Venres, 26 de Agosto de 2011

¿Que hai de Os Pitufos (non Los Pitufos) en DVD?

Los Pitufos - El cielo está cayendoLos Pitufos - El PituforobotinLos Pitufos - La mejor memoria de la aldea
Los Pitufos - Magia PotagiaDe cativo vía en TVE a serie dos Pitufos, e anos máis tarde fixérame moita ilusión poder velos na TVG, cunha tradución e dobraxe moi divertidas, especialmente polos nomes que tomaban os simpáticos seres azuis (Pitufo Cacharulo, Pitufo Sabido, Pitufo Lambón…), e cando hai pouco vin que nalgunhas televisións locais estaban a emitir a serie dos tristes sucedáneos que eran os Snorkels, botei moi en falta ao Pitufos, e quedei sorprendido ao ver que a súa serie non estaba editada en DVD, pero agora, grazas ao seu aniversario e á película que está a verse nos cines, por fin rescatan esta serie en DVD, pero non sen repetir a infamia que supón que deixen de lado a Galicia no proceso, pois a edición que este verán ponse á venda permite gozar aos seguidores de Los Pitufos, els Barrufets e Pottokiak, pero aos que gozabamos de Os Pitufos… ¡que nos dean!
Non sei se a culpa da ausencia do galego na nova edición en DVD dos Pitufos é culpa da súa editora ou da TVG por non ceder as pistas de audio (como teñen apuntado no pasado con outras series) pero deberían facer algo para evitar que a historia continúe repetíndose. Xa farta que sempre poñan atrancos para poder gozar das series de televisión da nosa infancia na lingua na que as coñecimos e a cousa non está a mellorar, pois agora que tamén temos discos Blu-ray atopamos que practicamente as únicas películas en galego dispoñibles son de Filmax Animation ou están protagonizados por Luis Tosar como Celda 211 e También la lluvia. :(

Xoves, 17 de Febreiro de 2011

Waiting for Netflix

Nos últimos días falei en numerosos ámbitos e ocasións de Netflix e as súas bondades, e coma moitos pensan que non é máis que un tópico ou un argumento tipo contra a Lei Sinde, coido que unha infografía que pretende ilustrar cómo Netflix está a rematar con Blockbuster, ou dito doutro xeito, como un bo servizo de vídeo baixo demanda a un prezo atractivo deixa obsoletos os videoclubs, pode resultar de grande utilidade:
Netflix en cifras
Que Netflix conseguirse sumar 20 millóns de subscritores en Norteamérica (7,7 millóns no último ano e 3,08 millóns no último trimestre) debería facernos reflexionar sobre este modelo de negocio que xa é o segundo servizo audiovisual de subscrición nos EE.UU. (só superado por Comcast). Se consegue sumar un millón de aboados ao mes queda claro que existe unha demanda impresionante que ninguén está a cubrir, e moitos ex subscritores de Digital+ (e outras plataformas televisivas de pagamento en España) poderán acreditar que a oferta actual non responde ás necesidades dos espectadores, polo que estaría moi ben que Netflix chegase a España (aínda que os rumores apuntan a que a industria audiovisual española estase a negar a chegar a un acordo dentro das nosas fronteiras, o que só pode ter consecuencias negativas, botando á xente a subscribirse a Megavideo e cousas polo estilo).

Pero para min o éxito de Netflix non está só no seu atractivo prezo e no seu inmenso catálogo de series de televisión e películas, senón na súa facilidade de uso e na posibilidade de operar en case calquera trebello conectado á Rede, de xeito que existen aplicacións de Netflix para as consolas de videoxogos domésticas, para reprodutores de Blu-ray, para televisiores con conexión á Internet, para dispositivos con iOS (iPhone, iPod Touch e iPad), distintos reprodutores multimedia (pouco coñecidos en España) e incluso está en preparación a aplicación para Android (de xeito que operará en numerosos tablets e móbiles). Iso non só é cómodo, senón que tamén é xusto, pois así non se dará a patética situación actual na que temos que mercar o mesmo produto para distintos soportes. ¿Non é frustrante ter que mercar en Blu-ray a película que xa tiñamos en DVD ou en VHS? Se os contidos son ubicuos e independentes do soporte o consumidor aforra cartos e espazo no fogar. As vantaxes son moitas, e se o prezo a pagar por tal servizo é moderado o éxito está garantido.

Por suposto, as consecuencias da chegada de Netflix tamén teñen unha cara escura, e senón, vexamos o gráfico de evolución de ingresos de Netflix e Blockbuster:
ingresos de Netflix e Blockbuster
Que o éxito de Netflix prexudica seriamente aos negocios tradicionais coma os videoclubs, á vez que move menos cartos, resulta innegable, pero é moito mellor iso que levar ao público a recorrer ao lado escuro do P2P e das descargas directas, ¿verdade?
Non só os videoclubs (que teñen os seus días contados dende hai bastantes meses) están ameazados por servizos coma Netflix (en realidade, porque Netflix é a evolución natural dun videoclub), senón que os servizos de televisión de pagamento tamén van ter serios atrancos, especialmente onde haxa boas conexións ás Rede, pois resultaralles difícil convencer aos seus clientes de manter un servizo obsoleto, baseado en grellas de programación con horarios pechados, o que vai forzar ás compañías a integrar servizos de gravación nos seus receptores ao máis puro estilo de TiVo (outro produto que arrasou en EE.UU. e que por aquí nin cheiramos). Se reaccionan axeitadamente ao final teremos que os consumidores gañaramos moito con esta loita polo audiovisual doméstico, no que resulta evidente que a evolución é a única garantía de supervivencia.

Martes, 4 de Maio de 2010

Colección de Ciencia Ficción en El País

Colección de El País
O vindeiro sábado, por 1 euro adicional, poderá adquirirse co xornal El País a película 2001: Una Odisea del Espacio, á que seguirán as seguintes obras:
- Alien, el octavo pasajero
- Atmósfera cero
- Blade Runner
- Doce monos
- El planeta de los simios
- Fahrenheit 451
- Inteligencia artificial
- La guerra de los mundos
- Los hijos de los hombres
- Mars Attacks
- Minory Report
- Monstruoso
- 1997 Rescate en Nueva York
- Robocop
- Terminator
- Virtuosity
- Yo, robot
- Zardoz
- THX 1138
Dado que estas últimas entregas van saír por 6,95 euros, non podemos dicir que esteamos ante unha ganga, posto que por ese prezo (e incluso menos) é doado atopar eses filmes en DVD, polo que haberá que botar un ollo á primeira película para ver se a edición en libro-DVD paga a pena (aínda que normalmente non compensa adquirir películas neste formato, pois logo son complicadas de almacenar e iso de ter unha cuberta coa marca dun xornal desloce bastante as caixas).

Temo que edición de Blade Runner da nova colección de El País vai ser a mala, pois vese que a orixinal só queren que estea presente nas edicións especiais (que actualmente están baratas).

Luns, 3 de Maio de 2010

¿Por fin unha parodia porno digna de ver?

Normalmente moléstame que exploten vellas series de televisión e películas para facer parodias pornográficas que teñen pouco de parodia e que simplemente buscan aproveitar unha marca para comercializar unha trapalla sen humor nin talento, pero é posible que a vindeira película deste sub-xénero faga que cambio de opinión, pues Batman XXX: A Porn Parody non só é unha versión porno senón que ata ¡parece un remake! Ou esa é a impresión que saco do seu trailer para todos os públicos:

O comisionado Gordon e Alfred parécense bastante aos actores orixinais, a Catwoman tamén ten un aire… posiblemente o que menos cola é que o actor que fai de Batman non está tan fondón coma Adam West ;)
A morriña provocada polo trailer lévame a facer 2 propostas:
1- que conserven a roupa, os decorados e o resto de material para facer unha secuela da serie de televisión orixinal, que agora que hai tantas canles na TDT de seguro que é posible atoparlle un oco
2- que alguén faga unha dobraxe da película ao galego para darlle realismo

Joker super-friki
Para rematar non podo evitar comentar que a imaxe do Joker pareceume super-friki por un par de detalles:
1- o Joker sostén un fásico de Star Trek (¿irá o conto de homenaxear a series clásicas da TVG?)
2- dáme a impresión de que antes de pintar a cara de branco, o actor que fai de Joker deixou medrar o bigote para parecerse máis a César Romero

¡¿É posible ser máis friki á hora de facer unha película porno?!

Martes, 20 de Abril de 2010

Nova promoción de película de El País

A caída de vendas da prensa está a levar ás distintas cabeceiras a lanzar atractivas promocións para manter a súa tiraxe, aínda que a meirande parte das veces teñen pouco de oferta, con excepcións como a que principiará o domingo El País, xornal que vai regalar unha película en DVD á semana, cunha selección bastante interesante:
Cine de Estrea
- Señales del futuro
- EL jardinero fiel
- Pánico nuclear
- World Trade Center
- Diarios de motocicleta
- Asalto al distrito 13
- El último gran mago
- The code
- Buenas noches, buena suerte
- El mensajero del miedo
As películas non teñen moito tempo, son de certo nivel e a súa temática é bastante variada (dende filmes de tiros ata dramóns) polo que non creo que a moita xente interésenlle todos os títulos, pero calquera pode atopar un par de obras do seu gusto.

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios