Martes, 27 de Setembro de 2011

Xa está aquí Escépticos

Escépticos
Tras unha longa espera, a ETB 2 botou onte pola noite o programa Escépticos, que incluso puido verse en directo mediante streaming, no que parece que vai ser unha cita obrigada para todos os amantes do rigor científico.
Como os responsables do programa saben que na Internet este programa está a ter un impacto moi superior ao que ten nas súas emisións a través das ondas hercianas, tamén permiten que poidamos ver a súa primeira entrega en diferido:

Estou encantado que un programa nesta liña poida verse nunha televisión pública en España, para contribuír á divulgación da ciencia e para desbotar certas ideas moi asentadas na sociedade a través do desatino e a ignorancia. Se o programa sobre as medicinas alternativas deixaron claro por onde van ir os tiros, non podo agardar para ver o dedicado á homeopatía. ¿Aparecerán Pumares e o Dr. Pérez León? :D

Luns, 26 de Setembro de 2011

Enrique Varela en Convivir en Igualdade

Pepe Carreira
Enrique VarelaEsta tarde puidemos escoitar a Pepe Carreira entrevistando a Enrique Varela no programa Convivir en Igualdade da Radio Galega co gallo do lanzamento dun novo proxecto empresarial que Varela está a iniciar con David Bello Gacio e José María López Bourio, chamado TTT Social Center, e que consiste nunha compañía de servizos de telemarketing que emprega a persoas con diversidade funcional grazas ao uso das TIC. O vindeiro venres van presentar o proxecto en sociedade, polo que supoño que durante a fin de semana escoitaredes falar máis deste interesante proxecto.

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Mércores, 21 de Setembro de 2011

Baixo o orballo

A xente de Axitpop, non conformes con facer coberturas dos seus directos, vén de publicar un videoclip para o tema Under the drizzle de Cardigan Bridge (Rebeca Ponte):

¡Menuda frikada de vídeo! Ata parece montado por Miguel Silva de Blusens (que durante o segundo aniversario de Iniciador Galicia fixo unha presentación con imaxes da carreira espacial acompañada co temazo Don’t Stop Believin’ de Journey). ;)

Luns, 19 de Setembro de 2011

¿Refuxio dixital? ¡Tururú!

Camposanto dos medios galegos
O que está a pasar nos medios de comunicación galegos nos últimos meses está a ser realmente penoso, tanto dende o punto de vista laboral (xa que son moitos os xornalistas que van a parar á cola do paro con poucas posibilidades de poder volver ao sector) como dende unha visión como consumidor de información (a oferta está a reducirse considerablemente) e, por desgrazas, o tema volve á actualidade, co anuncio de que Xornal.com vai deixar de publicarse este mesmo ano.
Xa falara do peche da edición impresa de Xornal de Galicia, pero que Xornal.com dea a guerra por perdida foi toda unha sorpresa, especialmente porque hai cousa dun mes dende a publicación aseguraban que no seu futuro ían «coidar o contido dixital», o que non parecía moi difícil, pois o medio xa sobrevivía antes de dar o salto ao papel.
Pero, ¿por qué solto este tema? Pois simplemente porque síntome indignado ante a postura que están a adoptar os medios tradicionais, que disfrazan os seus fracasos empresariais de reestruturacións nas que avogan por un falso refuxio dixital, dando a entender que non pechan, senón que se adaptan aos novos tempos, o que é unha falsidade evidente.
Por exemplo, a finais de xuño Galicia Hoxe dicía adeus ao papel anunciando que mantería a cabeceira galiciahoxe.com, e o que aconteceu na práctica é que teñen unha web alimentada con contidos de axencias (e de ElCorreoGallego.es) pasados por un tradutor automático, ou sexa, que non é un espazo vivo, senón un zombi. Algo semellante pasou con A Nosa Terra, que tras anunciar que apostarían polo formato virtual, o que fixeron foi despedir ao seu persoal e manterse baixo mínimos cun produto que non é digno de responder a tal cabeceira.
Para poder facernos unha idea da caída que están a padecer os medios citados temos que Galiciahoxe.com comezou o ano no posto global 196.420 segundo Alexa, estando agora no 214.808 e, de considerarse só o tráfico do último mes, quedaría no 257.697, o que é unha caída significativa, que no caso de Anosaterra.org aínda é peor, xa que estaba no posto 280.334 en xaneiro, estando hoxe no 375.882 e tendendo ao 438.855 se miramos os tráfico do último mes. ¿Refuxio dixital? ¡Tururú! Os medios que foxen ao dixital van a menos, e en caída libre, o que non responde á carencia de cabeceiras en papel senón a que descoidan o seu produto, perdendo a confianza dos lectores. ¿Non estaremos a facer as cousas ao revés? ¿Non hai que mirar á Internet como o futuro en vez dun sistema de hibernación para agardar a que veñan mellor dadas?

Venres, 16 de Setembro de 2011

¡Infamia!

Cando hoxe mirei as novas na edición en liña de La Voz de Galicia vin que falaban de Melide e das súas iniciativas de conservación dos xogos populares, pero ao alzar a vista do titular… ¡Infamia! ¡Sitúan a Melide dentro de Arzúa! 8O
Melide en Arzúa na web de La Voz

Acto seguido fun mirar á edición impresa ¡et voilà! Falsa alarma:
Nova na edición impresa
Era un simple erro de exportación de varias pezas entre as edicións impresa e web. Este tipo de fallos son moi frecuentes porque La Voz xera centos de pezas cada día, que aparecen publicadas en distintos soportes, polo que é practicamente imposible revisar todo, pero se en Melide fose máis habitual ler o xornal en liña en vez de en papel… ¡liaríase unha boa! Porque de todos é sabido o cariño que temos a Arzúa… :D

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios