Luns, 31 de Outubro de 2011

Xurxo participou na Carreira Pedestre

Xurxo Otero na PedestreOnte o meu irmán Xurxo madrugou para participar na XXIII Carreira Pedrestre Popular de Santiago de Compostela, evento multitudinario que ao estar organizado polo Grupo El Correo Gallego padeceu unha especie de eclipse informativo, de xeito que os medios de comunicación galegos (agás os que están detrás da competición) non falaron nin dos milleiros de participantes nin das repercusións que tiña a celebración da carreira no tráfico urbano compostelán :(

Eu non acabo de entender por qué os participantes elixiron un percorrido de 12 quilómetros para chegar da Avda. de Xoán XXIII á Praza do Obradoiro, pois están a 600 metros :o ¿Non é un rodeo un tanto parvo?

Pero volvendo á competición, admito que foi toda unha sorpresa ver o ben que rematou Xurxo, cun digno posto 837 e un tempo de 53 minutos, mentres que o meu curmán Anxo tivo que conformarse cun posto 1.678 e un tempo de 59 minutos (impresiona a diferenza de posto en só 6 minutos).
A chegada á meta de Xurxo pode verse grazas á Correndovoy.com:

Melide tamén deixou o listón bastante alto:

Posto Dorsal Nome Club Poboación Ritmo/Km
364
00:48:27
2024    Claudio Sánchez    Melide  00:04:03 
580
00:50:41
986    Javier Blanco Rio    Melide  00:04:14 
581
00:50:41
1918    Iván Lugrís Beteta    Melide  00:04:14 
837
00:53:00
157    Xurxo Otero  Atletismo Porriño  Melide  00:04:25 
1015
00:54:19
4001    Xose Manuel Pampin Fuciños    Melide  00:04:32 

Mércores, 26 de Outubro de 2011

Os Melidaos estarán o venres no Luar

As Cantareiras de Ardebullo, Laura Casares e Gayoso no Luar
O grupo melidense de música tradicional Os Melidaos actuará o vindeiro venres, 28 de outubro, no programa Luar da TVG. Trátase da primeira segunda actuación do grupo nun programa televisivo e agardan que a xente goce da mesma.
Os seis músicos dos Melidaos (Marcelino Vázquez, Pepe Taboada, Pepiño Blanco, Luís Casal, Antonio Raposo e Xele Barrio) aseguran estar moi satisfeitos de poder actuar neste coñecido e veterano programa televisivo pois significa espallar a música feita dende Melide.
Os Melidaos interpretarán nesta ocasión especial unha peza cantada que tamén se poderá escoitar no novo disco, que agardan telo rematado para finais deste ano, que levará por título Axudádeme a cantar.

Mércores, 19 de Outubro de 2011

Melide estrea Movida 2.0 grazas ao streaming

Movida 2.0
O pasado sábado ás 2 da madrugada a zona dos pubs de Melide acolleu a presentación do proxecto Movida 2.0, que pretende dinamizar a noite melidense apostando polas TIC, o que concretouse nun servizo que vai permitir escoitar a través da Internet a música da discoteca Palladium e de distintos pubs da vila grazas á empresa local Intermax.

streaming no móbil
Deste xeito, tanto dende o ordenador como de móbiles tipo iPhone ou con Android podemos acceder a páxinas web dende as que escoitar mediante streaming cunha calidade bastante boa a música dos locais melidenses adheridos a esta iniciativa pioneira.
Inicialmente podemos escoitar a música da Palladium en palladium.listen2myradio.com, e a do Q+? en quemais.listen2myradio.com.
O evento captou a atención da Radio Galega, emisora do país que conectou en directo con Javier Mouriño, de Intermax Technology, e Santos López, concelleiro de Turismo de Melide:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Nova web da Palladium
Aproveitouse a ocasión para dar a coñecer que a discoteca Palladium ten unha nova páxina web, que está pendente dunha importante actualización que debería de chegar en breve.
En definitiva, que Melide modernízase, e mesmo a movida nocturna aperta as TIC para captar a atención da mocidade de toda Galicia.

espontáneos
Non podo rematar esta entrada sen agradecer a certos espontáneos que se sumaron pola súa propia conta ao photo call da Movida 2.0 con moito humor, o que se agradecía a esas horas, pois rachaban a rutina da presentación. :D

Mércores, 12 de Outubro de 2011

Te quiero, pero

Rodaxe de Te Quiero, Pero
Te Quiero PeroEsta semana finalmente veu a luz Te quiero, pero, unha nova serie de televisión con capítulos de só 10 minutos que aposta por unha distribución exclusiva a través da Internet, que está rodada en Galicia e foi desenvolvida por galegos, entre os que destaca o seu produtor executivo, guionista e director, Carlos Gulías (Pablo, na ficción), ao que algúns lembrarán por algunhas reportaxes históricas de Código TV ou por ser exhorcitado en antena ;)
Ángel Seoane e Carlos Gulías
Comparte as súas funcións nesta curiosa serie co sempre amable Ángel Seoane (Álvaro, na ficción), dando forma a 8 capítulos que empregan como recurso narrativo os comentarios que fan os seus personaxes (agás Grace, auténtica estrela da serie) en plataformas de redes sociais (non especifican se usan Twitter, Facebook, Google+ ou Tuenti). Unha proposta interesante que, aínda que abusa de risas enlatadas, serve para pasar un bo rato:

Agora queda ver se o segundo capítulo (que poderemos ver a partires do luns 17) segue na mesma liña ou se cada entrega ten un corte diferente. Estaremos atentos.

Luns, 10 de Outubro de 2011

Continúan os éxitos de Os Melidaos

Os Melidaos na Coruña
O pasado domingo Os Melidaos actuaron en A Coruña e a acollida foi todo un éxito segundo comunican dende a formación melidense:

O grupo de música tradicional Os Melidaos abriu o VII Ciclo de Coros Históricos da Coruña, xunto á Coral Ruada de Ourense, cunha gran actuación que foi moi aplaudida polo numeroso público que encheu o Teatro Rosalía de Castro. Entre as pezas interpretadas houbo varias cantadas que formarán parte do segundo disco que están gravando e que levará por nome Axudádeme a cantar.

Os membros dos Melidaos agradeceron a Cántigas da Terra que lles permitira tocar no teatro Rosalía de Castro a carón dos coros históricos deste país. En representación do grupo melidense, o gaiteiro e voz principal Antonio Raposo, afirmou no escenario coruñés “estar na actuación máis importante do grupo nos seus dez anos de existencia”. Antonio Raposo foi tamén o encargado de presentar cada unha das pezas e, ademais, fixo entrega ao presidente de Cántigas da Terra dun cadro co cruceiro de Melide (século XIV), o máis antigo de Galicia, debuxado por Castelao.

Miki e Noelia Varela e Suso Sánchez con Eva Balboa bailan ao son de Os MelidaosOs Melidaos estiveron acompañados nesta ocasión por dúas parellas de baile formadas por Miki e Noelia Varela, e Suso Sánchez con Eva Balboa. Todos eles están na actualidade facendo un enorme traballo en toda a comarca da Terra de Melide coa posta en marcha hai un anos da escola de música tradicional Herba Grileira.

Os membros dos Melidaos Marcelino Vázquez (gaita), Pepe Taboada (clarinete e gaita), Pepiño Blanco (bombo), José Luís Casal (tamboril), Antonio Raposo (gaita) e Xele Barrio (acordeón) comezaron a súa actuación na cidade herculina cun pasarrúas dende o Obelisco ata o mesmo Teatro Rosalía de Castro.

Os Melidaos interpretaron no escenario un total de oito pezas, algunhas delas do arquivo de Cántigas da Terra, tradicionais outras, e tamén composicións propias como o Pasodobre os Melidaos de Pepe Taboada ou a Muiñeira de Entrambasaugas proporcionada ao grupo por Marcelino Vázquez.

Os Melidaos actuarán mañá mesmo no San Froilán de Lugo e seguirán o sábado 15 de outubro, na homenaxe a Morgan en Santiago de Compostela. Este intenso mes rematará cunha actuación no programa Luar da TVG.

Vaia, que quen non puidese achegarse ao Rosalía a escoitar a Os Melidais, non terá desculpa cando se acheguen ao Luar da TVG. ¿Animarase Gayoso a bailar unhas pezas? ¿Seguirán o ritmo as Cantareiras de Ardebullo?

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios