Waiting for Netflix
Nos últimos días falei en numerosos ámbitos e ocasións de Netflix e as súas bondades, e coma moitos pensan que non é máis que un tópico ou un argumento tipo contra a Lei Sinde, coido que unha infografía que pretende ilustrar cómo Netflix está a rematar con Blockbuster, ou dito doutro xeito, como un bo servizo de vídeo baixo demanda a un prezo atractivo deixa obsoletos os videoclubs, pode resultar de grande utilidade:

Que Netflix conseguirse sumar 20 millóns de subscritores en Norteamérica (7,7 millóns no último ano e 3,08 millóns no último trimestre) debería facernos reflexionar sobre este modelo de negocio que xa é o segundo servizo audiovisual de subscrición nos EE.UU. (só superado por Comcast). Se consegue sumar un millón de aboados ao mes queda claro que existe unha demanda impresionante que ninguén está a cubrir, e moitos ex subscritores de Digital+ (e outras plataformas televisivas de pagamento en España) poderán acreditar que a oferta actual non responde ás necesidades dos espectadores, polo que estaría moi ben que Netflix chegase a España (aínda que os rumores apuntan a que a industria audiovisual española estase a negar a chegar a un acordo dentro das nosas fronteiras, o que só pode ter consecuencias negativas, botando á xente a subscribirse a Megavideo e cousas polo estilo).
Pero para min o éxito de Netflix non está só no seu atractivo prezo e no seu inmenso catálogo de series de televisión e películas, senón na súa facilidade de uso e na posibilidade de operar en case calquera trebello conectado á Rede, de xeito que existen aplicacións de Netflix para as consolas de videoxogos domésticas, para reprodutores de Blu-ray, para televisiores con conexión á Internet, para dispositivos con iOS (iPhone, iPod Touch e iPad), distintos reprodutores multimedia (pouco coñecidos en España) e incluso está en preparación a aplicación para Android (de xeito que operará en numerosos tablets e móbiles). Iso non só é cómodo, senón que tamén é xusto, pois así non se dará a patética situación actual na que temos que mercar o mesmo produto para distintos soportes. ¿Non é frustrante ter que mercar en Blu-ray a película que xa tiñamos en DVD ou en VHS? Se os contidos son ubicuos e independentes do soporte o consumidor aforra cartos e espazo no fogar. As vantaxes son moitas, e se o prezo a pagar por tal servizo é moderado o éxito está garantido.
Por suposto, as consecuencias da chegada de Netflix tamén teñen unha cara escura, e senón, vexamos o gráfico de evolución de ingresos de Netflix e Blockbuster:

Que o éxito de Netflix prexudica seriamente aos negocios tradicionais coma os videoclubs, á vez que move menos cartos, resulta innegable, pero é moito mellor iso que levar ao público a recorrer ao lado escuro do P2P e das descargas directas, ¿verdade?
Non só os videoclubs (que teñen os seus días contados dende hai bastantes meses) están ameazados por servizos coma Netflix (en realidade, porque Netflix é a evolución natural dun videoclub), senón que os servizos de televisión de pagamento tamén van ter serios atrancos, especialmente onde haxa boas conexións ás Rede, pois resultaralles difícil convencer aos seus clientes de manter un servizo obsoleto, baseado en grellas de programación con horarios pechados, o que vai forzar ás compañías a integrar servizos de gravación nos seus receptores ao máis puro estilo de TiVo (outro produto que arrasou en EE.UU. e que por aquí nin cheiramos). Se reaccionan axeitadamente ao final teremos que os consumidores gañaramos moito con esta loita polo audiovisual doméstico, no que resulta evidente que a evolución é a única garantía de supervivencia.






3 comentarios realizados
1. @monterredondus escrito o 17 de Febreiro de 2011 ás 13:07
É que este modelo funciona!!
2. Paco escrito o 17 de Febreiro de 2011 ás 23:00
Boas Marcus,
Parabéns polo artigo, moi esclarecedor sobre todo o gráfico. Xa o dixo Darwin, as especies que sobreviven son as que mellor se adaptan ao cambio. Parece que os dinosaurios da industria audiovisual estatal ainda non están moi pola labor do cambio, o que acabará cavando a súa propia tumba.
Unha pregunta, cres que pode acontecer o mesmo cos videoxogos e que a plataforma Steam acabe cos relailers como Game o GameStop?
Por certo, a ligazón do banner de apoio ao xabarín que tes na web (http://www.quevolvaoxabarin.tk/) non vai, leva a unha páxina de publicidade de casino online.
Un saúdo!
3. Marcus escrito o 17 de Febreiro de 2011 ás 23:49
Paco:
Sobre o futuro de GAME e GameStop, está clarísimo que son negocios con data de caducidade, só que iso non vai pasar nesta xeración de consolas. De feito, no último ano xa houbo caída nos ingresos dos xogos en soporte físico, pero mirando as cifras globais incrementaron ingresos (pero resulta que os DLC non sae nas estatísticas das tendas, como resulta evidente). Chega con fixarse no ben que funcionaron os capítulos descargables de Dead Rising 2 para ver que, como as cousas continúen así, os soportes físicos teñen os días contados.
No caso das consolas de sobremesa aínda non podemos dicir nada porque non se sabe cando chegará a nova xeración (¿2012 ou 2013?), pero en plataformas portátiles xa se ve que van por aí os tiros. Por exemplo, na NGP (ou como chamen finalmente á sucesora da PSP) os xogos virán en tarxetas de memoria ou en descargas, o que dá a entender que iso das tarxetas de memoria é un mero soporte de transición (para que as tendas non fagan boicot como coa PSPGo); coa 3DS está por ver se abundan os xogos descargables (parece que será así) e se miramos a Android e iOS está clarísimo que xa todo son descargas dixitais.
Parece indiscutible que de cara ao futuro os xogos serán ou contidos descargables ou plataformas como OnLive (que xa funciona nos EE.UU.).
Grazas por avisar do banner do Xabarín, agora quito o conto.