Xoves, 29 de Xullo de 2010

Olla este trailer, Bubu

Yogi Bear
Coido que estou algo desconectado das adaptacións á pantalla grande que están a facerse ultimamente, pois non sabía que estaban en post-produción unha película do oso Yogi, polo que levei toda unha sorpresa ao ver que estreaba trailer:

Temo que a película vai repetir os mesmos fallos que outras adaptacións coma Garfield, pois é moi difícil mesturar imaxe real con aminación 3D… e aínda resulta máis complexo encadear unha serie de gags para construír unha historia para unha longametraxe. De todos os xeitos teremos a Bubu, e se elixen un bo actor de dobraxe, xa pagará a pena ;)

Xoves, 22 de Xullo de 2010

O problema da antena do iPhone 4

Durante os últimos días falouse moito do fallo de deseño da antena do iPhone 4, e dende CollegeHumor bromean co que Steve Jobs podería querer dicir (especialmente á xente de Gizmodo) na rolda de prensa que deu o pasado venres:

Eu persoalmente non gustei nada do xeito no que Apple está a levar este asunto, pois entre outras cousas está a culpar a outros fabricantes de móbiles de cometer o mesmo erro (o que non é totalmente certo, pois unha cousa é que tapar a antena interna do móbil coas mans afecte á cobertura e outra cousa é que sexa posible tocar fisicamente a antena) e sae ao paso regalando bumpers para os usuarios actuais (sabendo que non hai stock suficiente dos mesmos).
Supoño que despois do verán modificarán lixeiramente o iPhone 4 para evitar o problema (coido que ata podería facerse con laca) polo que moitos usuarios prefirirán agardar un par de meses antes de facerse co móbil de Apple. De todos os xeitos, dubido moito que en España os problemas da cobertura cheguen a notarse, pois as redes 3G europeas dan mil voltas ás que ten AT&T nos EE.UU. Vaia, que en zonas con boa cobertura como moito perderíase unha raia de cobertura, o que non supón o corte dunha chamada nin nada semellante. De todos os xeitos, despois do 30 de xullo sairemos de dúbidas.

Venres electro-alcohólico na Sala 600

Alterazión e Disolventex
Esta mañá recibín unha invitación a través de Facebook para o concerto que mañá pola noite terá lugar na Sala 600 de Melide, e aínda que estarei pola Coruña a esas horas, coido que non está de máis avisar por aquí de que a banda local Alterazión del Orden volverá a tocar no 600, desta volta acompañados polos Disolventex de Vitoria.
Velaquí o cartel do concerto que ten un prezo de entrada de 5 euros (á venda en O Lar, Sala 600 e O 13):
Cervezas y Watios

Martes, 20 de Xullo de 2010

Dinme que teño que pasar por Ikea

cadeira MarkusEsta mañá abriu a tenda de Ikea en A Coruña, e aínda que non tiña un interese especial en vela, Vicente Piñeiro instoume a pasar por alí a mercar unha cadeira rotatoria de oficina que parece feita para min, ou cando menos iso reza o seu nome: Markus.
Iso si, a cabrona custa 159 euros e ten un deseño excesivamente sobrio (por non dicir que me parece horrenda e sen xeito), polo que supoño que deixarei morrer o conto; aínda que admito que é todo un detalle que poida comprobar na páxina web de Ikea se hai existencias da cadeira en A Coruña (así coma o feito de que estean a galeguizar o seu espazo na Internet). Se fixeran iso máis establecementos esvitariamos moitas viaxes en balde.

Domingo, 18 de Xullo de 2010

Novo vídeo da futura película de Gatchaman

Xa teño falado de Comando G neste espazo, e o feito de que Imagi Studios (responsables da última película das Tartarugas Ninja na grande pantalla) estean detrás dun novo proxecto titulado Gatchaman éncheme de esperanza, especialmente ao ver que a súa aparencia resulta moi convincente no último anaco de vídeo da peli que deixaron ver:

Deste clip en cuestión gustome a aparencia dos personaxes, que parece moi ben adaptada; de querer ver acción a mazo, o anterior trailer xa era unha boa proba:

Espero que a película sexa todo un éxito, e que os cativos volvan a levar no pulso reloxos co famoso G á vez que berran ¡mutación!. :D

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios