Martes, 29 de Xuño de 2010

Rebeca Ponte/Cardigan Bridge estrea disco

Rebeca Ponte na Praia das Catedrais
Rebeca Ponte, a quen os melidenses coñecen polo establecemento de fotografía e arte Sanoguera sito xunto ao Palacio de Exposicións da vila, sorpréndenos presentando mañá o seu primeiro disco On the windowsill na boîte do Playa Club coruñés a iso das 21:00 horas, polo que hoxe Isidoro Valerio entrevistouna no programa Voces de Galicia de RadioVoz, comezando pola explicación do nome artístico de Rebeca (Cardigan Bridge) e acompañando a conversa cun par de temas do álbum:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Na páxina web oficial de Cardigan Bridge podedes escoitar o disco completo, e quen guste e non poida asistir mañá ao Playa a ver a Rebeca, poderá acudir o 11 de agosto ás 23:00 horas na Casa Doñano de Ribadeo a un concerto acústico que promete repetir a experiencia desta semana.

Luns, 28 de Xuño de 2010

Os consumidores fronte aos problemas cos accesos á Internet

O pasado venres no Bos Días da TVG o tema que tratou Miguel López, da Unión de Consumidores de Galicia, considero que pode ser do interese de moitos dos que visitan este blog, e por iso replico aquí a súa intervención:

A contratación dun acceso á Internet é un proceso que pode ser moi sinxelo, pero é doado que remate dando problemas, e que cheguemos a pensar que estannos a tomar o pelo, de aí que sexa interesante coñecer os nosos dereitos e cómo reclamar.
Pese a que o desexable sería que cada vez houbese menos problemas nestes aspectos, o certo é que acontece xusto o contrario, pois cada vez hai máis variables a ter en conta. Por exemplo, coas conexións de banda larga móbil estamos vendidísimos, o que resulta moi molesto para a xente que vive en zonas sen cobertura de banda larga fixa. Vaia, que é doado que con 3G consigamos unhas boas velocidades de acceso, pero o difícil é que a conectividade mantéñase no tempo (en moitos sitios as conexións fluctúan constantemente entre 3G e GPRS sen ningún motivo aparente, de xeito que podes pasar de descargar a 3,6 Mbps a ter unha conexión lamentable que impida cargar case calquera páxina web estándar). As incidencias deberían ser algo extraordinario, de xeito que nunca deberiamos identificarnos con Enjuto Mojamuto no peor día da dúa vida.

Venres, 25 de Xuño de 2010

Bos Días ao Android (e ao Nexus One)

Esta mañá no Bos Días estiven a amosar o Nexus One a Carlos Amado, Xesús Peleteiro e Laura Casares, para ilustrar as bondades dos móbiles con Android, pero a cousa quedou moi incompleta porque non souben planificar ben o tempo e o móbil deume certos problemas por mor da conectividade (ninguén sabía a chave da Wi-Fi do plató e tiven que utilizar a conexión 3G do móbil, que en interiores non é a cousa máis fiable do mundo, de xeito que cousas coma o vídeo de Martín Barreiro en YouTube non puido verse en directo:

O tema daba, coma mínimo, para un programa máis (incluso levaba exemplos de recoñecemento de imaxes e de códigos QR), pero coma o venres que vén vai ser a miña derradeira colaboración no Bos Días (despois comeza a programación de verán) reservaremos o programa de despedida para tecnoloxía máis propia dos meses que teremos por diante.

Non podo evitar comentar que antes e despois da miña intervención de hoxe no Bos Días fixemos varias probas de recoñecemento de voz, e ao dicir Xesús Peleteiro non fallara nin a primeira vez, e precisamente por iso atrevinme a usar o seu nome coma exemplo no programa (de non ser así, diría Carlos Amado, que non ten complicación ao ser un nome que non emprega fonemas galegos).

De todos os xeitos supoño que quedaría claro que pretendía dar a entender que entre un iPhone e un móbil con Android a diferenza é pouca, e que depende do usuario o elixir entre unha opción ou outra, resultando normalmente o Android máis económico e versátil, mentres que o iPhone é máis doado de manexar e conta con maior apoio comercial (polo que para moitos é con diferenza o mellor móbil do mercado).
Eu estou encantado co paso do iPhone ao Nexus One, e nos vindeiros días falarei un pouco máis da miña experiencia co teléfono de Google, aínda que admito que, de recomendar un móbil con Android, quedaría antes co HTC Desire e, especialmente, co Samsung Galaxy S (o máis semellante a un iPhone 4 con Android que podemos mercar en Europa).

Para rematar, quixera dicir que antes de pasar polo plató tiven a fortuna de coñecer a Silvia Penide, e pareceume unha persoa encantadora, e casualmente no meu vello iPhone levaba a súa canción Reventaba, polo que aproveitamos para probar o recoñecemento musical da aplicación Shazam (dispoñible tanto para iPhone coma para Android) que identificou perfectamente o tema musical de Penide, artista que está a preparar un novo disco coma comentou no programa magazine matinal da TVG:

Luns, 21 de Xuño de 2010

«Recomendo o Twitter de Belén Esteban» (ou case)

Contraportada de El Progreso
O Test Impertinente que ocupa a contraportada da edición de hoxe de El Progreso foi dirixido á miña persoa, o que quixeran entender que é pola miña condición de residente en Melide na rúa Progreso, que é unha curiosa coincidencia ;)

O cuestionario é obra de Marta Veiga (que hai cousa dun ano fixera un test semellante a María Yáñez) e a fotografía que o acompaña, de Moisés Mateo:

MARCUS FERNÁNDEZ - O asesor de novas tecnoloxías do magacín Bos Días da Galega é un informático melidense que se contacta co mundo a través de Código Cero e Marcus.es.

«Recomendo o Twitter de Belén Esteban»

1. Unha noticia para 2010?
   a) Albiscamos a luz ao final do túnel da crise.
✘b) A fenda dixital en Galicia pasa á historia.
   c) Atopan unha solución para o quecemento global.

2. Imprime máis carácter…
   a) Ser informático e ver calquera cousa en uns e ceros.
✘b) Ser dos arciprestado de Abeancos e de Melide. Si, si, si; somos de Millí!
   c) Saír na tele. Agora as señoras páranme pola rúa.

3. Una lenda urbana (ou rural) para desmontar?
   a) A pota do polbo do Ezequiel é a marmita na que caeu Obélix de neno.
   b) Os informáticos fan moitos máis cousas que dicir: «Reinicia».
✘c) O do iPad non é para tanto, pero —por se acaso— eu xa encarguei o meu.

4. Confese, cal destas ideas lle gustaría ter parido:
   a) Algunha rede social coma o Facebook ou o Tuenti (e estar tan forrado coma os seus creadores).
✘b) O buscador Google (e estar tan forrado coma o seu creador, claro). De feito, son dono do Guguel.com, pero non saco un can delo.
   c) Algunha con interese comunitario como o Eufalo.tv, de A Navalla Suíza.

5. Cal destas reflexións é verdadeira?
✘a) Internet é un medio que democratiza a cultura e a información.
   b) A rede contribúe a que bulan as intoxicacións e as mentiras.
   c) Non te fíes nunca da Wikipedia.

6. E mentira?
   a) A fenda dixital acrecenta máis as diferencias no acceso á información.
   b) Internet é o xeito máis rápido para conectar xente.
✘c) Para todo o demais, a Wikipedia. Para atopar de todo na Wikipedia é preciso facer contribucións. De Galicia hai pouco na Rede; deberiamos apostar polos contidos de Galicia e en galego para crear unha identidade en liña.

7. Nunca faría?
   a) Facerme seguidor do Twitter de Belén Esteban ou de María José Campanario.
   b) Debatir con alguén da SGAE sobre a piratería e as descargas dixitais.
✘c) Agregar a miña nai ou a miña avoa como amigas no Facebook. De feito, as outras opcións recoméndoas (especialmente o Twitter de @laesteban, que é moi divertido).

8. Con que perde o sono?
✘a) Co vindeiro lanzamento de Apple. Que argallarán agora?
   b) Á hora de pagar o ADSL.
   c) Saber o programa das festas de San Roque. Volverán tocar xuntas a París de Noia e a Panorama?

9. E un sono feito realidade?
   a) Que poñan wifi no Pili ou no Noso Bar e en todos os bares dos viños de Melide.
    b) Que o Caralampio pase a ser patrimonio inmaterial da Unesco.
✘c) Que a alfabetización dixital sexa un feito para a meirande parte da poboación de aquí a dez anos. O do Wi-Fi cada vez é máis prescindible e posiciónome totalmente encontra de que o Caralampio sexa Patrimonio da Humanidade, para os de Melide é a nosa festa e non da Humanidade.

10. Móllese:
✘a) PC. En vista de que agora aos eventos tecnolóxicos vai case toda a xente con portátiles de Apple, agora se queres ser distinto tes que apostar polo PC.
   b) MAC.
   c) Pasopalabra.

E si, o de seguir a @laesteban, vai en serio. Solta cousas coma:

MAQUILLÁNDOME PARA SALIR A PRESENTAR MI APLICACION PARA EL AIFON. BESOS DESDE ESTADOS UNIDOSless than a minute ago via HootSuite


Comentarios que están ben para variar un pouco entre os centos de tuiteos tecnolóxicos. Polo momento ten 1.900 seguidores en Twitter, polo que xa estades a tardar a apuntarvos.

Sábado, 19 de Xuño de 2010

Nexus One (I): Recibindo o terminal

A primeiros de ano decidín que o mes de abril, data na que se estimaba a chegada a España do móbil Nexus One, ía mudar do meu vello iPhone 2G ao terminal promovido por Google ou a outro móbil semellante (de feito, gusto máis do seu irmán, o HTC Desire, que vén con radio FM activada e substitúe o trackball físico por un trackball óptico). Finalmente a chegada a Europa dos móbiles co sistema operativo Android 2.1 demorouse bastante, e finalmente foi o mes de maio o elixido para a súa comercialización, coincidindo coa feira Google I/O, na que ían presentar o Android 2.2, polo que decidín agardar a tal evento para decidir o terminal que pillar.
Unha vez presentada a nova versión de Android alcumada Froyo, que melloraba considerablemente o rendemento do sistema operativo e incorporaba novidades como a compatibilidade con tecnoloxía Flash na web, vin que era un momento ideal para dar o paso, e ante ante a falta dun calendario de actualizacións para os mellores móbiles con Android que hai no mercado (concretamente o mencionado HTC Desire e o impresionante Samsung Galaxy S), decidinme polo Nexus One. Cal foi a miña sorpresa cando, ao consultar o prezo ao que me sairía o móbil por puntos con Vodafone, vexo que tiña que apoquinar preto de 400 euros polo Nexus One (cando por eses cartos é posible pillar o HTC Desire ¡libre!), polo que fixen a xogada de pedir a portabilidade a outra compañía. Chámanme, e ofrécenme o Nexus One por menos de 200 euros (ou sexa, dividiron o prezo directamente entre 2), o que considerei que seguía sendo un abuso, pois ao renovar o terminal adquiría un compromiso de permanencia de 18 meses cunha tarifa de datos de 15 euros/mes, polo que optei por ir pola brava e, aínda que non coñecía a ninguén que fixera a xogada, decidión rebotar de compañía: ou sexa, completei a portabilidade a Simyo (operadora que non ten compromiso de permanencia) e o mesmo día que me activaron a liña, solicitei unha portabilidade a Vodafone como autónomo para aproveitar unha promoción coa que me deixan o Nexus One por 0 euros cun compromiso de permenencia de 18 meses que, en caso de non respectalo, conleva unha penalización máxima de 150 euros (¡¿ein?!). De todos os xeitos, a miña intención é seguir con Vodafone, pois é a compañía coa que estou máis satisfeito. Iso si, o que podo asegurar é que os cambios de compañía non cumpriron (en ningún dos 2 casos de portabilidade que fixen) cos prazos marcados por lei, tardando o proceso bastantes días máis dos prometidos polas operadoras: comecei o 21 de maio o proceso de portabilidade de Vodafone a Symio e rematei o paso de Symio a Vodafone o 17 de xuño, ou sexa, preto dun mes nun proceso que debería levar menos de 2 semanas.

O Nexus One recibino o pasado martes, e decidín facer un unboxing do terminal, que vén nunha caixa que lembroume moito á do iPhone, pese a ser en cor branca (cando o iPhone vén nunha caixa negra):
Caixa do Nexus One de Vodafone
Caixa aberta
Contido
O paquete inclúe o móbil, unha funda, a batería, unha tarxeta SIM, cargador, cable USB-micro USB para conectar o móbil ao PC, uns auriculares (cómodos e de bastante calidade) con micrófono e controis de salto de canción e reprodución/pausa/responder o teléfono (tamén traen pinza e almofadiñas para os auriculares, pero son elementos opcionais).
Acendido
O acendido do móbil impresiona bastante, por presentar unha animación moi colorida na que podemos apreciar a boa resolución de pantalla do terminal (480 x 800 píxeles). Amais, emprega tecnoloxía AMOLED, polo que en interiores a súa visibilidade é moi boa (baixo a luz do sol non se ve un carallo).
BenvidaUnha vez prendido o aparello a cousa é bastante discreta, principiando cun asistente que guíanos na configuración inicial do móbil, proceso moi sinxelo sempre que sexas usuario de servizos de Google.
Vaia, que para alguén que use Gmail, Twitter e Facebook, a integración destas 3 plataformas no móbil é case directa, introducindo no terminal todos os contactos nestas redes sociais de xeito que, en pouco tempo, temos controlados a todos os nosos amigos dende o móbil, aínda que para todo iso hai unha pega moi grande: importar directamente os datos doutro móbil ao terminal novo é unha tarefa imposible (temos que pasar polo aro de Google para levar a nosa vella axenda ao novo móbil). Hai ferramentes que pretenden axudar neste proceso, pero ningunha é perfecta. Ao final, unha das cousas máis prácticas é exportar/importar a información en ficheiros CSV :(

Nos vindeiros días procurarei falar un pouco máis da miña experiencia co Nexus One e con Android, así como as diferenzas co iPhone, que van máis alá do filosófico (aínda que non debería).

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios