Mércores, 29 de Setembro de 2010

Un milleiro de poemas

Tras a preestrea na FNAC, finalmente temos o videoclip de 1.000 Poems en YouTube:

Para este traballo Cardigan Bridge/Rebeca Ponte contou con numerosas colaboracións altruístas, entre as que destacan a actriz Ana Asensio e o guitarrista Fran Brea. Vaia, que para estar feito cun orzamento de 0 euros, saíu unha peza moi curriña, que espero ver algún día destes na TVG ou en V Televisión ao facer zapping pola noite.

A experiencia informática nos currículos

Todos entendemos que na busca de traballo hai que buscar oportunidades ata debaixo das pedras, pero coido que as formas poden ter un peso importante na desacreditación directa dunha persoa, e ao igual que alguén pouco aseado será rexeitado de inmediato, os empregadores tenden a pensar que unha persoa que non mima o seu curriculum vitae fará o mesmo nos seus traballos futuros.

Isto coméntoo porque acabo de atopar na bandexa de correo lixo un currículo non solicitado dun deseñador gráfico (que remitíu dúas mensaxes repetidas, esquecendo na primeira o documento adxunto), polo que déuseme por mirar de quen era por se acaso. Loxicamente o feito de que a mensaxe fose considerada como spam xa indica a onde están a ir a parar as ducias de mensaxes que remite o home, pero o documento adxunto tamén o invalidaría antes dunha entrevista persoal, por cousas como a seguinte:
detalle dun currículo
Como vedes, a listaxe de aplicacións informáticas que coñece o individuo presenta varios defectos significativos que van dende a súa maquetación totalmente absurda (está a dúas columnas, dando a impresión de que a columna da esquerda corresponde a categorías), mestura aplicacións de uso doméstico con aplicacións profesionais (ou cita ao obsoleto WordPerfect) e, o peor de todo, escribe mal os nomes de varias aplicacións, o que entra en contradición cos coñecementos altos que se aseguran.
Vaia, que están mal postas as maiúsculas de varios nomes de programas, cólase un b por un v, e incluso figura o que parece unha aplicación de karaoke de Adobe (Indesing); fallos que non debería cometer unha persoa que ve día tras día o nome dunha aplicación na pantalla do seu ordenador.

Non pretendo ser cruel, e non comentaría isto se non fose algo que aparece en máis da metade de currículos que vexo. Por iso, se alguén dos que está a ler estas liñas está a buscar traballo, recoméndolle que revise ese apartado do seu curriculum, pois pode parecer insignificante, pero para algúns chega a ter tanta importancia como unha boa ortografía.

Domingo, 26 de Setembro de 2010

Melide Vida Musical en Correo TV

Veñen de avisarme de que o pasado venres Inés Dopazo entrevistou no Preguntoiro de Correo TV a Alfonso García Codesido, presidente da Asociación Melide Vida Musical, o que pode ser do interese de moitos dos que pasan por estas páxinas e que non estivesen atentos á programación da canle televisiva compostelá:

Aproveito a ocasión para mandar un bico a Inés e ao resto de amigos de Correo TV, aos que debo unha visita dende hai tempo.

Martes, 21 de Setembro de 2010

On the windowsill… na FNAC (A Coruña)

Cardigan Bridge en directo
Xuño rematou cun concerto de Cardigan Bridge/Rebeca Ponte no Playa Club para dar a coñecer o seu primeiro disco autoproducido, e esta mesma tarde (ás 19:30 horas) fará o propio nos directos da FNAC, establecemento no que xa teñen do disco nos seus estantes (e na súa tenda en liña) dende primeiros do verán:
discos na FNAC
Aí foi onde puiden comprobar que o lema de «si no está grabado telo grabamos en el momento» que reza a sección de discos da tenda vai moi en serio, e o disco de Rebeca, pese a non estar editado por unha discográfica, estaba na base de datos da FNAC, polo que pode escoitarse sen problema.
Reproducindo o disco de Cardigan Bridge na FNAC
Pero, aparte de escoitar o disco, tampouco está de máis botar un ollo ao seu soporte físico, pois a súa edición é de auténtico luxo:
On the windowsill...
Na axenda da FNAC describen o evento desta tarde do seguinte xeito:

Los directos de la FNAC
CARDIGAN BRIDGE: “ON THE WINDOWSILL…”
martes 21 19:30 horas
Cardigan Bridge es Rebeca Ponte. Formada y dedicada profesionalmente al mundo de las artes plásticas y tras pasar por varias formaciones musicales de diversos estilos (pop, rock y jazz) en los últimos 10 años, el primer disco de esta artista y compositora es ya por fin una realidad. Una de las voces femeninas más insólitas y carismáticas de los últimos tiempos. Una delicada genialidad.

Agardo con impaciencia o espectáculo, para ver se no ambiente íntimo do Fórum da FNAC pódese gozar axeitadamente da presentación dun disco.

ACTUALIZACIÓN: Veño de volver do concerto na FNAC e estivo fenomenal, cunha acústica bastante boa, a interpretación de varias cancións que non estaban no disco e a agradable sorpresa da presentación do vídeo do tema 1.000 poems que supoño que pronto poderemos ver en YouTube (e se hai sorte, tamén na televisión).
Como adianto, velaquí unha gravación cutre feita co móbil:

Xoves, 16 de Setembro de 2010

G33k & G4M3R Girls (Mozas Frikis)

A xente que intervén no videoclip de G33k & G4M3R Girls
Dende onte non podo quitar da cabeza unha canción super-mega-friki que aparece nun videoclip protagonizado por Seth Green (coñecido tanto polo seu papel en Buffy coma por facer de Scott Maligno nas películas de Austin Powers) e as mozas do Unicorm Team (Michele Boyd, Clare Grant, Milynn Sarley e Rileah Vanderbilt) con impresionantes cameos de Stan The Man Lee e Katee Sackhoff (a Starbuck de Battlestar Galactica).
A canción ten bastante mérito por estar a tope de referencias frikis das que de antemán admito que non pillo todas (non coñezo a Rand al’Thor, non visitei Hyrule, non entendo as expresións do WoW… aínda que agradezo que conserven na memoria a serie Firefly):

Ver letra ▼

Podedes descargar a canción en formato MP3 e cantala a todas horas (está mellor que o tema orixinal de Katy Perry), e deixo ao voso criterio se credes ou non que existen as mozas frikis que gustan dos videoxogos (pois moitos pensan que son quimeras).
Team Unicorn
Vale, que unhas mozas poñan disfraces da Baronesa (G.I. Joe), Mariposa Mental/Psylocke (X-Men), Hal Solo (Star Wars) e Lara Croft (Tomb Raider) é bastante friki, pero demostrar que están realmente na fariña é difícil de crer, polo que quedei un tanto sorprendido ao ver que a rapaza que fai de Mariposa Mental ten un videopodcast de videoxogos, a de Han Solo declara oficialmente a súa aficción aos videoxogos (o seu username en Facebook é GamerMichelle) e participou nunha webserie de culto (The Guild), a de Lara Croft está casada con Seth Green (¿friki por asociación?) e a da Baronesa tamén asegura ser xogadora habitual de videoxogos e protagonizou un popular vídeo inspirado en Star Wars. ¿Estamos entón ante auténticas modelos/actrices frikis? ¿Existen os unicornios? ;)

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios