Actuación melidense no Luar
Esta noite no Luar tivemos a oportunidade de ver a Patricia, a melidense que representa a zona Galicia Centro no concurso musical organizado no programa da TVG:
¡Moita sorte, Patri!
Esta noite no Luar tivemos a oportunidade de ver a Patricia, a melidense que representa a zona Galicia Centro no concurso musical organizado no programa da TVG:
¡Moita sorte, Patri!

L’Ardoise Tactile chega como a mellor alternativa ao iPad no tocante á súa relación calidade-prezo, coma podemos ver no seguinte vídeo:
Esta divertida idea xa ten máis de 2.000 seguidores en Facebook e outro vídeo no que podemos ver o trebello empregado no día a día:

Durante a mañá comentáronme varias persoas a existencia de Pervi.es (incluso citou o tema Xosé Ramón Nóvoa no seu Visionarios del Ciberespacio en RadioVoz), como unha nova plataforma de redes sociais creada dende Redondela por uns rapaces de 15 anos da que falaban en La Voz de Galicia, e eu flipei un chisco porque nunca escoitara falar deles.
Ao ler o artigo en cuestión atopei cousas que cheiraban moi mal como que programaran o sistema en 5 días, así que decidín botar un ollo, rexistreime e comecei a localizar elementos sen traducir do inglés, polo que a cousa parecía clara: non estaba ante un servizo programado en Redondela, senón ante unha instalación puntual dunha solución coñecida coma SocialEngine (da que espero que adquiriran a súa correspondente licenza de uso).
Chegado a tal punto molesteime bastante, pois os rapaces detrás do proxecto realizaron declaracións coma que «Nuestro objetivo es conquistar también el mercado anglosajón. Además, dentro de una semana -avanza Samuel- estará también en gallego y se podrá utilizar incluso en Portugal» ou que garanten «el máximo nivel de privacidad, incluso en las fotos que se suben, algo que ni siquiera Facebook ofrece ahora». Iso é coma se un autor dun blog feito con WordPress comeza a dicir que vai crear un produto mellor que Blogger e que vai superar a xigantes tecnolóxicos cun simple aloxamento web compartido.
Paréceme estupendo que dende Galicia aparezan proxectos interesantes, e que os mozos realicen emprendementos tecnolóxicos, pero vender motos e ir de pantasma pola vida está moi mal. Ese tipo de prácticas só provoca desconfianza no sector TIC, e logo as empresas serias teñen problemas para atopar financiamento porque resulta moi complicado separar o gran da palla.
Espero que Adrián Álvarez e Samuel Rodríguez teñan moito éxito no futuro, pero deberían ser un pouquiño máis humildes e honestos, xa que vendendo motos só poden rematar mal, e aínda que estamos predispostos a descubrir novos Mark Zuckerberg, os espellismos son moi negativos a longo prazo.
ACTUALIZACIÓN: Dende Cabozo tamén están molestos co tema, especialmente polo feito de que en La Voz digan que Pervi.es é a primeira rede social galega.
2ª ACTUALIZACIÓN: Non podo evitar comentar que na redacción do Telexornal da TVG hai xente moi incompetente, pois veñen de cubrir a nova de Pervi, cometendo os mesmos erros que La Voz de Galicia (coma falar de Pervi como a primeira rede social galega ou dicir que o servizo programouse en Redondela), pero con moitas horas de diferencia, e con facer unha simple busca en Google ou Twitter poderían decatarse de que a información que deron carece de rigor.
Tampouco teñen desperdicio os nomes de usuario que poden verse no video coma Jacinto Melapela, Shurperro Te La Mete, Trollaco De San Simón, José María Aznar ou Trolles Everywhere, que deixan claro que boa parte dos novos usuarios de Pervi e xente que está de carallada (creando eventos como quedadas masturbatorias).
3ª ACTUALIZACIÓN: Como era de agardar, dende V Televisión non verifican as informacións publicadas en La Voz de Galicia, e amplían a información sobre Pervi enmerdando máis a polémica:
Que Pervi estea inspirado na película La Red Social demostra a grande orixinalidade do proxecto e que o Adrián non entendeu a película para nada ao dicir que plataformas coma Facebook non se fixan no usuario e pensan só nos cartos (cando no filme amosan xusto o contrario). Non esquezamos que os modelos de negocio de Facebook e Twitter aínda non están moi claros. Amais, dificilmente Adrián e Samuel poden estar a adaptar o servizo ás necesidades dos usuarios cando están ante unha ferramenta prefabricada.
Tampouco entendo que unha empresa ofrecese 1.600 euros por unha copia ¿pirata? dunha aplicación que custa 250 dólares (180 euros). De ser así o mellor sería coller os cartos e correr ![]()
Mirando o vídeo de V Televisión vexo que a nova de Pervi foi parar á portada dunha das edicións de La Voz de Galicia:

Ao ver iso retiro todos os meus argumentos desculpando a falta de coñecementos técnicos dun redactor dunha delegación, pois para destacar algo de tal xeito hai que saber o que se publica. Queda claro que esta bola de neve está provocada directamente por La Voz de Galicia, aínda que é moi triste que ao longo do día non rectificaran a información publicada de ningún xeito e contribuísen a soster unha falsidade.
ACTUALIZACIÓN (30-10-2010): En La Voz de Galicia publican hoxe un artigo no que intentan xustificarse, aínda que con pouca fortuna.

Si, o da foto son eu probando o novo accesorio para a Xbox 360, pois onte tiven a fortuna de poder probar o trebello nun evento organizado por Microsoft. Antón Lezcano (presentador de Turkía en Localia Coruña) vén de avisarme de que publicaron esa imaxe en La Opinión… ¡¿non poderían ter pillado a algún dos rapaces novos que xogaban ou a algunha das azofaifas?!
O caso é que así tamén teño unha desculpa para falar por aquí do tema (que xa comentei onte en Código Cero), e confirmo que Kinect ten moitos ingredentes para converterse no éxito do Nadal (supera sobradamente a experiencia de xogo de PlayStation Move, que é demasiado semellante á da Wii, consola que por outra banda teno difícil para seguir vendendo por estar presente en moitísimos fogares), sempre que saiban promocionalo ben.
Na presentación a xente fixo bastante o mono, pero a impresión xeral que levamos os asistentes é que estabamos ante un xeito sinxelo de divertirse:
Diversidade de xogos para un público ocasional
Si, o Dance Central vai ser o xogo estrela de Kinect, pois supón unha revolución absoluta nos xogos de baile, que garante a diversión nas festas, aínda que ten o atranco de que a moita xente dálle vergoña bailar en público (ao igual que tamén acontece con xogos coma SingStar ou Guitar Hero). Tal é a confianza de Microsoft no produto que venden o Kinect co xogo Kinect Adventures (que facilita xogar en parella, polo que é ideal para introducirse nesta tecnoloxía como ferramenta de lecer social) e non co xogo de baile (sería coma se na Wii houbese que adquirir o Wii Sports aparte, ou como se a Game Boy no incluíse inicialmente o Tetris), pero iso tamén serve para que o público comprenda que o Kinect non é só un Dance Revolution avanzado. De feito, na demostración puidemos experiemntar distintas modalidades de xogo: birlos (moito mellor que o equivalente de Wii Sports), fitness (podendo ter un adestrador persoal ou simplemente xogar repartindo mamporros ao aire), baile (¡Funkytown! ¡Funkytown!), coches (aínda que non o pareza, xogar a esa especie de Mario Kart sen mando que é Joy Ride resulta divertido), mascotas (Kinectimals é precisamente o xogo que estou a probar na foto, e que vai destiando a un público infantil, achegando unha experiencia moito máis completa que os populares Nintendogs), volleyball (agardemos que a xente non tome moi en serio este xogo ou vai haber moitos lesionados de dios), tenis de mesa (neste caso coido que o uso de mandos resultaba bastante intuitivo, polo que Kinect non supón unha vantaxe especial) e incluso correr sen moverse do sitio (toda unha frikada).
A tecnoloxía de Kinect
O sistema empregado por Microsoft consiste nunha cámara con sensores de movemento e micrófono, capaz de rexistrar en 3D a imaxe dos xogadores para reproducila no xogo, aínda que ten certas limitacións que pode que fosen mal interpretadas nos últimos meses:
- No que a espazo se refire, ao final non é preciso afastarse tanto do televisor coma se rumoreaba, e a distancia óptima da consola é de 1,8 metros. O que pasa é que como nalgúns xogos hai que andar saltando, moverse aos lados ou dar labazadas e patadas ao aire, recoméndase liberar de obstáculos o salón, non pola tecnoloxía en si, senón polo perigo de romper a crisma ![]()
- Calibrar a cámara é máis doado e rápido que co Wii MotionPlus ou co PlayStation Move, pois chega con erguer a man sobre a cabeza. Iso si, advertiron moito que hai que deixar que sexa a propia cámara a que enfoque ao usuario, pois se forzamos a súa orientación vertical manualmente podemos rachala.
- Na precisión podo asegurar que funciona bastante ben (nuns xogos mellor que noutros), aínda que é certo que ten algo de retraso (como tamén acontece cos sistemas de Nintendo e Sony) e que para xogar hai que procurar evitar levar prendas que poidan confundir á máquina (como saias longas, bufandas…).
- Sobre o recoñecemento de voz, pese a que comentouse que a Xbox 360 só entendería o mexicano, o certo é que esa é unha funcionalidade en desenvolvemento, de xeito que haberá que agardar á primavera para que lancen unha actualización (descargable de balde, claro) que activará o recoñecemento de voz en castelán, para poder así dar ordes á consola en viva voz. Deste xeito, se estamos a ver unha película e queremos ir ao baño podemos dicir Xbox para
e evitamos ter que andar a buscar o mando polo salón.
É compatible co Windows Live Messenger
Nas presentacións de Kinect que hai por toda España parecen estar a obviar unha das grandes posibilidades que abrirá o feito de ter unha cámara conectada á consola de videoxogos, coma é o feito de que poidamos conectarnos ao Messenger e facer videoconferencia dende o salón. De feito, a propia cámara de Kinect recoñeceranos, de xeito que moverase para ternos sempre enfocados aínda que esteamos a desprazarnos polo salón durante as nosas comunicacións en vídeo, o que tamén pode aproveitarse para compartir fotografías en tempo real. Vaia, que non só poderemos establecer videochamadas entre consolas, senón que tamén podemos chegar aos ordenadores, o que podería resultar moi atractivo para o público que non controla moito de tecnoloxía (pois os menús da Xbox 360 son moi intuitivos para facer tal).
Os prezos
Unha das grandes dúbidas que teño sobre Kinect é se os usuarios actuais da Xbox 360, afeitos a gozar do Halo e o Gears of War van gastar 150 euros en mercar o Kinect, pois a consola de Microsoft caracterízase por contar cun público moi hardcore, pero o que si parece que vai trunfar é o paquete que inclúe a Xbox 360 con 4 Gb de almacenamento (máis que suficiente para gravar as nosas partidas) e o Kinect por só 300 euros, xa que tería un prezo moi semellante ao da Wii no seu lanzamento, o que fai que o público en xeral estea a percibir Kinect como unha consola. Isto parece un grande acerto de Microsoft, xa que deste xeito os pais non asociarán este produto cos xogos de tiros, e animaranse a mercar o novo xoguete de Microsoft sempre que nos vindeiros días teñan a ben metelo polos ollos de todos os cidadáns a través da televisión e dos distintos medios dispoñibles.
O Kinect chegará ás tendas españolas o vindeiro 10 de novembro, pero os que queiran probalo en vivo antes poderán achegarse os días 5 e 6 de novembro ao centro comercial Dolce Vita para poder gozar desta revolución que impresionará aos consumidores menos afeitos aos videoxogos e que promete converterse nun complemento imprescindible para as festas de cumpreanos.
No Telexornal da TVG están a dicir que esta fin de semana un vídeo musical do programa Land Róber chegou a liderar as reproducións en YouTube. Trátase dunha parodia do Waka Waka de Shakira, no que aprovéitase a criticar a Tráfico, e que resulta bastante divertido:
Ver letra ▼
O que non acabo de entender é a qué vén que digan que o vídeo foi o máis visto en YouTube durante a fin de semana, pois só tivo un pouco máis de 50.000 reproducións en 2/3 días, e hai varios vídeos españois que tanto o sábabo coma o domingo superaron as 100.000 reproducións. Supoño que alguén fiouse da información amosada por YouTube Charts (que é moi pouco fiable), aínda que para min é moito máis rechamante que a principal fonte de reprodución do vídeo en cuestión fose Facebook e non YouTube (dá que pensar).
De todos os xeitos, parece que é un dos éxitos galegos máis rápidos en YouTube, o que non está nada mal. Apostaría a que xa hai máis de un que leva a canción no móbil.
