Archive for Xullo, 2012

Cartel de Viñetas desde o Atlántico

Categorías: Comics, Eventos
Comentarios desactivados

Tras a publicación da listaxe de convidados e exposicións na vindeira edición de Viñetas desde o Atlántico, finalmente xa podemos ver o seu cartel, obra de Joaquim Aubert Kim:
Cartel de Viñetas desde o Atlántico 2012
Sorprendeume bastante o retraso da publicación da imaxe, que chega un mes máis tarde que o ano pasado, pois normalmente o cartel era coñecido antes que a listaxe completa de convidados. Esperemos que o resto de cousas non saian ao revés e teñamos unha boa edición da principal festa galega da banda deseñada.


Ghost In The Shell en Marineda City

Categorías: Cine, Comics
Comentarios desactivados

Ciclo de Anime en Marineda City
Mañá ás 20:00 horas poderá verse nas pantallas de Cinesa en Marineda City a magnífica e imprescindible película de animación Ghost In The Shell, baseada nun manga igual de significativo, e que inspirou claramente as escenas de tiros da primeira The Matrix á vez que introduce moitos conceptos cyberpunk que tamén son de agradecer para os que gusten de tal representación cultural.
O xoves 2 de agosto a película que continuará o ciclo será Evangelion 2.22, para rematar o día 9 con Fullmetal Alchemist: La Estrella Sagrada de Milos. Calquera destes filmes poderá verse por só 3 euros, e agardo que as proxeccións sexan todo un éxito para que repitan no futuro con outras producións.
Eu, pola miña banda, mañá perdereime a obra mestra de Mamoru Oshii, porque estarei na Quintana dos Mortos imitando a Carlton Banks:


O Señor da Noite érguese

Categorías: Cine, Comics
Comentarios desactivados

Batman
Tras ver The Dark Knight Rises teño sensacións enfrontadas: por unha banda a película non é o desastre que agardaba (aínda que non estea á altura das 2 entregas anteriores) e, por outra banda, pecha bastante ben a triloxía de Christopher Nolan. E precisamente isto último é o que máis me sorprende do filme, porque chegado o momento enténdese a triloxía como un todo, e iso agradécese.
Bane contra Batman
A película combina varios argumentos do cómic (La Caída del Murciélago, Tierra de Nadie e algúns detalles de varias aventuras de Catwoman) co acontecido nas dúas entregas anteriores, construíndo algo sólido, aínda que con carencias. Posiblemente a película intentou ser demasiado grande: moita duración (da película, que non da acción, que transcorre en 2 ou 3 días separados por un lapso de varias semanas), moitos personaxes (as ligazóns persoas que se establecen entre persoas que acaban de coñecerse carecen de credibilidade), multitude de cameos (poderiamos dicir que só faltou Heath Ledger por motivos evidentes, e incluso fan acto de presenza algúns personaxes que non se poden citar sen facer un spoiler), demasiadas explosións… e curiosamente, moi pouco Batman. Ao final, de querer ver unha boa película de Batman, habería que quedar coa primeira entrega da saga.
Bane
Coido que o principal fallo de The Dark Knight Rises é o antagonista de Batman, Bane, que no cómic era un personaxe bastante patético (ata se fixo dos bos para intentar atoparlle sitio en distintas coleccións) e claramente non estaba á altura de Ra’s Al Ghul, Joker e Dúas Caras, pero supoño que o elixiron porque Riddler, o Pingüín ou Mr. Freeze resultarían tan lamentables como nas películas anteriores. Probablemente se elixisen un malo pouco coñecido (a galería de viláns de Bats é inmensa) e unha historia máis modesta, podería saír a cousa mellor (por exemplo, o Espantallo de Batman Begins foi todo un acerto).
Catwoman
Tamén podemos dicir que Catwoman forma parte desta produción para que Anne Hathaway faga de bonito floreiro enfundada en coiro, aínda que tampouco é que amosase moito a súa sexualidade máis aló da súa indumentaria. Vese que non era por aí por onde quería ir Nolan (nas outras películas tamén fuxiu de personaxes como a Vicky Bale de Kim Bassinger, a Catwoman de Michelle Pfeiffer ou a Poison Ivy de Uma Thurman), e case apostaría algo a que Hathaway está nesta obra por motivos comerciais (para saír nos carteis, vaia).
Bruce Wayne
Pola contra, Christian Bale, Gary Oldman, Michael Caine, Morgan Freeman e mesmo Joseph Gordon-Levitt están espléndidos nos seus papeis, cada un cos seus grandes momentos. Case é unha mágoa que non continúen coa saga, pero posiblemente sexa mellor así. Terei que agardar un tempo para poder valorar esta triloxía con perspectiva, pero polo momento quedo con que estamos ante un bo peche de saga, algo que é moito menos frecuente do que debería. Saber pór un final a unha historia é algo que cada vez agradezo máis en cine e televisión, e Christopher Nolan soubo dar unha lección sobre como facelo ben (aínda que moitos poidan discrepar ao ver os últimos minutos da película, pero iso xa sería cuestión de gustos).


Cardigan Bridge na TVG

Categorías: Música, Televisión
Comentarios desactivados

Esta mañá sorprendeume atopar na portada da páxina web da TVG unha actuación de Cardigan Bridge no programa Eirado:

Parabéns a Rebeca por ter acadado tal visibilidade na web da televisión pública do país.


As mortes comunícanas os médicos

Categorías: Internet, Televisión
Comentarios desactivados

The Newsroom
Aaron Sorkin está a agasallarnos ultimamente cunha nova serie de televisión magnífica, The Newsroom, que emite a HBO nos EE.UU. e que agardemos que pronto chegue a España, pero o episodio desta semana, pese a estar ambientado en xaneiro de 2011, está moi de actualidade, pois nun momento moi tenso da acción o equipo de informativos televisivos que protagoniza o serial atópase na encrucillada de anunciar ou non o pasamento da política Gabrielle Dee Giffords tras padecer un atentado, pois non recibiran confirmación oficial e, partindo dunha única fonte non fiable, outras cadeas de televisión (MSNBC, Fox e CNN) estaban a difundir a nova da morte. Will McAvoy (Jeff Daniels) optou pola prudencia, e finalmente a súa nova foi que estaban a intervir cirurxicamente a Gabby, o que resultou nunha desas pequenas vitorias do traballo de xornalista (Giffords está viva actualmente, aínda que deixou a política activa para centrarse na súa recuperación física).
Nun momento en concreto, un directivo da cadea entra no plató de informativos esixindo que difundan a nova do falecemento aínda non confirmado, e McAvoy solta un maxistral “It’s a person. A doctor pronounces her dead, not the news”. ¿Por qué digo isto? Pois porque esta noite estamos a vivir unha situación semellante por culpa dunha mensaxe en Twitter:
tweet de Íñigo
Paréceme incrible que só por tal anotación dun compañeiro de profesión (que non dun familiar ou dun achegado) moitos medios como o diario El País publiquen titulares como “Se va la voz de Eurovisión”, para logo editar a nova sen indicar en ningún momento que cometeron un erro, coma se non pasase nada. Pero aínda máis atrevidos foron os do Huffington Post, que deben de estar interesados en coller sona de ser o medio menos fiable de España, pois non só abusan de titulares e temáticas provocadoras, senón que ousan colocar en portada e a tamaño xigante unha nova sen confirmar:
The Huffington Post
Unha noite triste para a familia de Uribarri e para o xornalismo, que está a esquecer tanto os valores da profesión como da sociedade.
É moi probable que cando me erga pola mañá Uribarri xa non estea entre nós (agardemos que non sexa así), pero iso non xustifica o comportamento carroñeiro dalgúns medios, aínda que sexa só por respecto á familia do presentador de televisión. Esperemos que mañá teñan a decencia de desculparse.

ACTUALIZACIÓN: Íñigo segue sen publicar unha rectificación a través de Twitter, o que non lle impediu publicar chorradas varias. Por outra banda, Alejandro Macías comentou na Radio Galega que a metedura de zoca de Íñigo foi despois de que o diario El Mundo publicase a nova do falso pasamento de Uribarri (ou sexa, que sería un medio tradicional o culpable de todo isto, aínda que agora agochen a man). Curiosamente o buscador interno de ElMundo.es segue a amosar unha nova co título Muere José Luis Uribarri, ‘la voz’ de Eurovisión que agora redirixe á unha nova actualizada con informacións de axencia. ¿Tanto custa desculparse?
Ao parecer o estado de Uribarri pasou de crítico a grave. Veremos como remata a historia, e se, cando menos, algúns sacan unha lección de todo isto.


Volven á televisión as Tartarugas Mutantes

Categorías: Música, Televisión
Comentarios desactivados

Teenage Mutant Ninja Turtles
¿Lembrades a cabeceira da vella serie de televisión das Tartarugas Ninja? Pois o retrouso dese tema recupérase para nova serie que está a preparar Nickleodeon, e que ten moi boa pinta:

Faríame graza que a TVG adquirise a serie e volvese a contar con Manuel de Andrade para a súa sintonía, como contraste ao papel que actualmente fai no Luar ;)

Por se alguén ten dúbidas sobre o ton da nova serie televisiva, queda claro que, aínda que os personaxes protagonistas son claramente violentos, conseguen convertelos en figuras aptas para todos os públicos como xa conseguiran na serie orixinal, como podemos ver nun fragmento do que chegará en breve:

Iso si, tamén souberon acertar coa animación á hora de amosar combates impresionantes:

Sen dúbida estaremos ante unha boa serie de animación que botará a andar nos EE.UU. o 29 de setembro e a tempada terá un total de 26 episodios (de media hora). Agardemos que os cativos españois poidan vela por aquí cedo.