da Palladium durante as festas do San Roque en Melide
Aínda que está claro que Juan Magan é o típico convidado nunha discoteca, se mirarmos a King África e a Lucía Pérez poderiamos ver actuacións que encaixasen perfectamente nas festas dos San Roque doutros anos, polo que supoño que moitos estaranlle agradecidos á discoteca por animar as festas nuns tempos de crise nos que o Concello non pode realizar un investimento como o doutros anos.
Así este ano toca pasalo booooooombaaaaaaa, e ao rematar a troula dicir aquilo de que me quiten lo bailao.

Venres, 12 de Agosto de 2011

Luthea Salom e Cardigan Bridge en El Rincón de Vaibén

El Rincón de Vaibén
El Rincón de Vaibén é unha tenda coruñesa moi especial, sita na rúa do Orzán, que elixiron Rebeca Ponte (Cardigan Bridge) e Luthea Salom para un espectáculo conxunto baixo o título de Women’s Word, no que deleitaron aos presentes con varias cancións en acústico. A deseñadora que viste habitualmente a Cardigan Bridge xogaba así en casa, mentres que unha compañeira fixo o propio con Luthea Salom, nun local decorado para a ocasión dun xeito moi íntimo e persoal.
Luthea Salom
A neoiorquina Luthea Salom non só interpretou os varios dos seus temas, senón que tamén dedicou agarimosas palabras á súa anfitriona, Rebeca Ponte, quen a acolleu nos últimos días na súa casa, na que fixo unha grande amiga: ¡unha pita! Éche o que ten iso de vivir preto de Melide ;)
Luthea Salom
De feito, aos presentes, aparte dunha copa de cava, tamén nos deron a degustar ricos de Melide, o que fixo moita graza a boa parte dos asistentes, que eramos da vila.
Entre os temas cos que nos agasallou Luthea Salom está o seu simpático Tomorrow:

Rebeca Ponte coa guitarra en El Rincón de Vaibén
Rebeca tivo que facer un grande esforzo para cantar, posto que o mércores anterior tivera unha actuación estelar na praia do Orzán dentro do Noroeste Pop Rock, e tiña a voz algo tocada. Iso non lle impediu que sorprendera con varios temas inéditos (un dos mesmos, en español) que posiblemente figuren no seu segundo álbum.
Grazas á xente de Axitpop podemos ver parte da súa actuación do mércores na praia coruñesa:

Espero que os concertos que vai encadear os vindeiros días (pasará por Ferrol, Bueu, Pontevedra e Ribadeo) non prexudiquen a súa voz, e permitan aos seus asistentes gozar do interesante repertorio musical de Cardigan Bridge.

Martes, 9 de Agosto de 2011

Urkel volve dando a nota

A moitos non lles dirá nada o nome de Jaleel White, pero se digo que era o actor que facía de Steve Urkel en Cosas de Casa igual cambia a cousa e debuxan na súa faciana un sorriso. Pois iso fixen eu ao ver que é o protagonista do novo vídeo musical de Cee Lo Green (o do Fuck You):

O que non me sorprendería é que, tras este breve retorno (aínda que realmente nunca marchou e, entre outras cousas, é a voz do ourizo azul de SEGA na televisión), alguén chamase a White para algún que outro proxecto interesante (e con repercusión internacional).

Sábado, 6 de Agosto de 2011

Pablo Díaz e o seu Tic Tac en Melide

Tic TacVeño de ver na páxina web do Concello de Melide que ás 10 da noite a Praza do Convento vai acoller un concerto de Pablo Díaz, quen interpretará temas do seu disco Tic Tac, polo que recoméndolle a todo o que teña nenos na familia que os achegue por alí, pois aínda que é algo tarde, poderano pasar ben con eses temas tan divertidos.
Eu coñecín a Pablo un día en RadioVoz, e dende aquela pegóuseme a canción que pon nome ao seu libro-disco; a imaxinación das súas letras servirá para debuxar máis dun sorriso (a ver se me dades a razón ao escoitar a historia da xirafa e o crocodilo ou do vello que tiña animais na corte).
Un exemplo de cómo as gasta Pablo Díaz tédelo en YouTube, onde recollen unha actuación na FNAC de A Coruña:

Xoves, 21 de Xullo de 2011

Dis Is Di End bai De Vois of Galisia

Quedei un chisco impactado hoxe (¡ignorante de min!) ao ver a nova sobre as Festas de María Pita que publican en La Voz de Galicia:
The Ellas estarán nas Festas de María Pita
O nome da banda de Luis Tosar (que actuará o 17 de agosto na Praza de María Pita) está deturpado na edición impresa e na dixital, por partida dobre, aparecendo aparece como Di Ellas (no pé de foto) e Di Elas (no texto). El acabose. Dis Is Di End. :D
ACTUALIZACIÓN: Como pode verse nos comentarios, a banda de Luis Tosar, Piti Sanz, Iván Laxe, Suso Alonso e Ro Muñoz responde agora ao nome de Di Elas.

Curiosidade aparte, ao final non vexo que as festas deste ano sexan moito peores que en anos anteriores. Vaia, que coido que xa hai bastantes anos das grandes actuacións no Orzán de The Cure, Simply Red ou Joe Cocker, aínda que non me importaría que volvesen a repetir algún concerto de tal nivel na praia (de feito, tampouco vexo que estean a destacar os concertos de pagamento no Coliseum).

E para despedir o momento nostáxico-rosmón, supoño que estaría ben pór un par de vídeos de The Ellas aínda que só sexa para mandar unha forte aperta a Piti Sanz:

My Name Is Luca é o tema de referencia de The Ellas, pero non podo rematar sen pór parte da actuación da formación musical na Sala 600 de Melide:

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios