Sábado, 28 de Xaneiro de 2012

Trebellos a tutiplén na LaconNetwork

Moita xente na LaconNetwork
Onte tiven a fortuna de poder asistir ao segundo aniversario da LaconNetwork en Arteixo, no que foi unha das mellores edicións do encontro, aínda que igual cun formato que está un tanto afastado do aire informal deste tipo de eventos, pero do que coido que gozamos todos os participantes dun xeito ou outro.
U97
Pero do que quería dar conta no blog é da cantidade de trebellos que podían verse no Centro Tecnolóxico de Arteixo, cantando especialmente o tablet U97, que podiamos considerar como un fistro de pecador, por ser un dispositivo con Android 2.3 que disfraza o seu software de Android 4.0 e o seu hardware de iPad. ¡Nin Gotenks chegaba a tanto!
Slot Racing
Tamén foi unha gozada ver o ben que ía a última versión do Slot Racing no Galaxy Nexus do seu autor, Alberto Ruibal. Un grande xogo nun grande móbil.
Galaxy Note en plan caderno
Aínda que para grande, o Galaxy Note, un dispositivo que resístome a chamar móbil polo seu inmenso tamaño. Para min é unha PDA moderna, que incluso admite a entrada de texto escrito con lapis.
Falando polo Galaxy Note
Si, ver a alguén falando con semellante trebello na orella dá unha impresión moi rara, pero ao final parace que iso do tamaño dos smartphones é algo que só estará limitado polo tamaño dos petos dos pantalóns dos usuarios ;)
Aínda que a min ao ver semellante cacharro na orella véñame sempre á memoria un chiste un tanto malo:

- Manolo, chámote polo cortacéspede.
- ¡Carallo, que ben se oe!

A app oficial da LaconNetwork no móbil de Camilo Ameijeiras
E, pasando de hardware a software, Camilo Ameijeiras amosounos a aplicación móbil oficial da LaconNetwork, que por fin podemos descargar da App Store. Todo un carameliño que poderemos ver en distintos sabores en eventos futuros, grazas Bits for meetings (B4M).

Xoves, 22 de Decembro de 2011

Os VIII Premios EGANET xuntaron a moitos amigos do sector tecnolóxico galego

Gañadores
Onte entregáronse en Compostela os VIII Premios EGANET, convocatoria á que concorreron 74 empresas, entidades e profesionais cun total de 192 candidaturas, o que serviu de escaparate do sector tecnolóxico galego, recoñecendo traballos como a campaña Mátalos de risa con Kill Paff, a aplicación BayDICOM Media de Bahía Software, o servizo de ofertas BuyDeal de Elo Technologies, o proxecto emprendedor Trileuco Solutions (responsable de LetsLearnTV), a empresa con sede viguesa Elogia e á iniciativa social da Fundación Foltra.
Asociados
Pero entre os recoñecementos da xornada gustei especialmente dos que foron a parar ás empresas socias de EGANET que levan cando menos unha década en activo (Abertal Networks, Ceo Aberto, Elogia, Igalia, Infonet, Infoweb Galicia, Iterdata Networks, MIP Configuraciones Informáticas e Teaxul). Iso fíxome lembrar aos primeiros tempos da Asociación, que tiven a fortuna de vivir de preto.
Autoridades
Tampouco faltaron as autoridades no evento, tanto da Xunta de Galicia como de distintas asociacións profesionais, o que demostra que o sector, pese ao que pode parecer nalgunhas ocasións, está cohesionado e cada vez máis interrelacionado.
Presentadores
Pero unha das mellores cousas da gala de entrega de premios foi poder compartir a experiencia con Susana Alvite (Hexis Comunicación), quen fixo un traballo excelente presentando a cerimonia. Tamén gustaríame agradecer á xunta directiva de EGANET por convidarme este ano a participar tanto da gala coma do xurado. Foi unha honra e un pracer, así como unha excelente oportunidade para atopar a moitos amigos xuntos, o que sempre está ben, e que promete repetirse o último venres de xaneiro co segundo aniversario da LaconNetwork. ¡Espérovos alí! ;)

ACTUALIZACIÓN (6-2-2012): O acto pode verse resumido en vídeo:

Sábado, 10 de Decembro de 2011

MobileCONGalicia xuntou aos desenvolvedores de aplicacións móbiles da nosa comunidade

Reyes Leis
Onte quedei impresionado polo poder de concatoria acadado polo MobileCONGalicia, encontro de desenvolvedores de aplicacións para dispositivos móbiles que congregou baixo o mesmo teito a uns 170 profesionais. Todos con ganas de emprender e compartir coñecemento, e que celebrouse no Edificio CERSIA de Santiago de Compostela, grazas en boa medida á colaboración da Concellaría de Turismo, Economía e Mercados da cidade, dirixida por Reyes Leis, a quen foi toda unha sorpresa para min ver alí (coincidira con ela durante a miña etapa en Correo TV).
Martín Pérez
A organización foi cousa de, entre outros, María Encinar e Martín Pérez, tendo que ser este último quen deu a cara para dicir que finalmente o evento carecía de conectividade Wi-Fi, o que foi todo un marronazo tanto para el como para o resto dos presentes, pois as redes 3G non eran capaces de aturar a tantos frikis con smartphones xuntos :(
Miguel Silva
Tampouco faltaron no evento figuras representativas do sector tecnolóxico como Miguel Silva de Blusens, quen logrou convencer a moitos dos presentes para adquirir o seu produto estrela, o web:tv, así como insistiu constantemente na necesidade de que os desenvolvementos que se fagan para móbiles teñan vocación de negocio (o que parece que moitos precisaban escoitar).
María Encinar e Alberto Ruibal
Pero houbo un trebello que eclipsou o web:tv, que non era outro que o flamante Galaxy Nexus que viña de gañar Alberto Ruibal (Mobialia) no Google DevFest Barcelona 2011. Era a envexa de todos os presentes, por poder catar ese terminal antes de que comezase a distribuírse comercialmente.
Marcial Mouzo e Alberto Ruibal
Tamén se achegou por alí Marcial Mouzo, para conectar en directo dende o evento coa Radio Galega. Quedou impresionando polo que se estaba a mover por alí, e incluso comentou que de saber que había tanta figura representativa do sector TIC galego terían reservado máis tempo de radio para falar do tema. É o que pasa coas primeiras edicións (os medios non eran conscientes de que o evento podía dar moito xogo).
José Manuel García Pérez
A xornada rematou cunha competición de aplicacións chamada AppCircus na que concorreron proxectos interesantes como o Escucha y Aprende Inglés, PictoDroid Lite e Chove?.
Sergio Abraham Martínez
Aínda que resultou rechamante que só un xogo se presentase a concurso. Foi o Absolute Defense de Sergio Martínez, quen de seguro achegará moitas sorpresas nos vindeiros meses.
Javier Pazos
Pero o que parecía cantado era o gañador da competición, ReallyLateBooking, aplicación para móbiles que permite facer reservas de hotel de última hora, que vai mellor cada día e que é todo un exemplo dun negocio real baseado en plataformas móbiles. Parabéns a Javier Pazos e compañía, e grazas por demostrar que dende Galicia é posible facer cousas así.

Venres, 11 de Novembro de 2011

#BloggersCoruña

Pub Dublín
Esta tarde no Pub Dublín en A Coruña concertouse un encontro a través de Twitter baixo o hashtag #BloggersCoruna para mirar de organizar algún tipo de evento blogueiro na cidade, e para vernos as caras uns cantos: Iván Louzán, Israel Nava, Víctor Lamela (de Coruña Online), Fran Muíños, Jesús Porto (do blog Barrio do Castrillón), Mónica Lozano, Patrick Berry (a quen pronto veremos no TEDxGalicia) e un servidor.
Cervexa
Iso si, algún dos presentes tiña certa insistencia na presenza de cervexa en futuras xuntanzas :D
#BloggersCoruña
Despois de moitos intercambios de opinións, ideas e experiencias, chegouse á conclusión de repetir xuntanzas semellantes de xeito mensual en locais diferentes, comezando o martes 10 de xaneiro de 2012. Segundo vaian evolucionando estes encontros é posible que remate organizándose un evento anual na cidade, pois parece existir certo interese no asunto, polo que parece claro que #BloggerCoruña vai continuar a súa actividade durante un bo tempo.

Como curiosidade, ao saír do Dublín, atopamos unha curiosa escena:
Cambiando a roda na Cordonería
Un coche tivo un percance na rúa da Cordonería, e montouse un atasco monumental (no momento de tirar a fotografía había 2 autobuses urbanos involucrados) mentres cambiaban a roda do vehículo. ¡Que mellor desculpa para exercer de blogueiro esta noite! ;)

Martes, 1 de Novembro de 2011

José Luis Orihuela visitará A Coruña o venres

José Luis Orihuela
O vindeiro venres o profesor José Luis Orihuela visitará o Museo Santiago Rey Fernández-Latorre (nas instalacións en Sabón de La Voz de Galicia) para falar de Por qué Twitter mellora o xornalismo e presentar despois os seus últimos libros: Mundo Twitter e 80 claves sobre el futuro del periodismo.
O relatorio de Orihuela promete ser moi interesante, e para dar difusión ao mesmo, esta mañá Isidoro Valerio fíxolle unha entrevista no programa Voces de Galicia de RadioVoz:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Aínda que gustei bastante do Mundo Twitter, recoñezo que a lectura de 80 claves pareceume moito máis amena, especialmente polo seu formato, que anima á reflexión sobre distintos temas que afectan á comunicación, ás redes sociais e aos cambios que está a vivir a nosa sociedade, e que conta coa participación de varios galegos (Enrique Dans, Nacho de la Fuente, Juan Varela e o galego de adopción, Francesc Pumarola), o que é un argumento máis para achegarnos ao último libro de Orihuela, que está a ter unha boa distribución (atopeino nun establecemento físico sen ter que encargalo previamente, o que foi toda unha sorpresa para min).

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios