Luns, 15 de Agosto de 2011

A Nintendo 3DS aínda máis barata

Presentación da 3DS en Madrid
Cando a finais de marzo chegou ás tendas a Nintendo 3DS a un prezo de 249 euros, había unanimidade en que tal prezo estaba pensado só para early adopters que quixeran facerse coa consola nos primeiros meses (cando aínda habería poucos xogos) e que, atendendo a outros precedentes, o prezo manteríase ata pasado o Nadal, de xeito que só pagarían o valor inicial da consola os caprichosos, pero como o factor da pantalla 3D da consola en vez de incrementar as vendas causou o efecto contrario (sospeito que pola incidencia dos medios de comunicación de masas que insistían en que as 3D marean, cando iso só acontece a algunhas persoas, e nin sequera é o máis importante da consola) polo que Nintendo veuse forzada a rebaixar o prezo da 3DS antes do programado, polo que dende a semana pasada xa estaba dispoñible a 169 euros, o que fai que a 3DS sexa máis económica que a Nintendo DSi XL, o que case resulta ofensivo (pois tecnoloxicamente están moi distantes).

Nintendo 3DS azulPero, ¿é posible conseguir a consola aínda a mellor prezo? Existen varios métodos, como mercala nun pack con algún xogo (co que normalmente afórrase algo), buscar ofertas puntuais (que hai) ou utilizar o truco da importación, pois resulta que a Nintendo 3DS está á venda no Amazon británico por 129,91 £ (148,23 €) incluíndo portes (pois supera as 25 £). ¿Cal é a pega de mercala alí? Pois principalmente que o adaptador de corrente é para enchufes británicos, o que ten varias solucións:
- mercar un adaptador de enchufe (pouco recomendable)
- reciclar un adaptador doutra DS (resulta que a 3DS utiliza os mesmos adaptadores que as súas predecesoras)
- mercar un adaptador de corrente europeo barateiro (en DealExtreme véndenos a 2,23 € con portes incluídos)
Deste xeito a Nintendo 3DS é toda unha ganga, pois pode mercarse por uns 150 euros (o que lle custou a moitos a súa primeira DS), conserva a compatibilidade cos xogos de DS/DSi e permite gozar de multitude de títulos novos entre os que é posible conseguir algún a bo prezo:

Super Street Fighter IV 3D Edition Rayman 3D Rabbids 3D Puzzle Bobble Universe
España
Prezos sen oferta
45,95 € 45,95 € 45,95 € 39,95 €
Zavvi.es
Portes incluídos
18,45 € 18,45 € 21,95 € 21,95 €
Amazon.co.uk
Portes incluídos a partir de 25 £
18,99 £
21,67 €
14,99 £
17,10 €
14,99 £
17,10 €
9,99 £
11,40 €

Os xogos da táboa elixinos a conciencia: Super Street Fighter IV: 3D Edition é o mellor xogo de lanzamento da 3DS, Rayman 3D é un remake de Rayman 2 (xogo de plataformas en 3D na liña do Mario 64), Rabbids 3DS é un plataformas moi na liña do Super Mario Bros e o Puzzle Bobble Universe é o típico xogo das bolas, ao que as 3D non engaden nada, pero que garante moitas horas de xogo.

Tamén hai prezos semellantes con outros xogos de lanzamento (coma o de coches Ridge Racer 3D ou o Ghost Recon: Shadow War), polo que quen queira mercar agora a consola para non ter que agardar a que saian os grandes xogos de 3DS (en setembro chega Star Fox 64 3D, en novembro Super Mario Land 3D, en decembro Super Mario Kart 7 e outras estreas fortes demoráronse a primeiros de 2012, pois supoño que esperan a despois de Nadal para pillar un parque de consolas maior) ten unha excelente oportunidade.

Por se acaso, tamén aviso aos máis arriscados de que as flashcart para 3DS non serven para xogar a títulos desta consola, senón que só funcionan cos xogos de DS/DSi, polo que principalmente servirían para curar o mono de xogos mentres non haxa máis títulos de 3DS no mercado ou para, simplemente, poder gozar de xogos vellos no caso de decidir vender a vella consola e os seus xogos para mercar a nova (algo bastante habitual).

Domingo, 14 de Agosto de 2011

A Palladium tamén celebra o San Roque en Melide

Estes días botan a andar as festas do San Roque en Melide (e en moitas outras vilas galegas) e mentres a organización oficial trae á París de Noia, á Sintonía de Vigo e a Cornelius 1960, os da discoteca Palladium sorprenden cun cartel que podería colar como o das festas (especialmente no seu deseño), se non fose polo seu carácter gamberrete:
Cartel das actividades da Palladium durante as festas do San Roque en Melide
Aínda que está claro que Juan Magan é o típico convidado nunha discoteca, se mirarmos a King África e a Lucía Pérez poderiamos ver actuacións que encaixasen perfectamente nas festas dos San Roque doutros anos, polo que supoño que moitos estaranlle agradecidos á discoteca por animar as festas nuns tempos de crise nos que o Concello non pode realizar un investimento como o doutros anos.
Así este ano toca pasalo booooooombaaaaaaa, e ao rematar a troula dicir aquilo de que me quiten lo bailao.

Sábado, 13 de Agosto de 2011

Un venres moi friki en Viñetas desde o Atlántico

Videoxogos en Viñetas desde o Atlántico
O venres tocábame despedirme de Viñetas desde o Atlántico, pois ía pasar a fin de semana en Melide, e tras dar unha última ollada aos expositores, achegueime ao fondo da rúa Paseo de Coches para ver como había rapaces de distintas idades repartindo piñas nos xogos de loita de moda.

Nintendo 64 edición Pokémon
Un pouquiño máis desagradable era ver que non só tiñan unha PlayStation 3 para xogar ao Super Street Fighter IV, senón que xunto á mesma posaba con descaro unha edición Pokémon dunha Nintendo 64. Ai, se algúns pais tivesen lanzado un hadouken a tempo, cantas cousas horrendas deixarían de estorbar nos seus fogares ;)

Ryu vs Bison en Viñetas desde o Atlántico
Iso si, de hadoukens e ultras había bastante experiencia nas competicións que podían verse no lugar, no que para min é unha demostración de que dende que é posible xogar a estes títulos dende a casa, o nivel é moi superior que cando se xogaba en recreativas.

Karaoke de cancións de anime en Viñetas desde o Atlántico
Pero o máis divertido da xornada foi o concurso de karaoke de cancións de series de animación xaponesas, nas que afeccionados ao anime (maioritariamente rapazas disfrazadas) cantaban os seus temas favoritos. Iso si, perdinme a canción de Son Goku, o que foi unha mágoa, pois o resto eran descoñecidas para min.

Mozas moi animadas cantando en Viñetas desde o Atlántico
Pero descoñecer os temas non facía que fose menos divertido ver como algunhas participantes o daban todo ao interpretar as súas respectivas cancións, gañándose as ovacións do público.

Kiko da SilvaXa pola noite tocou tomar uns petiscos no Copacabana, no que xa é unha tradición no evento coruñés, e gustei de poder intercambiar unhas palabras con Kiko da Silva, o director da revista Retranca, sobre o futuro do mundo da edición, o fenómeno do iPad (que parece querer aproveitar a xente do proxecto coruñés Comics Cangrejo Rojo) e algunha que outra frikada como a curiosidade de que a meirande parte de ilustradores non teñen permiso de conducir. ¿Algún estudo sociolóxico que analice tal cousa? ¿Haberá algunha causa neurolóxica que inhabilite aos debuxantes para guiar un coches? ¿Ou será simplemente porque tenden a traballar no seu fogar ou nun estudo preto do mesmo?

Venres, 12 de Agosto de 2011

Luthea Salom e Cardigan Bridge en El Rincón de Vaibén

El Rincón de Vaibén
El Rincón de Vaibén é unha tenda coruñesa moi especial, sita na rúa do Orzán, que elixiron Rebeca Ponte (Cardigan Bridge) e Luthea Salom para un espectáculo conxunto baixo o título de Women’s Word, no que deleitaron aos presentes con varias cancións en acústico. A deseñadora que viste habitualmente a Cardigan Bridge xogaba así en casa, mentres que unha compañeira fixo o propio con Luthea Salom, nun local decorado para a ocasión dun xeito moi íntimo e persoal.
Luthea Salom
A neoiorquina Luthea Salom non só interpretou os varios dos seus temas, senón que tamén dedicou agarimosas palabras á súa anfitriona, Rebeca Ponte, quen a acolleu nos últimos días na súa casa, na que fixo unha grande amiga: ¡unha pita! Éche o que ten iso de vivir preto de Melide ;)
Luthea Salom
De feito, aos presentes, aparte dunha copa de cava, tamén nos deron a degustar ricos de Melide, o que fixo moita graza a boa parte dos asistentes, que eramos da vila.
Entre os temas cos que nos agasallou Luthea Salom está o seu simpático Tomorrow:

Rebeca Ponte coa guitarra en El Rincón de Vaibén
Rebeca tivo que facer un grande esforzo para cantar, posto que o mércores anterior tivera unha actuación estelar na praia do Orzán dentro do Noroeste Pop Rock, e tiña a voz algo tocada. Iso non lle impediu que sorprendera con varios temas inéditos (un dos mesmos, en español) que posiblemente figuren no seu segundo álbum.
Grazas á xente de Axitpop podemos ver parte da súa actuación do mércores na praia coruñesa:

Espero que os concertos que vai encadear os vindeiros días (pasará por Ferrol, Bueu, Pontevedra e Ribadeo) non prexudiquen a súa voz, e permitan aos seus asistentes gozar do interesante repertorio musical de Cardigan Bridge.

Xoves, 11 de Agosto de 2011

Viñetas desde o Atlántico rende tributo aos superheroes

Entrada do Palexco
Onte puiden ir ver a exposición de orixinais de superheroes que teñen estes días no PALEXCO, no que podería ser unha das mellores exposicións da historia de Viñetas desde o Atlántico, con material bastante variado, e case todo de grandes autores, chegando ata comics bastante actuais, de xeito que é moi doado ter lido algúns dos comics dos que poden verse os seus orixinais.

Clara de Noche
Como vén a ser habitual, no PALEXCO había unha recepcionista de excepción, Clara de Noche, coa que bastante xente saca fotos un tanto curiosas.

Batman
Pero unha vez que entras na sala de exposicións, atopas ilustracións de Superman e Batman, polo que a cousa comeza forte, con material de grandes referentes como Curt Swan.

Green Lantern
Aínda que eu o que agradecín especialmente é que estivesen expostos varios orixinais de José Luis García López, tanto das súas contribucións a algún cómic como as súas xa clásicas fichas de personaxes como Flash ou Green Lantern.

Wonder Woman
Tamén gustei da presenza de ilustracións de George Pérez, no que consideron que eran os seus bos tempos, mentres que autores do seu tempo como John Byrne tiñan orixinais moito menos destacables.

Marvel
Había moitísimo material máis, incluíndo carroña marvelita :D , pero coido que o mellor é que quen guste do xénero dea un paseo pola exposición (poderá visitarse despois de que remate Viñetas desde o Atlántico, para que os rezagados non a perdan).

Ah, e xusto ao final da exposición dos superheroes tamén había unhas láminas que repasaban a historia dos Pitufos, que eran interesantes para que quixese introducirse nos personaxes pero que omitía certos elementos de peso en España como ao Padre Abraham e os discos dos Pitufos Makineros.
Curiosamente buscando o vídeo do Padre Abraham e os Pitufos vexo que alguén atopoulle un certo aquel con Mariano Rajoy:

A verdade é que quedoulles unha versión divertida de La Canción de los Pitufos :D

Oktoberfest
En cambio, hoxe foi un día moito menos produtivo (nin había tanta xente en Viñetas, nin vin expsocións destacables), que comezou coa desagradable sorpresa de ver que xunto ao PALEXCO estaban a celebrar o Oktoberfest en agosto. ¿Qué será o seguinte? ¿O magosto para agosto como dicían Os Resentidos?

Príncipe Valiente
Din unha volta ata a Praza de María Pita, para ver que xunto a estatua da heroína local había unha figura cutrísima do que parecía unha muller disfrazada do Príncipe Valiente (confirmáronme que era o mesmo Príncipe, pero eu non me fío).

Astérix e Obélix
Na casa do Concello estaban un ano máis Astérix e Obélix vixilando a porta, e resultoume curioso o detalle de que moitos nenos sacasen fotografías con Obélix (moitos tamén dáballe unha aperta), mentres que as rapazas que por alí pasaban tendían a imitar o xesto de Astérix para retratarse xunto a súa figura.

Exposición de Valentina
Pero a exposición que había no Concello foi unha auténtica decepción para min, pois coido que tiña un bo recordo do Valentina de Guido Crepax, e o que vin pareceume unha obra que ía en decadencia co tempo (¿son o único coa impresión de que nos 80 e 90 Crepax debuxaba peor que nos 60-70?). Supoño que é moi difícil estar á altura dos orixinais que se poden ver no PALEXCO. :(

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios