Domingo, 6 de Marzo de 2011

Compostweets: jazz entre amigos

mesa de medios e institucións
Hai xa unha semana da celebración de Compostweets 2011, a primeira edición dun evento que promete repetir anualmente, e do que xa falei con detalle en Código Cero, pero sobre o que querían compartir algúns detalles neste espazo.

Vou comezar poñéndome algo cabrón (que ninguén tome a mal os comentarios, pois ao seren escritos é posible que non se pille o seu ton) comentando detalles dos que non gustei do evento:
- A orixe: os responsables do evento parecían uns completos descoñecidos, e recoñecían que a idea do evento nacera nun curso sobre Community Manager que fixeran en 2010, o que cheiraba moi mal.
- O nome: que o I Encontro Anual de Social Media en Galicia tivese no seu nome tweets en alusión a Twitter non é coherente. Os social media non son unha plataforma en concreto, e menos aínda Twitter (que como se comentou en numerosas ocasións durante o evento, é de frikis). Tamén estaba o feito de que os tuiteiros de Compostela e contorno levan moitos meses xuntándose nos encontros twitscq, polo que igual fuxir de referecias a Santiago e a Twitter pareceríame máis atinado.
- O programa: visto dende fóra o programa da xornada era unha completa desfeita, pois carecía de rumbo. Non se centraba en ningún tipo de público en concreto, pois tiña unha clase mestra de Rubén Bastón (orientada a convencer ás empresas a ter presenza nas redes sociais), unha mesa redonda sobre Twitter na que 3 persoas contaban a súa experiencia (que podería interesar aos non iniciados) e unha mesa redonda sobre medios e institucións (que podería interesar principalmente a xornalistas).
- O streaming de vídeo: a transmisión de vídeo a través da Internet parecía ir ben, pero por desgraza, ao chegarse a 50 usuarios, a xente deixaba de poder seguir o encontro pola Rede, o que foi bastante criticado a través de Twitter, e podería terse solucionado simplemente verificando a conta de usuario para o evento (tamén podía solventarse pagando, pero non era preciso).

Alberto SeoaneUnha vez metidos en fariña, tamén hai algúns detalles dos que non gustei nadiña de nada, como que na mesa redonda de Twitter, o moderador non soubese facer o seu traballo. Alberto Seoane botoulle gañas (de feito, foi un dos evanxelizadores do encontro), pero supoño que non tiña experiencia como moderador, pois nin comezou deixando que cada un dos convidados puidese facer unha exposición sobre o que viñan a falar, nin repartiu os turnos de palabra ante as preguntas do público (de feito, respondía el a moitas, algo que un moderador non pode facer nunca) e non soubo limitar a temática da mesa ao tema a tratar, o que forzou a que Rubén Bastón tivese que xuntarse á mesa de debate para responder ás cuestións off-topic da audiencia. Foi un descontrol absoluto, pero con iso non quero dicir que non se puidesen sacar cousas en limpo, ¿eh?

Jorge Barreiro en CompostweetsTampouco gustei nada da segunda mesa redonda, pois coido que as institucións (Novacaixagalicia e Turgalicia) non pintaban nada nun coloquio sobre medios de comunicación no que metían a unha entidade bancaria e a unha promotora do turismo no medio (deberían formar parte dunha mesa de debate separada). Pero o peor de todo foi que dous dos polemistas non estaban preparados para falar en público, pois Rebeca Munín de Mediasiete (Santiagosiete) pasou toda a súa exposición mirando para a pantalla do ordenador, o que foi aínda peor no caso de Jorge Barreiro (Turgalicia), que en vez dunha presentación amosou transparencias cun copia e pega dun discurso que foi lendo na pantalla. Un magnífico exemplo de cómo non facer unha presentación, o que por desgraza foi unha mágoa, pois os datos expostos tiñan bastante chicha.
Ao saír da mesa redonda comenteille en plan coña a Francesc Pumarola que era unha mágoa que él fose o mellor da tarde, o que espero que non se tomase coma un insulto, senón coma un xeito de dar a entender que o resto de participantes na súa mesa non deran a talla. Pero sospeito que moito diso tamén acontece porque os medios de comunicación galegos aínda están en bragas nisto das redes sociais (e mesmo da web se atendemos ao descoidada que teñen cabeceiras como El Ideal Gallego a súa presenza na Rede).

Wicho co iPhonePero logo, ¿tan mal foi a cousa? ¡Para nada! Coido que todo o que pasou vén da falta de experiencia na organización de eventos deste tipo, en boa medida, porque non son moi habituais en Galicia. Para min foi un excelente exemplo do que está a mudar nos encontros presenciais de carácter tecnolóxico, pois dende os asistentes ata o relatores estiveron a tuitear en cada momento, creando unha interacción que pode chegou a tumbar unha mesa redonda para tratar temas lonxe dos previstos.
Tamén é moi difícil facer unha boa escolla de convidados (que viñan by the face, tamén hai que dicilo), para adaptalos a un público que a priori era un misterio (finalmente parecía que estaba o auditorio cheo de aspirantes a profesionais do social media). Non podemos dubidar que todos os que estaban ante o público eran profesionais do seu, pero outra cousa ben distinta era que os asistentes estivesen interesados e oilos falar (por Twitter comentábase que entre o público había xente que sabía bastante máis do tema que os oradores).

De todos os xeitos, o evento estivo moi ben, pois a organización formal (local, azafatas, iluminación, megafonía, etc.) foi impecable, e a improvisación que dominou o encontro daba a impresión de que estabamos nun concerto de jazz, no que aínda que non se seguise a partitura con rigor, acadábase boa música. Ao remate de Compostweets 2011 todos coincidían en que querían repetir para o Compostweets 2012 e incluso daban a entender que para non ter que agardar un ano para repetir o encontro podería organizarse un Vigotweets 2011. Non sei se prosperará tal idea, pero xuntar a máis de 280 profesionais do sector (que pagaron 10-15 euros cada un para asistir) demostrou que existía unha demanda para este tipo de iniciativas, polo que o futuro parece asegurado.

Manu Dibuja
Para min o evento foi como estar rodeado de amigos (unha oportunidade excelente para pór cara a moitos tuiteiros). E coma exemplo do borrollismo, Manu Dibuja regalounos unha impresionante galería fotográfica en Flickr e a organización publicou as gravacións da retransmisión do encontro para poder revisalo a posteriori, o que servirá a moitos para rememorar o evento, o que dificilmente pode facerse en diferido polo feito de que a experiencia completa precisa de actividade paralela en Twitter (que valeulle o trending topic a #compostweets).
Para axudar aos asistentes a lembrar a experiencia de participaren no Compostweets, quero achegar unhas imaxes con pé de foto que agardo que fagan sorrir a máis de un:

Wicho

«Espero esos @wicho cuando sea menester» soltou Wicho tras acuñar a frase «nos mandamos unos arrobas»

Anís del Mono

«Xúrovos que a botella que hai na mesa non é de Anís del Mono»

¿É preciso dicir que tal frase nunca saíu dos beizos de Pablo Iglesias (aínda que sospeito que pasou pola súa cabeza)?

Choromicas

Quero outra fotografía no blog porque «son un choromicas»

Monterredondus

Celso Gómez non paraba de tuitear mentres Manu Dibuja fardaba de ter a óptica máis larga e gorda

networking

Houbo moito networking, que seica é un sinónimo de drinking nos eventos TIC

Carlos Toural

«Eu son friki» pese a que leve a «camisa dos domingos»

Teneis la mirada sucia

«Teneis la mirada sucia»

Fidel Martín

«Para mexar pode que teña problemas, pero son capaz de tuitear cunha man no móbil á vez que consulto unha web no ultraportátil» - Fidel Martín antes de presentar a nova asociación ADousPuntoCero

E para rematar con bo pé, seguro que moitos lembran o momento da mesa de Twitter na que pediron á audiencia que amosase os seus trebellos para botar unha foto:
fotografando á audiencia
Audiencia fotografada
Si, ou son o becho ese que parece un debuxo animado diante de todo ;)

¿Conclusións? Pois que aínda que o Compostweets 2011 estivese plagado de erros, todos son corrixibles (por exemplo, quen non puido seguir o evento en directo pode facelo agora en diferido), polo que teño que agradecer á organización que montase un evento tan participativo e divertido, que agardo que se repita en numerosas ocasións cun éxito semellante. Compostweets 2012… ¿onde hai que apuntarse?

7 comentarios realizados

a gravatar

1. Fidel Martín escrito o 7 de Marzo de 2011 ás 8:59

jejeje…moi boa foto!!!

a gravatar

2. Marcus escrito o 7 de Marzo de 2011 ás 10:33

Fidel, é que parece a portada dun libro titulado No sin mi Twitter ;)
Coida ese braciño, para poder tuitear a dúas mans.

a gravatar

3. alfonso freire escrito o 9 de Marzo de 2011 ás 14:36

Markus, ainda que as túas matizacións necesitarían de matices e lle sobra úns gramiños de autoestima e autocomplacencia(non me interpretes mal, por favor; nos tampouco o facemos coas túas ideas) recolleremos as túas opinións para que o ano que ven podámonos quitar o calificativo de novatos.

Graciñas por falar de Compostweets

a gravatar

4. Marcus escrito o 9 de Marzo de 2011 ás 16:32

Alfonso, a miña intención era simplemente dicir que aínda que moitas cousas poidan saír mal, o resultado final non ten por qué ser negativo. En xeral gustei do Compostweets e, como digo ao final do texto, o mellor das cousas que critico, é que todas son salvables. Ou sexa, que o natural é que cada vez saia mellor o asunto.
Outros eventos celebrados nos últimos anos non puideron rematar con tal factura, e se preguntas a algún asistente se van repetir, de seguro que contestan que nin de coña, pero co Compostweets non foi así, polo que, aparte de pórme rosmón (como fago moitas veces no blog, pois as críticas obxectivas/serias déixoas para Código Cero), teño que transmitirvos os meus parabéns polo encontro.

a gravatar

5. alfonso freire escrito o 10 de Marzo de 2011 ás 13:00

Pero é que nós entendemos a túa crítica como constructiva. E en cousas tes moita razón. Para nós, primerizos nestas lides, tamén é unha experiencia enriquecedora. Pero temos que aprender.
Agradecémosche de verdade a túa valoración que repito, non está desacertada, nalgunhas consideracións.
Gracias de novo. a.f.

a gravatar

6. marcus.es » Eats & Twitts en A Coruña escrito o 6 de Abril de 2011 ás 17:13

[...] sentarnos), xuntámonos unha chea de asistentes ao Compostweets, de xeito que puiden continuar a conversa que tivera con Alfonso neste mesmo espazo. En persoa fálase moito mellor dese tipo de [...]

a gravatar

7. marcus.es » Compostweets 2012: adaptarse ou morrer escrito o 4 de Marzo de 2012 ás 9:28

[...] Microsiervos dun xeito moi divertido e ameno. Entendín a este momento como unha compensación á desfeita do ano pasado, cando a intervención de Wicho foi mal conducida a un diálogo co público sobre o retorno do [...]

Facer un comentario

Etiquetas (tags) permitidas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Observación: Os comentarios poderían non aparecer automaticamente, pois nalgunhas ocasións precisan de moderación por parte do administrador deste blogue.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios