Luns, 21 de Febreiro de 2011

Francisco Ibáñez no Carrefour de A Coruña

Hoxe, ao ir de compras ao Carrefour coruñés (o da Avda. de Alfonso Molina), vin un cartel sobre a sinatura de exemplares que vai celebrarse no centro comercial, e que pode interesar a moitos incondicionais do autor de Mortadelo e Filemón:
Cartel da firma de exemplares de Ibáñez
Xa pensaba que Ibáñez só era incondicional da Libraría Arenas, pero vese que sabe repartirese, e este ano apostaría que vai xuntar máis público que noutas ocasións simplemente polas facilidades que ten un grande centro comercial para xuntar a moita xente agardando a que o artista dedique un debuxiño para o seu fillo. ;)

Venres, 18 de Febreiro de 2011

Rebeca Ponte na Casa de Galicia

Menuda sorprensa levei hoxe ao ver que Rebeca Ponte saíu na páxina web da Xunta de Galicia coa seguinte nova:

Cardigan Bridge ofreceu na Casa de Galicia o concerto, en solitario, “On the windowsill”

Concerto que se celebrou na Casa de Galicia en Madrid
A cantautora coruñesa Cardigan Bridge ofreceu esta tarde na Casa de Galicia de Madrid o concerto “On the windowsill”, baseado no seu disco do mesmo nome, o primeiro traballo con temas propios da nova artista multidisciplinar Rebeca Ponte baixo o nome artístico de Cardigan Bridge. Cantou en solitario, acompañándose alternativamente de guitarra, acordeón e teclado, cando nas súas actuacións habituais adoita estar acompañada por músicos.

Cardigan Bridge fixo gala da súa voz e sensibilidade nun concerto próximo no que conectou co público explicando a mensaxe das súas cancións e as circunstancias nas que as creou. Temas todos eles comprendidos no disco “On the windewsill”, un traballo variado e ecléctico, con nove temas íntimos e persoais, como o que dá nome ao disco, “Paxaros mortos sobre o alfeizar”, sobre o danos ambiental que infliximos ao planeta, “Augamares no corazón”, “Vella pel de lobo gris” ou a historia dunha española emigrante en Nova York.

Rebeca Ponte con Ramón Jiménez
Foi presentada polo coordinador de Actividades da Casa Ramón Jiménez, quen resaltou da traxectoria artística da cantante que inaugurou coa súa música diversos congresos internacionais e importantes mostras e exposicións de artistas. Por exemplo, citou a “IX Mostra Unión Fenosa” do Museo Macuf así como a exposición “Miradas” no mesmo museo, en que se presentaba a obra de Oukalele e Joan Fontcuberta; a presentación, en 2004, da composición musical da instalación “Madagascar” do fotógrafo Jordi Oliver na sala Salambó de Barcelona xunto ao contrabaixista Raúl Platz, co que formaba dúo nese momento e a súa intervención en concerto acústico do “Congreso Internacional de Danza da Unesco” e da “Pasarela de Moda 080″ de Barcelona. Tamén resaltou que compuxo cancións para o cine e o teatro.

Cardigan Bridge foi alumna da Escola de Jazz do Concello da Coruña como saxofón e actuou durante anos con esta Escola e o mestre Acuña no Teatro Rosalía de Castro e nas jam session do local “A Terraza”; tocou tamén en grupos de pop, rock e jazz, pero sempre, tanto entón coma agora en solitario, foi a compositora e intérprete dos seus propios temas. Pódese saber máis sobre a súa carreira e a súa vida artística na súa páxina web, cardiganbridge.com.

Aproveito a ocasión para adiantar que o vindeiro 8 de abril Rebeca vai dar un concerto na Sala 600 de Melide. Procurarei lembralo cando se achegue o evento que non dubido en recomendar, pois polo momento os directos de Cardigan Bridge aos que puiden asistir foron plenamente satisfactorios.

Xoves, 17 de Febreiro de 2011

González-Sinde en Los Desayunos de TVE


Alucino coa González-Sinde e a súa participación en Los Desayunos de TVE, onde mete a zoca tremendamente:
1- Se a xente lese (e entendese) a disposición final segunda da LES quedaría máis escandalizada, pois vería que non fala de páxinas web de descargas senón de servizos da Sociedade da Información (polo que afectaría case a calquera canle de distribución por vías telemáticas).
2- Considera bo que puidesen pechar unha web en 10 días… obviando que os denunciados tamén teñen dereitos.
3- Di que o xuíz decide a sanción, o que é mentira: decide se a resolución da Comisión vai contra os dereitos fundamentais (o que dubido que poida decidir en 48 horas), pero non entra no fondo das medidas a adoptar contra os denunciados.
4- Asegura que a Lei Sinde vai promover a oferta legal de contidos o que non ten sentido ningún. ¿Qué terá que ver unha cousa coa otra? (aprobaron unha lei coercitiva e non unha liña de axudas para o sector audiovisual) Ademais, coma finalmente Netflix non chegue a España a oferta legal de contidos quedará en nada.
5- Confunde a industria musical (que considera destruída) coa industria discográfica. Actualmente á música vaille de fábula, os que van mal son os que vivían de vender discos, pero os concertos e as descargas (dende iTunes e móbiles) tamén son negocio.
6- Tamén fala de páxinas web que cobran polos contenidos ilegais, obviando que esas xa son ilegais actualmente e están perseguidas e, de feito, se están a xerar unha economía somerxida (sen declarar IVE, entre outras cousas) os seus responsables terían que facer fronte a medidas xudiciais que van moito máis aló do peche das súas webs.

Existen argumentos válidos para defender a chamada Lei Sinde, pero mediante evasivas (como cando non responde á pregunta sobre o feito de que a LES non teña xurisdicción fóra de España) e con argumentos mal utilizados non vai enganar a ninguén. Esa señora debería estar mellor asesorada ou quedar caladiña, pois ao abrir a boca non está a contribuír a unha boa imaxe do Goberno, o seu Ministerio e a Industria á que quere protexer.

Coido que para ilustrar a situación foi moito máis efectivo o programa de onte de Vía V:

Waiting for Netflix

Nos últimos días falei en numerosos ámbitos e ocasións de Netflix e as súas bondades, e coma moitos pensan que non é máis que un tópico ou un argumento tipo contra a Lei Sinde, coido que unha infografía que pretende ilustrar cómo Netflix está a rematar con Blockbuster, ou dito doutro xeito, como un bo servizo de vídeo baixo demanda a un prezo atractivo deixa obsoletos os videoclubs, pode resultar de grande utilidade:
Netflix en cifras
Que Netflix conseguirse sumar 20 millóns de subscritores en Norteamérica (7,7 millóns no último ano e 3,08 millóns no último trimestre) debería facernos reflexionar sobre este modelo de negocio que xa é o segundo servizo audiovisual de subscrición nos EE.UU. (só superado por Comcast). Se consegue sumar un millón de aboados ao mes queda claro que existe unha demanda impresionante que ninguén está a cubrir, e moitos ex subscritores de Digital+ (e outras plataformas televisivas de pagamento en España) poderán acreditar que a oferta actual non responde ás necesidades dos espectadores, polo que estaría moi ben que Netflix chegase a España (aínda que os rumores apuntan a que a industria audiovisual española estase a negar a chegar a un acordo dentro das nosas fronteiras, o que só pode ter consecuencias negativas, botando á xente a subscribirse a Megavideo e cousas polo estilo).

Pero para min o éxito de Netflix non está só no seu atractivo prezo e no seu inmenso catálogo de series de televisión e películas, senón na súa facilidade de uso e na posibilidade de operar en case calquera trebello conectado á Rede, de xeito que existen aplicacións de Netflix para as consolas de videoxogos domésticas, para reprodutores de Blu-ray, para televisiores con conexión á Internet, para dispositivos con iOS (iPhone, iPod Touch e iPad), distintos reprodutores multimedia (pouco coñecidos en España) e incluso está en preparación a aplicación para Android (de xeito que operará en numerosos tablets e móbiles). Iso non só é cómodo, senón que tamén é xusto, pois así non se dará a patética situación actual na que temos que mercar o mesmo produto para distintos soportes. ¿Non é frustrante ter que mercar en Blu-ray a película que xa tiñamos en DVD ou en VHS? Se os contidos son ubicuos e independentes do soporte o consumidor aforra cartos e espazo no fogar. As vantaxes son moitas, e se o prezo a pagar por tal servizo é moderado o éxito está garantido.

Por suposto, as consecuencias da chegada de Netflix tamén teñen unha cara escura, e senón, vexamos o gráfico de evolución de ingresos de Netflix e Blockbuster:
ingresos de Netflix e Blockbuster
Que o éxito de Netflix prexudica seriamente aos negocios tradicionais coma os videoclubs, á vez que move menos cartos, resulta innegable, pero é moito mellor iso que levar ao público a recorrer ao lado escuro do P2P e das descargas directas, ¿verdade?
Non só os videoclubs (que teñen os seus días contados dende hai bastantes meses) están ameazados por servizos coma Netflix (en realidade, porque Netflix é a evolución natural dun videoclub), senón que os servizos de televisión de pagamento tamén van ter serios atrancos, especialmente onde haxa boas conexións ás Rede, pois resultaralles difícil convencer aos seus clientes de manter un servizo obsoleto, baseado en grellas de programación con horarios pechados, o que vai forzar ás compañías a integrar servizos de gravación nos seus receptores ao máis puro estilo de TiVo (outro produto que arrasou en EE.UU. e que por aquí nin cheiramos). Se reaccionan axeitadamente ao final teremos que os consumidores gañaramos moito con esta loita polo audiovisual doméstico, no que resulta evidente que a evolución é a única garantía de supervivencia.

Martes, 15 de Febreiro de 2011

Street Fighter IV no mundo real

Ultra Combos
Nos últimos anos varios videoxogos de loita tiveron plasmación na grande pantalla coma Mortal Kombat, Street Fighter, Tekken, Dead or Alive e Double Dragon, e posiblemente a única que logrou salvar o tipo foi a primeira entrega de Mortal Kombat, en boa medida por ser a película que puxo de moda os combates con música chunda-chunda de fondo, e por non ter aspiracións no seu guión. Pero de Street Fighter xa van dúas películas con actores reais, cada cal peor, polo que cada vez que uns afeccionados sacan algún vídeo no que conseguen trasladar con éxito o xogo a pantallas distintas das da consola (coma coa curta Street Fighter: Legacy) non podo evitar sentir certa carraxe polo feito de que os estudos cinematográficos parecen confiar os seus cartos a quen non deberían, pois hai xente con moito talento capaz de levar as imposible pelexas dos videoxogos a unha frenética secuencia de imaxes coma están a conseguir actualmente dende Triplec Films en pezas nas que recrear os Ultra Combos:

Tamén teñen unha versión protagonizada por femmes fatales:

E non, non puxen o vídeo por amosar a mozas ben feitas con pouca roupa, senón porque conseguen retratar o xogo Street Fighter IV con grande fidelidade, tanto a nivel de efectos de imaxe coma de son.
Os seareiros do King of Fighter supoño que preferián o vídeo no que podemos ver un combate en plan Tag Tournament:

Habitualmente as escenas de acción deste tipo están moi orientadas a imitar as películas chinesas, tanto en coreografías coma en tiros de cámara, pero ao combinar esas técnicas coas dos videoxogos conséguese un resultado moi divertido, que espero que alguén imite en pantalla grande (sempre que non sexal Uwe Boll).

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios