Xoves, 7 de Outubro de 2010

La Red Social (The Social Network)

la red socialEsta tarde tiven a fortuna de poder asistir á preestrea de La Red Social, ou sexa, a película de Facebook, que chegará aos cines españois en 3 semanas pero que dende ServiCaixa tiveron a cortesía de regalar entradas para un pase de adianto (¡agradécese!). Eu tiña moita curiosidade pola obra, especialmente despois de ler certas críticas sobre o que contaba, o que lembroume moito á película Piratas de Silicon Valley, pois ambos filmes están baseados nun libro, e os feitos que contan non son fieis á realidade, senón aos libros, aos que se lle engade bastante ficción para facer divertida a historia.
Aínda que gustei moito máis de Piratas de Silicon Valley, estamos ante unha película de David Fincher e Aaron Sorkin que logra resolver con moito acerto unha narración que, cinguíndose aos feitos, sería bastante aburrida. Durante as 2 horas de metraxe conseguen manter a atención aínda que todo o mundo (ou cando menos, os medianamente informados sobre Facebook) sabe o que vai pasar.
Coido que o único que podería botarse en cara ao filme é que desfiguran a Mark Zuckerberg coma un ser antisocial, incapaz de facer amigos, e obsesionado cunha rapaza coa que intentou manter unha relación ao comezo da película. Entendo que iso non ten nada que ver co mundo real, senón que serve para debuxar unha trama da que pode desprenderse que os negocios son a guerra, e que ninguén chega ao máis alto sen deixar cadáveres no camiño (aínda que nesta ocasión non mencionan que o pobriño de Eduardo Saverin actualmente está forrado, cunha participación en Facebook duns 1.300 millóns de dólares, o que non está nada mal para un rapaz de 26 anos).

Na película inventan situacións e deixan quedar mal a moitos personaxes porque non están baseados nas persoas, senón que son unha mera invención dos guionistas (o que permite narrar incidentes curiosos e axuda a desenvolver diálogos tan bos coma nos ten afeitos Sorkin). Non debemos confundir unha película cun documental, e se temos iso claro podemos asegurar que estamos ante unha peza magnífica, que servirá a moitos para reflexionar sobre o cambio social que está a producirse grazas á Internet, aínda que sexa só coma un efecto secundario, pois o reflexo de Facebook na sociedade apenas ten cabida nesta obra que non dubido en recomendar.

Martes, 5 de Outubro de 2010

O ascensor ¿que non descende?

Esta mañá na presentación do Salón Internacional de Tecnoloxía 2010 (SITE) volvín topar como meu exemplo favorito de fallo de usabilidade, o ascensor de EXPOCoruña:
Ascensor de EXPOCoruña
¿Sabedes o que hai que facer para baixar ao aparcadoiro do andar -1? ¿Ten algún sentido que o ascensor teña un teclado telefónico? Un día teño que mirar a ver se deixa chamar a casa ;)

Luns, 4 de Outubro de 2010

Publicidade ascendente

publicidade nas escaleiras do aparcadoiro da praza de LugoEsta tarde levei unha sorpresa no aparcadoiro soterrado da praza de Lugo, pois as escaleiras tiñan publicidade do centro comercial Marineda City, onde está o Ikea e que no futuro acollerá un Corte Inglés, Decathlon, salas de cine (curiosamente de Cinesa, que entra así a competir con Yelmo e Filmax) e moitos outros establecementos que en boa medida coinciden cos de Espacio Coruña.
Tras a miña sorpresa inicial, non puiden evitar reflexionar nun par de cousas:
1- ¿Está ben este tipo de publicidade? Por unha banda está o detalle de que se pasase a ser habitual perdería o impacto, e pola outra temos que pode ser un auténtico perigo, pois fai que a xente mire un anuncio en vez de atender a onde pon os pés.
2- Pese a que o dominio de Internet do centro comercial é marinedacity.es anuncian o correspondente .com (que redirixe ao .es) o que dá a entender que a xente cando le un sufixo .com asóciao directamente á web, mentres que co resto de dominios de primeiro nivel non pasa o mesmo.

Pero a auténtica sorpresa da xornada para min foi atopar no escaparate da FNAC o anuncio da celebración do 75º aniversario de DC Comics no establecemento de A Coruña (aínda que finalmente quedaremos sen a exposición de orixinais):
exposición de DC Comics na FNAC
Coido que o programa de proxeccións no Fórum da FNAC vai ser o que segue:

Luns 25 de outubro: Superman Animación.

-10h. ‘Batman y Superman. La película’.
-11h. ‘El reto de los Superamigos’.
-12:30h. ‘El reto de los Superamigos II’.
-16:30h. ‘Superman/Batman: enemigos públicos’.
-18h. ‘Superman: el último hijo de Krypton’.
-19h. ‘La liga de la Justicia: Crisis en dos tierras’.

Martes 26 de outubro: Superman Real.

-10h. ‘Superman. La película’.
-16h. ‘Superman II. La aventura continua’.
-18h. ‘Superman returns. El regreso’.

Mércores 27 de outubro: Batman Animación.

-10h. ‘Comienza la leyenda’.
-11:30h. ‘Secretos del héroe de Gotham’.
-13h. ‘Saliendo de las sombras’.
-16h. ‘El intrépido Batman volumen I’.
-17:30h. ‘El intrépido Batman volumen II’.
-19h. ‘El intrépido Batman volumen III’.

Xoves 28 de outubro: Batman real.

-10h. ‘Batman’.
-12h. ‘Batman begins’.
-16h. ‘Batman Vuelve’.
-18h. ‘El caballero oscuro’.

Venres 29 de outubro: La liga de la Justicia.

-10h. ‘El juicio de la Liga de la Justicia’.
-11:30h. ‘Desventurados. La película’.
-12:30h. ‘El paraíso perdido’.
-17h. ‘Orígenes secretos’.
-18h. ‘Los valientes y audaces’.
-19:30h. ‘Crisis en dos tierras’.

Sábado 30 de outubro: Superheroínas.

-11h. ‘Wonder Woman’.
-12h. ‘Catwoman’.
-16:30h. ‘Batman: el misterio de la batimujer’.

Estamos ante material moi interesante para quen queira facer unha achega aos personaxes de DC Comics, coa sorte de que case todo pode conseguirse con facilidade en DVD, o que tamén resulta de agradecer.

O que xa dá máis medo é o concurso de disfraces, nos que a xente poderá participar vestíndose de Batman, Superman, Green Lantern, Wonder Woman ou Catwoman, polo que supoño que ao final Green Lantern será un auténtico marxinado, e Batman e Catwoman serán os que sumen máis adeptos, pois é o que acontece normalment neste tipo de concursos.

« Entradas máis novas

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios