Televisión Española: ¡iso chámase censura!

A pasada noite, ao meterme na camiña, déuseme por mirar as actualizacións de Twitter no iPhone e vin que había comentarios múltiples sobre un tal John Cobra que montara todo un rebumbio na gala para elixir candidato para Eurovisión, cunha ligazón a YouTube para ver o momento, e non puiden evitar botar unhas risas, pero cal foi a miña sorpresa ao ver que pola mañá a xente andaba a preguntar por Twitter e outras redes sociais polo vídeo, pois borrárano de YouTube.
Resulta que Televisión Española realizou un barrido de vídeos sobre o especial eurovisivo e denunciounos ante YouTube (e outros servidores) por violación de copyright, polo que actualmente están inaccesibles. Durante a mañá, o único xeito de ver o corte de xeito aceptable era na páxina web de TVE, pero finalmente editaron o vídeo porque consideran que as imaxes do comportamento de John Cobra non son axeitadas para unha televisión pública
. ¡¿Mande?! A ver se o entendo ben:
1- TVE emitiu algo do que se avergoña
2- Denuncia a todo o que que replica tal información na Rede
3- Elimina o vídeo polémico da súa web
Tanto aquí coma en Pequín iso chámase censura. Dá igual que o John Cobra fixese o parvo e moitos espectadores considérense ofendidos polas súas obscenidades, o que non pode facer Televisión Española é limitar o dereito de información dos cidadáns, especialmente dende unha canle pública.
Eu incluso iría máis alá, e criticaría o feito de que a meirande parte dos contidos de vídeo de TVE están protexidos para que non sexa doado descargalos, ou sexa, que os contidos dunha canle de televisión que pagamos entre todos están protexidos contra a copia por parte dos seus donos. Lamentable.
Os contidos de TVE deberían poder incurstarse en calquera páxina web e descargarse por se queremos velos cando non teñamos a man unha conexións á Rede, con excepción das series de ficción susceptibles da súa comercialización en DVD. Agardemos que cambien a súa política a este respecto. Mentres, déixovos cunha copia do vídeo que hai na Rede, e que parece ser das poucas que TVE non denunciou:
ACTUALIZACIÓN (24-2-2010): Hoxe os vídeos máis vistos en YouTube son bastante predecibles:

Curiosamente a estas horas case todos os vídeos foron eliminados, pero o pouco tempo que estiveron activos conseguiron que liderasen as reproducións en YouTube. Segundo TVE vai denunciando, outros usuarios resuben os clips. Patético comportamento do ente público.




14 comentarios realizados
1. Brigantium escrito o 23 de Febreiro de 2010 ás 20:11
Nomepuedodecreer que non coñeceras a John Cobra, un deses míticos personaxes que pululan polo Youtube:
http://www.youtube.com/watch?v=ZJNULNiTAGg
XD
Eu o que non sabía era que pretendía ir a Eurovisión XD XD
2. Marcus escrito o 23 de Febreiro de 2010 ás 20:52
Brigantium, non coñecía ao Cobra porque non frecuento Forocoches e espazos polo estilo. Vaia, que os frikeríos dos que controlo son máis internacionais.
Este serán fixeron un repaso aos seus grandes éxitos en SLQH, incluíndo a súa aparición en El Diario. ¿Chegará a converterse nunha estrela da televisión tras arrasar en YouTube?
3. moinante escrito o 23 de Febreiro de 2010 ás 21:24
Pois na web de RTVE teñen o vídeo colgado. O que entendo eu é que fan como os de Tele5, que queren canalizar os seus contidos a través da súa web:
http://www.rtve.es/mediateca/videos/20100223/incidente-john-cobra-destino-oslo/702141.shtml
4. Marcus escrito o 23 de Febreiro de 2010 ás 22:10
Moinante, esa é a versión capada do vídeo, que dura 1:28 minutos en vez dos 6:40 minutos orixinais.
Telecinco ten todo o dereito do mundo a canalizar o tráfico á súa web para rendibilizalo pero, ¿e Televisión Española? Dado que son unha canle pública sen publicidade non parece moi lóxico que queiran manter un control férreo sobre os seus contidos.
5. Sak escrito o 24 de Febreiro de 2010 ás 0:23
Penso que estás a esaxerar, Marcus. RTVE ten un dos mellores (ou o mellor) portais de televisión de España de lonxe, cunhas posibilidades de acceso aos contidos do máis amplo que hai no estado.
A respeito da súa condición de pública, tamén discordo das obrigas que lles achacas. Que pensen na rendibilidade redunda no beneficio dos propios usuarios que gozarán de mellores contidos (como ademáis é o caso porque están a un nivelazo tremendo), ademáis coma ben sabes, moitos dos seus contidos teñen moitas limitacións de contrato.
A min o que me parece perverso é que as privadas poidan facer o que lles de a gana, sen ter en conta que realmente están a utilizar o noso espazo radioléctrico (o de todos) e que ademáis gozan dunha concesión á que non ten acceso calquera. Eses dereito taaaan rentables, deberan levar obrigas tamén importantes.
Con respecto ao Cobra, chamarlle dereito á información é un eufemismo que eu chamaría dereito a ver un espectáculo bochornoso. Non so me parece ben que se censure (penso que deberiamos deixar de usar esta palabra tan á lixeira) senón que penso que ese tipo nunca debera estar no programa. Unha cousa é o Chiki chiki (o humor, a crítica) outra o Cobra, o espectáculo penoso. Entendo que estén avergoñados polo que pasou, como xa dixo a presentadora, porque a min deume vergoña allea.
6. Sak escrito o 24 de Febreiro de 2010 ás 0:23
Perdón polo ladrilo, pero xa sabes que me gusta polemizar, Marcus
7. Marcus escrito o 24 de Febreiro de 2010 ás 1:10
Sak, eu fun dos primeiros en aplaudir a nova web de RTVE, pero naquel momento prometían que nuns días poderían incrustarse noutras páxinas web os seus contidos. Faltaron á promesa.
Cando lanzaron a web tamén era relativamente doado copiar os seus vídeos como actualmente faise cos de YouTube, pero contrataron un servizo de ofuscación dos enderezos dos vídeos para dificultar a súa descarga. Iso non ten ningún sentido para unha canle pública. ¿Por qué protexen máis os seus contidos que o resto de medios? ¿Non deberían facer a vista gorda?
Eu estou a chamarlle dereito á información a poder ver un vídeo do que todo dios está a falar, e que dende TVE non queren que vexa. O de John Cobra foi patético (como tamén o é o comportamento de moitos dos chamados eurofans) pero se os de TVE non aprenderon tras o Chiki Chiki, e deixaron que calquera que sumase votos na Internet puidera aparecer no programa ¡que carguen coas consecuencias! Incluso amañaron (hai probas) as votacións vía web, e nin con esas puideron evitar certos concursantes frikis, polo que deberían ter máis sentidiño e non montar concursos cunhas bases que poidan darlles nos fociños.
Ah, e critico o acontecido coma un acto de censura non porque editen un vídeo, senón porque pechen o acceso ao vídeo orixinal e prohiban a súa difusión por terceiras partes.
8. Nemigo escrito o 24 de Febreiro de 2010 ás 1:13
iste elemento non aporta nada. Non penso que se perda nada sen ver a ise pobre home
Tapar lo lixo é censura? Entón haberá que poner cámaras nas tazas dos váteres
Estanlle a facer un favor non emitindo isa situación tan penosa e o da igartiburu xa é de traca. O tal cobra insultando ao público e ela dicíndolles aos espectadores que tranquilos. Guapa, xa estamos tranquilos o que non estamos é a ser respetados
9. Marcus escrito o 24 de Febreiro de 2010 ás 1:24
#8 Nemigo, en pantalla só estamos a ver a metade da historia. Segundo parece, dende o público estaban a soltar bastantes animaladas contra o Cobra. Non gustar dunha actuación non é motivo para insultar a quen está no escenario. O tío non soubo mantar a calma porque non dá para máis (o que non o desculpa), pero está claro que dende a organización tampouco souberon controlar a situación.
E o de tapar o lixo paréceme un argumento perigoso. Xa decidirei eu se quero ou non ver un programa de televisión. Televisión Española non ten que exercer de pai de ninguén, especialmente para os que temos máis de 18 anos.
En Telecinco din animaladas moito máis grandes incluso en horario infantil e non fan nada ao respecto. ¿Por qué é tan escandaloso que pase algo semellante durante unha gala? ¿Porque ofendemos a Anne Igartiburu? Pois a min ofendíame ver cómo trabata ao John Cobra coma un neno pequeno. Se querían impor orde, que expulsaran ao fulano do programa, e punto.
10. Brigantium escrito o 24 de Febreiro de 2010 ás 12:53
Eu coñecíao desta web http://www.gran-angular.net/ ,tampouco ando por forocoches.
11. Nemigo escrito o 24 de Febreiro de 2010 ás 16:08
en chimpar ao fulano estou ao 100% En programas de “novos talentos” se alguén non sirve o chimpan e punto. Non esperan a que se arme unha tangana pra… non facer nada. Como fixo tve. O que fixo a pre selección meteu o zoco
Se o programa se descontrola cortas, e metes algo en lata mentras pos orde. E xa ten pasado casos similares en actuacións en directo. Paras, pos orde e segue todo ok!
Eu xa sei en tv o que quero ver e o que non. Se emiten e xa veremos se vale pois que fagan tódolos programas en directo. Pero iso non é oque se fai. Graban e se está mal repítese a toma
Non se pode considerar un caso de censura porque o que di ise individuo non interesa a ninguén, non aporta nada e moito menos ten nivel pra ser emitido en ningures e moito menos na tv pública
12. Marcus escrito o 24 de Febreiro de 2010 ás 18:14
Nemigo, nin sequera era preciso cortar: chegaba con pechar o plano en Anne Igartiburu e pecharlle o micrófono a John Cobra. A cousa fóiselles claramente das mans.
E reitero que o que chamo censura é ao feito de que estean a guerrear para que un contido que é prexudicial para a imaxe de TVE poida verse na web. Televisión Española non é unha persoa con dereito a defender a súa honra, é un ente público que emitiu algo que non debía. Agora non poden pulsar Control + Z e facer coma se nada pasase.
13. Teodoro escrito o 26 de Febreiro de 2010 ás 8:20
Non editaron o vídeo na sección “TVE a la carta”: http://www.rtve.es/alacarta/player/702143.html (minuto 67) Claro que este vídeo desaparecerá nuns días.
Curioso sistema de protección que non protexe de nada
Os vídeos de “TVE a la carta” pódense baixar por http ou grabar o stream rtmp. Este último é útil se só queres gardar un trozo, xa que podes descargar a partir do punto que te interese.
14. Marcus escrito o 26 de Febreiro de 2010 ás 16:38
Teodoro, o vídeo do arquivo non poden editalo (iso xa sería escandaloso) pero téñeno ben agochado. De todos os xeitos, hai tantas copias circulando do momento censurado que dá igual o que intenten facer dende TVE.