Martes, 14 de Decembro de 2010

Aprende Photoshop a ritmo de rap

Vin en Gizmodo que a última coña de College Humor eran tan graciosa como instructiva, e teño que darlles a razón, pois no mesmo vídeo musical podes levar o ritmo, botar unhas risas e aprender algún truco do Photoshop (sempre que entendas algo de inglés):

Xa estou imaxinando a máis dun empregando a canción como regra mnemotécnica para lembrar como se fan certos retoques no Photoshop ;)

Final alternativo da película do oso Yogi (O asasinato do oso Yogi polo cobarde Bubu)

A película do oso Yogi está máis preto de chegar ás pantallas cinematográficas (este venres estréase nos EE.UU., aínda que a España non chegará ata o 4 de febreiro, con todo o que iso pode supor a nivel de piratería) e xa conta cunha parodia que poderiamos considerar coma un final alternativo, e que é unha homenaxe á película El asesinato de Jesse James por el cobarde Robert Ford:

Esta peza é obra de Edmund Earle, e non ten ningunha relación coa película que veremos nos cines, aínda que supoño que os estudos cinematográficos non farán nada para frear a parodia, pois estalle a dar moita publicidade de balde á película oficial.

Xoves, 9 de Decembro de 2010

O tema principal de TRON: Legacy chega en vídeos musicais con distintos sabores

Coma fan de TRON non podo parar de contar os días para a chegada de TRON: Legacy aos cines españois, e para abrir boca admito estar encantado co vídeo da nova película ambientada polo tema musical Derezzed de Daft Punk:

Pero agora sorprenden cun vídeo musical do tema, con aires retro, que é unha auténtica delicia:

Parece que están a facer un bo traballo casando as novas xeracións co público que viu a película orixinal nos anos 80, de xeito que teremos a mestura ideal entre a última tecnoloxía estereoscópica e un clásico que consideraba irrepetible, pero que comezo a pensar que vai ter un sucesor máis que digno (aínda que resulta evidente que non vai ter a repercusión a longo prazo do primeiro filme).

Mércores, 8 de Decembro de 2010

O vídeo musical como publicidade turística

Non tiña nin idea de que existía un lugar coma Leavenworth, vila do condado de Chelan (Washington) con só un par de milleiros de habitantes que decidiron revitalizar a súa economía disfrazando as súas rúas para aparentar estar en Baviera, para pasar uns días de descanso (aínda que a localidade é coñecida por celebrar o Oktoberfest máis concorrido fóra de Alemaña), e aínda que non estou moi ao tanto da innovación turística, entendo que é posible dárse a coñecer de xeito moi amplo grazas a vídeos musicais coma o seguinte:

Os do Xacobeo non se atreverían a facer algo semellante nin despois beber media ducia de cuncas de viño do país tras unha ración de polbo á feira, pero tería o seu aquel que de cando en vez a publicidade sobre as zonas turísticas españolas non se limitase a amosar paisaxes fermosas con música tranquila. A orixinalidade vende, e pode axudar a revitalizar a economía.

Xoves, 2 de Decembro de 2010

Un videoclip con texto moi vivo

O deseñador Jarrett Heather está a impresionar a moitos colegas a nivel mundial grazas ao seu traballo, pois conseguiu crear un vídeo musical realmente incrible para a canción Shop•Vac de Jonathan Coulton mesturando marcas e tipografías:

Este traballo é pouca broma, pois Heather tivo que dedicarlle preto dun milleiro de horas de traballo con distintas ferramentas (Photoshop, Illustrator, After Effects, Premiere e Toon Boom Animate) para crear esta peza de arte na que o texto cobra vida dun xeito moi orixinal, e que pode converterse en todo un hit en YouTube (aínda que polo momento apenas leva uns centos de reproducións, pese a saír en Boing Boing). De todos os xeitos, coido que xa é un clásico instantáneo para todos os afeccionados ao mundo das tipografías e os logotipos.

« Entradas máis novas

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios