Martes, 28 de Xuño de 2011

Viñetas desde o Atlántico 2011 xa ten cartel

Cartel de Viñetas
Pois si, xa temos o cartel da edición de 2011 de Viñetas desde o Atlántico, elaborado por Camille Jourdy e, na miña opinión, o peor cartel os últimos 14 anos do encontro de referencia para os frikis coruñeses.
Este ano imos ter festa moi cedo, xa que o certame da banda deseñada terá lugar do 8 ao 14 de agosto, o que supoño que agradecerán especialmente os que teñan que enfrontarse a exames no mes de setembro.
Agardemos que poidamos gozar de Viñetas desde o Atlántico durante moitas máis edicións (aínda non escoitei declaracións de Carlos Negreira sobre o evento, pero gustaría que non cortase de raíz un dos encontros de máis éxito na cidade) e que a de este ano continúe na liña das anteriores: unha auténtica semana de festa para os que amamos o mundo do cómic.

Luns, 27 de Xuño de 2011

Mundo Twitter en La Noche en 24 Horas

José Luis OrihuelaEsta noite quedeu agradablemente sorprendido por unha entrevista que Vicente Vallés fixo a José Luis Orihuela no programa La Noche en 24 Horas co gallo do seu libro Mundo Twitter, xa que Orihuela fixo unha exposición brillante do que é Twitter, chegando incluso a corrixir datos como cando Vallés asegurou que o crecemento de Twitter era exponencial (¿saberán os xornalistas o que é un crecemento exponencial?).
Nótase que José Luis está afeito a dar clase pois o seu discurso serviría incluso para tomar apuntes sobre o que é Twitter e as súas diferenzas con Facebook:

Unha mágoa que tras esta interesantísima entrevista Vallés dese paso aos xornalistas que o acompañaban na mesa para debater sen ningún tipo de rigor sobre o tema, dende perspectivas cheas de prexuízos. Non acabo de entender por qué ser xornalista habilita a un profesional a falar de calquera cousa aínda que sexa de oídas.
Vaia, que un está un pouco aburrido da demonización que da Internet fan dende a meirande parte dos medios de comunicación, nos que non paran de sementar unha imaxe na que a Rede é un territorio no que a intimidade está sempre comprometida e a información hai que poñela sempre en dúbida, cando nunca instan a ter tal sentido crítico cos medios de comunicación tradicionais. :(

Luns, 20 de Xuño de 2011

Internet Killed the Newspaper Star (ou como a Internet está a matar aos xornais)

O programa Reporteiros da TVG fixo o pasado sábado un achegamento ás repercusións que a Internet está a ter sobre a prensa tradicional, xuntando nunha mesma peza distintos puntos de vista que van dende o quiosqueiro ata o director de Google España, pasando polos responsables de distintos xornais galegos:

Resulta esclarecedor ver cómo aseguran sen pelos na lingua que a caída da difusión de xornais nos puntos de venda foi estrepitosa (os datos de audiencia tenden a camuflar ese detalle), á vez que apuntan aos cambios que precisan os medios para adaptarse á nova conxuntura, non só económica, senón tamén cultural, pois a comunicación mudou nos últimos anos, e aínda que exista un grupo moi grande de lectores de prensa, as novas xeracións non están afeitas a iso de mercar o xornal todos os días, polo que o futuro do papel periga por moito que algúns queiran defender a forza das reportaxes en profundidade, das entrevistas de calidade ou dunha suposta credibilidade das cabeceiras tradicionais.
Pero tampouco podemos simplificar a problemática, que ten moitos elementos que están a contribuír na perda de público dos xornais impresos:
- A caída da publicidade: a crise económica fixo que caese o investimento das empresas en publicidade, o que está a levar a moitas empresas xornalísticas á ruína, en boa medida porque vénse obrigadas a reducir persoal, e cantos menos xornalistas traballan nun medio, peor é a súa información (pois tiran máis de información de axencia en vez e elaborar os contidos que os dotan de identidade).
- A falta de talento: non digo que nos xornais non haxa talento, pero si que moitas veces está aparcado, e vemos como nos cadros de persoal dos medios hai moita mediocridade. Os méritos dos xornalistas non son os que deciden se conservan o seu traballo, senón detalles que deberían ser secundarios. ¿Por qué en certas empresas só se molestan en facer fichaxes entre as cúpulas directivas e esquecen aos que dan vida realmente os seus produtos? ¿Non entenden que os profesionais son os que teñen que pór en valor as súas cabeceiras e non ao revés?
Vaia, que o argumento de Eiré na reportaxe da TVG co que defende o valor dunha información por estar publicada baixo unha cabeceira recoñecida ten moi pouco peso, e precisamente o caso que menciona da lesbiana blogueira confirma tal ao aparecer en distintos medios tradicionais aos que lles colaron o bulo (aínda que tamén habería moito que discutir sobre se realmente era un bulo ou un xeito de vestir unha comunicación para darlle relevancia). Estamos fartos de ler información con pouco rigor en calquera medio, e dar máis credibilidade ao papel é como fiarse máis da enciclopedia que da Wikipedia (un prexuízo difícil de manter a longo prazo).
- A inercia: cando un xornal leva 100 anos funcionando con cambios mínimos (a evolución tecnolóxica da prensa só serviu para axilizar a produción e mellorar o formato das cabeceiras) reaccionar a un cambio de paradigma é moi difícil, especialmente cando o mercado segue o mesmo camiño (os anunciantes seguen sen apostar pola Internet). Os medios actuais non só teñen que ter presenza na Rede, senón que iso debería ter cambiado as súas dinámicas de traballo (e estruturas corporativas), o que pasou en contados casos.
- A pouca profesionalidade: é duro dicilo, pero moitos xornalistas con varias décadas de traballo ás costas néganse a producir material que vaia máis aló das edicións impresas, e limítanse a facer o mesmo de sempre rexeitando todo tipo de reciclaxe valéndose de dereitos laborais adquiridos. ¿Non se decatan de que xa non traballan na mesma publicación que hai 20 anos? ¿Acaso non ben que a súa falta de vontade está a prexudicar a viabilidade a longo prazo dos seus medios?
- A cobardía: nos máis de 15 anos que a Internet está a ter impacto real na nosa sociedade os xornais limitáronse a dar o salto á web, pero quedando en medios de reducida interacción cos lectores, deixando moi de lado a evolución das plataformas (a súa aposta polas redes sociais aínda é moi limitada) e fuxindo de toda innovación e risco. ¿Como é que non vimos ningún xornal galego que lanzase unha subscrición en probas para eReaders (polo prezo dunha subscrición en papel poden remitir o lector de e-books de balde)? ¿Ou unha aplicación para iPad que facilite o consumo de novas? Tamén deberían xurdir máis sinerxías entre as cabeceiras que teñen presenza en varios medios (como radio e televisión). Queda moito por facer, pero parece que todos prefiren que experimenten os outros para despois copialos en vez de apostar pola innovación.
- O modelo de negocio: é o factor máis preocupante. ¿Hai motivos para que alguén pague 1,10 euros por un produto estático, desactualizado, e con contidos que poden atoparse de balde na web? E non falo do feito de que as novas dun xornal poidan verse na súa edición electrónica, senón de que a información de actualidade en xeral pode atoparse de xeito disperso en moitas webs, polo que incluso Twitter e Facebook son grandes competidores dos xornais, que fan unha selección de contidos que distan moito do que o público busca. ¿Ten sentido mercar un xornal se só queres ler a sección de comarcas ou a de deportes? De feito, aplicacións como FlipBoard para iPad, que amosan a xeito de xornal os contidos que os nosos amigos recomendan en Twitter e Facebook resultan moito máis atractivas para o público que os xornais limitados por un formato e cociñados por unha mesa de redacción.
¿É razoable que sexa máis caro mercar o xornal a diario que conectarse á Internet? Nun momento no que os móbiles están conectados á Rede e están a emerxer os tablets como uns dispositivos que fan moi cómodo e intuitivo o consumo de contidos, ¿teñen cabida os xornais máis aló de seren un formato obsoleto destinado aos que están ao outro lado da fenda dixital?

Con todo o que solto vai parecer que estou en contra dos medios impresos, e non é así (de feito, traballo nunha publicación con edición impresa). Pero gustaríame moito a súa modernización. Eu fun dos afortunados que cando estaba no instituto podía ler o xornal durante o almorzo, polo que gozaba un hábito de lectura de prensa que poucos máis da miña idade tiñan. Non quero perder esa fonte de información, pero os seus formatos deben adaptarse para non padecer unha transformación tan drástica como a de outras industrias como a musical.
A profesión debería deixarse de debates peregrinos como o do xornalismo cidadán (¡canto tempo perdido en numerosos congresos do sector!) e buscar o aproveitamento das TIC para que xoguen ao seu favor e non na súa contra. Se temos sorte, ao final desta crise de dous gumes (o económico e o tecnolóxico) sairá algo bo: un xornalismo adaptado aos novos tempos e sen medo a evolucionar.

NOTA: No programa Reporteiros apareza identificado como director de Código Cero, cando só son subdirector e responsable da súa edición electrónica.

Domingo, 19 de Xuño de 2011

iPai: o mellor trebello interactivo sen fíos

Aínda que en España xa celebramos o Día do Pai o pasado 19 de marzo, este ano en EE.UU. celébrano hoxe, o que inspirou a Nate Beeler do The Washington Examiner a debuxar a seguinte tira:
iDad
¿A ferramenta interactiva sen fíos de maior potencia para aprender e xogar? Para moitos rapaces afortunados son os seus pais, aínda que moitos descridos pensen que un tablet de Apple sexa comparable a unha figura paterna.
O concepto do iPai (aplicado a calquera dos proxenitores) debería de servir para reflexionar sobre a pouca importancia que damos á familia no mundo moderno, pois o ritmo de vida que seguimos en moitos casos non deixa espazo para o realmente importante. Será porque os valores familiares non pagan anuncios televisivos :(

Sábado, 18 de Xuño de 2011

Cata de viños ecolóxicos en Melide

O programa A Solaina da TVG volveu a achegarse a Melide esta semana, desta volta para unha cata de viños ecolóxicos amenizada por Cardigan Bridge (Rebeca Ponte):

Ao ser Isi o encargado da reportaxe, a cousa resultou bastante amena. Ademais, o superreporteiro dixo que tiñan que levar a Rebeca un día ao programa (a ver se é verdade).

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios