Martes, 12 de Xaneiro de 2010

A partir de hoxe, Rede e Liberdade

Consideramos imprescindible a retirada da disposición final primeira da Lei de Economía Sustentable polos seguintes motivos:
1.-Viola os dereitos constitucionais en que se ha de basear un estado democrático en especial a presunción de inocencia, liberdade de expresión, privacidade, inviolabilidade domiciliaria, tutela xudicial efectiva, liberdade de mercado, protección de consumidoras e consumidores, entre outros.
2.-Xera para a Internet un estado de excepción no cal a cidadanía será tratada mediante procedementos administrativos sumarísimos reservados pola Audiencia Nacional a narcotraficantes e terroristas.
3.-Establece un procedemento punitivo á carta para casos en que os tribunais xa teñen manifestado que non constituían delito, implicando incluso a necesidade de modificar polo menos 4 leis, unha delas orgánica. Isto implica un cambio radical no sistema xurídico e unha fonte de inseguridade para o sector das TIC (Tecnoloxía da Información e a Comunicación). Lembramos, neste sentido, que o troco de coñecemento e cultura na rede é un motor económico importante para saír da crise como se ten demostrado amplamente.
4.-Os mecanismos preventivos urxentes de que dispoñen a lei e a xudicatura son para protexer toda a cidadanía fronte a riscos tan graves como os que afectan á saúde pública. O goberno pretende utilizar estes mesmos mecanismos de protección global para beneficiar intereses particulares fronte á cidadanía.
Ademais a normativa introducirá o concepto de lucro indirecto, é dicir: a min poden pecharme o blogue porque promociono un que promociona outro que vincula un terceiro que fai negocios presuntamente ilícitos.
5.-Lembramos que a propiedade intelectual non é un dereito fundamental, contrariamente ás declaracións do Ministro de Xustiza, Francisco Caamaño. O que é un dereito fundamental é o dereito á produción literaria e artística.
6.-De acordo coas declaracións da Ministra de Cultura, esta disposición utilizarase exclusivamente para pechar 200 webs que presuntamente están a atentar contra os dereitos de autor. Entendemos que se este é o obxectivo da disposición, non é necesaria, xa que coa lexislación actual existen procedementos que permiten actuar contra webs, incluso con medidas cautelares, cando presuntamente se estea a incumprir a legalidade. Polo que non fica senón recear das verdadeiras intencións que a motivan xa que o único que engade á lexislación actual é o feito de deixar a cidadanía nunha situación de grave indefensión xurídica no contorno dixital.
7.-Finalmente consideramos que a proposta do goberno non só é un dilapidamento de recursos senón que será absolutamente ineficaz nos seus presuntos propósitos e deixa patente a absoluta incapacidade por parte do executivo de entender os tempos e motores da Era Dixital.

A disposición é unha concesión máis para a vella industria do lecer en detrimento dos dereitos fundamentais da cidadanía na era dixital.

A cidadanía non pode permitir de ningunha maneira que sigan os intentos de vulnerar dereitos fundamentais das persoas, sen a debida tutela xudicial efectiva, para protexer dereitos de menor rango como a propiedade intelectual. Dita circunstancia xa foi aclarada co ditado de inconstitucionalidade da lei Corcuera (ou lei da patada na porta). O Manifesto en defensa dos dereitos fundamentais en Internet, apoiado por máis de 200.000 persoas, xa avanzou a reacción e demandas da cidadanía ante a perspectiva inaceptable do goberno.

Rede sustentablePara impulsar un definitivo cambio de rumbo e coordinar unha resposta conxunta, o 9 de xaneiro constituíuse a Red SOStenible unha plataforma representativa de todos os sectores da sociedade civil afectados. O obxectivo é iniciar unha ofensiva para garantir un regulamento do contorno dixital que permita expresar todo o potencial da Rede e da creación cultural respectando as liberdades fundamentais.

Neste sentido, recoñecemos como referencia para o desenvolvemento da era dixital, a Carta para a innovación, a creatividade e o acceso ao coñecemento, un documento de síntese elaborado por máis de100 expertos de 20 países que recolle os principios legais fundamentais que deben inspirar este novo horizonte.

En particular, consideramos que nestes momentos é especialmente urxente a implementación por parte de gobernos e institucións competentes, dos seguintes aspectos recollidos na Carta:
1.-Os artistas, como todos os traballadores, teñen que poder vivir do seu traballo (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo B. “Estímulo da creatividade e a innovación”, da Carta);
2.-A sociedade necesita para o seu desenvolvemento unha rede aberta e libre (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo D, “Acceso ás infraestruturas tecnolóxicas”, da Carta);
3.-O dereito a cita e o dereito a compartir teñen que ser potenciados e non limitados como fundamento de toda posibilidade de información e constitutivo de todo coñecemento (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo A, “Dereitos nun contexto dixital”, da Carta);
4.-A cidadanía debe poder gozar libremente dos dereitos exclusivos dos bens públicos que se pagan co seu diñeiro, co diñeiro público (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo C, “Coñecemento común e dominio público”, da Carta);
5.-Consideramos necesaria unha reforma en profundidade do sistema das entidades de xestión e a abolición do canon dixital (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo B, “Estímulo da creatividade e a innovación”, da Carta).

Por todo isto hoxe iníciase a campaña INTERNET NON SERÁ OUTRA TELE e levaranse a cabo diversas accións cidadás durante todo o período da presidencia española da UE.

Consideramos particularmente importantes no calendario da quenda de presidencia española o II Congreso de Economía da Cultura (29 e 30 de marzo en Barcelona), Reunión Informal de ministros de Cultura (30 e 31 de marzo en Barcelona) e a reunión de ministros de Telecomunicacións (18 a 20 de abril en Granada).

A Rede ten previsto reunirse con representantes nacionais e internacionais de partidos políticos, representantes da cultura e delegacións diplomáticas.

Asinado
Red SOStenible (rede sustentable)

Red SOStenible somos todos e todas. Se queres adherir este texto, fusílao e espállao coma consideres oportuno, coma fixen eu tras ler o blogue de Tati Mancebo.

Derradeiro Zapping On Tour en Monte Alto

Zapping On Tour en Monte Alto
Este venres no Centro Cívico de Monte Alto terá lugar non só o último, senón o derradeiro Zapping On Tour, rematando así a xira polos centros cívicos coruñeses de Antón e Txury, polo que sería unha ocasión ideal para dar a despedida a este tipo de eventos en directo do que non sabemos se teremos máis no futuro (agardemos que si).
Zapping segue vivo, e dará guerra polas tardes en Radio Coruña-Cadena SER e, posiblemente, nalgún outro sitio máis, pero os directos seguen a ter moita máis forza que os programas radiofónicos, polo que recoméndovos asistir (podedes confirmar a vosa presenza a través de Facebook), e descargar despois o podcast para pode gardar rexistro da experiencia.
¡Vémonos alí! ¡Pasaremos lista!

Luns, 11 de Xaneiro de 2010

Debate político-melidense en Dez TV

A política melidense está moi animada estes días, e así esta fin de semana puiden ver polas rúas da vila un cartel co seguinte texto:

OS MELIDENSES CAEULLES O GORDO CON SOCORRO CEA E MANOLO PRADO.

MANOLO PRADO PERMITIUSE UN GRAN AGASALLO NESTE 2010 E ATOPOU UN POSTO DE TRABALLO PARA A SÚA MULLER COMO ENCARGADA DO PUNTO LIMPO ,( XESTIONADO POR CELTA PRIX A TRAVÉS DO CONCELLO), SOCORRO CEA COMO ALCALDESA E MÁXIMA RESPONSABLE CONSENTIUNO.

!!!! HAI QUE TER POUCA VERGOÑA ALCALDESA!!!

MELIDE CONTA CON 571 DESEMPREGADOS, BATENDO TÓDOLOS RECORDS DA HISTORIA, E O ÚNICO POSTO DE TRABALLO CREADO RECAEU NA MULLER DO TENENTE DA ALCALDESA.

¡!! ESTO SI QUE É TOCARLLES A UN O GORDO!!!

O BNG- PSOE, OU O QUE É O MESMO SOCORRO CEA E MANOLO PRADO PERDERON A POUCA DIGNIDADE QUE TIÑAN COMO POLÍTICOS E DENDE O PP PEDÍMOSLLES QUE OS RECIBO DO LIXO QUE TEREMOS QUE PAGAR POR DUPLICADO NO 2010 OS PAGUEN ELES DO SEU BOLSILLO, XA QUE POLA CONTRA TÓDOLOS MELIDENSES LLE IMOS PAGAR O SOLDO A MULLER DO TENENTE ALCALDE.

¿ALCALDESA, CANTAS INMORALIDADES MAIS VAS CONSENTIR DE AQUÍ Ó FINAL DA LEXISLATURA? ¿ SE PERMITES ESTO, A DONDE VAS SER CAPAZ DE CHEGAR? ¿QUE HAI DETRÁS DESTE PACTO DE SILENCIO?

E a cousa parece que vai ir a máis porque esta noite ás 22:00 horas en Dez TV (na canle 55 da TDT) vai ter lugar un programa especial de A Peneira no que falarán a xeito de debate da Problemática laboral no Concello de Melide e contarán cos seguintes convidados:
- Socorro Cea, alcaldesa de Melide
- Ánxeles Vázquez, voceira do PP
- David Barrio, sindicalista de UGT
- Fernanda da Tahona, ex traballadora de Radio Melide
Aínda que non estou certo de que a alcaldesa vaia asistir.
Por desgraza, non ando por Melide para gravar o programa e poder publicar na web algún corte en vídeo do mesmo, pero agradeceríase que o fixese algunha alma caritativa (ou que avisen se saben se o programa vai repetirse durante a fin de semana).

ACTUALIZACIÓN: Dende Dez TV avisáronme de que Soqui Cea non confirmou a súa presenza no debate que terá lugar pola noite en directo. Tamén comentaron que a pasada noite estiveron a empapelar Melide con carteis informando da emisión do programa de televisión, e alguén arrincou os carteis :(

ACTUALIZACIÓN (12-1-2009): O PP de Melide publicou no seu blog un comunicado sobre este tema:

O PP DE MELIDE LAMENTA A AUSENCIA DE SOCORRO CEA NO PROGRAMA-DEBATE A PENEIRA DE DEZ TV SOBRE A PROBLEMÁTICA LABORAL DO CONCELLO DE MELIDE
* O Grupo popular está convencido de que a Alcaldesa non tiña argumentos, feito polo que non se presentou ó programa
* A voceira popular valora positivamente este tipo de debates donde tódalas partes implicadas poidan dar a súa opinión contrastada , libre e democraticamente sobre feitos cualificados de graves

O PP de Melide lamenta a ausencia da alcaldesa ou en último caso de algún representante do Concello no debate xerado en Dez T.V a raíz da problemática laboral xurdida no Concello a raíz de entrar no goberno melidense o bipartito PSOE-BNG. A voceira do PP di estar convencida de que a non presencia de ninguén do Concello é froito da falta de argumentos para rebater tanto ó Grupo Popular como a sindicalistas e traballadores. O Grupo Popular cualificou a actitude de Socorro Cea e Manolo Prado de única, incrible e penosa ó entender que non pode haber políticos que se dediquen a facer continuos despidos improcedentes polos que o Concello foi condenado en 6 ocasións acarreándolle gastos que superan con creces os 60.000 € e ós que hai que engadir os derivados dos custos do proceso. Ánxeles Vázquez criticou que os melidenses teñan que pagar do seu bolsillo estas condenas que os xuíces impuxeron ó concello cando hai unha morea de obras que se podían acometer. A voceira do PP aclarou que estes despidos non son para rebaixar o número de traballadores, senón todo o contrario debido a que no capítulo de persoal se gastan 300.000 € mais ó ano que cando gobernaba o PP e instou a que se hai traballadores que non cumpren se lles abra un expediente cousa que ata o de agora non aconteceu polo que se entende que todos son verdadeiros profesionais polo que lles pide á alcaldesa que ó resto se lles deixe traballar. Ánxeles Vázquez cualificou ademais de inmoral certas actitudes por parte do goberno das cales son cómplices Socorro Cea e Manolo Prado e agarda que recapaciten.

ACTUALIZACIÓN (17-1-2010): Esta fin de semana vin en Melide un cartel do PSdeG no que deféndense do anterior cartel do PP, considerando que foi bastante inxusto, pois a mencionada contratación da muller do tenente de alcaldesa para o punto limpo foi un asunto puntual de 5 días a través da empresa concesionaria do servizo, ou sexa, unha actuación allea ao Concello, e algo bastante diferente a un posto de traballo.

ACTUALIZACIÓN (10-2-2010): David Barrio comunicoume o seguinte por correo electrónico:

A federacion de servicios da UGT vai a manter unha nova xuntanza coas limpadoras do Concello.
Ditas traballadoras a pesares de pertencer a unha empresa privada (xa que o Concello ten subcontratado dito servizo) están en moitos casos traballando con xornadas ridículas (menos de 8 mensuais) e outra serie de imcumprementos en materia legal.
Dende a UGT imos defender un traballo xusto e en condicións e non descartamos actuacións contundentes se isto non se cumpre. ESIXiMOS un cambio de conduta neste sentido

Xoves, 7 de Xaneiro de 2010

Nevarada nocturna en Melide

No blogue de Riki veño de ver un fermoso vídeo feito por Kelalo Porto no que podemos ver cómo cambiou o parque da vila durante unha nevarada nocturna no pasado mes de decembro:

Estame a molar iso de atopar vídeos relativos a Melide pola Rede. Iso si, paso olimpicamente dos que poñen da sala Paladium, pois non acabo de entender que graza teñen.

Domingo, 3 de Xaneiro de 2010

Melide no blogue oficial do Xacobeo

Cun pouco de chiripa (a través dunha alerta de Google) atopei un par de vídeos no blogue oficial do Xacobeo no que visitan Melide. Por unha banda podemos ver unha coñecida tenda de comestibles en pleno Camiño, que supoño que coñece máis dun blogueiro:

E moi preto de alí tamén podemos ver un taller de bicicletas:

Atopar estas cousiñas a min faime máis ilusión que velas pola tele, a agardo que tamén haxa moito peregrino que dea con elas antes de facer a súa viaxe, ou incluso despois, para rememorar experiencias vividas no Camiño.

De todos os xeitos, teño que advertir que a primeira hora da mañá non debe verse o primeiro dos vídeos (se non queres quedar con fame ata a hora do xantar) ;)

« Entradas máis novas

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios