Luns, 31 de Maio de 2010

«Non son Enrique Dans»

Rubén Bouso no B-Web
O pasado venres tivo lugar en ExpoCoruña a primeira edición de B-web, evento no que 12 profesionais do sector TIC analizaron as últimas estratexias do márketing na Internet ante unha audiencia de preto dun cento de persoas. Entre os relatores estaban Pera Rosales, José Manuel Alarcón, Rubén Bastón, Daniel Seijo, Xosé Ramón Nóvoa, Javier Varela, o simpatiquísimo Daniel Weiss, o omnipresente Enrique Dans ou Nico Castro, quen tivo o detalle de agasallarme cunha orixinal camiseta:
Spam para hoy y hambre para mañana

O B-web rematou ás 20:00 horas (coa promesa de repetir a experiencia antes de rematar o ano), cando pasou o relevo ao LaconNetwork, un encontro de emprendedores tecnolóxicos que desta volta xuntou a bastante xente, aínda que non foi un xantar coma era habitual, aínda que volverá ao rego o último venres de xuño. A cousa promete moito.
O que foi unha mágoa é que Enrique Dans non puidera quedar pola tarde (coma xa comentara no seu blog) o que Xosé Ramón Nóvoa corrixiu recollendo a credencial de Dans e pendurándoma ao pescozo, o que retratou Moisés Mateo de Ayco:
Marcus Fernández emulando a Enrique Dans
Chego a ter un proxector de vídeo a man e faría unha presentación multimedia sobre redes sociais e a conversa ;)

Os Melidaos presentaron o seu primeiro disco

Os Melidaos
Esta fin de semana Os Melidaos presentaron o seu primeiro disco, e remitíronme unha nota sobre o evento que reproduzo a continuación:

O grupo de música tradicional Os Melidaos presentaron na noite do sábado o seu primeiro disco que leva por título Que ben baila, que ben baila formado por once pezas e do que veñen de editar 300 copias. O acto foi moito máis que un concerto ou unha mera presentación do disco, foi un acto cultural no que se pretendeu homenaxear a todos os grupos de música tradicional de Melide que contribúen a poñer en valor a nosa cultura e música.

Para iso, no acto fóronse intercalando pezas musicadas e cantadas con breves intervencións nas que se poñía de manifesto a fonda raigame musical de Melide dende hai séculos.

O acto abriuno a concelleira de Benestar e Igualdade de Melide, Casé Rodríguez, a petición do grupo, para expoñer unha breve historia da agrupación e dar a coñecer aos seis membros dos Melidaos; nos que hai que salientar a músicos veteranos de renome como Marcelino Vázquez (gaita) e Pepe Taboada (clarinete), membros durante moitos anos do Ballet Galego Rei de Viana e da agrupación coruñesa Cántigas da Terra, entre outras moitas.

Os Melidaos

Os Melidaos estiveron arroupados no acto por moitos veciños e amigos, que ateigaron a sala, e por importantes músicos de fóra como membros do Orfeón Treixadura, da agrupación tradicional do IGAEM, a directiva de Cántigas da Terra, ou Luís de Os Carunchos, entre outros.

Os Melidaos interpretaron varias pezas do disco e, por primeira vez en público, varias pezas cantadas que foron moi aplaudidas.

O voceiro dos Melidaos, Pepiño Blanco, antigo membro de Froito Novo de Melide, dixo estar fondamente emocionado por poder compartir e divulgar a nosa música tradicional grazas á gravación deste disco. Disco que sae á luz 34 anos despois de que o lembrado grupo Froito Novo editase o seu disco Esperta Galicia (1976).

Pepiño Blanco tivo palabras de agradecemento para a Deputación da Coruña e para o Concello de Melide polo apoio ás formacións de música tradicional que pretenden dignificar a nosa música e poñela en valor. Animou aos demais grupos de Melide a que graven os seus traballos para poder chegar así coa música galega a todos os lugares.

Ao acto asistiu tamén a alcaldesa de Melide, acompañada das concelleiras de Benestar, Casé Rodríguez, de Mocidade, Anabel Ramos, e de Cultura, Conchi Castro.

A alcaldesa, Socorro Cea, tamén interviu para dicir, entre outras cousas, que Un pobo ten futuro cando as súas xentes están orgullosas do seu, orgullosas da súa cultura, felices mantendo as súas tradicións, coidando da súa música e da súa lingua. Iso é o que fan Os Melidaos: facer que a música galega siga viva, que as nosas pezas tradicionais sigan emocionando á xente, que a nosa lingua siga estando presente nas nosas vidas e que a nosa cultura se manteña por sempre inmorredoira.

Os fortes aplausos e a entrega do público asistente fixo que Os Melidaos interpretaran tres pezas máis das previstas.

Os Melidaos

Breve Historia de Os Melidaos

O grupo de música tradicional galega Os Melidaos naceu arredor do ano 2004 en Melide, lugar de fonda tradición gaiteira e berce de mestres da gaita. Esta agrupación musical xorde pola unión de músicos de diferentes xeracións e variada procedencia que consideran que a música tradicional é un tesouro que cómpre conservar.

Co disco Que ben baila, que ben baila, Os Melidaos queren render unha homenaxe a todos os músicos populares, anónimos e recoñecidos, que contribuíron a que a música tradicional e os instrumentos populares formasen parte do noso ser como pobo.

Os Melidaos pretenden poñer en valor a cultura galega, dignificar a nosa música e acadar o fin último da mesma: A diversión do pobo.

Os membros dos Melidaos son:

* Marcelino Vázquez- gaita
* Pepe Taboada- clarinete e gaita
* Pepiño Blanco- bombo e gaita
* Luís Casal- Tamboril e pandeireta
* Xele barrio- acordeón
* Antonio Raposo- gaita e voz

O acto de presentación do disco durou unha hora, pero a festa posterior prolongouse noutras salas do edificio Multiusos durante máis de tres horas nos que todos os asistentes escoitaron novas pezas, cantaron e bailaron ao son da nosa música tradicional de Os Melidaos.

Domingo, 30 de Maio de 2010

Estréase V Televisión

O pasado sábado no programa Banda Ancha da Radio Galega tivemos a honra de falar con Fernanda Tabarés sobre o lanzamento de V Televisión este domingo:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Si, si… que a TVG vaia botar en breve a serie V ata semella un exemplo de sinerxía, pero non deixa de ser pura casualidade. Iso si, gusto de saber que a intención de V Televisión é procurar cumprir co mínimo de horas de emisión en galego que prevé a súa concesión administrativa, algo que dende Popular Maria Visión Galicia están a desprezar totalmente (non remato de entender que lles deran unha licenza de ámbito autonómico).

No tocante á estrea da canle esta noite, a cousa principiou bastante ben:

Os grafismos son bastante atractivos, e os programas semellan ter certa variedade e un bo nivel técnico, polo que a entrada de V Televisión parece fuxir do cutrerío que estamos afeitos a ver en canles de ámbito local.

A mágoa foi que, tras as promocións da programación que poderemos ver nos vindeiros meses, chegou a primeira entrega de The Wire e fixeron a inmensa burrada de deformar as proporcións do vídeo, de xeito que víase coma o carallo. Agardo que fose un accidente e que non repitan tal trapallada, pois o único aceptable á hora de emitir contidos 4:3 na actualidade é sinalizar correctamente a emisión (de xeito que os televisores adáptanse ao formato) ou emitir sempre en 16:9 de xeito que os contidos en panorámico enchen a pantalla horizontalmente mentres que as gravacións 4:3 presentan bandas negras aos lados (o que se coñece coma pillarbox e que é a opción pola que xa optan canles coma TV3).
¿Por qué a opción que elixiron en V Televisión para The Wire foi a peor? Pois simplemente porque a xente que ten televisores panorámicos veu a imaxe deformada, mentres que os que teñen televisores 4:3 non só vían a imaxe deformada, senón que tamén tiña bandas negras, algo que poderían evitar se a emisión fose en pillarbox configurando o seu receptor de TDT para que faga pan & scan.

Mañá vai ser un día interesante, pois poderemos non só ver máis programa de V Televisión, senón tamén comprobar cómo vai iso dos informativos cada hora ao máis puro estilo da radio.
Tamén teño curiosidade por ver o debate Vía V. ¿Retomará o espírito do Al Final del Día de RadioVoz? Gustaríame que fose así, pois boto en falta tal programa (especialmente a súa etapa con Gerardo González Martín).

O que promete ser digno de ver é a tempada que vén, non só porque é de agardar que comece a maduración da nova canle, senón porque incluso a TVG podería reaccionar á nova oferta audiovisual. Está claro que unha canle é privada e outra pública, pero o que non tería moito sentido é que houbese contraprogración ou dupricidade de espazos, de xeito que parece razoable que miren de ter unha grella diferenciada, o que beneficiará á audiencia, que teremos máis onde elixir.

Venres, 28 de Maio de 2010

Bos Días ao Museo Virtual da Torre de Hércules

Esta mañá no Bos Días da TVG comezamos a falar do lanzamento do iPad, porque era a novidade tecnolóxica do día, aínda que admito que quedei sorprendido polo feito de que non houbese moitos problemas para conseguirlos nas tendas. Vese que o feito de que estivese esgotado na web non afectou á distribución tradicional en Galicia (outra cousa é nas grandes cidades españolas, onde incluso houbo colas para mercar o trebello):

Tras cumprir con Apple (e iso que non paga) falamos con Manuel Pan de Abertal sobre a súa recreación tridimensional da Torre de Hércules de A Coruña e o seu Museo Virtual:

Gústame cando temos amigos de visita no plató da TVG, especialmente se presentan cousas que visualmente son atractivas, aínda que foi unha mágoa que Carlos Amado tivese que controlar o sistema dende un ultraportátil (o que é máis difícil do que parece, aínda que botasemos unhas risas á súa costa). ;)

Xoves, 27 de Maio de 2010

Crossover entre Localia Coruña e Correo TV

Onte levei toda unha sorpresa ao ver que en Turkía de Localia Coruña facían referencia ao popular sketch da Asociación de Abducidos de Santiago de Compostela que apareceu no programa Fu & Fa de Correo TV, e que rematou cunha mini-entrevista telefónica a Carlos Roma, que incluso fixo referencia a que vía o programa coruñés a través deste blogue ;) (a partir do minuto 37):

Non esperaba que dúas canles de televisión local chegasen a cruzarse dese xeito, e gusto de ver que é así, pois indica que a competencia entre grupos de comunicación non é cancela para a colaboración.
E aproveito para saudar aos meus amigos en ambas canles. Bicos a todos.

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios