Xoves, 1 de Marzo de 2012

Os tres porquiños, hoxe

Para anunciar o xornal The Guardian decidiron publicar unha peza audiovisual na que amosan cómo sería o conto dos tres porquiños se acontecese hoxe en día e o narrasen os medios impresos e en liña:

O vídeo é magnífico, e o xeito de contar a historia impresiona a calquera. ¡Para que logo comentemos o que deu para falar o caso de Urdangarín! ;)

Luns, 20 de Febreiro de 2012

Cabocexando…

Ánxel Folgueira no B-web
Esta fin de semana lin unha entrevista á xente de Cabozo coa que sentín certo malestar, por considerar que o ton non era o atinado, sensación que foi a peor ao ver o mal que reciben as críticas os seus responsables (especialmente cando dende Código Cero dámoslle unha cobertura moi superior á súa dimensión real por mor da súa peculiaridade).
Para que se comprenda o meu parecer, quixera destacar algúns comentarios publicados en Galicia Confidencial:

Daquelas 30 persoas que usaban Cabozo en 2008 pasouse a unha comunidade darredor de 7.000 persoas, entre usuarios rexistrados na nosa propia plataforma e aqueles que nos seguen noutras redes nas que tamén temos presenza

Coido que non viría mal repasar as clases de teoría de conxuntos para ver que as contas non teñen moito sentido. O normal é que os seareiros de Cabozo en Twitter e Facebook sexan usuarios de Cabozo. Non ten sentido inflar as cifras (incluso engadindo unha vela de máis á súa torta de aniversario, xa que realmente cumpren 3 anos en marzo) cando en todo momento se di que o volume non importa.

unha rede social que pouco ten que envexar ás redes sociais internacionais en canto a utilidades postas a disposición dos seus usuarios

Aquí é onde comezan os comentarios que considero que son pouco humildes. Tecnicamente Cabozo está moi lonxe de calquera outra plataforma social internacional, e mesmo dalgunha plataforma galega como Chuza (tras a explosión do Blogomillo era unha auténtica plataforma social galega, que foi esmorecendo por múltiples motivos para renacer como unha sombra do que foi).

Non deixa de ser salientable que algunhas destas funcionalidades, que posteriormente tiveron unha grande repercusión ao ser incorporadas polas grandes redes sociais, fosen postas moito antes a disposición dos usuarios de Cabozo

Coido que están a falar do integración dun servizo de multiconferencia en Cabozo, o que logo resultou rechamante cando fixeron algo semellante plataformas como Google+, pero as comparacións son odiosas: Cabozo só fixo uso dun servizo externo (usar Ustream.tv para facer videoconferencia é bastante trapalleiro), e o resto de plataformas están a facer desenvolvemento moi grandes que poden chegar a mudar o xeito de comunicarnos.
Por exemplo, que con Google+ poida facerse multiconferencia de vídeo con 10 persoas é brutal, pois ten un compoñente tecnolóxico moi forte detrás (que incluso conta cunha API pública), que facilita a comunicación en grupo entre usuarios de ordenadores, móbiles e tablets.

Dende Cabozo coméntanme por Twitter “Para un intre a coñecer Cabozo de verdade e logo compara funcionalidades, por exemplo, coas de Twitter. E falamos” e volvo a reiterar que a falta de humildade. Twitter é unha plataforma que, aínda que pareza que só permite intercambiar texto de 140 caracteres, ten por debaixo moito máis. As funcionalidades de Twitter son cada vez maiores, aínda que presente certa simplicidade para manter a súa esencia. Pero o feito de que conte con potentes versións móbiles ou que incluso que veña integrado en iOS 5 e que vaia integrarse en OS X 10.8 son claros exemplos de que querer establecer comparacións non é moi atinado.

Sinceramente, non coñezemos a ninguén na rede galega ao que o termo “gurú” non lle quede demasiado grande. Se existisen eses “gurús” do galeguismo 2.0, estarían a participar activamente, ademais de nos Twitter, Facebook e compañía, en Cabozo  pois non hai rede en internet máis galega ca esta.

Ánxel Folgueira facendo publicidade de CabozoTodo depende do que lle chamemos gurú ou galeguismo 2.0, pois ambos son conceptos moi subxectivos, pero dicir que non hai ninguén na Internet galega poida poidamos considerar como “autoridade intelectual” é algo que moitos poderían tomar como insulto. Non podemos esquecer que da nosa comunidade son moitos dos referentes na Internet española (como Javier Pedreira, Enrique Dans, Pedro Jorge Romero, Dani Seijo, Felipe Rivero, Juan Gómez-Jurado…) e aínda que o número de expertos que opten por comunicar en galego sexa menor, desprezalos non é un bo xeito de facer amigos.
Pero dar por sentado que un experto do sector ten que participar activamente nun espazo de nicho paréceme moi esaxerado, especialmente o asegurar que Cabozo é a rede máis galega que hai na Internet. ¡Baixa Modesto, que sube Cabozo! Reitero que incluso Chuza ten un funcionamento como rede social moito máis importante que Cabozo, e a visibilidade de Cabozo é tan reducida que non ten moito sentido esforzarse en ter unha presenza alí. Os tempos do minifundismo dixital xa pasaron (moitos nin lembran a U-lo?, Xanela, Enxebre, Lareta.net…), e a xente entende que é máis produtivo buscar unha identidade en comunidades globais que illarse. Ao igual que os clons locais de Twitter non se sosteñen co paso do tempo, tamén desaparecen as opcións de crear un YouTube local, a viabilidade a longo prazo de proxectos como Tuenti tamén póñense en cuestión… polo que pedir presenza en Cabozo, e sobre entender que son un referente paréceme excesivo.

Non vou negar que nos chama a atención que medios que nacen coa filosofía de Praza.com, por exemplo, de entrada sigan os mesmos pasos dos medios tradicionais apostando só polas grandes redes sociais.

Non parece o mellor xeito de pedir apoios. Con boas maneiras a xente de Praza podería facer algo conxunto con Cabozo, o que suporía un esforzo pola súa banda, pero criticando nunha entrevista…
Tampouco hai que esquecer que Praza Pública integrou un sistema de comentarios (Disqus) que permite a identificación con Google, Twitter, Facebook e outros sistemas, ou sexa, que non parece doado facer algo semellante con Cabozo, pois as plataformas citadas poñen moitas facilidades para a interoperar con outros servizos.

Poderiamos falar longo e tendido sobre a nosa impresión ao respecto, sobre por que se ven sempre as mesmas caras en case todos os eventos; sobre como determinadas persoas poden chegar a ser considerados referentes do social media galego a pesar da súa nula ou controvertida traxectoria; sobre que coñecementos reais teñen en social media os xestores destes eventos galegos e que criterios seguen para elixir os relatores dos mesmos; sobre por que non se conta con xente con verdadeira experiencia na xestión de webs sociais en Galicia que seguro que poden contar cousas máis interesantes para os negocios galegos que algún “figura” que vén a contar películas que nada teñen que ver coa realidade galega, etc.

Outra vez faltando á xente (e sen concretar). Se hai moitas caras repetidas é en boa medida porque en Galicia somos poucos. É como criticar que no cine español sempre saen os mesmos actores. Que algúns eventos teñan programas de pouco nivel é en moitas ocasións un problema de recursos, pois non son poucos os casos nos que non se paga un can aos oradores (nin sequera o desprazamento), pero incluso así hai presenza de auténticos profesionais con experiencia no sector. Supoño que estamos ante un comentario sobre a mala acollida que tivo Cabozo entre os asistentes ao B-web, que non entendían que a plataforma social de Antonio Mariño e Ánxel Folgueira puidese servir de modelo de negocio (supoño que foi simplemente un problema de contexto).
En definitiva, que non entendo ese xeito e inchar o peito por parte da xente de Cabozo, que hai preto de 3 meses anunciara que suspendía o desenvolvemento do seu proxecto (¿quen no seu xuízo aposta por un proxecto conxelado aínda que operativo?), especialmente cando, pese a mudar de aparencia, ten moito que mellorar en usabilidade (afastarse da norma neste ámbito normalmente é unha mala idea).
Espero que o proxecto manteña o seu pulo no tempo, especialmente polos seus usuarios, pero continúo a recomendar aos seus voceiros que teñan máis sentidiño á hora de botarse flores e de falar mal do que se fai en Galicia, pois non son os únicos que están a tirar para adiante con poucos apoios, e sempre fai máis unha cenoria que un pau.

Sábado, 18 de Febreiro de 2012

Soqui deixa a dirección do BNG de Melide

Esta mañá esperteime cunha nova bastante relevante para o Concello de Melide, como é o cesamento de Socorro Cea como cabeza visible do BNG local, tras varios anos de intensa actividade nos que ostentou cargos como o de deputada provincial e alcaldesa:

La exalcaldesa de Melide deja la dirección del BNG

Socorro Cea alude a razones personales en su salida del consello local del partido, que renueva 4 de sus 5 miembros
Socorro CeaLa exregidora de Melide y portavoz municipal del BNG, Socorro Cea, no forma parte del nuevo consello local del partido, del que era miembro desde que en el 2003 encabezó por primera vez la candidatura nacionalista a la alcaldía. La salida de Cea del órgano de dirección del BNG melidense obedece, tal y como ella misma afirma, «a motivos exclusivamente persoais e familiares». Cea explica que «deixo temporalmente algunas responsabilidades» debido principalmente a que está esperando su segundo hijo.
Quien sí repite como responsable local del BNG es Xosé Iglesias, en quien la asamblea de militantes melidenses ha vuelto a depositar su confianza. Iglesias, licenciado en Humanidades y diplomado en Educación Primaria, ocupa ese cargo desde hace dos años y medio, y lo compatibiliza desde este mandato con el de edil en las filas de la oposición del Concello melidense. La renovación en el consello local del partido obedece a que «logo de celebrarse a asamblea nacional toca renovar os organismos de dirección e porque houbo una renovación no grupo municipal», explica.
En efecto, junto a Socorro Cea también han salido del órgano de dirección del BNG melidense María José Rodríguez Gómez y Anabel Ramos Rúa -edilas en el gobierno local el pasado mandato-, amén de José Blanco. El único que permanece de la anterior ejecutiva local es Manuel Souto Vázquez, al que acompañan en una renovada dirección Xosé María Santín Amo -concejal en las filas de la oposición municipal-, Xulio Fernández Carnedo y Saínza y Gutier González Lirio.
Los cambios en el BNG de Melide han sido aprobados por unanimidad de la asamblea local de militantes, que non han causado ninguna baja vinculada con la escisión de Encontro Irmandiño de la formación frentista.

Pero para min o máis rechamante de todo isto é que esta é a primeira nova sobre Melide que publica La Voz de Galicia na sección de comarcas de Santiago de Compostela súa páxina web dende hai un mes e unha semana, deixando claro que a reforma do seu espazo na web é unha trapallada que queda moi lonxe do discurso de aposta pola información inmediata e o xornalismo local para ser xusto o contrario.
Aínda resulta máis desquiciante comprobar que o buscador da web de La Voz si amosa os titulares das novas sobre Melide que publica na edición en papel… ¡amosando un erro 404 (páxina non atopada) se intentamos consultar algunha delas! Confírmase así a sospeita de que o redeseño da web é simplemente un recorte brutal de contidos para retrasar o máximo posible a fuxida de lectores do papel, o que parece un erro monumental (se hoxe xurdise un xornal en liña local da comarca, captaría toda a audiencia de vez, e a necesidade de acceder ao xornal en papel desaparecería para todos os veciños con acceso á Rede).
La Voz de Galicia na Internet deixa de ser un medio de referencia para os melidenses, o que supoño que está a acontecer na meirande parte do rural galego. Eles saberán o que fan, pero a min esa política paréceme aínda peor que o pagamento por contidos, pois o criterio de publicación das informacións parece totalmente aleatorio/arbitrario (¿que ten a nova de Soqui que non tivesen as novas do último mes para que merecese a súa publicación na web?).

Luns, 30 de Xaneiro de 2012

Entrevístanme en El Correo Gallego

Entrevista en El Correo Gallego
Nos últimos días non podo máis que agradecer o apoio que están a amosar moitos medios de comunicación ao noso traballo na revista Código Cero. Así, a semana pasada, dende Culturagalega.org tiveron a ben contactar comigo para dar a miña opinión sobre o estado das aplicacións móbiles en Galicia nun interesantísimo artigo no que fan un bo retrato do fenómeno, o que practicamente coincidiu no tempo cunha entrevista publicada en El Correo Gallego co gallo do 10º aniversario da edición impresa de Código Cero.
A entrevista publicada onte na edición impresa de El Correo Gallego foi unha grata sorpresa, especialmente polo feito de vir reseñada na portada do xornal compostelán.
Quen tivo a ben facerme a entrevista non foi outro que Xabier Sanmartín Cuevas (quen entrevistara ao profesor José Luis Orihuela hai poucos meses), e unha blogueira do mesmo xornal, Arantxa Serantes, tamén aproveitou o seu texto para rendernos unha homenaxe. Moitas grazas a ambos.
Como a edición en papel do diario xa non está dispoñible nos quioscos, e na web non pode lerse o texto íntegro, publico aquí unha transcrición:

“Antes, cando saíu o primeiro iPhone, a xente preguntábame o que tiña na man”

MARCUS FERNÁNDEZ Webmaster e subdirector da revista Código Cero

Marcus Fernández é dos profesionais galegos máis curtido nas novas tecnoloxías, augas que hoxe o bañan todo pero que no 2001, cando non había YouTube, nin Facebook, nin Twitter, el xa navegaba. Coñecémonos ao traballar na etapa inicial do Correo TV, e dende a súa labor como subdirector de Código Cero, hoxe repasa para EL CORREO GALLEGO a evolución de dita revista ao cumprir os seus 10 anos. Retrata ademais o desenvolvemento tecnolóxico logrado en Galicia.

En que foi cambiando o interese dos lectores?

Houbo un desprazamento… O PC deixou de ser o centro da atención para dirixirse todas as miradas á Internet e, xa nos últimos anos, á mobilidade. Cada vez a tecnoloxía está a verse máis como unha ferramenta, iso facilita un público máis variado, aínda que o principal valor que temos é o feito de que o sector TIC (Tecnoloxía da Información e a Comunicación) galego medrase e collese forza, xa que ao sermos o único medio especializado no mesmo, fai que os seus axentes estean pendentes do que publicamos. Non é así moi importante o noso número de lectores, senón o feito de que é rico en estudantes e profesionais galegos que contan con nós para informarse e para dar a coñecer as súas actividades.

Como variou o traballo á hora de xestionar información?

Aínda que dende o comezo centramos o noso fluxo de traballo na Internet, o volume de novas coas que traballamos é cada vez maior, o que tamén supón un importante atranco. Agora non temos que esforzarnos para atopar información do sector tecnolóxico en Galicia, senón todo o contrario. Pasamos de escribir sobre tecnoloxía no mundo, reservando un pequeno espazo a iniciativas galegas, a facer xusto o contrario…

Qué liñas deben destacarse en Galicia en relación ao logro das TIC durante eses 10 anos?

As iniciativas para loitar contra a fenda dixital no rural foron do máis destacable… o que se traduciu tanto na mellora de infraestruturas para levar a Internet máis aló dos grandes núcleos de poboación como á evanxelización a través da formación e da creación de servizos que hoxe vemos tan naturais como a cita médica a través da web.

Que fenómeno destacaría do chorro de novidades?

O fenómeno das plataformas de redes sociais coma Facebook ou Twitter pilloume por sorpresa. Parecíame complicado que os usuarios da rúa adoptasen con tanta intensidade e en tan pouco tempo unhas ferramentas que noutros tempos quedaban relegadas aos amantes da tecnoloxía. Tamén a popularización dos smartphones foi abraiante. Lembro que cando eu facía uso do meu iPhone (o primeiro modelo, que non chegou a comercializarse en España) a xente preguntábame o que tiña na man, e tras a chegada do iPhone 4 resulta case imposible non atopar a alguén utilizando un dos móbiles de Apple en calquera cafetería concorrida.

Que debe mellorar na saúde deste sector en Galicia?

O acceso á Rede no rural (mesmo nos suburbios das cidades), a creación de servizos que os cidadáns desconectados consideren de interese, a proliferación de contidos en liña por e para os galegos (estamos a vivir unha crise moi importante a este respecto) e o fornecemento das empresas do sector a nivel económico, pois aínda que hai moitos proxectos interesantes, a captación de financiamento segue a ser un atranco difícil de superar lonxe dos centros de decisión internacionais.

Como é hoxe esa Galicia 2.0?

Temo que a situación non está a altura do agardado. Hai uns anos tiñamos unhas expectativas moi boas, co xurdimento do chamado Blogomillo e numerosos proxectos de comunicación na Internet en galego, pero moitos esmoreceron, e agora temos unha importante carencia de contidos na nosa lingua. É algo que temos que solucionar entre todos. Cómpre subliñar que non é preciso crear plataformas galegas para a difusión de contidos, pois podemos galeguizar o uso das actuais, coma se fixo coa tradución da interface de uso de Facebook. Non precisamos dun YouTube en galego, senón que o que debemos facer é encher YouTube de vídeos en galego, e gañar a pulso un espazo na web, o que esperemos que sexa aínda máis visible en 2013, cando é posible que teñamos dominio para a lingua e a cultura galegas (o .gal).

Caducarán as redes sociais?

Non estamos ante unha moda, senón ante un cambio de paradigma. Ata o momento os medios de comunicación difundían contidos e os usuarios consumíanos, pero agora calquera é emisor e receptor de información, o que non vai mudar. Iso tampouco supón a desaparición das canles de lecer consideradas como pasivas. Pode que esteamos a sobrevalorar a audiencia dalgunhas canles (o consumo televiso é moi superior ao de, por exemplo, YouTube) e teremos que deixar pasar varios anos para colocar as cousas en perspectiva, aínda que do que non teño dúbida é de que o futuro é unha cidadanía conectada, especialmente grazas ás plataformas móbiles.

Para rematar tamén quero agredecer os comentarios que fixeron moitos amigos a través de Twitter, Facebook e móbil para dar conta de que viran a entrevista. Pilláronme nun momento persoal no que os folgos foron especialmente benvidos.

Sábado, 28 de Xaneiro de 2012

Trebellos a tutiplén na LaconNetwork

Moita xente na LaconNetwork
Onte tiven a fortuna de poder asistir ao segundo aniversario da LaconNetwork en Arteixo, no que foi unha das mellores edicións do encontro, aínda que igual cun formato que está un tanto afastado do aire informal deste tipo de eventos, pero do que coido que gozamos todos os participantes dun xeito ou outro.
U97
Pero do que quería dar conta no blog é da cantidade de trebellos que podían verse no Centro Tecnolóxico de Arteixo, cantando especialmente o tablet U97, que podiamos considerar como un fistro de pecador, por ser un dispositivo con Android 2.3 que disfraza o seu software de Android 4.0 e o seu hardware de iPad. ¡Nin Gotenks chegaba a tanto!
Slot Racing
Tamén foi unha gozada ver o ben que ía a última versión do Slot Racing no Galaxy Nexus do seu autor, Alberto Ruibal. Un grande xogo nun grande móbil.
Galaxy Note en plan caderno
Aínda que para grande, o Galaxy Note, un dispositivo que resístome a chamar móbil polo seu inmenso tamaño. Para min é unha PDA moderna, que incluso admite a entrada de texto escrito con lapis.
Falando polo Galaxy Note
Si, ver a alguén falando con semellante trebello na orella dá unha impresión moi rara, pero ao final parace que iso do tamaño dos smartphones é algo que só estará limitado polo tamaño dos petos dos pantalóns dos usuarios ;)
Aínda que a min ao ver semellante cacharro na orella véñame sempre á memoria un chiste un tanto malo:

- Manolo, chámote polo cortacéspede.
- ¡Carallo, que ben se oe!

A app oficial da LaconNetwork no móbil de Camilo Ameijeiras
E, pasando de hardware a software, Camilo Ameijeiras amosounos a aplicación móbil oficial da LaconNetwork, que por fin podemos descargar da App Store. Todo un carameliño que poderemos ver en distintos sabores en eventos futuros, grazas Bits for meetings (B4M).

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios