As vítimas da tecnoloxía
Estes días está a falarse moito da obsolescencia de modelos de negocio coma o do cine ou a música co gallo do peche dos servidores de Megaupload, pero o certo é que a tecnoloxía está a afectar a moitas outas cousas que antes considerabamos cotiás, como amosan nun esaxerado vídeo promocional (que descubrín no blog de Sonia Blanco) do libro Digital Leader do autor de Socialnomics:
Digo que é unha esaxeración porque tecnoloxías como as peaxes de autopistas automáticas levan moitos anos funcionando, e non substituíron ás tradicionais totalmente, simplemente porque pensar que toda a poboación vai adoptar masivamente as novas tecnoloxías non é realista. Pero que os reloxos de pulso, os tocho-manuais de instruccións de moitos produtos, os mapas, os espertadores e os DVD teñen os días contados como produtos masivos está clarísimo. Non penso o mesmo da televisión (os medios pasivos seguirán tendo peso) e a radio terrestre (iso da radio por satélite só está de moda nos EE.UU.); mentres que dos xornais e dos libros en papel, aínda que estou seguro de que quedarán coma produtos marxinais, non é algo que vaia acontecer en só 6 anos.




2 comentarios realizados
1. dorfun escrito o 24 de Xaneiro de 2012 ás 14:35
…paréceme unha conversa interesante discutir se as tecnoloxías “substitúen” por sí mesmas ou mediante accións dirixidas …quero dicir, se hoxe desaparecesen todas as persoas traballadoras das peaxes en favor de dispositivos electrónicos é porque a tecnoloxía mellora ás persoas ou porque houbo intereses nesa substitución? …foi ese o caso da eliminación dos manuais? ou da decadencia dos DVD/BR?
2. Marcus escrito o 25 de Xaneiro de 2012 ás 13:17
Sobre os intereses da dixitalización foi moi interesante o relatorio de Genís Roca durante o TEDxGalicia, no que comezou dicindo que a cousa comezou coa Industria querendo incrementar o consumo (como cando a música pasou ao CD e o cine ao DVD) pero que finalmente fóiselles das mans, de xeito que agora non ten sentido a cultura como produto senón coma servizo.
O caso das peaxes está claro que é cousa de aforro, pero no dos manuais diría que é un pouco de cada (normalmente custa moito facelos, non serven para nada e constitúen a incrementar os refugallos). Supoño que cada caso de dixitalización ten os seus matices, pero o que resulta evidente é que estamos nun momento no que están a caer coma moscas negocios establecidos durante décadas e que pensaban vivir para sempre. E en moitos casos resulta imposible a súa reconversión (poden emprender outros proxectos, pero moitos modelos de negocio están condenados).