Venres, 21 de Maio de 2010

Bos Días a Google TV

Esta mañá falei no Bos Días da TVG con Carlos Amado e Xesús Peleteiro da intención de Google de achegar a web ao televisor a través dun ecosistema chamado Google TV e que, polo momento, conta co apoio de Intel, Sony e Logitech. A iniciativa parece interesante, pero haberá que ver o que fan con el os desenvolvedores nos vindeiros meses (agárdase que sexa algo tanxible para o verán de 2011), aínda que polo momento serve para reflexionar sobre o consumo televisivo:

Eu teño clarísimo que o consumo pasivo de televisión non vai desaparecer, pero o que está claro é que cada vez teremos máis opcións onde escoller, o que será todo un reto a nivel comercial, pois a fragmentación da audiencia dificulta a súa capitalización.

¿Vai cambiar a televisión a medio prazo? Pois eu penso que en realidade xa mudou, só que este cambio limitouse só á audiencia máis tecnófila. Co tempo, o resto do público irase adaptando, e agardemos que os xeradores/distribuidores de contido saiban reaccionar a tempo, pois é mellor que ofrezan eles mesmos os seus produtos (podendo rendibilizalos economicamente) que deixar que circulen ceibos.

Xoves, 20 de Maio de 2010

O PP de Melide publica un boletín de novas

Dende o Partido Popular melidense decidiron recompilar os seus comunicados dos últimos meses en 24 páxinas con forma de xornal, o que normalmente resulta bastante efectivo para revitalizar o debate político local.
O boletín quedaría coma segue:

Non o vin en soporte físico, pero dáme a impresión de que o PDF que publicaron na Internet non adxuntaba as súas tipografías correspondentes, de aí a que teña unha maquetación bastante rara (sen aire nos titulares e con fotografías coas proporcións cambiadas). ¿Alguén pode confirmarme se os tipos de letra eran distintos en papel?

Pero se imos aos contidos, coido que o que vai dar máis que falar é a páxina 3, por aquilo de poder ver cantidades de gastos en concreto. A min hai algúns gastos que me resultan rechamantes polas súas descricións (coma El Consultor On Line, Promoción Novas Tecnoloxías ou Diseño Feira Informática), que non son moi ilustrativas, aínda que apostaría algo a que moitos van criticar os gastos en cañas, melindres e ceas que aparecen reflectivos (e que hai que admitir que son reducidos se os comparamos con calquera outro concepto facturado).

Vós, ¿destacariades algunha cousa do boletín? ¿Considerades preciso matizar a información publicada no mesmo?

Domingo, 16 de Maio de 2010

Polbo á feira ou á fera

Tras ver o seguinte vídeo estou certo que non verei o polbo á feira do mesmo xeito:

Visto o visto, ¿servirán en Ezequiel sopa de aleta de quenlla?

Sábado, 15 de Maio de 2010

Promoción para os nostálxicos de SEGA

Promoción SEGA
Cando vin o anuncio da nova promoción de El País, non puiden evitar lembrar a un amigo segueiro, que para quen non entenda de videoxogos podería dicirlle que é algo así coma ser do Atlético de Madrid (pois a compañía nipona nunca conseguiu liderar o sector das consolas, nin en domésticas nin en portátiles), e sospeito que podería lanzarse a adquirir o produto por mera nostalxia. Trátase dunha consola SEGA (con licenza oficial) que inclúe 30 videoxogos de Master System e Game Gear coma Alex Kidd: High Tech World, Alex Kidd: Miracle World, Alex Kidd: The Lost Stars, Assault City,Astro Warrior, Aztec Adventure, Baku Baku Animal, Bomber Raid, Columns, Dragon Crystal, Fantasy Zone, Global Defense, Golden Axe, Kung Fu Kid, Sonic Spinball… ou sexa, grandes clásicos que hoxe en día seguen moi vivos porque non paran de reeditalos en versións para móbiles (¿cantos clons/plaxios/versións de Sonic comercializaría nos últimos 10 anos?).
Para facerse con esta consola portátil con pantalla de 2,4 polgadas que funciona con 3 pilas AAA hai que pillar mañá a cartilla de participación, xuntar 10 cupóns e pagar 29,95 euros.

¿Compensa adquirila? Eu penso sinceramente que non porque é un produto pechado. Antes optaría por unha Dingo A-320, que aínda que custe preto de 70 euros (con portes incluídos) conta con moitísimos emuladores (incluíndo o MAME), 4 Gb de memoria interna e batería recargable. Pero se temos un corazonciño entregado a SEGA, estamos ante un prezo aceptable, pois unha consola semellane do mesmo fabricante custa nunha web asiática 31,22 euros.
¿Lograrán vender ben esta consola portátil? Sospeito que si, pois este tipo de produtos ao final é moi probable que o merquen os pais, que ven que poden adquirir unha consola con 30 xogos por pouco máis do que custa un xogo de Nintendo DS. E visto así, estamos ante un negocio redondo. Amais, sempre podemos botar unha lagrimiña ao escoitar ao arrincar un xogo o clásico SEEEEGAAAA.

Venres, 14 de Maio de 2010

Bos Días aos novos soportes de lectura

Hoxe no Bos Días da TVG, tras un accidentado comezo animal, falei con Carlos Amado e Xesús Peleteiro sobre a adopción da tecnoloxía por parte dos maiores e dos novos soportes de lectura que están a impulsar toda unha revolución:

O tema comenteino porque esta semana coincidiron varias novas sobre o tema coma o anuncio da cadea de librarías Borders de que vai vender un eReader de papel electrónico por 149,99 dólares (uns 115 euros) de xeito que moitos poderían animarse a mercar un pese a que os consideren dispositivos de transición e a apertura das reservas do iPad en España, que veu acompañada do lanzamento de multidude de aplicacións para o trebello de Apple, entre as que destacan versións adaptadas de revistas e xornais (e incluso a propia tenda de libros electrónicos da mencionada Borders). Vaia, que as compañías queren destacar nos primeiros meses do iPad, pois unha vez que a xente afágase ao dispositivo non será rechamante a creación de programas para o mesmo. Agardemos que en España reaccionemos a tempo, e non demoremos tanto coma co iPhone (que tardou máis de 2 anos en consolidarse no mercado español).

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios