Mércores, 27 de Xaneiro de 2010

Chega o iPad… ¡iCarballeira! (ai, carballeira)

iPad
Despois de moitísimos rumores nos últimos meses, Apple presenta finalmente o iPad, o seu novo produto estrela que, desafortunadamente, sorprende por non sorprender, e o único que tiña que amosar era un iPod Touch/iPhone xigante.
Estamos ante un trebello con pantalla multi-táctil de 9,7 polgadas, co sistema operativo do iPhone debeidamente adaptado e practicamente as mesmas prestacións, coa diferenza principal de que certas aplicacións (coma o reprodutor multimedia) teñen a aparencia da versión para ordenador en vez de contar con aparencia móbil, o que era evidente ao cambiar o tamaño da pantalla.
Este novo produto móvese nun perigoso terreo, pois chega en 3 capacidades de disco (16, 32 e 64 Gb) e Wi-Fi (¡vaites, coma o iPod Touch!), existindo tamén un modelo avanzado que incorpora tamén 3G, GPS e compás (¡coma o iPhone!), ou sexa, que pisa en certa medida a terminais de Apple actuais, pero, ao ter un tamaño superior, perdería a súa mobilidade. Ten o seu sentido, pero o seu público será bastante máis reducido.
Steve Jobs co iPadDebemos entender que o iPad non está pensado para a reprodución musical polo seu tamaño, pero resulta bastante práctico para a reprodución de vídeos (no que os americanos chaman alta definición pero que habería que matizar que falamos de vídeos a 720p* e non a 1080p), así como á lectura de e-books, revistas e páxinas web. Podería competir así co Kindle de Amazon (a través da nova aplicación iBooks), varias revistas e xornais anunciaron que lanzarían cadansúa aplicación para permitir unha visualización optimizada para o novo dispositivo (algo que considero un paso atrás, xa que pretenderíase pechar nun soporte determinado o que temos libre na web) e incluso sería de agardar que certos servizos que no pasado adaptáranse ao iPhone agora fagan o propio co iPad.
Sairá á venda en 60 días, e os seus prezos son os seguintes:
prezos do iPad
Supoño que en España o rango de prezos estaría entre os 449 euros e os 799 euros, de xeito que compensaría importar o trebello (pois venderase libre), pero dáme a impresión de que sae algo caro e con notables limitacións: carece de cámara, o seu sistema operativo non acepta aplicacións en segundo plano (para entrar nun programa hai que saír do que se ten aberto, o que nalgún momento é un putadón), carece de funcións de móbil (o que cheira a capada por software) e o seu navegador web segue sen soportar Flash.
Os interesados neste produto deberían agardar ao verán, pois poderían chegar outros tablets máis versátiles coma o Adam de Notion Ink a un prezo moi inferior. Tampouco podemos esquecer que nuns meses debería de saír un novo iPhone, que desta volta podería dar un importante paso adiante (mellorando a resolución da súa pantalla), deixando o iPad coma un produto obsoleto.
Así o venden os de Apple:

* A cousa aínda é peor se temos en conta que a saída de vídeo do iPad é a 480p e que a relación de aspecto da súa pantalla podería estar moi lonxe das 720p, xa que o ancho máximo é de 1.024 píxeles, de xeito que unha peli en 16:9 tería un alto de 576 píxeles… curiosamente o alto en píxeles dun vídeo en PAL a definición estándar.
Vaia, que dicir que o iPad permite alta definición é unha verdade a medias, pois significa que reproduce vídeos a 720p, non que os amose a 720p.

13 comentarios realizados

a gravatar

1. Nemigo escrito o 28 de Xaneiro de 2010 ás 1:41

parece un marco pra fotos

Non pode ser que a competencia non sexa quen de mellorar iso. Ten que vir apple vender o que moita xente pensa pode ser útil porque o ben bonito e patear cus

a gravatar

2. Marcus escrito o 28 de Xaneiro de 2010 ás 1:56

Aínda haberá que agardar para ver se o trebello vende ben. Eu supoño que o modelo básico pode ter boa saída, mentres que o de 3G o tería máis difícil, pois habería que pillalo cunha tarifa de datos móbil, e a xente non vai pagar Internet na casa, no móbil e no iPad (demasiados cargos fixos ao mes).
De todos os xeitos, podiamos pensar que o único que ten o iPad que non teñan os ultraportátiles de baixo custo no que a funcionalidades se refiere é a pantalla táctil, polo que moitos dos tablet que van saír nos vindeiros meses posiblemente sexan bastante superiores ao iPad, pero non venderán tanto porque non contan co campo de distorsión da realidade de Steve Jobs.

a gravatar

3. ruben escrito o 28 de Xaneiro de 2010 ás 2:45

Non é multitarea, non soporta flash, é caro,…
Logo miras o video… e enamóraste!!
Só Apple pode facer esto.
O visor de fotos e incríble de bonito!

a gravatar

4. ruben escrito o 28 de Xaneiro de 2010 ás 2:54

Marcus, a que te refires con esta frase: “non contan co campo de distorsión da realidade de Steve Jobs.”
Deixoume flipado.

a gravatar

5. Marcus escrito o 28 de Xaneiro de 2010 ás 3:11

O do campo de distorsión da realidade ilústrano ben nunha viñeta de The Joy of Tech e é unha coña habitual en Microsiervos (incluso conta cunha entrada explicativa na Wikipedia). Se o buscas no dicionario, a palabra é carisma.
Era alucinante escoitar a presentación en directo, co público soltando uau cada vez que amosaban unha característica do iPad, o que cheiraba a fanboys de lonxe, pois en verdade o iPad non fai nada que non viramos antes. De feito, o único que pareceume destacable durante o seguimento da keynote foi a autonomía de 10 horas do trebello (que haberá que ver cal é na práctica, pois supoño que os cálculos parten dun uso moi pasivo do iPad).
Concordo en que o visor de fotografías do iPad está moi ben, e estou certo de que se o dispositivo fose máis barato, arrasaría entre un público moi amplo. Sen ir moi lonxe, á miña nai encántalle ver fotografías no iPhone, polo que seguro que o iPad sería do seu agrado, pero sería un desperdicio utilizar un dispositivo así coma marco dixital.

a gravatar

6. XHaRoY escrito o 28 de Xaneiro de 2010 ás 11:49

Realmente a “franxa” de prezos e algo inferior… o ipad wifi de 16gb parte de 350 euros aproximadamente… e o ipad wifi de 64gb costa uns 498 euros.
Se pasamos a aplicación 3g calculo que o 3g “pepino” de 64gb serían uns 600 euros.
Hai que pensar que o euro equivale aproximadamente a 1.45 dólares.

Bueno deixando as curiosidades a un lado… eu comparto a mesma opinión… de revolucionario 0, mellor que un netbook… para o creador… e para alguen que teña un iphone e un mac… non merece en absoluto a pena compralo… non aporta nada.

En fin tocará esperar a ver se o novo iphone da a talla… porque todo o hai que decir… o 1º móvil de google é moito mellor en hardware que o iphone… agora ben… faltanlle moitas aplicacións e outros problemas pero bueno… teñen solución.

Apple xa empeza a cheirar cos seus productos… sacan productos que se pode decir que poderían competir entre eles e sempre caros… pagas a estética é o “prestixio” ou “clase” da marca.

Saúdos

a gravatar

7. Nemigo escrito o 28 de Xaneiro de 2010 ás 12:04

apple vende pra calse media alta non media baixa. Non lles interesa o mercado popular Aí xa existen moitas empresas metidas no fregado. O iphone arrasou en gama alta. Imposible facer iso en gama baixa. A canto terían que vender o móbil a menos de 20 euros?

Eles van a productos que lles dean cartos. É unha obviedade que a estética vende e moitas marcas non o queren ver

a gravatar

8. Marcus escrito o 28 de Xaneiro de 2010 ás 12:16

XHaRoY, equivócaste de vez cos prezos, coma fan os medios de comunicación tradicionais, que falan de euros cando o prezo que sabemos é en dólares. En Europa temos aranceis e impostos que non hai nos EE.UU., e ao final o euro e o dólar están case á par. Por exemplo, o iPod Touch de 64 Gb custa 399 euros nos EE.UU. e 359 euros en España (mentres que ao cambio tería que custar 284.87 euros). Xa verás como ao final erro en poucos euros.
Iso si, se o novo iPhone incorpora moitos cambios, para o ano que vén tamén teriamos un iPad 2.0, polo que os early adopters pagarían o pato. De gastar os cartos, parece que a mellor opción é ir a polo modelo máis económico para non facer o primo.

Nemigo, tes razón en que Apple busca cartos ao grande, e co iPad van a conseguir moitos beneficios, coma fixeron co iPhone, pero desta volta temo que o produto vai quedar nos fogares, de xeito que perdería o elemento viral do iPhone/iPod Touch.

a gravatar

9. XHaRoY escrito o 28 de Xaneiro de 2010 ás 17:08

É posible que teñas razón… de feito teño constancia de que é máis rentable en ocasións comprar un producto en EEUU é importalo polo que acabas de escribir marcus. Bueno realmente o rentable é se coincide que vas de viaxe ou vacacións a EEUU, así de paso aproveitas e pillas un ou varios caprichiños.

Realmente eu non lle vexo moito sentido… é certo que apple fabrica para gama alta… pero o éxito do ipod, itouch ou do iphone debese a que sendo un obxecto de gama alta.. conseguiu chegar a xente de todo tipo de fogares… coñezo a máis de un par de parados que teñen un mac e un iphone por exemplo… no caso do ipad creo que por moito que che guste apple… máis de un consumidor habitual dos seus productos o pensará… porque xa digo… non lle vexo realmente utilidade por moi “bonito” que seña.

En fin, quixera reiterar que a miña aposta persoal salvo que o posible “futuro iphone” se converta realmente no que debería ser (un pepino), pois reiterar que a miña aposta é o móvil de google… aínda que son consciente de que moitas veces é mellor esperar a 2ª versión (case sempre sae unha 2ª versión ao pouco de sair a primeira).

Saúdos

a gravatar

10. Xosé escrito o 28 de Xaneiro de 2010 ás 17:14

Eu creo que máis importante que o trebello é o espazo que define. Está claro que vai marcar un antes e un despois nese formato de computadores e que abrirá novas vías para usar estes cacharros.

En particular, está claro que os netbooks están mortos despois do iPad e dos produtos que se faigan sobre NVIDIA Tegra. O concepto de lector de libros electrónicos como produto independente tamén vai quedar moi mal…

Con respecto a se triunfará o iPad, quen sabe? Supoño que quedaremos no de sempre. Quen queira un cacharro que funciona moi ben, superintegrado, cun nivel de calidade por enriba da media, mercara o iPad. Outra xente optará por alternativas máis baratas.

O que é preocupante é a cuestión do DRM en todos estes cacharros.

a gravatar

11. Marcus escrito o 28 de Xaneiro de 2010 ás 17:44

Xosé, é certo que os novos tablets van captar parte do público dos ultraportátiles, pero non os substitúen. Por exemplo, para estudantes e xornalistas o teclado físico é imprescindible, e non quererán depender de accesorios para iso (aparte de que saen moito máis baratos).
Para min o iPad é máis un produto doméstico, que pode terse na mesiña do salón, como unha pantalla adicional que achega contidos da web e descargas (libros, revistas…) pero que no caso español non creo que acade relevancia algunha porque, coma é habitual en iTunes, os contidos en español van ser moi limitados. ¿Cantas películas e series de televisión véndense en iTunes dende España? Pois sospeito que cos libros e revistas pode pasar o mesmo, agás que as propias editoras locais sexan as que traballen para cambiar a cousa (o que incluso poderían facer sen contar directamente con Apple).

a gravatar

12. Nemigo escrito o 29 de Xaneiro de 2010 ás 13:22

o bo que pode ter o trebelle é achegar internet a máis xente e en todas partes. Hoxe a maioría dos ordenadores empréganse pra navegar por internet é iso é matar moscas a cañonazos. Non fai falla un ordendor pra navegar por internet e moito menos gastar máis de 1000 euros nun

ise trebello pode achegar internet a estudiantes e xente que viaxe. Mellor levar iso e non andar cun ordenador dun lado pra outro. Se ademáis se fai soft bo pra navegar e mandar información pois pode ter moitas posibilidades. Se o trebello está ben de prezo (menos de 300 euros pois mellor)

Xa supoño que a competencia non sexa quen de responder. Non foron quen de responder a iphone e tampouco a ipod

a gravatar

13. Marcus escrito o 29 de Xaneiro de 2010 ás 14:03

Nemigo, a competencia si responde, outra cousa é que o público estea engaiolado por Apple. Hoxe hai reprodutores multimedia portátiles superiores ao iPod en moitos aspectos (e incluso con deseño moi atractivos), e o iPhone cada vez o ten máis difícil con terminais baseados en Android. O que pasou co iPhone principalmente foi que pillou a fabricantes coma Nokia co pé cambiado, e aída non lograron recuperarse do batacazo, pero agora chegan vellos coñecidos coma Motorola poderían chegar ao verán con 2 ou 3 móbiles impresionantes. HTC tampouco o fai mal, e Samsung tamén está a sacar uns deseños moi elegantes. Por fin temos unha competencia decente.
Co iPad, en cambio , coido que no CES xa apareceron moitas alternativas, con prezos máis atractivos, pero ata que teña os produtos na man non podo dicir se pagan a pena ou non. De todos os xeitos, sigo a pensar que os tablets son para usar na casa deitados no sofá, e non para levar por aí.

Facer un comentario

Etiquetas (tags) permitidas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Observación: Os comentarios poderían non aparecer automaticamente, pois nalgunhas ocasións precisan de moderación por parte do administrador deste blogue.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios