Xoves, 18 de Agosto de 2011

Tonto el que lee

A última dose diaria de Alberto Montt é todo un puntazo super-friki ao ilustrar cómo sería un grafiteiro de códigos QR:
grafitero 2.0
Calquera día atopo un código deses pola rúa e comprobo o que pon (como curiosidade, no expositor das bibliotecas municipais durante Viñetas desde o Atlántico tiñan un código QR que levaba ao seu blog de comics… e sospeito que fun dos poucos que fixo a proba).

Sábado, 13 de Agosto de 2011

Un venres moi friki en Viñetas desde o Atlántico

Videoxogos en Viñetas desde o Atlántico
O venres tocábame despedirme de Viñetas desde o Atlántico, pois ía pasar a fin de semana en Melide, e tras dar unha última ollada aos expositores, achegueime ao fondo da rúa Paseo de Coches para ver como había rapaces de distintas idades repartindo piñas nos xogos de loita de moda.

Nintendo 64 edición Pokémon
Un pouquiño máis desagradable era ver que non só tiñan unha PlayStation 3 para xogar ao Super Street Fighter IV, senón que xunto á mesma posaba con descaro unha edición Pokémon dunha Nintendo 64. Ai, se algúns pais tivesen lanzado un hadouken a tempo, cantas cousas horrendas deixarían de estorbar nos seus fogares ;)

Ryu vs Bison en Viñetas desde o Atlántico
Iso si, de hadoukens e ultras había bastante experiencia nas competicións que podían verse no lugar, no que para min é unha demostración de que dende que é posible xogar a estes títulos dende a casa, o nivel é moi superior que cando se xogaba en recreativas.

Karaoke de cancións de anime en Viñetas desde o Atlántico
Pero o máis divertido da xornada foi o concurso de karaoke de cancións de series de animación xaponesas, nas que afeccionados ao anime (maioritariamente rapazas disfrazadas) cantaban os seus temas favoritos. Iso si, perdinme a canción de Son Goku, o que foi unha mágoa, pois o resto eran descoñecidas para min.

Mozas moi animadas cantando en Viñetas desde o Atlántico
Pero descoñecer os temas non facía que fose menos divertido ver como algunhas participantes o daban todo ao interpretar as súas respectivas cancións, gañándose as ovacións do público.

Kiko da SilvaXa pola noite tocou tomar uns petiscos no Copacabana, no que xa é unha tradición no evento coruñés, e gustei de poder intercambiar unhas palabras con Kiko da Silva, o director da revista Retranca, sobre o futuro do mundo da edición, o fenómeno do iPad (que parece querer aproveitar a xente do proxecto coruñés Comics Cangrejo Rojo) e algunha que outra frikada como a curiosidade de que a meirande parte de ilustradores non teñen permiso de conducir. ¿Algún estudo sociolóxico que analice tal cousa? ¿Haberá algunha causa neurolóxica que inhabilite aos debuxantes para guiar un coches? ¿Ou será simplemente porque tenden a traballar no seu fogar ou nun estudo preto do mesmo?

Xoves, 11 de Agosto de 2011

Viñetas desde o Atlántico rende tributo aos superheroes

Entrada do Palexco
Onte puiden ir ver a exposición de orixinais de superheroes que teñen estes días no PALEXCO, no que podería ser unha das mellores exposicións da historia de Viñetas desde o Atlántico, con material bastante variado, e case todo de grandes autores, chegando ata comics bastante actuais, de xeito que é moi doado ter lido algúns dos comics dos que poden verse os seus orixinais.

Clara de Noche
Como vén a ser habitual, no PALEXCO había unha recepcionista de excepción, Clara de Noche, coa que bastante xente saca fotos un tanto curiosas.

Batman
Pero unha vez que entras na sala de exposicións, atopas ilustracións de Superman e Batman, polo que a cousa comeza forte, con material de grandes referentes como Curt Swan.

Green Lantern
Aínda que eu o que agradecín especialmente é que estivesen expostos varios orixinais de José Luis García López, tanto das súas contribucións a algún cómic como as súas xa clásicas fichas de personaxes como Flash ou Green Lantern.

Wonder Woman
Tamén gustei da presenza de ilustracións de George Pérez, no que consideron que eran os seus bos tempos, mentres que autores do seu tempo como John Byrne tiñan orixinais moito menos destacables.

Marvel
Había moitísimo material máis, incluíndo carroña marvelita :D , pero coido que o mellor é que quen guste do xénero dea un paseo pola exposición (poderá visitarse despois de que remate Viñetas desde o Atlántico, para que os rezagados non a perdan).

Ah, e xusto ao final da exposición dos superheroes tamén había unhas láminas que repasaban a historia dos Pitufos, que eran interesantes para que quixese introducirse nos personaxes pero que omitía certos elementos de peso en España como ao Padre Abraham e os discos dos Pitufos Makineros.
Curiosamente buscando o vídeo do Padre Abraham e os Pitufos vexo que alguén atopoulle un certo aquel con Mariano Rajoy:

A verdade é que quedoulles unha versión divertida de La Canción de los Pitufos :D

Oktoberfest
En cambio, hoxe foi un día moito menos produtivo (nin había tanta xente en Viñetas, nin vin expsocións destacables), que comezou coa desagradable sorpresa de ver que xunto ao PALEXCO estaban a celebrar o Oktoberfest en agosto. ¿Qué será o seguinte? ¿O magosto para agosto como dicían Os Resentidos?

Príncipe Valiente
Din unha volta ata a Praza de María Pita, para ver que xunto a estatua da heroína local había unha figura cutrísima do que parecía unha muller disfrazada do Príncipe Valiente (confirmáronme que era o mesmo Príncipe, pero eu non me fío).

Astérix e Obélix
Na casa do Concello estaban un ano máis Astérix e Obélix vixilando a porta, e resultoume curioso o detalle de que moitos nenos sacasen fotografías con Obélix (moitos tamén dáballe unha aperta), mentres que as rapazas que por alí pasaban tendían a imitar o xesto de Astérix para retratarse xunto a súa figura.

Exposición de Valentina
Pero a exposición que había no Concello foi unha auténtica decepción para min, pois coido que tiña un bo recordo do Valentina de Guido Crepax, e o que vin pareceume unha obra que ía en decadencia co tempo (¿son o único coa impresión de que nos 80 e 90 Crepax debuxaba peor que nos 60-70?). Supoño que é moi difícil estar á altura dos orixinais que se poden ver no PALEXCO. :(

Luns, 8 de Agosto de 2011

Comeza Viñetas desde o Atlántico 2011

Blacksad
Hoxe botou a andar unha nova edición de Viñetas desde o Atlántico, inaugurándose o evento oficialmente ás 19:30 horas, e xuntando a moito público nos Xardíns de Méndez Núñez. Este ano destaca entre os convidados o autor de Blacksad (personaxe que conta cunha estatua impresionante na entrada do Kiosko Alfonso), Juan Díaz Canales; e entre as exposicións, coido que as do Palexco serán as máis rechamantes (nos vindeiros días procurarei achegar imaxes).
Moita xente
A verdade é que meteoroloxicamente no podemos queixarnos, pois a semana do cómic na Coruña comezou cun día de sol, pero con certo fresco, o que facía que fose doado moverse pola rúa sen pasar apuros, á vez que tampouco animaba á xente a fuxir á praia, e como consecuencia, veuse máis movemento do habitual nun primeiro día (xa pasaron os anos nos que os primeiros días a xente ía á caza do tesouro).
Xabarín Club
Non faltaron clásicos das pasadas edicións de Viñetas, como o stand do Xabarín Club, que sempre serve para deixar constancia do impacto que tivo a TVG en moitas das nosas vidas á hora de enchouparnos da cultura popular actual (¿que sería de nós sen esas tardes vendo a Son Goku repartindo leña?).
Funcomic
Tras o éxito do ano pasado, a Asociación Cultural Funcómic volveu a pór á venda as súas orixinais chapas no seu stand, entre as que figuraban cousas tan bizarras como unha imaxe de David Hasselhoff facendo de Nick Fury nunha película para televisión que paga a pena esquecer ;)
Viñetas visto dende a Fundación NCG
Pero este ano Viñetas desde o Atlántico tamén é unha ocasión estupenda para visitar a Fundación Novacaixagalicia, onde está a ter lugar (ata fin de mes) unha exposición de ciencia ficción moi recomendable.
Estrela da morte
Poder ver unha maqueta da Estrela da Morte é todo un luxo.
Estrela da Morte e Casco de Vader
Aínda que moitos quedan decepcionados ao ver a auténtica escala da maqueta, de xeito que a xigante estación espacial ten máis pinta dunha bola de petanca :(
Ilustracións
Tamén hai algunhas ilustracións moi curradas que ilustraron carteis de películas ou portadas de revistas cinematográficas, así como fotografías asinadas e moito máis material de grande interese para os amantes do cine en xeral, e da ciencia ficción en particular.
Condensador de fluzo
E precisamente nesa liña está exposto ¡un condensador de fluzo! Si, a fonte de enerxía que permitía ao DeLorean de Regreso al Futuro viaxar no tempo. ¡Frikada máxima!
Superman e Kriptonita
Aínda que eu admito que boteille o ollo a un anaco de kriptonita. Vou mirar de roubala antes de que remate a exposición, porque se quero conquistar o mundo precisarei dalgo para poder derrotar antes a Superman, ¿non? :D
Máscara
Para min foi igualmente impactante poder ver que alí estaba a Máscara de Loki (ou sexa, a de La Máscara, que nada ten que ver coa película de Thor). Se o sei, levo traxe e a canción de Cuban Pete para montar un baile na Fundación.
Batman
Pero se tras a ExpoSyfy saídes con medo, tranquilos, que Batman está vixilando dende o alto do Banco Pastor. Ningún mal escapará da súa vista (¿ou iso tocáballe a Green Lantern?).

Mércores, 6 de Xullo de 2011

Belén Esteban promociona a revista El Jueves

Portada alternativa de El JuevesDespois da campaña publicitaria que a Casa Real fixo a El Jueves denunciando unha das súas portadas e levando ao secuestro dun número, chega agora Belén Esteban e denuncia á publicación satírica por unha das portadas alternativas que saen no seu interior (ou sexa, que ven catro gatos) o que dispara a visibilidade dun chiste que tería pasado desapercibido, no que é un exemplo de libro do coñecido como efecto Streisand.
Amais está o feito de que a polémica viñeta non reflicta a Belén Esteban, senón a unha moza xenérica practicando sexo cun toureiro xenérico, ou sexa, que é un simple exercicio de crítica, polo que a xente de El Jueves debería estar tranquila sobre a denuncia, de xeito que a cousa só terá unha repercusión para eles: maiores vendas e un filón para facer chistes as vindeiras semanas.
De todos os xeitos, dubido que a Estaban sexa capaz de eclipsar a Teddy Bautista ;)

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios