Venres, 18 de Xuño de 2010

Bos Días ao E3, os controis de movemento e as 3D

Esta mañá no Bod Días da TVG tocou falar con Xesús Peleteiro e Carlos Amado das novidades da feira E3, que este ano eran a presentación xa comercial do Kinect de Microsoft (chamado ata o momento Proxecto Natal) e do PlayStation Move, aínda que ao final a meirande parte dos medios centráronse na novidade de Nintendo, unha impresionante renovación da súa consola portátil que agora conta cunha pantalla 3D e incluso con cámara para tirar fotos en 3D (o que permitirá, entre outras cousas, escanear a cabeza do usuario para colocar a súa cara, por exemplo, nun xogo de boxeo, para quedar logo feito un cromo):

O que si resultou curioso é que as Nintendo 3DS de proba que había no E3, en vez de estar nun mostrador, ía suxeitas cun cable á cintura de azafatas de grandes domingas, o que aseguraron certos analistas que foi unha técnica de márketing para dar unha maior sensación 3D.
Eu o que teño claro é que, aínda que comece a un prezo caro, a 3DS vai vender coma churros, e vai ser a principal entrada do cine en 3D nos fogares, pois o público en xeral aínda non está disposto a soltar moita pita por un televisor último modelo, mentre que o feito de que os cativos poidan ver Toy Story 3 en 3D nun dispositivo portátil, sen usar lentes, terá un efecto dinamizador do negocio, o que fará que as 3D na PS3 e na Xbox 360 queden nun segundo plano (mentres os televisores que soporten tal tecnoloxía non baixen de prezo).

6 comentarios realizados

a gravatar

1. Skaltum escrito o 21 de Xuño de 2010 ás 13:01

Personalmente pareceume un dos E3 máis aburridos que vín,con pouquiñas novidades,pouco espectáculo e pouca diversión en xeral.
Non só iso, se non que houbo grandes ausencias,polo menos eu vín a conferencia de Sony simplemente para ver o The Last Guardian, e nada de nada,nin sequera anunciaron nada relevante do próximo MGS Rising.
Aínda así, e como ben dís, a gañadora indiscutíbel foi a nova portábel de Nintendo, que aumenta considerábelmente a súa potencia gráfica (aínda que o rumor de que ía chegar a unha calidade similar como Xbox 360 e Play 3 resultou ser un erro), pero a unha Wii chégalle sen problema.
Só me falta ver como son esas tan famosas 3D,estarán á altura?,será tanto como dín?…veremos

a gravatar

2. Marcus escrito o 21 de Xuño de 2010 ás 17:02

Skaltum, dá a impresión de que este ano foron só a amosar os novos controis de movemento e a Nintendo 3DS, deixando os xogos nun segundo plano, e incluso atrevéndose a estrear moitos dos trailers do E3 cunha semana de antelación.
O de que a 3DS ía ter potencia como unha PS3 non sei quen o diría, pero os desenvolvedores falaban dunha GameCube, o que é moito para unha portátil e que será o que se axuste máis á realidade, principalmente porque a pantalla ten unha resolución moi reducida (480 x 240 píxeles). Para esa consola si que houbo novidades (o catálogo de xogos que ofrecerán as compañías alleas a Nintendo é impresionante).
Tamén destacaría o feito de que Nintendo decidiu recuperar clásicos coma Kid Icarus ou Donkey Kong Country, polo que van a tiro fixo, con éxito garantizado.

Do Kinect, ou póñenlle un prezo axustado, ou vai ser o fracaso do ano. Non poden pretender que a xente merque un accesorio que custa tanto como unha consola nova, e que estará enfocado a títulos chorras.
Amais, que non teña a consola no salón (coma é o meu caso), o Kinect ten moitos problemas por falta de espazo para moverse :(

Para min a compañía que quedou totalmente desmarcada foi Sony, pois nin renovou a PSP (¿quizais garden o anuncio para o Tokyo Game Show?) nin sorprendeu con exclusividades abraiantes.

Supoño que o de The Last Guardian respondeu directamete a un retraso no desenvolvemento do xogo (e mellor non amosar nada que quedar mal) e o Metal Gear Solid: Rising para min foi unha presentación do máis fulero, pois o único que se vía era ao prota cortando xente coma se fose nun enfrontamento de Toranks contra Freezer, algo que incomprensiblemente aplaudía o público, cando realmente non estaban a amosar nada da mecánica do xogo (de feito, tras a presentación tiveron que insistir en que o xogo tería algo de infiltración para que a xente non berrase que non tiña sentido o título dentro da saga).

a gravatar

3. Skaltum escrito o 21 de Xuño de 2010 ás 19:47

Paréceche que foi peor a conferencia de Sony que a de Microsoft?, pois eu neste aspecto non, porque claro que non anunciaron nada que sorprenda ( ademáis, había certos rumores dunha posíbel PSP2 ),pero o que fixo Microsoft foi de vergoña.Botaron todo o evento falando da trapallada do Natal ( para mín sempre será Natal), cos seus cutres xogos e como lle daba vergoña incluso a eles,pois para levantar o ambiente agasallaron unha consola a cada aspectador.Patético.Frustreime moito a verdade.
Sempre fun moi escéptico con estos periféricos pero o Natal ten toda a pinta de rematar moi, moi, mal, e máis sabendo que se rumorea que poderá custar 150 euros.Están tolos?,non entendo o márketing de Microsoft,como van cobrar tanto un periférico como case a consola?,e tendo en conta que vai adicado a casual-gamers, os cales a maioría non son máis que nenos.E que xogos ten o Natal?,pois trapalladas,como non podía ser doutra maneira.
Como ben dís, como o Natal custe máis de 50 euros, pégase un golpe dos máis fortes ( non tanto como a PSP Go, pero case).Eu espero que todo sexa unha cortina de fume, e que pouco antes da saída digan o verdadeiro prezo.
Polo demáis,pouca cousa de videoxogos, pero a verdadeira culpa de que fóse un E3 aburrido e sen sorpresas foi polo absurdo do pre-E3, no cal, semanas antes se comezan a filtrar tráilers e art-works de grandes videoxogos. Como exemplo claro o Gears of War 3, que en vez de anuncialo en primeicia no E3, duas semanas antes é anunciado nunha revista rusa…..e non entendo a metade das cousas.
Pouca máis cousa, o MGS chama a atención só polo seu nome ( parece máis un Ninja Gaiden), o Halo Reach é máis do mesmo e non me acaban de gustar os Halos e o resto dos videoxogos creo que non sorprenderon a ninguén,menos unha especie de xogo estilo 300 que non me acordo como se chamaba pero só amosaron unha cinemática.

a gravatar

4. Marcus escrito o 21 de Xuño de 2010 ás 22:03

Skaltum, está claro que a conferencia de Microsoft non era para os hardcores, pero a posta en escena foi moi boa. Os golpes de efecto como a videoconferencia cos usuarios do Messenger dende a consola ou o xogo de baile conseguiron que chamase a atención aos medios xeneralistas, o que é moi necesario para que algo coma o E3 teña sentido (admitamos que non é un evento para promocionar os videoxogos entre os informados).
Sobre o prezo do Kinect, os rumores que hai por aí son un tanto ratos, pois parece ser que mercar a cámara solta custa unha pasta, pero que é posible que mercándo o paquete cámara+consola saia ben de prezo, o que paréceme absurdo a estas alturas da partida. ¿Será que simplemente buscan cazar a usuarios da Wii?

De feito, todo iso das 3D para a consola e os novos sistemas de control sospeito que responde a un mero imperativo económico: tocaba comezar a lanzar unha nova Xbox e unha nova PlayStation, pero coma non está o forno para bolos, decidiron dar un paso intermedio. Hai que admitir que as consolas actuais non teñen potencia suficiente como para facer en condicións tantas cousas (se os xogos non turran en 1.080p menos aínda van poder procesar o dobre de imaxes por segundo e controlar unha cámara ou uns mandos á vez).

Por desgraza, se o E3 pareceuche malo, xa nin falemos da Gamescom ou do Tokyo Games Show, que prometen ser patéticos (coma moito aproveitarán para lanzar algún trailer novo e para anunciar o prezo definitivo do Kinect).

a gravatar

5. Skaltum escrito o 21 de Xuño de 2010 ás 23:44

O problema menciónalo ti perfectamente, xa que non foi un E3 adicado á promoción dos videoxogos, aínda así, non me apuraría a decir que a Gamescom vai ser patética,de feito promete máis novidades que este propio E3 como prezo de Natal,presentación do novo proxecto de Hideo Kojima (todo apunta a un novo Zoe of Enders),aparición de The Last Guardian e non me extrañaría nada que se comezase a falar do prezo e saída definitiva da 3DS.
Soará raro, pero ultimamente o TGS e Gamescom están medrando bastante, e non me sorprendería demasiado que nun futuro chegasen ao nivel de popularidade do propio E3

a gravatar

6. Marcus escrito o 22 de Xuño de 2010 ás 0:34

Home, o seu é que a Nintendo 3DS anuncie a súa data de lanzamento no Tokyo Game Show. E xa está confirmado que en Europa teremos que agardar a marzo/abril de 2011 para vela :( Eu non espero nada da Gamescom e do TGS porque o ano pasado non valeron para nadiña: a meirande parte das compañías levaron incluso os mesmos trailers que ao E3.
Sobre The Last Guardian a xente de Sony xa comentou que non teñen previso amosar nada ata que vexan que dá o nivel (polo que é moi posible que este ano non vexamos novas imaxes do título).
Da secuela de ZOE lévase falando moito tempo, pero coñecendo a Kojima e capaz de sorprender ¡cunha conta atrás! :OP

Ao final eses eventos parecen estar feitos para saír nos informativos televisivos e para que a xente poida probar versións de demostración que aínda non poden descargarse. Pouco máis.

Facer un comentario

Etiquetas (tags) permitidas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Observación: Os comentarios poderían non aparecer automaticamente, pois nalgunhas ocasións precisan de moderación por parte do administrador deste blogue.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios