A película de Los Vengadores está a arrasar nas taquillas de todo o mundo, con 200,3 millóns de dólares recadados na súa primeira fin de semana nos EE.UU. (superando os 169,2 millóns da derradeira de Harry Potter), elevando moito o listón para a nova de Batman que chegará no verán. Nun principio non tiña pensado falar dela neste espazo, pero ao final, despois de atopar un par de críticas nefastas non puiden evitalo.
E non, non me refiro ao punto de vista de Pedro Angosto Muñoz, que pese a ser polémico, non deixa de ter razón en moitos dos detalles que apunta, pois é de xustiza dicir que o filme baséase no Ultimates moito máis que en The Avengers. Dito doutro xeito: buscar fidelidade co cómic é ridículo. A película non adapta o cómic de Los Vengadores, senón que continúa as anteriores películas da Marvel. Nin máis nin menos. E para min é dabondo, pois estamos ante unha obra que entretén pese á súa duración (non entendo por qué a película dura máis de 2 horas, cando podía contarse toda a historia en 90 minutos sen omitir partes esenciais).
Logo, ¿que foi o que me molestou? Pois a achega que fixeron á película dende a Cadena SER, onde omiten todo rigor á hora de abordar a que podería ser a película máis taquilleira do ano.

Dá vergoña allea escoitar a candidade de pifias que soltan ao falar de Los Vengadores na SER: levan mal a conta do número de películas por personaxe (¿Iron Man 3?), din que o Joker era Heather Graham (¿non quererían dicir o actor Heath Ledger en vez da actriz de Austin Powers. La Espía que me Achuchó?), confunden a S.H.I.E.L.D. con The Shield, comentan que na nova de Batman sae Kaine (que é un personaxe de Spider-Man… na de Bats o que sae é Bane)… ¡Menos mal que ao programa convidaron a sabios do cómic!
Podedes escoitar o corte de La Ventana a continuación:

Cando menos acertaron ao apuntar que o parecido de Hulk co actor que o interpreta está moi logrado.
Pero a cousa aínda pode ser peor, e se non, mirade a crítica que fai Pumares da película:
Se substitúes o título de Los Vengadores polo de calquera outra película terías unha crítica igualmente válida. Ata parece que Pumares non foi ver o filme, pero cando menos serve para botar unhas risas
Agradezo que falen de películas de superheroes nos medios, pero agradeceríase un pouco de respecto para os millóns de persoas que gozamos destes títulos. É como cando no xornal lemos como sinopse dunha película que é outra de Steven Seagal, Van Damme ou Jackie Chan, cando calquera deles ten filmes coidados e entretidos e auténticos putruños. Cando recorremos á crítica queremos información e non recheo.
pois mira oh! o outro día meu sobriño de once anos pediume de favor ir vela! eu que non gosto en prinipio de pelis así, pensei: mimadriña de dios o que hai que facer por un sobriño! e fun, e gustoume. Sí, gustoume moito. Dos criticos eu diría como Hulk: Dioses a mi, zas!
Momentazos: hulk é o millor sen dúbida, o mellor dos superheroes! o momento no que o prota de parís texas sae na nave industrial co doutor en bolas, é mortal, facía moito que non vía ese actor!