O iPad 2 segundo Conan O’Brien
O retorno televisivo de Conan (O’Brien, non o bárbaro que vén de estrear cartel animado da súa nova película en 3D) nos EE.UU. ten coma consecuencia que poidamos gozar de vídeos que podemos encumbrar coma bo humor se non fose porque porque no caso da parodia que fan do iPad 2 é o máis semellante a unha crítica realista que podemos ver na web:
Si, así sería o anuncio do iPad 2 se os de Apple fosen un chisco máis arrogantes. En verdade a xente está a tolear por un produto cunhas cámaras perralleiras, que ten versións en 2 cores (a min o marco branco lémbrame excesivamente aos tablet barateiros de fabricación chinesa) e que é un pouco máis delgado e lixeiro. É un trebello que non vai revolucionar o mercado coma fixo o seu predecesor, e para min o máis destacable do iPad 2 é que agora podemos facernos cun iPad vello de 16 Gb por 329 euros (cando ata hai pouco había que pagar preto de 500 euros por un). De seguro que os competidores están a tolear, pois non poden competir con eses prezos (principalmente porque non poden compensalos cos beneficios da App Store e iTunes).






3 comentarios realizados
1. Turkoo escrito o 4 de Marzo de 2011 ás 19:58
A pregunta é, Marcus… vostede ten un trebello deses?
A min paréceme enormemente innecesario.
2. Marcus escrito o 4 de Marzo de 2011 ás 23:32
Eu teño un iPad dende o principio (incluso leveino ao Bos Días) e doulle moitísimo uso. Principalmente emprego o iPad coma substituto do papel (actualmente imprimo 1 ou 2 folios ao mes, fronte ás ducias que imprimía á semana antes), especialmente coma chuleta para as miñas intervencións radiofónicas (4 á semana). Ao ter unha autonomía de 10 horas tamén é o trebello que levou se vou a un congreso ou semellante para poder ler o correo, acceder a Twitter ou consultar os RSS, que curiosamente tamén é o uso que dou ao trebello no meu fogar.
Pero eu non quero un modelo mellor que teña cámara ou que vaia máis rápido… ¡o que quero é un modelo con pantalla tamaño DIN A4! Supoño que rematará chegando, pero de teren os tablets un tamaño igual ao dos folio, facilitaríase moito a eliminación do papel nas empresas, pois a traslación documental sería directa.
¿E innecesario o iPad? Por suposto. De feito, as súas prestacións son equivalentes ás de case calquera smartphone, pero hai unha diferenza substancial: o tamaño da pantalla facilita a súa lectura. Durante un programa de radio resultaría imposible ler unha nova completa na pantalla dun móbil, e co iPad podo facer tal. Preferiría outro dispositivo con pantalla híbrida e de máis tamaño, pero polo momento Apple é o único fabricante que está realmente no mercado, o que mudará nos vindeiros meses.
Tamén hai que recoñecer que 329 euros xa non é un prezo tan elevado como porta de entrada a esta tecnoloxía, aínda que de achegarse aos 100 euros podería xeneralizarse coma dispositivo de acceso á Rede, pois dende un neno ata unha persoa de certa idade poden manexarse coa Internet sen ter coñecementos de informática grazas a trebellos coma este. Xa veremos dentro dun par de anos, cando os actuais iPad comecen a herdalos os parentes dos seus compradores orixinais se non se produce unha revolución de novos usuarios de Internet.
3. marcus.es » Conan é un paxaro anoxado escrito o 7 de Marzo de 2011 ás 14:19
[...] continúe a este ritmo a Conan O’Brien van ter que dedicarlle unha estatua, pois tras putear ao iPad 2 rende agora unha homenaxe ao xogo Angry Birds construíndo un escenario do xogo con mobles de Ikea: [...]