Martes, 31 de Xaneiro de 2012

Mercamelide terá lugar os días 11 e 12 de febreiro

O Concello de Melide presentou o pasado venres a nova edición de Mercamelide:

Nova imaxe e innovación na IX Edición do MERCAMELIDE 2012

O concelleiro de Promoción Económica, Santos López Novo, presentou o pasado venres en rolda de prensa a vindeira edición do Mercamelide que terá lugar na vila na segunda fin de semana do mes de Febreiro

Santos presentando Mercamelide 2012A IX edición do Mercamelide está chea de innovacións. Entre a novidade máis importante, a xornada do domingo día 12 a feira contará coa máquina de filloas de Lestedo, capaz de producir 1.500 filloas por hora, que serán repartidas gratuitamente entre as persoas que se acheguen ao Pazo de Congresos da vila este día. Ademáis, para os máis cativos e cativas da vila o Mercamelide ofertará hinchables gratuítos durante as dúas xornadas desta feira de oportunidades.

O edil responsable desta área de goberno, Santos López resaltaba en rolda de prensa a imaxe renovada que ofrecerá Mercamelide nesta novena edición. Non se trata soamente dun novo logotipo identificado coa imaxe do comercio de Melide, senón que tamén a cartelería irrumpe con forza fronte á monotonía de anos anterioes. Así mesmo, tamén estarán presentes novos stands, feitos por alumnos e alumnas do Ciclo de Madeira do IES de Melide; dous stands da man do Concello de Melide e outro para que os rapaces deste ciclo expoñan os seus traballos de madeira e moble.

Como adoita a ser habitual o Pazo de Congresos que acolle esta feira encherase de stands do comercio local que tentarán dar saída a produtos de calidade a prezos máis baixos do habitual para dar saída ao stock de inverno. Haberá un amplo surtido entre artigos de textil, calzado, fogar, ferraxería, deportes, lencería, menaxe, moble, perfumería, óptica, entre outros.

O horario para visitar a feira será ininterrumpido dende ás 11 da mañá e as 8 da tarde, dando así posibilidade aos veciños e veciñas de Melide e comarca de achegarse ao Mercamelide ao longo de todo o día. Ao igual que na pasada edicción, contarase cun contador de persoas que contabilizará o número de público que participe nos dous días da fin de semana na Feira.+

O cartel do evento é o que segue:
Cartel de Mercamelide 2012
Esperemos que esta edición teña unha boa acollida, aínda que non parece que 2012 vaia ser un ano que destaque polo elevado consumo :(

Domingo, 20 de Novembro de 2011

Os resultados electorais vistos dende Melide

Hoxe temos un comicio electoral máis, e vemos que a situación é moi diferente á de 2008, cunha caída da participación do 73,85% ao 70,59% a nivel español e do 72.08% ao 71,96% no caso de Melide, reflictindo o desinterese por unhas eleccións que en todo momento parecían cantadas (aínda que sorprendeume que a participación fose tan elevada en Melide).
En 2008 saímos co seguinte reparto de escanos no Congreso:

Partido Resultado en Melide Resultado en España Deputados
PP: 2.398 votos (47,85%) 10.278.101 votos (39,94%) 154
PSOE: 1.424 votos (28,42%) 11.289.335 votos (43,87%) 169
BNG: 1.101 votos (21,97%) 212.543 votos (0,83%) 2

Neste momento, en cambio, co 46,31% escrutado en España e o 17,50% en Melide, o resultado vai camiño de ser:

Partido Resultado en Melide Resultado en España Deputados
PP: 620 votos (73,02%) 4.821.566 votos (43,13%) 186
PSOE: 123 votos (14,48%) 3.254.728 votos (29,11%) 111
BNG: 75 votos (8,83%) 56.370 votos (0,50%) 2

Parece clara a maioría absoluta do Partido Popular, que pasaría liderar o Congreso dos Deputados, a Xunta de Galicia e o Concello de Melide, o que está a repetirse en moitos outros concellos, nunha situación que coido que nunca aconteceu de xeito tan xeralizado na historia da democracia española.

ACTUALIZACIÓN (21:43): En Melide aínda é moi cedo para sacar conclusións, pois a porcentaxe de votos que van a pasar ao PP parécenme esaxerada. De todos os xeitos sorpréndeme que cando a nivel estatal o escrutinio achégase ao 60%, en Melide continúe estancado no 17,50%.

ACTUALIZACIÓN (21:50): Co 67,02% escrutado o PP quedaría con 187 deputados, o PSOE con 109 e o BNG con 2, mentres que en Melide o escrutinio continúa atascado no 17,50%. ¿Haberá algún problema técnico no colexio electoral?

ACTUALIZACIÓN (22:00): A nivel estatal xa temos o 74,62% do escrutinio realizado, confirmándose que o PP vai rematar con 187 deputados, o PSOE con 109 e o BNG con 2, mentres que en Melide segue o escrutinio nun ridículo 17,50%. ¿Escangalláronse as PDA? ¿Fallou a conexión á Internet?

A esta hora, e como curiosidade, comentar que en Palas de Rei xa rematou o escrutinio, cunha importantísima caída do PSOE: o PP levou 1.697 votos (63,03%) fronte aos 1.530 (52,49%) de 2008, o PSOE levou só 791 votos (29,38%) fronte aos 1.165 (39,97%) de 2008 e mesmo o BNG pasou de 181 votos (6,21%) a 132 (4,90%). Supoño que este dato anecdótico aparecerá mañá en moitos medios, por estarmos ante o vila natal de Jose Blanco (PSOE).

ACTUALIZACIÓN (22:05): Por fin arreou o escrutinio en Melide, e co 37,60% dos votos temos que hai 1.070 veciños (66%) que confían no PP, mentres que 296 (18,26%) e 178 (10,98%) fan o propio co PSOE e o BNG. Nos 2 últimos partidos estamos ante unha perda de máis de 10 puntos porcentuais.

ACTUALIZACIÓN (22:20): Co 80,69% do voto melidense escrutado temos 2.237 apoios (63,46%) para o PP, 645 (18,29%) para o PSOE e 459 (13,02%) para o BNG. Acúrtanse as distancias fronte aos anteriores datos, pero continúa a ser un golpe moi forte para PSOE e BNG na vila (aínda que a nivel estatal o descalabro socialista é moito peor).

ACTUALIZACIÓN (23:05): Co 89,74% escrutado en Melide temos 2.589 votos (64,40%) para o PP, 728 (18,10%) para o PSOE e 511 (12,71%) para o BNG. Con estes datos resulta evidente a perda de confianza da vila nos partidos de esquerda.

ACTUALIZACIÓN (00:30): Os resultados finais para Melide quedan en 2.914 (65,64% dos votos para o PP, 743 (16,73%) para o PSOE e 570 (12,84%) para o BNG, o que non deixa de ser un tanto rechamante, pois non se ve que os votos dos descontentos co PSOE vaian parar ao BNG (o que dá bastante que pensar), senón que pasan ao PP ou a grupos sen posibilidade algunha de acadar escano (sorprende que en Melide recibisen votos as candidaturas anecdóticas).
A nivel autonómico (co 98,84% do escrutinio realizado) o PP pasa do 43,86% dos votos de 2008 ao 52,51%, o PSOE do 40,64% ao 27,72% e o BNG do 11,51% ao 11,11%, confirmándose unha vez máis que os descontentos do PSOE non rematan no BNG, do que pode entenderse que os electorados do PSOE e do BNG poden ter menos en común do que se entendía co bipartito.
Co 99,81% do escrutinio total realizado confírmase que o PP queda con 186 deputados, o PSOE con 110 e o BNG con 2. Cómpre destacar que como cuarta formación máis botada do Estado queda UPyD, con 1.138.169 votos e só 5 escanos (mentres que os 1.012.176 votos de CiU conseguen 16 escanos e os 333.592 de AMAIUR 7).

Luns, 31 de Outubro de 2011

Xurxo participou na Carreira Pedestre

Xurxo Otero na PedestreOnte o meu irmán Xurxo madrugou para participar na XXIII Carreira Pedrestre Popular de Santiago de Compostela, evento multitudinario que ao estar organizado polo Grupo El Correo Gallego padeceu unha especie de eclipse informativo, de xeito que os medios de comunicación galegos (agás os que están detrás da competición) non falaron nin dos milleiros de participantes nin das repercusións que tiña a celebración da carreira no tráfico urbano compostelán :(

Eu non acabo de entender por qué os participantes elixiron un percorrido de 12 quilómetros para chegar da Avda. de Xoán XXIII á Praza do Obradoiro, pois están a 600 metros :o ¿Non é un rodeo un tanto parvo?

Pero volvendo á competición, admito que foi toda unha sorpresa ver o ben que rematou Xurxo, cun digno posto 837 e un tempo de 53 minutos, mentres que o meu curmán Anxo tivo que conformarse cun posto 1.678 e un tempo de 59 minutos (impresiona a diferenza de posto en só 6 minutos).
A chegada á meta de Xurxo pode verse grazas á Correndovoy.com:

Melide tamén deixou o listón bastante alto:

Posto Dorsal Nome Club Poboación Ritmo/Km
364
00:48:27
2024    Claudio Sánchez    Melide  00:04:03 
580
00:50:41
986    Javier Blanco Rio    Melide  00:04:14 
581
00:50:41
1918    Iván Lugrís Beteta    Melide  00:04:14 
837
00:53:00
157    Xurxo Otero  Atletismo Porriño  Melide  00:04:25 
1015
00:54:19
4001    Xose Manuel Pampin Fuciños    Melide  00:04:32 

Mércores, 26 de Outubro de 2011

Os Melidaos estarán o venres no Luar

As Cantareiras de Ardebullo, Laura Casares e Gayoso no Luar
O grupo melidense de música tradicional Os Melidaos actuará o vindeiro venres, 28 de outubro, no programa Luar da TVG. Trátase da primeira segunda actuación do grupo nun programa televisivo e agardan que a xente goce da mesma.
Os seis músicos dos Melidaos (Marcelino Vázquez, Pepe Taboada, Pepiño Blanco, Luís Casal, Antonio Raposo e Xele Barrio) aseguran estar moi satisfeitos de poder actuar neste coñecido e veterano programa televisivo pois significa espallar a música feita dende Melide.
Os Melidaos interpretarán nesta ocasión especial unha peza cantada que tamén se poderá escoitar no novo disco, que agardan telo rematado para finais deste ano, que levará por título Axudádeme a cantar.

Mércores, 19 de Outubro de 2011

Melide estrea Movida 2.0 grazas ao streaming

Movida 2.0
O pasado sábado ás 2 da madrugada a zona dos pubs de Melide acolleu a presentación do proxecto Movida 2.0, que pretende dinamizar a noite melidense apostando polas TIC, o que concretouse nun servizo que vai permitir escoitar a través da Internet a música da discoteca Palladium e de distintos pubs da vila grazas á empresa local Intermax.

streaming no móbil
Deste xeito, tanto dende o ordenador como de móbiles tipo iPhone ou con Android podemos acceder a páxinas web dende as que escoitar mediante streaming cunha calidade bastante boa a música dos locais melidenses adheridos a esta iniciativa pioneira.
Inicialmente podemos escoitar a música da Palladium en palladium.listen2myradio.com, e a do Q+? en quemais.listen2myradio.com.
O evento captou a atención da Radio Galega, emisora do país que conectou en directo con Javier Mouriño, de Intermax Technology, e Santos López, concelleiro de Turismo de Melide:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Nova web da Palladium
Aproveitouse a ocasión para dar a coñecer que a discoteca Palladium ten unha nova páxina web, que está pendente dunha importante actualización que debería de chegar en breve.
En definitiva, que Melide modernízase, e mesmo a movida nocturna aperta as TIC para captar a atención da mocidade de toda Galicia.

espontáneos
Non podo rematar esta entrada sen agradecer a certos espontáneos que se sumaron pola súa propia conta ao photo call da Movida 2.0 con moito humor, o que se agradecía a esas horas, pois rachaban a rutina da presentación. :D

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios