Martes, 23 de Febreiro de 2010

Televisión Española: ¡iso chámase censura!

John Cobra na gala de Eurovisión
A pasada noite, ao meterme na camiña, déuseme por mirar as actualizacións de Twitter no iPhone e vin que había comentarios múltiples sobre un tal John Cobra que montara todo un rebumbio na gala para elixir candidato para Eurovisión, cunha ligazón a YouTube para ver o momento, e non puiden evitar botar unhas risas, pero cal foi a miña sorpresa ao ver que pola mañá a xente andaba a preguntar por Twitter e outras redes sociais polo vídeo, pois borrárano de YouTube.
Resulta que Televisión Española realizou un barrido de vídeos sobre o especial eurovisivo e denunciounos ante YouTube (e outros servidores) por violación de copyright, polo que actualmente están inaccesibles. Durante a mañá, o único xeito de ver o corte de xeito aceptable era na páxina web de TVE, pero finalmente editaron o vídeo porque consideran que as imaxes do comportamento de John Cobra non son axeitadas para unha televisión pública. ¡¿Mande?! A ver se o entendo ben:
1- TVE emitiu algo do que se avergoña
2- Denuncia a todo o que que replica tal información na Rede
3- Elimina o vídeo polémico da súa web
Tanto aquí coma en Pequín iso chámase censura. Dá igual que o John Cobra fixese o parvo e moitos espectadores considérense ofendidos polas súas obscenidades, o que non pode facer Televisión Española é limitar o dereito de información dos cidadáns, especialmente dende unha canle pública.

Eu incluso iría máis alá, e criticaría o feito de que a meirande parte dos contidos de vídeo de TVE están protexidos para que non sexa doado descargalos, ou sexa, que os contidos dunha canle de televisión que pagamos entre todos están protexidos contra a copia por parte dos seus donos. Lamentable.
Os contidos de TVE deberían poder incurstarse en calquera páxina web e descargarse por se queremos velos cando non teñamos a man unha conexións á Rede, con excepción das series de ficción susceptibles da súa comercialización en DVD. Agardemos que cambien a súa política a este respecto. Mentres, déixovos cunha copia do vídeo que hai na Rede, e que parece ser das poucas que TVE non denunciou:

ACTUALIZACIÓN (24-2-2010): Hoxe os vídeos máis vistos en YouTube son bastante predecibles:
Vídeos máis vistos en YouTube
Curiosamente a estas horas case todos os vídeos foron eliminados, pero o pouco tempo que estiveron activos conseguiron que liderasen as reproducións en YouTube. Segundo TVE vai denunciando, outros usuarios resuben os clips. Patético comportamento do ente público.

Luns, 28 de Decembro de 2009

Melide recibirá o Aninovo cun concerto na Parroquial

Concerto de Melide Vida Musical
Tras o éxito do concerto de verán, a Asociación Cultural Melide Vida Musical organiza un Concerto de Ano Novo para o vindeiro 2 de xaneiro ás 20:00 horas na Igrexa Parroquial.
A Asociación supera xa os 100 socios en apoio de 30 compoñentes dunha agrupación musical formada por violíns, violoncellos, guitarra, baixo, batería, marimba, flauta e voz, e neste novo certame contará coa colaboración do dúo ourensán de acordeóns Sons da Eira, así como coa participación da soprano compostelá Concepción Rodríguez Fariña.
O concerto durará máis dunha hora e buscará ser variado, didáctico e divertido, combinando tanto temas clásicos coma contemporáneos, e supoño que repetirá o éxito de certames anteriores.

Mércores, 25 de Novembro de 2009

Os Teleñecos interpretan Bohemian Rhapsody ao seu xeito

A versión do Bohemian Rhapsody de Queen que fixeron os Teleñecos é unha obra de arte, que aínda que no momento de escribir estas liñas ten só 320 reproducións en YouTube, coido que en poucas horas vai conseguir milleiros de reproducións, pois paga a pena:

Non son moi obxectivo ao valorar esta peza, pois de cativo adoraba a Jim Henson e ás súas obras, e Queen é un dos meus grupos musicais favoritos, polo que esta mestura para min é salsa de carne, e supoño que para outros será unha mera versión. De todos os xeitos, admito que a mellor homenaxe a Bohemian Rhapsody e o comezo de Wayne’s World:

ACTUALIZACIÓN: O vídeo chegou ás 485.847 reproducións nunhas 10 horas. Ou gusta moito, ou a xente quere probar de primeira man cómo van os vídeos de YouTube a 1.080p (e si, vese de vicio en alta definición).

Luns, 12 de Outubro de 2009

¿A qué sabe o rock? ¡A M&M’s!

Anuncio dos m&m de KISSNon hai dúbida de que certos grupos musicais deixaron hai tempo de ser auténticas bandas a converterse en marcas comerciais, que venden a súa imaxe sen pudor e incluso os seus integrantes poden ser de quita e pon. Un claro exemplo son os KISS, formación que promete sobrevivir aos seus compoñentes orixinais, e que vén de sorprenderme non por estrear un xogo musical ou aparecer nunha película, senón porque Mars vén de lanzar nos EE.UU. uns caramelos M&M’s con debuxos das caras dos compoñentes da banda. ¡Super-friki!
Iso si, este produto só estará no mercado por tempo limitado, polo que os seareiros de KISS non poderán utilizar os M&M’s coma único alimento a longo prazo, e tampouco sería moi recomendable que gardasen varias bolsas como recordo (a saber o estado no que estará o chocolate dentro de 10 anos).
caramelos coas caras de KISSPaul Stanley, dos KISS, declarou que non puidemos resistir a oportunidade de ser a primeira banda en decorar os icónicos caramelos M&M’s e continuar a espallar o imperio KISS, ou sexa, que é de agardar que no futuro haxa outros grupos que sigan os seus pasos. ¿Qué pasará se outros grupos internacionais fan o mesmo? ¿Teremos M&M’s de Tokio Hotel, U2, Coldplay ou mesmo de Operación Triunfo? ¡A cousa mete medo!
Non creo que poidan sorprender moito a tal respecto, pois nos EE.UU. a xente de M&M’s xa permite personalizar os seus carameliños con caras:
m&m con caras
Por desgraza, non realizan envíos internacionais, porque hai que admitir que como agasallo ou para algunha celebración pode ter a súa coña a personalización dos M&M’s. Mentres haberá que conformarse coas tartas de cumpreanos co nome do homenaxeado, ou coas que teñen deseños artísticos con personaxes de debuxos animados.

Martes, 22 de Setembro de 2009

Emily Elbert mete medo versionando a Michael Jackson

Emily ElbertEn Synthtube fan unha recompilación de versións de temas de Michael Jackson feitas por rapaces de todo o mundo, de xeito que afeccionados á música e futuras estrelas renden homenaxe ao Rei do Pop interpretando as súas cancións dun xeito popular. Podemos escoitar así unha curiosa reinterpretación de Black or White, unha versión instrumental e outra acústica de Man In The Mirror e, finalmente, un tema dunha cantante que descoñecía, Emily Elbert, que leva Thriller ao acústico dun xeito maxistral:

Con esa voz non creo que teña moito problema en labrarse unha carreira musical, e de seguro que esta homenaxe a Michael Jackson vai facer que moitos a coñezan, de xeito que a súa aventura de autoedición discográfica poida prosperar ata caer nun selo que a promocione coma cantante.

Mércores, 16 de Setembro de 2009

Leave Michael Jackson alone!!

This Is It
Comezo a estar fartiño do que están a facer con Michael Jackson, pois están a vendelo dun xeito abusivo. ¿Non poderían agardar ao seu cabodano ou ao aniversario de Thriller para volver a pasar por caixa?
Agora andan a voltas coa película This Is It:

De todos os xeitos, estrear no cine unha película-documental sobre Michael Jackson paréceme case suicida. ¿De verdade agardan que a xente pague por ver iso? De botalo na televisión terían audiencia asegurada, pero pagar coma se fose un concerto… dubido que cole.
Supostamente o 28 de outubro tamén vai estrearse a película en España, pero apostaría a que chegar con pouquiñas copias, aínda que igual sorpréndenme e funciona, xa que comentan que Jackson está a ter un grande éxito entre o público infantil que comezou a coñecelo a partires do seu pasamento :o

Venres, 11 de Setembro de 2009

Windows 7: The Final Unicorn

Non sei cal será a intención co anuncio de Windows 7, pero eu ao ver unha presentación con imaxes de animaliños e unicornios ao máis puro estilo do pequeno pony con música de Europe de fondo só podo botar unhas risas:

¿Poderase elixir The Final Countdown coma sintonía de inicio en Windows 7?

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero