Luns, 22 de Agosto de 2011

¿Onde está Wall·E?

Para moitos buscar a Wally entre moreas de xente era todo un divertimento, pero hoxe propóñovos buscar ao robot cinematográfico Wall·E:
Onde está Wall·E?
Sei que é moi doado atopar á cativa criatura robótica de Disney, pero o que me fixo graza deste poster (que en breve estará dispoñible para a súa venda) foi a recompilación de robots de numerosas películas e series de televisión (e videoxogos): Star Wars, Terminator, Dr. Who, Futurama, Ulises XXXI, Os Supersónicos, Matrix, Robots, Furia de Titáns, O Dormilón, Spaceballs, Transformers, Lexx, Guía do Autoestopista Galáctico, Robocop, Comando G… con mención especial ás series da TVG Dick Spanner, Os Falcóns do Espacio e Buck Rogers no século XXV e a unha das miñas friki-películas favoritas: A Viaxe Alucinante de Bill e Ted (descubrín a película na TVG, e rematei mercando as dúas entregas en DVD).
Tamén resulta curioso poder ver entre tanto robot de ficción á mascota de Bad Robot. Para vós, ¿cal é o robot máis curioso da imaxe ou o que achega máis lembranzas?

Xoves, 14 de Xullo de 2011

O coellos tolos parodian a Harry Potter

Raving Potter
En novembro chegará á Xbox 360 un novo xogo dos coellos tolos de Rayman que fará uso de Kinect (teño bastantes ganas de probalo, pois este tipo de xogos tenden a ser tan chorras que fan graza) e para ir creando expectación non tiveron mellor idea que parodiar a estrea cinematográfica desta semana:

Aproveito para comentar aos seareiros máis fieis da saga de J. K. Rowling que esta tarde moitos cines programan unha sesión dobre coas dúas partes de Las Reliquias de la Muerte (ou sexa, que pola noite é posible ver a película que o resto dos mortais irán ver a partir do venres).

Mércores, 15 de Xuño de 2011

Link volverá a rescatar á princesa Zelda ¿Williams?

Zelda Williams xogando a Ocarina of Time
Descoñecía que o actor Robin Williams era tan friki que puxera de nome Zelda á súa filla polo videoxogo protagonizado por Link, pero vese que os de Nintendo escoitaron a curiosa anécdota e decidiron aproveitala para o anuncio televisivo que acompañará a The Legend of Zelda: Ocarina of Time 3D que chega este venres ás tendas para a Nintendo 3DS:

O anuncio é divertidísivo, e tamén podo confirmar que o xogo é unha pasada (probei a demo hai 3 meses), converténdose con toda seguridade no primeiro vende-consolas para 3DS (unha mágoa que non fose un xogo de lanzamento) e que chega xusto no ano no que a saga de Zelda fai 25 anos, deixando claro que algúns imos vellos, e que conceptos como Super Mario, Donkey Kong ou Zelda son tan bos que poden manterse no tempo como clásicos modernos.
A Nintendo 3DS está a tardar en calar, pero co novo Zelda e os xogos que van chegar de cara ao Nadal (como Kid Iccarus: Uprising, Mario Kart e Super Mario) parece seguro que vai ser toda unha supervendas. Aínda que hoxe non vexamos moitas 3DS polas rúas, apostaría algo a que 2012 vai ser o seu ano (especialmente se rebaixan algo o seu prezo ou inclúen algún xogo con certo pulo ao adquirila).

Martes, 14 de Xuño de 2011

Debate sobre Anonymous en RadioVoz

Perigoso membro de Anonymous en ExpOtaku
Comezo cunha imaxe dun perigoso membro de Anonymous durante a pasada edición de ExpOtaku para introducir o debate no que tiven a honra de participar en RadioVoz xunto con Enrique Dans e Javier Pedreira Wicho:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Falamos de Anonymous, para deixar claro que non son un grupo terrorista, que carece de cúpulas e que simplemente son un novo xeito de manifestarse na Rede. Podedes ver a polémica nota de prensa da Policía Nacional na súa páxina web, o vídeo da rolda de prensa na páxina web de RTVE, o artigo sobre o tema que escribiu Enrique Dans (ou mesmo o que escribín eu) e o artigo que publicou Dans en El País ao que fai referencia na tertulia radiofónica.
Resumindo: ¿Quen é Anonymous? «Fuenteovejuna, señor».

Martes, 7 de Xuño de 2011

Darth Vader en Disneyland

Na última semana preto de medio millón de persoas viron en YouTube o anuncio de Star Tour, un novo espectáculo de Disneyland que quere ver o noso temido Darth Vader:

Despois de ver o vídeo estanme a entrar ganas de ir a Disneyland… ¡disfrazado de Darth Vader! ¿Alguén que se apunte a tal frikada? No caso de que non haxa entradas para Disneyland, sempre podemos ir a Rascapicalandia :D

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios