Onte en A Polos 25 da TVG presentaron varios momentos do concurso Todos A Bordo:
¿Recoñecedes ao tío do polo verde que sae entre o segundo 15 e 25? O condenado nestes 12 anos cambio moito nunhas cousas e pouco noutras. Vaia, que se hoxe volvese a algún concurso da TVG estou certo de que ía dar a nota… ¿Verémolo algún día en Cifras e Letras vingando a Charrancas?
Hoxe no Bos Días falamos de xeito moi lixeiro sobre a nova tendencia nos terminais de telefonía móbil dirixidos a mozos, que potencian o uso das plataformas de redes sociais en calquera momento e lugar, facilitando o intercambio de contidos e comentarios entre amigos, no que podemos ver tanto como unha evolución das comunicacións móbiles como da liberación da Internet da pantalla do ordenador:
Quedaron moitas cousas no tinteiro (supoño que falaremos noutras ocasións do asunto) coma os detalles dos móbiles que presentaron nos pasado días compañías coma Microsoft ou Nokia, e aínda que non confío en que en Europa teñan moito éxito, estou certo de que nos EE.UU. o KIN ONE e o KIN TWO van arrasar, especialmente se cumpren co prometido e, entre outras cousas, amosan os contidos en redes sociais cun sistema de prioridades que distingue a información compartida dos amigos reais da publicada por amigos virtuais. Segundo parece, teriamos varios chanzos, separando aos nosos achegados, dos meros coñecidos e dos famosiños aos que seguimos na Rede. Este tipo de orde é cada vez máis importante ante a abundancia da información nas redes sociais, polo que agradécese que comecen a pensar en solucións que fagan que a xente non afogue, pois se agora xa é difícil seguir todo o que comentan os compañeiros de clase no Tuenti, ¿qué pasará cando teñamos fichados a xente coa que coincidimos en toda a nosa vida?
¡Tiña que pasar! Xa tardaba, e ao final Txury en estado puro protagonizou un dos momentos máis graciosos da historia de Turkía ao pór a proba o servizo de información ao cidadán (010) a partires do minuto 38:17 do seguinte vídeo:
¡Hai que tirar o lixo á súa hora, Txury! ¡Que as sanción poden ser moi elevadas!
Non entendo cómo son capaces de facer unha parodia pornográfica dunha serie tan friki e magnífica coma The Big Bang Theory. No pasado xa teño amosado a miña indignación ante este tipo de enxendros, pois aínda que certos casos teñan certa coña, ¿ten sentido parodiar unha comedia? (e de vendela nunha edición de coleccionista de 2 discos xa nin pregunto)
O trailer xa dá unha idea do cutre que é esta nova película:
Pensaredes que a cousa non pode ir a peor, ¿verdade? Pois craso erro. Para o mes que vén van lanzar unha nova película na mesma liña:
¡¿Cómo teñen a ousadía de mancillar esta obra mestra?! ¡Lebowski é sagrado! ¡¿Xa non respectan nada?! Nin Star Trek, nin Batman, nin Terminator, nin James Bond… ao final o único método de evitar unha parodia XXX é non ter éxito
Co gallo do lanzamento do iPad nos EE.UU. o pasado sábado, hoxe estivemos a falar no Bos Días deste trebello con moito potencial:
Cada vez vexo mellor ao iPad coma un dispositivo de éxito, do que a súa principal eiva actual é o seu prezo, pois moitos dos seus defectos vanse solucionar no outono coa chegada dunha actualización do seu software (o iPhone OS 4).
Hoxe circulaban rumores de que para o ano que vén lanzarían un iPad de 6 ou 7 polgadas, o que para min sería un tremendo erro (para portabilidade xa están o iPhone e o iPod Touch), e gustaría máis de que saise un modelo de 12 ou 14 polgadas, que de ter unha resolución de pantalla mellorada facilitaría a lectura de comics (a experiencia actual aínda non é óptima).
Pero, ¿o resto de tablets que van saír nos vindeiros meses non van superar en moito ao iPad? Coido que non vai ser así, de feito que van ser produtos moi diferentes: o iPad arrasará coas aplicacións nativas, mentres que a competencia terá mellor desenvolvemento multimedia e web. O que non acabo de entender é por qué todos os tablets agás o iPad teñen pantallas 16:9, que están moi ben en horizontal, pero que en vertical son incomodísimas (o que é o mesmo defecto que atopo á meirande parte dos ultraportátiles de baixo custo, pois penso que con pantallas de 4:3 serían máis produtivos).