Martes, 1 de Novembro de 2011

José Luis Orihuela visitará A Coruña o venres

José Luis Orihuela
O vindeiro venres o profesor José Luis Orihuela visitará o Museo Santiago Rey Fernández-Latorre (nas instalacións en Sabón de La Voz de Galicia) para falar de Por qué Twitter mellora o xornalismo e presentar despois os seus últimos libros: Mundo Twitter e 80 claves sobre el futuro del periodismo.
O relatorio de Orihuela promete ser moi interesante, e para dar difusión ao mesmo, esta mañá Isidoro Valerio fíxolle unha entrevista no programa Voces de Galicia de RadioVoz:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Aínda que gustei bastante do Mundo Twitter, recoñezo que a lectura de 80 claves pareceume moito máis amena, especialmente polo seu formato, que anima á reflexión sobre distintos temas que afectan á comunicación, ás redes sociais e aos cambios que está a vivir a nosa sociedade, e que conta coa participación de varios galegos (Enrique Dans, Nacho de la Fuente, Juan Varela e o galego de adopción, Francesc Pumarola), o que é un argumento máis para achegarnos ao último libro de Orihuela, que está a ter unha boa distribución (atopeino nun establecemento físico sen ter que encargalo previamente, o que foi toda unha sorpresa para min).

Luns, 31 de Outubro de 2011

Xurxo participou na Carreira Pedestre

Xurxo Otero na PedestreOnte o meu irmán Xurxo madrugou para participar na XXIII Carreira Pedrestre Popular de Santiago de Compostela, evento multitudinario que ao estar organizado polo Grupo El Correo Gallego padeceu unha especie de eclipse informativo, de xeito que os medios de comunicación galegos (agás os que están detrás da competición) non falaron nin dos milleiros de participantes nin das repercusións que tiña a celebración da carreira no tráfico urbano compostelán :(

Eu non acabo de entender por qué os participantes elixiron un percorrido de 12 quilómetros para chegar da Avda. de Xoán XXIII á Praza do Obradoiro, pois están a 600 metros :o ¿Non é un rodeo un tanto parvo?

Pero volvendo á competición, admito que foi toda unha sorpresa ver o ben que rematou Xurxo, cun digno posto 837 e un tempo de 53 minutos, mentres que o meu curmán Anxo tivo que conformarse cun posto 1.678 e un tempo de 59 minutos (impresiona a diferenza de posto en só 6 minutos).
A chegada á meta de Xurxo pode verse grazas á Correndovoy.com:

Melide tamén deixou o listón bastante alto:

Posto Dorsal Nome Club Poboación Ritmo/Km
364
00:48:27
2024    Claudio Sánchez    Melide  00:04:03 
580
00:50:41
986    Javier Blanco Rio    Melide  00:04:14 
581
00:50:41
1918    Iván Lugrís Beteta    Melide  00:04:14 
837
00:53:00
157    Xurxo Otero  Atletismo Porriño  Melide  00:04:25 
1015
00:54:19
4001    Xose Manuel Pampin Fuciños    Melide  00:04:32 

Mércores, 17 de Agosto de 2011

Os mellores tiradores de tirapedras daranse cita en Melide o xoves

tirapedras
O Charrancas vén de remitirme a seguinte nova de grande interese para os melidenses:

Por quinto ano consecutivo, o casco histórico da vila de Melide será o escenario de actividades de posta en valor dos xogos tradicionais, recuperando algúns dos seus espazos públicos a súa función ancestral de espazos de xogo, aínda que só sexa por unha horas.
tirapedrasO acto central será o V Campionato de Tirapedras da Galiza Central, unha proba que se celebrará o xoves, 18 de agosto, a partir das 18.00 horas na Praza do Convento. Na edición de 2010 participaron un total de 54 tiradores e tiradoras (entre os cales se atopaban 14 nenos/as), pero na presente edición todo indica que o número de concursantes vai ser superior, dada a expectación creada. Basicamente, cada competidor dispoñerá de seis lanzamentos contra dúas dianas (de diferente valor –e dificultade- cada unha delas). Cada tirador/a poderá escoller libremente contra que diana dirixe cada un dos seus lanzamentos. Ao final, as tres persoas que acaden as máximas puntuacións en cada categoría serán as gañadoras.
No Campionato non existe distinción por sexos, aínda que si por idades. Os nenos/as menores de 14 anos lanzarán a unha distancia duns cinco metros e terán os seus propios premios. Os maiores desa idade, lanzarán a uns dez metros. Debe terse en conta, así e todo, que nos xogos tradicionais as regras foron sempre acordadas antes de comezar cada xogo; precisamente por iso a organización tratará de respectar os puntos de vista consensuados entre os participantes antes de comezar a competición, razón pola cal as distancias poderán ser levemente modificadas, segundo as dificultades que se observen nas tiradas de adestramento.
O evento está organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, entidade que leva desenvolvidas ao longo de toda a xeografía galega máis de 300 actividades de divulgación do patrimonio lúdico tradicional. Na presente edición o Campionato conta co patrocinio da Adega O Mandil, e co apoio do Concello de Melide e da Sociedade de Pesca Deportiva Ponte Mazaira

¡Moita sorte a todos os participantes na competición!

Domingo, 14 de Agosto de 2011

A Palladium tamén celebra o San Roque en Melide

Estes días botan a andar as festas do San Roque en Melide (e en moitas outras vilas galegas) e mentres a organización oficial trae á París de Noia, á Sintonía de Vigo e a Cornelius 1960, os da discoteca Palladium sorprenden cun cartel que podería colar como o das festas (especialmente no seu deseño), se non fose polo seu carácter gamberrete:
Cartel das actividades da Palladium durante as festas do San Roque en Melide
Aínda que está claro que Juan Magan é o típico convidado nunha discoteca, se mirarmos a King África e a Lucía Pérez poderiamos ver actuacións que encaixasen perfectamente nas festas dos San Roque doutros anos, polo que supoño que moitos estaranlle agradecidos á discoteca por animar as festas nuns tempos de crise nos que o Concello non pode realizar un investimento como o doutros anos.
Así este ano toca pasalo booooooombaaaaaaa, e ao rematar a troula dicir aquilo de que me quiten lo bailao.

Sábado, 13 de Agosto de 2011

Un venres moi friki en Viñetas desde o Atlántico

Videoxogos en Viñetas desde o Atlántico
O venres tocábame despedirme de Viñetas desde o Atlántico, pois ía pasar a fin de semana en Melide, e tras dar unha última ollada aos expositores, achegueime ao fondo da rúa Paseo de Coches para ver como había rapaces de distintas idades repartindo piñas nos xogos de loita de moda.

Nintendo 64 edición Pokémon
Un pouquiño máis desagradable era ver que non só tiñan unha PlayStation 3 para xogar ao Super Street Fighter IV, senón que xunto á mesma posaba con descaro unha edición Pokémon dunha Nintendo 64. Ai, se algúns pais tivesen lanzado un hadouken a tempo, cantas cousas horrendas deixarían de estorbar nos seus fogares ;)

Ryu vs Bison en Viñetas desde o Atlántico
Iso si, de hadoukens e ultras había bastante experiencia nas competicións que podían verse no lugar, no que para min é unha demostración de que dende que é posible xogar a estes títulos dende a casa, o nivel é moi superior que cando se xogaba en recreativas.

Karaoke de cancións de anime en Viñetas desde o Atlántico
Pero o máis divertido da xornada foi o concurso de karaoke de cancións de series de animación xaponesas, nas que afeccionados ao anime (maioritariamente rapazas disfrazadas) cantaban os seus temas favoritos. Iso si, perdinme a canción de Son Goku, o que foi unha mágoa, pois o resto eran descoñecidas para min.

Mozas moi animadas cantando en Viñetas desde o Atlántico
Pero descoñecer os temas non facía que fose menos divertido ver como algunhas participantes o daban todo ao interpretar as súas respectivas cancións, gañándose as ovacións do público.

Kiko da SilvaXa pola noite tocou tomar uns petiscos no Copacabana, no que xa é unha tradición no evento coruñés, e gustei de poder intercambiar unhas palabras con Kiko da Silva, o director da revista Retranca, sobre o futuro do mundo da edición, o fenómeno do iPad (que parece querer aproveitar a xente do proxecto coruñés Comics Cangrejo Rojo) e algunha que outra frikada como a curiosidade de que a meirande parte de ilustradores non teñen permiso de conducir. ¿Algún estudo sociolóxico que analice tal cousa? ¿Haberá algunha causa neurolóxica que inhabilite aos debuxantes para guiar un coches? ¿Ou será simplemente porque tenden a traballar no seu fogar ou nun estudo preto do mesmo?

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios