Venres, 18 de Xuño de 2010

Bos Días ao E3, os controis de movemento e as 3D

Esta mañá no Bod Días da TVG tocou falar con Xesús Peleteiro e Carlos Amado das novidades da feira E3, que este ano eran a presentación xa comercial do Kinect de Microsoft (chamado ata o momento Proxecto Natal) e do PlayStation Move, aínda que ao final a meirande parte dos medios centráronse na novidade de Nintendo, unha impresionante renovación da súa consola portátil que agora conta cunha pantalla 3D e incluso con cámara para tirar fotos en 3D (o que permitirá, entre outras cousas, escanear a cabeza do usuario para colocar a súa cara, por exemplo, nun xogo de boxeo, para quedar logo feito un cromo):

O que si resultou curioso é que as Nintendo 3DS de proba que había no E3, en vez de estar nun mostrador, ía suxeitas cun cable á cintura de azafatas de grandes domingas, o que aseguraron certos analistas que foi unha técnica de márketing para dar unha maior sensación 3D.
Eu o que teño claro é que, aínda que comece a un prezo caro, a 3DS vai vender coma churros, e vai ser a principal entrada do cine en 3D nos fogares, pois o público en xeral aínda non está disposto a soltar moita pita por un televisor último modelo, mentre que o feito de que os cativos poidan ver Toy Story 3 en 3D nun dispositivo portátil, sen usar lentes, terá un efecto dinamizador do negocio, o que fará que as 3D na PS3 e na Xbox 360 queden nun segundo plano (mentres os televisores que soporten tal tecnoloxía non baixen de prezo).

Martes, 15 de Xuño de 2010

Redes sociais no Foro Aberto da TVG

A pasada noite no programa Foro Aberto da TVG puidermos ver unha pequena reportaxe dedicada ás blogueiras fillas de Blas, Paula e Nerea, que falaron con moita naturalidade ante a cámara (nótase que están afeitas a que fagan reportaxes sobre a súa precocidade bitacoril).
Xa no debate, Tati Mancebo tivo que facer de defensora das redes sociais ante outros interlocutores que teimaban nos supostos perigos da Rede, o que parece unha estratexia de defensa dos medios de comunicación tradicionais ou un simple exercicio de neoludismo:

Un dos apuntamentos máis interesantes foi o que fixo Blanco Valdés ao sacar o tema do futuro da prensa, a radio e a televisión, que agardo que dea pé a un debate posterior, aínda que non podo deixar de destacar que o comentario do polemista de La Voz de Galicia foi pouco atinado, por intentar crear unha fronteira entre soportes que daría credibilidade e veracidade, o que carece de toda lóxica.
Non esquezamos que a información non se publica na Internet, senón en medios en concretos, tendo cada un o seu propio nivel de confianza. Certo público debería entender que Google, Facebook ou Twitter non son fontes de información, e a credibilidade vén de quen publica os contidos, non da canle que nos leva aos mesmos.
Que os medios de comunicación contribúen á democracia coido que é algo innegable, pero a ameaza que supoñen os cambios tecnolóxicos só afecta ao seu modelo produtivo, ou sexa, que se a xente non paga polos xornais e a publicidade vende mal, ¿de onde sairán os soldos dos xornalistas? Se temos menos xornalismo teremos menos información, e iso si sería un problemas para a sociedade en xeral.

Domingo, 13 de Xuño de 2010

Para limpar os zapatos hai que botarlle huevos

Moitas son as marcas que cando chegan a outros países teñen que mudar para evitar ofender ou provocar risas, de xeito que en España o Mitsubishi Pajero chámase Montero, e miña nai atopou unha marca de lustre para os zapatos que en Galicia debería ter un nome máis discreto:
Collonil
A min unha marca coma Collonil paréceme máis un medicamento para os testículos que unha marca de limpeza de calzado e pel, de aí que me sorprendese que incluso veña dunha empresa seria e que non corresponda a un nome aleatorio dunha empresa de orixe asiática. Supoño que as persoas que pidan este produto nas zapaterías en Galicia dirán ao dependente que queren ese de aí para evitar escarallarse de risa co curioso nome. ;)

Xa postos a criticar nomes curiosos, instaría a Motorola a que en España non chame FLIPOUT a un dos seus novos terminais, porque iso de ter un móbil flipao é raro de máis.

Sábado, 12 de Xuño de 2010

Se as aventuras clásicas dos X-Men tivesen lugar no universo de Futurama…

O usuario de DeviantART, gottabecarl, regalounos unha imaxe que trae moitas lembranzas do que para min foi a mellor época da Patrulla X:
Futurama e o X-Men
¡Ata sae o hipnosapo!

Venres, 11 de Xuño de 2010

Bos Días a GalegoLab e ao iPhone 4

Esta mañá no Bos Días da Televisión de Galicia, aparte de Carlos Amado e Laura Casares, estiveron con nós os navalleiros Xabier Cid e Álvaro Gómez para comentar a súa nova iniciativa de crowdsourcing GalegoLab, que está a ser todo un éxito de participación:

Tras engadir algún detalle máis sobre o tema, pasamos a falar do iPhone 4, pois era obrigado comentar a novidade tecnolóxica da semana:

Sobre o iPhone 4 procurarei escribir unhas liñas nos vindeiros días, xa que é preciso matizar algúns dos detalles do novo móbil de Apple.

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios