Sábado, 13 de Marzo de 2010

Cómicos galegos por Haití

Cómicos galegos por HaitíAnte a pouca repercusión que está a ter nos medios véxome na obriga de comentar que este domingo ás 19:30 no Pazo da Ópera da Coruña terá lugar un evento solidario para recaudar fondos para INTERMON OXFAM e a súa labor de recuperación en Haití, no que participarán numerosos cómicos galegos e promete ser un acto moi divertido. As entradas custan 10 euros e pódense adquirir a través de Caixanova, e no momento de escribir estas liñas aínda quedan máis de 500 asentos dispoñibles. Ou sexa, que é de agardar que o propio día do evento haxa entradas dispoñibles, polo que gustaríame animarvos a asistir.
Co gallo da catástrofe do Prestige tivera lugar un evento semellante que finalmente foi digno de lembranza, polo que este novo acto apunta maneiras. Moi recomendable para todos os amantes dos monólogos ou, simplemente, do humor Made In Galicia.
Os participantes serán os seguintes:

As Cantareiras de Ardebullo (Luar, TVG)
Danny Boy-Rivera (Central de Cómicos, Paramount Comedy)
David Amor (El Club del Chiste, Antena 3)
Gari (TVG)
Isabel Risco (Padre Casares, TVG)
Marta Lado (Quen Toca?, TVG)
Miguel Lago (Curso del 63, Antena 3)
Oswaldo Digón (Luar, TVG)
Pepo Suevos (Mareas Vivas, TVG)
Rober Bodegas (Sé lo que hicísteis, La Sexta)
Roberto Vilar (Land Róber, TVG)

E a presentadora do acto non será outra que Belén Regueira (Informativos, TVG; Extrarradio, Radio Galega).
Entendo que a selección de cómicos podería ser moito mellor (un par de estrelas de seguro que achegarían a máis público), pero tamén é certo que as entradas son baratas (é habitual que unha velada de humor nun pub saia por uns 15 euros) e que é de agardar un certo esforzo por parte dos humoristas para que todos o pasemos ben o domingo pola tarde.

Martes, 2 de Febreiro de 2010

Prepárase a VI Foliada de Melide

Un ano máis, dende Asociación cultural e musical O Castelo están a traballar na elaboración do programa da sexta edición da Foliada de Melide, que coma novidade, optará polas prazas e rúas da vila para a realización das súas actividades que terán lugar os días 24 e 25 de abril (a ver se non chove).
Para dar unha maior difusión ao evento, tamén prepararon un vídeo que subiron a YouTube:

Venres, 15 de Xaneiro de 2010

«Españoles, Zapping ha muerto»

Zapping de despedidaEsta tarde tivo lugar a última entrega do Zapping On Tour, o que finalmente será a morte da marca Zapping. Si, o derradeiro Zapping foi literal, pero iso non quere dicir que Txury e Antón vaian deixar de entreter e facer gozar á súa audiencia, xa que á morte de Zapping séguelle o nacemento de Turquía, que será o nome do programa de televisión que en poucas semanas poderemos ver en Localia.
gañador do sorteo dunha viaxe a San FranciscoNos vindeiros días poderemos descargar a gravación deste impresionante directo para o recordo, coa intervención de moitos vellos amigos, e cun divertido sorteo dunha viaxe a San Francisco (que resultou non ser á cidade norteamericana).
Este repaso de distintas épocas de Zapping fíxonos lembrar o ben que o pasamos co programa nos últimos anos, e tamén houbo que recoñecer que a época de RadioVoz foi alucinante, así como a labor de moitas persoas que involucráronse considerablemente neste proxecto radiofónico, enriquecéndoo considerablemente. Dende aquí unha forte aperta a todos.
Non sei se será posible, pero gustaríame que no futuro puidese replicarse a experiencia dos directos co programa de televisión. É algo máis complexo de organizar, pero supoño que intentarase facer algún tipo de actividade que fortaleza a interacción coa audiencia, que ao final é o máis importante.

Martes, 12 de Xaneiro de 2010

Derradeiro Zapping On Tour en Monte Alto

Zapping On Tour en Monte Alto
Este venres no Centro Cívico de Monte Alto terá lugar non só o último, senón o derradeiro Zapping On Tour, rematando así a xira polos centros cívicos coruñeses de Antón e Txury, polo que sería unha ocasión ideal para dar a despedida a este tipo de eventos en directo do que non sabemos se teremos máis no futuro (agardemos que si).
Zapping segue vivo, e dará guerra polas tardes en Radio Coruña-Cadena SER e, posiblemente, nalgún outro sitio máis, pero os directos seguen a ter moita máis forza que os programas radiofónicos, polo que recoméndovos asistir (podedes confirmar a vosa presenza a través de Facebook), e descargar despois o podcast para pode gardar rexistro da experiencia.
¡Vémonos alí! ¡Pasaremos lista!

Luns, 28 de Decembro de 2009

Melide recibirá o Aninovo cun concerto na Parroquial

Concerto de Melide Vida Musical
Tras o éxito do concerto de verán, a Asociación Cultural Melide Vida Musical organiza un Concerto de Ano Novo para o vindeiro 2 de xaneiro ás 20:00 horas na Igrexa Parroquial.
A Asociación supera xa os 100 socios en apoio de 30 compoñentes dunha agrupación musical formada por violíns, violoncellos, guitarra, baixo, batería, marimba, flauta e voz, e neste novo certame contará coa colaboración do dúo ourensán de acordeóns Sons da Eira, así como coa participación da soprano compostelá Concepción Rodríguez Fariña.
O concerto durará máis dunha hora e buscará ser variado, didáctico e divertido, combinando tanto temas clásicos coma contemporáneos, e supoño que repetirá o éxito de certames anteriores.

Martes, 1 de Decembro de 2009

Zapping en vivo no Centro Cívico de Elviña

Zapping On Tour
O vindeiro xoves ás 20:30 horas no Centro Cívico Municipal de Elviña (sino na praza Esteban Lareo) terá lugar unha nova entrega de Zapping On Tour. Imprescindible para os seguidores de Txury e Antón.
Podedes confirmar a vosa participación a través de Facebook.

Mércores, 28 de Outubro de 2009

Zapping en vivo no Centro Cívico do Castrillón

anuncio Zapping On Tour
Este venres ás 20:30 horas e durante 2 horas terá lugar unha nova entrega do Zapping On Tour no Centro Cívico Municipal do Castrillón en A Coruña, o que promete ser moi divertido. ¡Non o perdades!

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero