Martes, 13 de Xullo de 2010

Melide celebra a vitoria da Selección Española

Non esperaba publicar nada sobre o asunto, pero en vista de que comezan a chegarme imaxes por correo electrónico, dou aquí conta das mesmas, por se a algún melidense faille ilusión rememorar a vitoria da Selección e a súa celebración no cruce da vila.
Por correo electrónico circulan imaxes como as seguintes:
cruce de Melide
Subidos á farola do cruce
Pero en Tumblr tamén poden atoparse máis imaxes:
multitude no cruce
celebración no cruce de Melide
Os coches teñen problemas para circular
Só falta un acompañamento sonoro cun si, si, si, somos de Millí para dar un pouco máis de vida ás imaxes e así velas coma se estivésemos alí ;)

Luns, 12 de Xullo de 2010

Miguel Pampín visita aos Trobeiros de Compostela

O pasado venres no programa Trobeiros de Compostela de Correo TV contaron coa presenza do ex alcalde de Melide, Miguel Pampín Rúa, quen visitaba o programa en calidade de presidente e grande mestre da Orde de Cabaleiros e Damas do Camiño de Santiago. Esta tarde subiron o vídeo a YouTube e por se algún melidense ten interese polo tema e perdeu o programa incluso nas súas reemisións da fin de semana, velaquí están os cortes:

Deixando un pouco de lado a peculiaridade dos presentadores do programa (dos que xa temos comentado cousas nos pasados meses) teño que admitir que quedei pampo ao ver a Pampín falando en español en Correo TV, principalmente porque coido que sempre o escoitei falar en público en galego. Aínda que dubido que moita xente se decatese do que dicía o antigo rexedor melidense, pois Cancio, Rial e Solera eclipsan a calquera.

Venres, 9 de Xullo de 2010

Pepsi, a elección obvia para os polbos

O polbo Paul e a Pepsi
Quen non corre, voa, e a axencia Impact BBDO xa ten un anuncio de Pepsi inspirado no coñecido polbo Paul. Esperemos que pasado o domingo os medios esquezan ao ridículo octópodo, pois é absurdo que estean a dedicarlle máis tempo que a novas de verdade, e facer incluso conexións en directo co acuario onde vive xa é pasarse da raia (unha mágoa que non tivesen tal idea no Aquarium Finisterrae, pois así sería coñecido internacionalmente).

Xoves, 8 de Xullo de 2010

O cómic dixital segundo Cels Piñol

Non sei cómo tomar a última entrega de Fan Letal en Zona Negativa, pois Cels Piñol emprega un iPad para ilustrar a evolución do cómic á era dixital dun xeito bastante atinado, que sitúame entre a risa e a reflexión:
fanwired
Coido que coa imaxe quedan claros varios conceptos:
- O iPad é un dispositivo pesado (entre 680 e 720 gramos) pero aínda pesan máis moitos comics
- Os comics en formato dixital non envellecen
- As edicións físicas dos comics teñen moi pouco de ideais, e están cheas de erros, o que cos novos formatos podería solucionarse (non é coña, os comics nas tendas dixitais teñen actualizacións)
- As scanlations e os escaneos que circulan pola Rede en moitos casos teñen unha calidade lamentable
- Os comics en papel son difíciles de gardar e organizar (distintos tamaños, series cruzadas, series editadas por distintas editoriais…)
- E, finalmente, o clásico lema de libro prestado, libro perdido tamén é de aplicación aos comics, e admito que padecín o problema en varias ocasións, o que xera grandes problemas (especialmente se prestaches o primeiro tomo dunha serie editada hai anos).

Así pois, ¿soltamos unhas risas ou choramos? Eu aínda non me decidín, e aínda que son coleccionista de comics, admito as vantaxes dos soportes dixitais, polo que dentro dunhas semanas (agardo que antes de Viñetas desde o Atlántico) intentarei facer un repaso das aplicacións comiqueiras que hai para o iPad, para despois contrastar as miñas impresións cos frikis que pasen polos Xardíns de Méndez Núñez, e ver se estamos ante a chegada da revolución, ou haberá que agardar a que chegue un dispositivo de lectura cunha pantalla de 12-14 polgadas capaz de trasladar a esencia do cómic.

Mércores, 7 de Xullo de 2010

Películas para o verán (se estivesen en cartel)

As carteleiras cinematográficas están a ser algo cutres este verán, e para melloralas quero propor que compensen a nova entrega da saga Crepúsculo cunha versión apta para homes:

¿Alguén dubida que tal adaptación funcionaría en taquilla? Pero estamos ante unha película hipotética, mentres que dende Xapón achegan unha película que considero realmente imprescindible, pois inspirándose na primeira entrega de Predator conseguen facer ¡unha película de ninjas! Estamos ante Aliens vs Ninjas, e o seu trailer promete un filme digno de editarse en VHS:

¡Para que logo digan que faltan ideas no cine contemporáneo!

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios