Archive for Maio, 2012

Xa estamos a punto gal

Categorías: Internet
Comentarios desactivados

presentación
Onte celebrouse no auditorio da Biblioteca de Galicia un acto para dar conta de que a Asociación PuntoGal fixo os deberes e presentou a candidatura do .gal, dominio de primeiro nivel que aspira a representar a lingua e a cultura de Galicia na Internet. Deste xeito, e se todo vai ben, en cousa dun ano igual marcus.es pasa a chamarse marcus.gal ;)

Pero, como neste espazo tendo a porme rosmón, quixera criticar certa cobertura mediática que se produciu co do .gal, da que non tiña constancia. Veredes, no evento non faltaron fotógrafos e cámaras de televisión, o que fíxose notar coa repercursión que tivo a presentación nos informativos, de xeito que falaron do acto no Telexornal da TVG:

Non se esqueceron de nós os de Correo TV (dende aquí unha aperta a Milucho, que foi a quen lle tocou cargar coa cámara ata a Cidade da Cultura):

E incluso deron conta do evento en V Televisión:

En vista diso, ¿como é que o diario La Voz de Galicia pasou de cubrir como é debido o anuncio do que podería ser un importante avance para a nosa cultura e lingua? O xornal limitouse a copiar e pegar unha nota da axencia EFE na súa páxina web, mentres que na edición impresa relegou a información a unha pequena columna lateral:

PuntoGal en La Voz

Iso pareceume francamente mal, pois no xornal apareceron outras novas sobre tecnoloxía moito menos relevantes, con chorradas como o teléfono con sensor de radiación que van lanzar no Xapón, espazo que podería terse aproveitado para dar a coñecer mellor o que suporá a estrea dun dominio de primeiro nivel na Rede que poida facer de estandarte da nosa comunidade.

De todos os xeitos, cada vez teño menos en conta o criterio editorial de La Voz, que é capaz de publicar 3 veces no mesmo día unha chorrada sobre o doodle de Google, nova que é totalmente de recheo:
Fabergé en La Voz
¡Manda huevos! (de Fabergé)

Agardemos que no futuro non se repita o menosprezo á iniciativa do PuntoGal, pois os vindeiros pasos van ser moi relevantes, e que a cabeceira de prensa de referencia na nosa comunidade pase olimpicamente do tema non axuda.

parte da directiva da Asociación PuntoGal
De todos os xeitos, dende a Asociación PuntoGal estamos moi contentos por ter chegado a este punto, e no verán comezará o proceso no que se decidirán os dominios de primeiro nivel que poderán botar a andar en 2013 (que poden ser varios centos, mudando en parte o xeito de vermos a Internet). Agardamos estar entre os primeiros elixidos, para poder mellorar a nosa visibilidade na Rede e, de paso, levar a compañías como Microsoft ou Google a ter servizos en liña personalizados para a nosa comunidade sociolingüística.


ExpOtaku 2012: outro éxito friki na Coruña

Categorías: Comics, Eventos, Televisión, Videoxogos
Comentarios desactivados

Esta tarde achegueime un intre a ExpOtaku, para ver como fora esta edición, e sorprendinme ao ver que mudaran o lugar do evento (seguía a ser en EXPOCoruña, pero noutra zona distinta do recinto) e parecía que todo era moito máis grande. Había máis espazo, polo que non un non afogaba no contorno, aínda que supoño que no día de onte a cousa non sería así, pois durante a xornada do sábado había máis de 3.000 visitantes (aos que se sumaban o medio milleiro de participantes da Arroutada Party). Vaia, que tiña que ser toda unha festa, que nestes 3 últimos días debeu de superar os 5.500 asistentes, deixando constancia que o eventos frikis na Coruña teñen un público consolidado.

Dr. Who en plan PulipsYoda servicial
Xa dentro do recinto atopei inicialmente un expositor con bonecas Pulips que provocaron en min unha sensación contraditoria, pois había unha desas figuras personalizada para representar a versión do Dr. Who de David Tennant, polo que non sabía se amala ou odiala ;)
Tamén había un Yoda bastante chulo nunha das tendas, que incluso podería quedar ben na Festa do Melindre, sostendo unha boa piña de doces do Cerne de Galicia.

monstros de ganchillo
Tamén pareceume curiosa unha mesa na que había unha chea de monstros de ganchillo, que é unha desas cousas que vemos en encontros semellantes, e que acaban gañando o corazón do público (como as marabillas que fan algúns con Hama Beads).

bonecos varios
Tamén había distintos bonecos de fabricación industrial entre os que estaban Yoda, Seiya, Pac-Man, Yoshi… e unha criatura peluda coa que non contaba nin de coña (o Junior da familia Gori de Fraggle Rock).

PedobearMario tanooki
Pero hai unha cousa que non parece faltar nos eventos frikis aos que vou ultimamente: ¡pedobear! Aínda que, falando de personaxes cun disfraz de animal, gusto bastante máis do Mario vestido de tanooki, imaxe que fixo que Super Mario 3D Land sexa un xogo inesquecible.

futuros membros da Tropa Korriban
E xa que lembramos ao pedobear, non é o único que ten en común ExpOtaku con Xuventude Galicia Net, pois por aquí tamén pasou a Tropa Korriban. Eu pillei coa cámara a uns posibles reclutas da formación, destacando o coidado disfrace dunha das mozas (que non dubidaba en posar coas súas 2 espadas) e as lentillas vermellas dun dos seus acompañantes (impresionaban bastante).

Álex García en ExpOtaku
Pero postos a aparecer caracterizado, un dos visitantes que causou máis furor foi Álex García, autor de Terra de Man, que parecía pasalo moi ben sacando fotografías con moita xente.

Son Goku
Incluso pillei ao propio Son Goku facendo unhas compras de última hora polas tendas que había no recinto.

Videoxogos

videoxogos
Había bastante presenza de videoxogos, tanto nos elementos á venda (camisetas, bonecos, xogos…) como nos campionatos e no uso libre de consolas que había en ExpOtaku, que curiosamente contaban persoas difrazadas de personaxes de videoxogo entre o público (como o Link de The Legend of Zelda).

videoxogos retro
Pero o que quizais chamaba máis a atención eran as consolas retro, que aínda que non contaban coa variedade do ano pasado (que era un anticipo de RetroCoruña), demostraba que os videoxogos clásicos nunca morren.

iWine
Para rematar, dirixíndome á saída atopei que, xunto aos contedores do lixo había unha chega de caixas de viño Paco & Lola e iWine, quedando coa dúbida de se foi consumido pola xente da Arroutada ou polos otakus. Gústame ver como tal marca de viño logra ter presenza en case todos os eventos tecno-frikis da nosa comunidade.


A LaconNetwork toca o ceo (a nivel friki)

Categorías: Eventos, Internet
Comentarios desactivados

Na vida podemos pór prezo a moitas cousas:
- A peaxe de autopista de A Coruña a Santiago de Compostela: 5,50 €
- O xantar na 28ª edición da LaconNetwork: 21 €
- Atopar no Hotel Los Abetos a Sara Montiel: non ten prezo. :D
Sara Montiel na LaconNetwork
Sen dúbida a fotografía de Frankie Gómez e Josuke coa Montiel foi a anécdota da xornada, e só por retratar tal momento xa compensou a xuntanza, que foi tan agradable coma sempre, cun relatorio de apertura interesante e moita xente compartindo os seus novos proxectos, para que saibamos que o sector TIC galego no para de producir. ¡Así dá gusto! Ou como diría a diva: ¡Marvelous!

A xornada só podería ter rematado mellor se conseguisen gravar un vídeo con Georgie Dann (quen tamén visitaba esta noite o Luar da TVG).


R U Cyberpunk
Ao ver esta imaxe publicada en Boingboing botei unhas risas, pois estaba claro que era unha esaxeración un tanto cómica, pero reflexionando un pouco a cousa dá que pensar. ¿Por qué? Pois porque vemos moitos trebellos que nos anos 90 estaban presentes no mercado dun xeito normal, e que agora están practicamente extintos. Así, ao igual que na primeira metade do século XX a ciencia ficción amosaba un ano 2000 con coches voando e sen Internet, nos 90 fallamos estrepitosamente ao non ser quen de prever o éxito dos smartphones.
Repasemos algúns dos trebellos que se ven na imaxe:
- cámara de vídeo
- minidisc
- escánner de man de Logitech (¡Eu tiña un! ¡Con 32 niveis de gris!).
- reprodutor multimedia de CD portátil
- gravador de vídeo
- teléfono móbil
- portátil
- revistas de tecnoloxía
- busca
- GPS
- micro-cámara
Resulta arrepiante comprobar que as funcións de toda esa cantidade de ferranchos collen agora no peto nun único dispositivo capaz de chamar por teléfono e mandar mensaxes, gravar e reproducir contidos multimedia, xeoposicionarnos, consultar información… e moitas outras funcionalidades que nin sequera poden facerse coa trapallada que pode verse na fotografía (como recoñecer imaxes e voz, guiarte polas estradas ou permitir videoconferencias en grupo e transmisións en tempo real).
¿Hai algunha dúbida de que os smartphones cambiaron para sempre o sector tecnolóxico? E os tablets tamén parecen ir polo mesmo camiño. Estamos a vivir unha revolución, e chega con botar a vista atrás un par de décadas para poder facer reconto de todos eses cambios. O peor de todo é que no camiño estamos a encher o mundo de refugallos tecnolóxicos.


ExpOtaku volve mañá á Coruña

Categorías: Comics, Eventos, Tecnoloxía, Televisión, Videoxogos
Comentarios desactivados

ExpOtaku 2012A vindeira fin de semana na cidade de A Coruña vai estar o epicentro do frikerío peninsular, pois no recinto de EXPOCoruña van coincidir dous grandes eventos: a 2ª LAN Party máis lonxeva de España (Arroutada Party) e ExpOtaku. Ou sexa, que afeccionados á Informática, o manga e o anime van xuntarse baixo o mesmo teito, o que promete ser tan divertido como curioso.
O venres botará a andar a 3ª edición coruñesa de ExpOtaku, celebración megafriki que foi un grande éxito nas edicións anteriores, gozando de moito público, e destacando a cantidade de xente que acode disfrazada dos seus personaxes de anime ou videoxogos favoritos.
O programa de actividades de ExpOtaku é moi completo, e inclúe numerosos concursos, torneos de videoxogos, obradoiros, proxeccións, concertos… e nin sequera faltará a Tropa Korriban. ¡Non podedes faltar!

Para que poidades facervos unha idea do que pode verse en ExpOtaku, quixera compartir aquí unhas imaxes da pasada edición, na que podemos ver que é un lugar ideal para facerse con numerosos obxectos frikis (na primeira edición eu merquei unha figura dunha tartaruga ninja que aínda teño no salón ;) ):
Todoconsolas en ExpOtaku

Cosplay a tutiplén

Aínda que unha das cousas que destacan máis é o cosplay masivo, e en moitos casos rechamante.
Se ben gustei do ben que ían unhas rapazas de personaxes de Final Fantasy XIII (mentres que o ano anterior quedara abraiado polos disfraces de Metal Gear Solid que levaban algúns):
Cosplay de Final Fantasy XIII
No caso de Pokémon non podo dicir o mesmo (¡¿un disfrace de Pikachu?!): :D
¡¿Pikachu?!
Logo hai mozas que botáronlle moito valor á hora de elixir o seu atavío:
Cosplay de Asuka Langley Soryu (Evangelion)
Pero supoño que acudiron tranquilas porque sabían que o lugar estaría vixiado pola atenta mirada de Mario, disposto a machucar a calquera koopa que se pase da raia:
Mario is watching

A Asociación de Informática Clásica tamén estivo presente

Super Nintendo
Os que non queiran confiar en Mario tamén poden controlalo directamente co mando dunha Super Nintendo, pois o encontro conta cunha zona retro da que gustei especialmente e coido que este ano van darlle bastante importancia a Mario, polo feito de que o seu creador recibirá un Premio Príncipe de Asturias.

Xogando ao Street Fighter II nunha recreativa en ExpOtaku
Espero que a figura de Mario non faga que os máis habituais esquezan que este ano é o 25º aniversario de Street Fighter, e aproveiten para botar os piques de sempre. Eu aínda teño unha partida pendente a outro xogo de loita dende o ano pasado, pois a Dreamcast coa que estabamos a xogar quentouse moito e deixou de funcionar xusto no combate de desempate.

ZX Spectrum +2
Unha das cousas que tamén me fixo ilusión o ano pasado foi ver un ZX Spectrum +2 coma o que tiña a finais dos anos 80. De feito, ata tiña varios dos xogos que se vía na mesa (Donkey Kong e Breakthru formaban parte da miña colección porque viñan en El Lingote de ERBE, xunto con outros xogos magníficos como Batman, Gauntlet, Arkanoid, Xevious e The Great Escape). Por culpa diso, varias semanas despois tamén piquei e achegueime a RetroCoruña ;)


Enrique Dans no Xuventude Galicia Net 2012
O pasado día 5 coincidimos co profesor e blogueiro Enrique Dans no Xuventude Galicia Net, onde el estaba a impartir un relatorio e no que o programa Banda Ancha da Radio Galega emitíase en directo, polo que aproveitamos a ocasión para falar cun dos ídolos de Enjuto Mojamuto, o que serviunos de base para unha entrevista que publicamos na revista Código Cero, que adiantou a súa edición en formato dixital para celebrar o Día das Letras Galegas (estará dispoñible en papel a semana que vén). Velaquí tedes un resumo da conversa con @edans:

Enrique Dans: «A adopción da tecnoloxía depende da proposta de valor»

Enrique Dans é profesor de Sistemas de Información na IE Business School dende 1990, é colaborador habitual de numerosos xornais e revistas sobre temas relacionados coa Internet e a tecnoloxía e leva dende hai máis de 9 anos un dos blogs en español máis populares a nivel mundial, enriquedans.com. En 2010 Ediciones Deusto S.A. (Grupo Planeta) publicou o seu libro Todo va a cambiar. Tecnología y evolución: adaptarse o desaparecer baixo licenza Creative Commons e dispoñible en distintos formatos.

O mes de maio comezou coa celebración do encontro informático Xuventude Galicia Net, que contou con numerosas actividades entre as que destacaron unha serie de relatorios que contribuían, entre outras cousas, a que a mocidade se animase a emprender, e dentro destas charlas destacou o profesor e blogueiro Enrique Dans, que baixo o lema de “a Rede, os cambios… e ti” pretendía ilustrar o moito que cambiou a Internet nos últimos anos, afectando profundamente ás nosas vidas e abrindo moitas oportunidades para a mocidade e todo o que actualmente entende a nova linguaxe de comunicación nacida na Internet, e á que boa parte da sociedade é allea.
Aproveitando a visita de Dans, puidemos falar con el dos temas sobre os temas que abordou tanto durante o seu relatorio coma no seu libro Todo va a cambiar, editado hai un par de anos, e que serve de lente para ollar esta evolución constante das TIC.

Enrique Dans co seu libro- O seu libro responde ao título “Todo va a cambiar”. ¿Podemos entendelo como unha mensaxe para boa parte da poboación?

- O título non vén dunha reflexión miña, senón do meu editor (Roger Domingo), que sostiña que non podía escribir para o público do meu blog, senón para todo o mundo. Se eu publicase un libro que se chamase “todo cambiou” a xente diría que “non mudou, eu continúo a facer o mesmo”, e moita xente aínda está nese momento, polo que fixemos un libro que sostén que todo vai cambiar, para asegurar na súa fin que todo xa cambiou.

- O texto publicouse baixo licenza Creative Commons, instando a compartir os seus contidos na Rede. ¿Foi unha decisión atinada? ¿Pensa que a súa editorial volvería a repetir tal ousadía?

- Neste caso, sen dúbida que si. Eu tiña un grao de liberdade que normalmente o autor non ten, grazas a que foi a editorial a que quería o libro e podía pór as condicións. Considerei que non era coherente publicar un libro cun copyright estrito. E demostrou funcionar, pois o normal nun libro deste tipo sería ter boas vendas con 3.000 exemplares, e neste caso publicáronse 10.000 de vez, comezando cunhas vendas bastante boas, pero ao aparecer copias do libro en páxinas web de ligazóns as vendas non foron para abaixo, foron para arriba. Canto maiores eran as posibilidades de descarga do libro, mellor foron as vendas; polo que ao final decidín facer a miña propia edición dixital en todovaacambiar.com.

- Ao igual que hoxe en día os xornais xa non poden limitarse a edicións diarias, ¿podemos estar ante a emerxencia de libros actualizados constantemente grazas ás posibilidades do dixital?

- Nalgúns libros ten moito sentido. O que pasou con Todovaacambiar.com é que apareceron moitos comentarios dos que a maioría son correccións, pero que nalgúns casos corresponden a puntualizacións que enriquecen o libro de verdade. Amais, esa edición fíxena bastante tarde, case un ano despois do lanzamento do libro, o que provocou que as vendas do en papel volvesen a subir.
O libro foi bestseller (agora no almacén quedan uns 200), pero grazas aos distintos modelos de publicación (primeiro a edición física orixinal, logo por fascículos nun diario económico e finalmente a edición dixital que contou con patrocinios) cobrei polo libro 3 veces en vez de 1. Economicamente estou encantado.

Enrique Dans durante o seu relatorio no XGN 2012-¿E trasladar ese mesmo tipo de interacción a outros ámbitos da comunicación como a televisión grazas aos novos televisores?

- O televisor conectado é un televisor cun ordenador pequeniño, pero en realidade temos ordenadores moito máis potentes e moito máis versátiles que os podemos pór ao lado da tele, o que fai cada vez máis xente, e a canle que máis se ve é TeleTorrent ou TeleMula. Para motos contidos é moito máis agradable podelos ver no momento que queres, coas pausas que queiras… deixando a televisión tradicional para os eventos en vivo e para as retransmisións que non ten sentido ver noutro momento.

-¿Que falta entón para que poidamos ver que a tecnoloxía pase a ser un elemento habitual e transparente na meirande parte do fogares?

- A adopción da tecnoloxía depende da proposta de valor, que cada vez chega a máis xente. Dispositivos tes de moitos tipos, pero o importante son as cousas que unha persoa pode facer con eles. Deste xeito un dos grandes problemas é que actualmente as ofertas de contidos están moi fragmentadas. Non se pode esperar seriamente que teñamos contratadas 8 ou 9 subscricións a distintos servizos, porque ningún conta cun catálogo completo. A Industria ten que competir coa oferta que está dispoñible nas canles irregulares.

- Iso lévanos a comentar a sona que en España temos de piratas.

- É pura difamación. A cuestión é a situación de mercado. Se aquí puxesen varias plataformas de contidos con condicións razoables poderiamos ver como se reducen as descargas. Aínda que a alternativa ás canles oficiais vai estar sempre.

Enrique Dans no programa Banda Ancha da Radio Galega-¿E non supón un atranco o feito de que os contidos dixitais carezan dun soporte que poidamos posuír cando pagamos por eles?

- Non vexo que haxa unha barreira real. É cuestión de atopar os servizos que realmente interesen. Que quiten problemas en vez de dalos. Actualmente se descargo unha canción de iTunes vou ter problemas para pasala a outros dispositivos, polo que resulta máis doado baixar a canción do Torrent que baixala dun sitio do que non son especialmente sensible ao prezo. Resúltame máis conveniente descargar unha película que pagar por vela en certas plataformas.
No caso dos libros electrónicos o DRM fai que incluso non sexa posible completar a compra dun libro, pois para o usuario medio é como dar cacholadas contra unha parede ao requirir a instalación de numerosos programas para completar o proceso de adquisición.

- En vista destes problemas, ¿cara onde pensa que imos no sector tecnolóxico?

- O futuro é complicado porque as autoridades están a ver a tecnoloxía como unha ameaza e intentan controlala, para o que utilizan escusas de todo tipo (pornografía infantil, piratería, ameazas terroristas…), que non xustifican a censura, xa que en vez de tomar medidas reais contra eses problemas, agóchanse debaixo da alfombra e empréganse como argumento para controlar todo o que facemos na Rede; e iso non pode ser, pois levaríanos a andar na Internet enmascarados, e así rematará por non poderse perseguir nada, ningún delito de verdade.
O que están a dicir os políticos da Internet resulta preocupante, pois non están na Rede en realidade, non a entenden, pensan que todo é negativo… e van tomar as decisións sobre o que poderemos facer nela. É un atranco importante para o desenvolvemento da Rede. Ten que haber un relevo xeracional na política, porque se non estaremos rexidos por xente analfabeta dixital.
Ter representantes que contestan a cousas na Rede, que usan o Twitter, que ven como son recibidas as súas opinións e declaracións… é moito máis importante do que parece.

Aproveito a ocasión por agradecer a Enrique a súa sempre boa disposición. Xa temos coincidido nas ondas radiofónicas, e pese a ser unha persoa cunha axenda moi apertada, nunca pon atrancos para achegar o seu punto de vista sobre os temas da actualidade tecnolóxica que poden resultar de maior interese para o público en xeral.