Luns, 16 de Xaneiro de 2012

Visitando A Revista Fin de Semana da TVG

O pasado sábado tiven a fortuna de visitar o programa A Revista Fin de Semana da TVG para falar do 10º aniversario da edición impresa da revista Código Cero, o fenómeno das redes sociais e a iniciativa para conseguir un dominio para a lingua e a cultura galegas:

Pero para min o mellor da visita ao programa da Galega foi un momento sumamente breve no que a presentadora do programa, Lorena Pose, soltou fóra de antena un Lore, Lore, Macu, Macu. Non puiden conter a risa. :D

Durante a retransmisión tamén gustei do feito de que José Luís Pérez Lado citase algunhas das miñas palabras en Twitter, aludindo a temas como a formación para superar a fenda dixital, as redes sociais para a prospección de novas e tendencias e a seguridade de que imos ter un .gal en 2013.

Aproveito a ocasión para agradecer o apoio constante por parte de moitos compañeiros da CRTVG, como a xente que no seu día estaba no Bos Días, aos responsables de A Solaina e, moi especialmente, á grande familia que é a Radio Galega, onde profesionais como Xosé María Fernández Pazos, Cristina García, Rocío Pereira, Pepe Carreira e moitos outros sempre me trataron coma un máis da casa. ¡Así dá gusto traballar!

Mércores, 4 de Xaneiro de 2012

La Voz de Galicia dá un paso adiante e dous atrás na súa páxina web

Hoxe é o día no que La Voz de Galicia estrea nova feitura da súa páxina web, o que nun principio se anunciaba como un acontecemento feliz no que aseguraban que era unha aposta pola inmediatez e unha mellora da usabilidade do espazo virtual, cun maior nivel de personalización e grandes melloras.
Anuncio da nova páxina web de La Voz de Galicia
Si, como anuncio queda ben, pero a práctica é ben distinta. Temos un novo xornal electrónico no que é certo que hai máis multimedia, o que se nota especialmente nas galerías de imaxes (característica que parece sacada da aplicación para iPad de La Voz), pero parece que as melloras rematan aí, indo todo o demais para peor:
- Menú de navegación: Inicialmente a simplificación do menú superior é unha nova magnífica, pois o menú anterior era absurdo, pois ocupaban a metade do espazo contidos (servizos integrados) que pouco ou nada tiñan que ver con La Voz de Galicia e os seus lectores, pero finalmente é o meirande erro do novo molde da web, pois cada vez que vas a unha das seccións quedas encerrado na mesma, de xeito que para saltar a outra sección tes que pasar antes pola portada, o que mata totalmente o concepto de barra de navegación e convértese nun ridículo exercicio de seguir as faragullas de pan coma Hänsel e Gretel.
Pero a cousa tamén é bastante mala no que á selección de seccións se refire. ¿Por qué están destacadas as áreas de Saúde e Emigración e España, Internacional, Sociedade e O Agro están agochadas baixo o apartado de +Máis? ¿Por qué segue ausente a sección de Marítimo? ¿Por qué unha sección bautizada coma O Agro está nun perfecto español? ¿Por qué Xente e Sociedade son seccións distintas?
- Deseño de portada: Ao entrar na portada atopamos unha composición a 3 columnas iguais, polo que pérdese o concepto de portada, e non sabes distinguir os criterios nos que distribúen as informacións. No anuncio do novo deseño aparece unha nova destacada a dúas columnas, polo que supoño que o molde que teñen actualmente activo non é o definitivo, o que non me sorprendería tras ver que a sección de blogs aínda ten a cabeceira vella.
- O menú dinámico: ter unha barra cos temas do día no menú de navegación é unha solemne parvada, que queda aínda peor cando vemos que os temas aparecen precedidos por un cancelo coma se fosen hashtags de Twitter. Lémbrame aos tempos nos que a xente metía arrobas por todas partes para facerse os modernos.
Na nova web non aparecen as novas ao minuto- Novas ao minuto: Que a páxina web actualízase constantemente é natural no medio e non supón ningunha novidade, polo que non sei por qué intentan destacar tal cousa, especialmente porque non hai un recadro de últimas novas nas que poder ver o que foi ese suposto último minuto. Coido que estamos ante un esquecemento, pois no anuncio da web si aparece tal prestación.
- Personalización da edición: Xa, xa… pero o recadro de personalización da edición local está no medio e medio da portada, tendo que facer varios desprazamentos de pantalla para chegar alí (está en altura a máis de 2.200 píxeles co comezo da páxina). Vaia, que é como se non deixase personalizar nada, pois unha nova pola que tes que facer scroll entre dúas e catro veces non é de portada nin nada que se lle pareza. Porque se algo conserva a web de La Voz é esa teima de facer portadas xigantes (manía que teñen os medios españois e que atenta ao sentido común, xa que destacar moitas cousas é como non destacar nada).
- Contidos: ao movérmonos polas distintas seccións da nova web coido que hai dúas cousas que se lle veñen a un á cabeza: grande e pouco. A este respecto é moi atinado o comentario que fixo Xoan Castro en Twitter:
dentro de 3 anos LaVoz será un Tumblr
Dá a impresión de que a nova política de La Voz de Galicia é reforzar a súa edición impresa e deixar desnutrida a súa versión dixital (á vez que coa boca grande din o contrario). Aínda que falen de renovación estamos ante unha poda, polo que agora só queda agardar a que deixen que a árbore volva a medrar, porque como continúen a mimar só ao xornal dos 130 anos, van seguir o camiño deses negocios familiares que quedan sen relevo xeracional e teñen que pechar. Por fortuna para eles, a fenda dixital aínda é moi pronunciada en Galicia, e terá moito tempo para corrixir erros coma este.

Para rematar quixera dicir que, cando menos hoxe, o funcionamento da páxina web de La Voz de Galicia foi malísimo, o que podería vir provocado polos usuarios que queren ver as novidades que presenta a páxina, pero que posiblemente sexa consecuencia dalgúns dos cambios presentes (o feito de ter que visitar constantemente a portada e que esta recargue de xeito automatico cando a temos aberta poderían ter o seu prezo). E con mal funcionamento refírome a que hai veces que non cargan as páxinas ou cargan parcialmente, o que resultaba especialmente penoso ao intentar ler o xornal na súa versión en galego (que durante boa parte do día era unha invitación a bloquear o acceso a La Voz, pois a web conserva a nosa preferencia e déixanos atrapados nunha serie de páxinas que non cargaban nunca, nin sequera para poder volver á edición en español).
Esperemos que a cousa vaia pulíndose, e co tempo teñamos un medio dixital que se axuste ás demandas do público galego.
ACTUALIZACIÓN (5-1-2011):
A morte de Isaac Díaz Pardo en La Voz de Galicia
Finalmente hoxe demostraron que o novo deseño ofrece a posibilidade de amosar novas destacadas a dúas columnas, aínda que o resto de contidos continúan a parecer dunha importancia uniforme, o que non é moi propio dunha portada.
ACTUALIZACIÓN (10-1-2011): Pensei que os problemas respondían a un mero axuste puntual, pero tras varios días comprobei que o boletín diario de titulares que recibo por correo electrónico carece de utilidade co cambio da páxina web, pois agora xa non remite as novas do día, senón que presenta unha chega de titulares separados por seccións, sen discriminar datas, de xeito que na sección de Santiago, por exemplo, inclúe informacións de ata hai 6 días:
titulares do boletín de La Voz
Tamén comprobei que a sección de Melide leva o mesmo tempo sen incorporar novas cando na edición impresa si publicaron información da vila, o que paréceme un grande erro. Nos últimos anos miraba na edición dixital se saía algo de Melide no xornal para comentalo na casa e agora perdín tal oportunidade (e na Coruña non teño xeito de consultar a edición de Santiago do diario).

Xoves, 22 de Decembro de 2011

Os VIII Premios EGANET xuntaron a moitos amigos do sector tecnolóxico galego

Gañadores
Onte entregáronse en Compostela os VIII Premios EGANET, convocatoria á que concorreron 74 empresas, entidades e profesionais cun total de 192 candidaturas, o que serviu de escaparate do sector tecnolóxico galego, recoñecendo traballos como a campaña Mátalos de risa con Kill Paff, a aplicación BayDICOM Media de Bahía Software, o servizo de ofertas BuyDeal de Elo Technologies, o proxecto emprendedor Trileuco Solutions (responsable de LetsLearnTV), a empresa con sede viguesa Elogia e á iniciativa social da Fundación Foltra.
Asociados
Pero entre os recoñecementos da xornada gustei especialmente dos que foron a parar ás empresas socias de EGANET que levan cando menos unha década en activo (Abertal Networks, Ceo Aberto, Elogia, Igalia, Infonet, Infoweb Galicia, Iterdata Networks, MIP Configuraciones Informáticas e Teaxul). Iso fíxome lembrar aos primeiros tempos da Asociación, que tiven a fortuna de vivir de preto.
Autoridades
Tampouco faltaron as autoridades no evento, tanto da Xunta de Galicia como de distintas asociacións profesionais, o que demostra que o sector, pese ao que pode parecer nalgunhas ocasións, está cohesionado e cada vez máis interrelacionado.
Presentadores
Pero unha das mellores cousas da gala de entrega de premios foi poder compartir a experiencia con Susana Alvite (Hexis Comunicación), quen fixo un traballo excelente presentando a cerimonia. Tamén gustaríame agradecer á xunta directiva de EGANET por convidarme este ano a participar tanto da gala coma do xurado. Foi unha honra e un pracer, así como unha excelente oportunidade para atopar a moitos amigos xuntos, o que sempre está ben, e que promete repetirse o último venres de xaneiro co segundo aniversario da LaconNetwork. ¡Espérovos alí! ;)

ACTUALIZACIÓN (6-2-2012): O acto pode verse resumido en vídeo:

Sábado, 10 de Decembro de 2011

MobileCONGalicia xuntou aos desenvolvedores de aplicacións móbiles da nosa comunidade

Reyes Leis
Onte quedei impresionado polo poder de concatoria acadado polo MobileCONGalicia, encontro de desenvolvedores de aplicacións para dispositivos móbiles que congregou baixo o mesmo teito a uns 170 profesionais. Todos con ganas de emprender e compartir coñecemento, e que celebrouse no Edificio CERSIA de Santiago de Compostela, grazas en boa medida á colaboración da Concellaría de Turismo, Economía e Mercados da cidade, dirixida por Reyes Leis, a quen foi toda unha sorpresa para min ver alí (coincidira con ela durante a miña etapa en Correo TV).
Martín Pérez
A organización foi cousa de, entre outros, María Encinar e Martín Pérez, tendo que ser este último quen deu a cara para dicir que finalmente o evento carecía de conectividade Wi-Fi, o que foi todo un marronazo tanto para el como para o resto dos presentes, pois as redes 3G non eran capaces de aturar a tantos frikis con smartphones xuntos :(
Miguel Silva
Tampouco faltaron no evento figuras representativas do sector tecnolóxico como Miguel Silva de Blusens, quen logrou convencer a moitos dos presentes para adquirir o seu produto estrela, o web:tv, así como insistiu constantemente na necesidade de que os desenvolvementos que se fagan para móbiles teñan vocación de negocio (o que parece que moitos precisaban escoitar).
María Encinar e Alberto Ruibal
Pero houbo un trebello que eclipsou o web:tv, que non era outro que o flamante Galaxy Nexus que viña de gañar Alberto Ruibal (Mobialia) no Google DevFest Barcelona 2011. Era a envexa de todos os presentes, por poder catar ese terminal antes de que comezase a distribuírse comercialmente.
Marcial Mouzo e Alberto Ruibal
Tamén se achegou por alí Marcial Mouzo, para conectar en directo dende o evento coa Radio Galega. Quedou impresionando polo que se estaba a mover por alí, e incluso comentou que de saber que había tanta figura representativa do sector TIC galego terían reservado máis tempo de radio para falar do tema. É o que pasa coas primeiras edicións (os medios non eran conscientes de que o evento podía dar moito xogo).
José Manuel García Pérez
A xornada rematou cunha competición de aplicacións chamada AppCircus na que concorreron proxectos interesantes como o Escucha y Aprende Inglés, PictoDroid Lite e Chove?.
Sergio Abraham Martínez
Aínda que resultou rechamante que só un xogo se presentase a concurso. Foi o Absolute Defense de Sergio Martínez, quen de seguro achegará moitas sorpresas nos vindeiros meses.
Javier Pazos
Pero o que parecía cantado era o gañador da competición, ReallyLateBooking, aplicación para móbiles que permite facer reservas de hotel de última hora, que vai mellor cada día e que é todo un exemplo dun negocio real baseado en plataformas móbiles. Parabéns a Javier Pazos e compañía, e grazas por demostrar que dende Galicia é posible facer cousas así.

Venres, 2 de Decembro de 2011

Divorcio 2.0

O xenial Jesús Martínez del Vas, na súa tira de Caos en la redacción achéganos un adianto de cómo poden ser os divorcios no mundo da Internet e das redes sociais:
Divorcio 2.0
Pode parecer esaxerado, pero estou seguro de que nas vindeiras décadas veremos cousas semellantes, pois a contratación de servizos ou o acceso a contas de usuario en plataformas virtuais van atoparse ante conflitos como o pasamento dunha persoa, que aínda están lonxe de resolverse.
¿Farán unha canción que diga devuélveme la clave de mi Facebook, y quédate con todo lo demás? ;)

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios