Mércores, 26 de Maio de 2010

O venres coincidirán B-Web e LaconNetwork

B-WebEste serán no Voces de Galicia de RadioVoz dentro da sección Visionarios del Ciberespacio puidemos escoitar a Isidoro Valerio conversando con Xosé Ramón Nóvoa e Ana Montes sobre a celebración do B-Web que terá lugar este venres en ExpoCoruña e tras o que alí mesmo tamén teremos unha nova edición de LaconNetwork:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

O encontro promete ser histórico, pois ao coincidir unha xornada formal con máis de 100 asistentes, cun encontro informal de emprendedores tecnolóxicos, poderase acadar unha masa crítica que produza unha reacción en cadea que dinamice o sector TIC durante os vindeiros meses. Amén. ;)

Domingo, 23 de Maio de 2010

Coincidencia blogueira na TVG

Este serán na TVG quedei moi sorprendido pola aparición en pantalla de dúas persoas que coñezo en dous programas distintos e cunha marxe de tempo moi pequena. Primeiro, na entrega de hoxe de Conexións, tras o post de Wicho puidemos ver a Manuel Gago falando da súa experiencia coma blogastrónomo:

Mentres estaba a ver iso co meu irmán, comenteille que a meirande parte das imaxes do blogue de Gago eran obra de Soledad Felloza, polo que a miña sorpresa foi total cando, tras ver en Galicia para o Mundo unha reportaxe sobre o Castelo de Pambre, aparece en pantalla Carmen Chao entrevistando a Soledad. Puiden rescatar un anaco da entrevista:

Dado que os dous programas foron desenvolvidos por produtoras distintas, que tampouco teñen ningún peso á hora de situalos na grella da TVG, só podo dicir que a coincidencia pareceume moi oportuna, e por iso escribo esta entrada no blogue para celebralo e mandar un par de bicos a Manolo e a Sole. ¡Un pracer poder vervos na Galega!

Otakus a centos en EXPOCoruña

entrada de ExpoCoruña
Esta tarde pasei por EXPOCoruña para visitar a primeira edición de ExpOtaku, e quedei gratamente sorprendido, pois non esperaba que un evento de tal tipo puidese axuntar a tantísima xente.
otakus disfrazados
Cando cheguei había varios centos de asistentes no lugar, pero comentáronme que non era nada comparado co día anterior, cando superaron o milleiro de visitantes, o que parece unha auténtica animalada para un encontro tan pechado (está dirixido a afeccionados ao manga e o anime).
Disfraces de Metal Gear Solid
Moitos dos presentes apareceron disfrazados, uns con mellor fortuna que outros, pero aínda que os disfraces correspondían principalmente a personaxes de anime, escachei coa risa ao ver que había quen decidiu disfrazarse de personaxes de Metal Gear Solid… ¡Incluíndo a Snake camuflado nunha caixa!
Xogando ao Pang
Pero non só de manga e anime ía o conto, senón que tamén había unha sección dedicada aos videoxogos, especialmente ás plataformas clásicas, servindo de anticipo ao RetroCoruña 2010 que terá lugar en Sada o 3 de xullo.

Tamén vin outras cousas que algúns poderían considerar abraiantes como unha moza xogando ao Street Fighter IV (si, si, o xogo non era nin o Tetris nin o Puzzle Bobble):
Moza xogando ao Street Fighter IV

Un rapaz cun zancos cos que pegaba uns chimpos impresionantes:
zancudo

E incluso un libreiro sendo amable cos seus compradores habituais: ;)
Tanxencias Comics en ExpOtaku
Vaia, que visto o visto, non teño dúbida de que este certame terá unha segunda edición en 2011. Vemos así que Viñetas desde o Atlántico pode convivir con máis celebracións frikis na cidade, e incluso poderían xurdir sinerxías entre os eventos (como xa hai con RetroCoruña).

Sábado, 22 de Maio de 2010

De Perdidos al Dio

Perdidos
Estamos ante unha semana de grandes perdas, aínda que só unha era a agardada con inquedanza. Falo de que a serie de televisión Perdidos (Lost) chega á súa fin, e tras moitos rumores, finalmente Cuatro confirmou que vai a emitir dignamente o dobre episodio final.
O episodio emitirase con media hora de retraso con respecto da edición norteamericana para permitir un correcto axustes dos subtítulos, de xeito que poderemos ver os episodios subtitulados en español, o que vai traer consigo unha vantaxe adicional: quedaremos sen os cortes publicitarios norteamericanos, de xeito que a única pausa en España durará 2 minutos e será entre os dous episodios que comezarán a emitirse ás 6:30 horas.
Perdidos
A min paréceme un pouco bestia que Cuatro comece unha programación especial dedicada a Perdidos ás 2:30 horas, pois entendo que o máis racional é madrugar para ver o episodio final, e non quedar a noite en vela, pois non esquezamos que a emisión será xa o luns, ou sexa, un día laborable.
Amais, dedicar 4 horas á serie antes da emisión do seu final pode cansar, e facer que así un non goce da fin da serie coma debería. Incluso supoño que moita xente optará por gravar o episodio para velo a unha hora mellor, ou incluso agardar a descargalo pola Rede para poder gozar dunha versión en alta definición. Cadaquén que faga o que queira, pero penso que o mellor sería seguir o episodio a través de Cuatro, especialmente se temos un audímetro na casa, xa que o éxito da velada podería animar a outras canles a facer cousas semellantes en futuras series de culto.
Non creo que haxa moita xente en números absolutos vendo o episodio por Cuatro, pero agardo que a súa cota de audiencia sexa a mellor da historia da canle (non creo que a xente teña moitas outras cousas importantes que ver ás sete da mañá).

Tras aplaudir a iniciativa de Cuatro, non podo deixar de ter moito medo ante o que promete ser unha grandísima decepción, xa que os últimos episodios que vin de Perdidos dan a entender que en realidade non van resolver as incógnitas que temos dende o comezo da historia, e simplemente van desenvolver a trama en curso. Así pois, únome á ameaza que un frikazo lanza aos guionistas da serie:

Pero comecei esta entrada falando de perdas en plural, porque estes días tamén tivemos que dicir adeus a un músico chave para entender o heavy metal. Aínda que as xeracións actuais non o coñezan ben, coido que Ronnie James Dio merece unha pequena homenaxe, de aí que remate lembrando o comezo da película de Tenacious D: The Pick of Destiny, onde o propio Dio facía un cameo impresionante:

Venres, 21 de Maio de 2010

As forzas do Imperio toman Compostela

Esta tarde non puiden quedar en Santiago para ver cómo unha formación de Stormtroopers imperiais tomaban a Praza do Obradoiro deixando claro que ante a crise económica non hai monarquía nin República que sirva, e debemos someternos ao Emperador e á férrea man de Darth Vader ;)

Por fortuna, a través de Twitter puiden ver un completo seguimento do evento, que tamén cubriron no Telexornal da TVG:

Correo TV tamén fixo o propio:

Despois desta xornada queda claro que a posibilidade de que os frikis dominemos o mundo segue aí, e cada día conta con máis forza. ¡Bazinga!

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios