Venres, 26 de Febreiro de 2010

Bos Días a Battle of Puppets

Esta mañá no Bos Días da TVG coincidín cos mozos de Small Wonders, un estudo de videoxogos con sede en Lugo que veñen de desenvolver un dos mellores xogos para iPhone do que vai de ano, Battle of Puppets, que recomendo a todo aquel que teña un iPhone ou iPod Touch:

Foi moi agradable coñecer en persoa a Juan Araújo (con quen só tivera contacto a través da Rede e o teléfono) e a Joan Albero, cos que falei un bo anaco de videoxogos ao rematar a nosa intervención no programa. Xa me tarda ver os 2 novos xogos que teñen proxectados para o que resta de ano, pois coma sexan tan divertidos e simpáticos coma o Battle of Puppets garantiranme moitos pequenos momentos de lecer. ;)

Xoves, 25 de Febreiro de 2010

Percy Jackson y el Ladrón del Rayo

Percy Jackson y el Ladrón del RayoOs medios non parecen estar a dar moita importancia á nova película Percy Jackson y el Ladrón del Rayo e para min é toda unha mágoa, pois paréceme unha obra basante boa dentro do seu xénero, por combinar con bastante acerto a fórmula das películas de Harry Potter cunha temática propia da serie de televisión Hércules. Sus viajes legendarios.
A historia é moi simple, cun inminente enfrontamento entre os deuses do Olimpo por mor do roubo do raio de Zeus por parte do fillo dalgún outro deus, sendo o principal sospeitoso o protagonista, Percy, descoñecedor de ser un semi-deus. Ata ese punto, a historia ten un aquel coa primeira entrega de Harry Potter, pero faltaban Ron e Hermione, de aí que aparezan o sátiro Grover e a filla de Atenea, Annabeth, que farán compaña ao protagonista na súa aventura.
Os protagonistas da película
Os personaxes combinan bastante ben, cunha atracción constante entre Percy e Annabeth, mentres que Grover dá o toque humorístico á historia (algo moi propio dun sátiro).
Uma Thurman é MedusaSen destripar moito a historia, contarei que os nosos amigos teñen que completar certas misións que están inspiradas na mitoloxía clásica, concretamente no enfrontamento a Medusa por parte de Perseo (aínda que desta volta é un iPod Touch o que fai de espello), a derrota da hidra do lago Lerna por parte de Heracles, fuxir da terra dos lotófagos coma Odiseo (elemento que moitos lembrarán da película de animación As Doce Probas de Astérix, e que en tal ocasión representábase coa Illa do Pracer), e incluso ir ao Hades, aínda que sen ter que capturar ao can Cérbero, atopando un dos mellores momentos do filme, ao presentarse unha visión moi curiosa de Perséfone e Hades:
Perséfone e Hades
É curioso que dean a Hades unha estética de roqueiro, cando o resto de deuses teñen unha aparencia moito máis clásica (fuxindo das túnicas brancas, por sorte):
Atenea, Zeus e Poseidón
Tamén podemos ver a unha arpía, un minotauro, varios centauros… vaia, que pulíronse media mitoloxía grega en menos de dúas horas, polo que dubido que poidan sorprenderme moito na súa secuela, xa confirmada, aínda que parece pouco probable que a saga vaia a ter unha longa continuidade no cine, en boa medida porque parece difícil que poidan atar aos actores para dar certa consistencia á adaptación dos 5 libros que compoñen a historia de Percy Jackson e os deuses do Olimpo.
A min deixoume bo sabor de boca esta película, e recoméndoa a todo o que goce do cine de aventuras xuvenil e da mitoloxía grega light (tipo Hércules ou Xena), aínda que moitos prefirirán agardar á inminente Furia de Titanes (que debería chegar aos cines o día 2 de abril), da que podedes ver o impresionante trailer a continuación:

¿Nótase moito que son un friki da mitoloxía greco-latina? ;)

Mércores, 24 de Febreiro de 2010

Ricardo Galli en Cámara Abierta (La 2)

Onte, o fundador de Menéame.net abriu o programa Cámara Abierta de La 2 de Televisión Española (o incrustador de vídeos de TVE vai cando lle cadra, pero o clip pode verse sen problema na web do ente público):

Pero o máis rechamante de toda a intervención de Galli foi a súa defensa da neutralidade de rede, deixando ás intencións de Telefónica de cobrar a Google coma un absurdo ao asegurar que sería coma que Iberia pague a Rouco por usar o seu ceo, coma ben destacou onte en Twitter Enrique Dans.
De todos os xeitos, queda claro que iso de que Telefónica poida cobrar a Google é unha animalada que só pode saír da cabeza dun economista que non entende o funcionamento da Internet e tampouco é consciente de que quen ten a tixola polo mango é Google (¿de qué serviría unha web sen contidos?).

Martes, 23 de Febreiro de 2010

Televisión Española: ¡iso chámase censura!

John Cobra na gala de Eurovisión
A pasada noite, ao meterme na camiña, déuseme por mirar as actualizacións de Twitter no iPhone e vin que había comentarios múltiples sobre un tal John Cobra que montara todo un rebumbio na gala para elixir candidato para Eurovisión, cunha ligazón a YouTube para ver o momento, e non puiden evitar botar unhas risas, pero cal foi a miña sorpresa ao ver que pola mañá a xente andaba a preguntar por Twitter e outras redes sociais polo vídeo, pois borrárano de YouTube.
Resulta que Televisión Española realizou un barrido de vídeos sobre o especial eurovisivo e denunciounos ante YouTube (e outros servidores) por violación de copyright, polo que actualmente están inaccesibles. Durante a mañá, o único xeito de ver o corte de xeito aceptable era na páxina web de TVE, pero finalmente editaron o vídeo porque consideran que as imaxes do comportamento de John Cobra non son axeitadas para unha televisión pública. ¡¿Mande?! A ver se o entendo ben:
1- TVE emitiu algo do que se avergoña
2- Denuncia a todo o que que replica tal información na Rede
3- Elimina o vídeo polémico da súa web
Tanto aquí coma en Pequín iso chámase censura. Dá igual que o John Cobra fixese o parvo e moitos espectadores considérense ofendidos polas súas obscenidades, o que non pode facer Televisión Española é limitar o dereito de información dos cidadáns, especialmente dende unha canle pública.

Eu incluso iría máis alá, e criticaría o feito de que a meirande parte dos contidos de vídeo de TVE están protexidos para que non sexa doado descargalos, ou sexa, que os contidos dunha canle de televisión que pagamos entre todos están protexidos contra a copia por parte dos seus donos. Lamentable.
Os contidos de TVE deberían poder incurstarse en calquera páxina web e descargarse por se queremos velos cando non teñamos a man unha conexións á Rede, con excepción das series de ficción susceptibles da súa comercialización en DVD. Agardemos que cambien a súa política a este respecto. Mentres, déixovos cunha copia do vídeo que hai na Rede, e que parece ser das poucas que TVE non denunciou:

ACTUALIZACIÓN (24-2-2010): Hoxe os vídeos máis vistos en YouTube son bastante predecibles:
Vídeos máis vistos en YouTube
Curiosamente a estas horas case todos os vídeos foron eliminados, pero o pouco tempo que estiveron activos conseguiron que liderasen as reproducións en YouTube. Segundo TVE vai denunciando, outros usuarios resuben os clips. Patético comportamento do ente público.

Luns, 22 de Febreiro de 2010

Debate sobre a banda larga en RadioVoz

Presentación do Plan de Banda Larga
Esta mañá, co gallo do Plan de Banda Larga en Galicia 2010-2013, tivo lugar unha tertulia no programa Voces de Galicia de RadioVoz no que coincidimos no estudo coruñés Patricia Ferrol, Javier Wicho Pedreira e o que subscribe, reiterando argumentos que temos comentado noutras ocasións:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Iván Puentes, un alcalde conectadoIsidoro Valerio rematou o programa comentando o caso dun alcalde que está moi posto niso das TIC, e para quen non o collera, estabamos a falar de Iván Puentes, a quen entrevistaron hai pouco en La Voz de Galicia para dar conta do uso que fai o edil da Rede.
Non é que todos os políticos deban seguir o seu exemplo, pero estaría ben que os consistorios municipais tivesen máis presente a web como canle de comunicación para os cidadáns, de xeito que no rural galego haxa máis información de utilidade que poña en valor a Internet para unha poboación que actualmente está en exclusión dixital, pero que en boa medida é pola reducida utilidade que atopan á Rede.

Para rematar, teño que precisar, por se acaso, que a fenda dixital é a división que separa aos usuarios das TIC do resto da poboación, e non outras cousas:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Sábado, 20 de Febreiro de 2010

Os números telefónicos de tarificación especial

Onte no Bos Días, Miguel López, secretario da Unión de Consumidores de Galicia, explicou con bastante acerto o funcionamento dos números de tarificación especial, que poden causar máis dun susto:

Coma di Miguel, é recomendable avisar ao operador de telefonía que queremos bloquear o acceso a este tipo de números se queremos evitar sustos. De todos os xeitos, para timos telefónicos… os concursos:

Venres, 19 de Febreiro de 2010

Bos Días as novidades de telefonía presentadas no Mobile World Congress

A miña colaboración de hoxe no Bos Días da TVG centrouse na feira de telefonía móbil que tivo lugar estes últimos días en Barcelona, e na que puidemos ver o futuro Windows Phone 7 Series (sistema operativo para móbiles co que sorprendeu Microsoft, e que aproveitou a experiencia que gañou a compañía co seu reprodutor multimedia Zune) e algunha novidade sobre os móbiles con Android, entre os que destacan os de HTC:

Se queredes ver a última innovación da que falo (Google Goggle), botade un ollo ao seguinte vídeo:

Tamén falamos un chisco do Plan de Banda Larga 2010-2013 que persegue achegar o acceso á Internet de alta velocidade a toda Galicia (podedes ver a entrevista a Mar Pereira íntegra en YouTube, así como a cobertura que deron do asunto no Telexornal).
Este tipo de iniciativas tenden a ser unha declaración de intencións, pero agardemos que desta volta os cidadáns que quedaron fóra do PEBA (anterior plan estatal que rematou cun resultado patético) poidan optar a conexións decentes á Rede e, especialmente, a un prezo moderado.
De todos os xeitos, coa evolución das infraestruturas de telefonía móbil coido que moita xente verá solucionada a súa conectividade sen ter que acudir a plans deste tipo, aínda que atopar a tecnoloxía axeitada a cada situación é todo un reto.

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero