Venres, 29 de Xaneiro de 2010

Bos Días ao iPad

Esta semana o iPad está a monopolizar a información tecnolóxica, o que tamén aconteceu no Bos Días da TVG, aínda que comezamos falando da web Timelapses.tv, que non coñecía con anterioridade, e pode ser moi interesante para os que queiran experimentar coa fotografía e o vídeo (coma Kelalo rexistrando unha nevarada en Melide). Sobre o iPad, pouco puiden dicir que non comentara xa:

Tamén comento a curiosidade de que con este vídeo estreei o novo sistema de subida de vídeos a YouTube, que amosa graficamente a súa carga, o que resulta moi agradable para o usuario (aínda que na práctica non afecta en nada ao proceso de carga de contidos ao portal de vídeos de Google):
novo sistema de subida a YouTube

E para rematar supoño que non será preciso comentar que Bos Días celebraba o seu programa número 100 e non o seu centenario :P
Iso si, dende a Radio Galega celebrarán en breve o seu 25º aniversario. ¡Parabéns!

Xoves, 28 de Xaneiro de 2010

O iPad para quen non gusta da tecnoloxía

Si, a xente que pasa de ordenadores, reprodutores multimedia e móbiles teñen unha revolucionaria versión do iPad que mola mazo:

¡Escacho coa risa! Despois de ver isto queda claro que os produtos de Apple non fan nada novo, senón que saben vendelos moi ben. Chapeau!

Mércores, 27 de Xaneiro de 2010

Chega o iPad… ¡iCarballeira! (ai, carballeira)

iPad
Despois de moitísimos rumores nos últimos meses, Apple presenta finalmente o iPad, o seu novo produto estrela que, desafortunadamente, sorprende por non sorprender, e o único que tiña que amosar era un iPod Touch/iPhone xigante.
Estamos ante un trebello con pantalla multi-táctil de 9,7 polgadas, co sistema operativo do iPhone debeidamente adaptado e practicamente as mesmas prestacións, coa diferenza principal de que certas aplicacións (coma o reprodutor multimedia) teñen a aparencia da versión para ordenador en vez de contar con aparencia móbil, o que era evidente ao cambiar o tamaño da pantalla.
Este novo produto móvese nun perigoso terreo, pois chega en 3 capacidades de disco (16, 32 e 64 Gb) e Wi-Fi (¡vaites, coma o iPod Touch!), existindo tamén un modelo avanzado que incorpora tamén 3G, GPS e compás (¡coma o iPhone!), ou sexa, que pisa en certa medida a terminais de Apple actuais, pero, ao ter un tamaño superior, perdería a súa mobilidade. Ten o seu sentido, pero o seu público será bastante máis reducido.
Steve Jobs co iPadDebemos entender que o iPad non está pensado para a reprodución musical polo seu tamaño, pero resulta bastante práctico para a reprodución de vídeos (no que os americanos chaman alta definición pero que habería que matizar que falamos de vídeos a 720p* e non a 1080p), así como á lectura de e-books, revistas e páxinas web. Podería competir así co Kindle de Amazon (a través da nova aplicación iBooks), varias revistas e xornais anunciaron que lanzarían cadansúa aplicación para permitir unha visualización optimizada para o novo dispositivo (algo que considero un paso atrás, xa que pretenderíase pechar nun soporte determinado o que temos libre na web) e incluso sería de agardar que certos servizos que no pasado adaptáranse ao iPhone agora fagan o propio co iPad.
Sairá á venda en 60 días, e os seus prezos son os seguintes:
prezos do iPad
Supoño que en España o rango de prezos estaría entre os 449 euros e os 799 euros, de xeito que compensaría importar o trebello (pois venderase libre), pero dáme a impresión de que sae algo caro e con notables limitacións: carece de cámara, o seu sistema operativo non acepta aplicacións en segundo plano (para entrar nun programa hai que saír do que se ten aberto, o que nalgún momento é un putadón), carece de funcións de móbil (o que cheira a capada por software) e o seu navegador web segue sen soportar Flash.
Os interesados neste produto deberían agardar ao verán, pois poderían chegar outros tablets máis versátiles coma o Adam de Notion Ink a un prezo moi inferior. Tampouco podemos esquecer que nuns meses debería de saír un novo iPhone, que desta volta podería dar un importante paso adiante (mellorando a resolución da súa pantalla), deixando o iPad coma un produto obsoleto.
Así o venden os de Apple:

* A cousa aínda é peor se temos en conta que a saída de vídeo do iPad é a 480p e que a relación de aspecto da súa pantalla podería estar moi lonxe das 720p, xa que o ancho máximo é de 1.024 píxeles, de xeito que unha peli en 16:9 tería un alto de 576 píxeles… curiosamente o alto en píxeles dun vídeo en PAL a definición estándar.
Vaia, que dicir que o iPad permite alta definición é unha verdade a medias, pois significa que reproduce vídeos a 720p, non que os amose a 720p.

Venres, 22 de Xaneiro de 2010

Bos Días á gravación televisiva

Hoxe no Bos Días da TVG falei con Xesús Peleteiro e Carlos Amado das distintas opcións que temos para gravar da televisión agora que chega o apagamento analóxico:

Está claro que o VHS está morto, pero as opcións de gravación son tantas que a cousa mete medo. Aínda que o ordenador sexa unha das mellores opcións para gravar da tele, os receptores de TDT con USB son cada vez máis atractivos, e incluso hai os típicos combos DVD+TDT que tamén gozan de tal función, aínda que de cara ao futuro moitos usuarios preferirán tirar de discos duros multimedia con opcións de gravación, de xeito que dirían adeus definitivamente aos soportes físicos.
Persoalmente creo que as canles de televisión van ter que reaccionar agresivamente, ofrecendo os seus contidos na Rede para que os usuarios non teñen que facer uso da gravación, o que permítelles explotar publicitariamente cada reproducións dos seus contidos.

Xoves, 21 de Xaneiro de 2010

Melide di adeus á vella televisión

Adeus á vella televisión
Na web do Concello publicaron este martes o seguinte:

O Concello informa aos veciños de Melide da cobertura da TDT na zona
O goberno local remitiu cartas a todos os veciños dos núcleos de poboación nos que a Xunta considera que pode haber problemas para a correcta recepción da TDT. Segundo a Xunta, serían 14 aldeas do Concello, nas que viven 153 melidenses. Ademais, ata o 3 de abril segue aberto o prazo para que as persoas maiores ou con dependencia soliciten gratuítamente receptores de TDT no Centro Social.
No día de onte, o Concello de Melide recibiu unha comunicación da Xunta na que se relacionan os núcleos do concello nos que podería haber problemas para a correcta recepción da televisión dixital terrestre. Segundo se afirma na carta da Secretaría Xeral de Medios, as persoas que teñan problemas para recibir un sinal de calidade teñen dereito a que un instalador autorizado lles habilite unha antena de satélite para garantir a cobertura, dado que a TDT é un servizo universal ao que deben ter dereito todos os cidadáns.
Ante esta información, o Concello de Melide quixo comunicarse cos veciños e veciñas que viven nas catorce aldeas nas que a Xunta ten encontrado algún problema para garantir unha correcta recepción da sinal. Trátase de aldeas das parroquias de San Cosme, San Salvador, Agrón, Folladela, Golán e Zas de Rei, nas que se contabilizaron un total de 153 veciños empadroados.
Xunto con esta comunicación, o Concello tamén facilitou aos veciños, por vía postal, unha listaxe na que se recollen os nomes e teléfonos de contacto dos instaladores autorizados pola Xunta, aos que os veciños poden dirixirse se comproban que teñen problemas para a recepción da sinal dixital.

TDT para a poboación maior ou en risco de exclusión social

Por outra parte, o Concello de Melide, a través da Concellaría de Igualdade e Benestar que dirixe Casé Rodríguez, mantén aberto ata o 3 de abril o prazo para que as persoas maiores e con problemas de dependencia poidan solicitar de xeito gratuíto un receptor de TDT a través do Centro Social.
Como xa se fixo na primeira campaña, a iniciativa ten por finalidade que as persoas que teñen un máis difícil acceso ao ámbito das comunicacións, non se queden fóra da recepción da TDT. Para iso os solicitantes deberán reunir unha das tres características seguintes: maiores de 80 anos que vivan sos, maiores de 65 anos con grao de dependencia recoñecido de nivel I ou II, ou con minusvalía auditiva ou visual superior ao 33%. As persoas que reúnan algunha destas tres características e estean interesadas en recibir un TDT, deben facelo constar no Centro Social antes do 3 de abril, data na que os Servizos Sociais priorizarán os casos de maior urxencia.

E hoxe mesmo é a data na que supostamente ten lugar o apagamento analóxico en Melide, pero digo supostamente porque teño entendido de que o que apagan son os reemisores locais, polo que moitos melidenses seguirán a recibir o sinal analóxico sen problemas ata o 1 de febreiro. De todos os xeitos, están a rematar as prórrogas, polo que a xente debería ter máis que mirado o asunto, e saber se reciben sen problema a TDT nos seus fogares.
Principia así un salto evolutivo para a televisión, que non ten agora desculpas para emitir no obsoleto formato 4:3, de xeito que pouco a pouco todas as canles deberían ter contidos en panorámico para que poidan visualizarse axeitadamente nos televisores modernos (lembremos que os televisores en 4:3 xa desapareceron das tendas).
Nos vindeiros meses poderemos ver a chegada de canles en alta definición en aberto (inicialmente TVE HD, que centrará os seus contidos en retransmisións deportivas), a normalización da TDT de ámbito local (que en Galicia ten moi mala pinta), novas canles de pagamento (aínda por definir) e, a ser posible, o aproveitamento de prestacións coma múltiples pistas de son e subtítulos nas emisións dixitais.

¿E se non recibimos o sinal?

Segundo parece, hai moita xente que ten problemas de recepción da TDT no rural galego, que deberá contactar cun antenista para que mire o seu caso. Así, será preciso adaptar algunha antena para poder recibir todas as canles, mentres que nalgunha zona será totalmente imposible recibir a TDT, casos nos que autorizarán o uso de tecnoloxía satelital, aínda que a súa instalación só estará subvencionada en casos moi concretos (xente de poucos recursos económicos).
Moita xente está a queixarse de que montar unha parabólica, mercar un receptor TDT SAT e a instalación de todo iso no fogar pode saír entre 300 e 400 euros, argumentando que o resto dos cidadáns non teñen que facer tal gasto, pero iso non é unha afirmación moi precisa, posto que moitos cidadáns tiveron que adaptar as antenas dos seus edificios, o que tampouco foi de balde. De todos os xeitos, non estamos a falar de gastos, senón de investimentos, xa que o goce do servizo televisivo poderase realizar logo durante moitos anos.

Martes, 19 de Xaneiro de 2010

Goretoxo fala de dereitos de autor no Foro Aberto

Aínda que parecía que ían falar da polémica Lei de Economía Sustentable, finalmente a intervención de Pedro goretoxo Silva no programa Foro Aberto da TVG foi bastante xenérica, converténdose nunha defensa da reformulación do modelo de dereitos de autor para axustarse á realidade, onde a distribución de contidos en soporte físico está a perder forza, deixando obsoletas leis promulgadas no tempo tecnolóxico da imprenta:

A intervención de Pedro pareceume moi atinada, pero o pouco tempo que deron ao tema no programa fixo imposible a existencia dun debate, quedando sen contrastar a meirande parte das afirmacións que facían tanto Silva coma Barreiro Rivas.
Posiblemente é imposible chegar a un consenso entre todas as partes (hai moitos axentes implicados), pero sobre o que non debería haber ningunha dúbida é de que a propiedade industrial e os dereitos de reprodución non deberían anteporse aos dereitos dos cidadáns, carecendo de sentido que a protección da propiedade intelectual teña prioridade en sede xudicial fronte a delitos de verdade

Luns, 18 de Xaneiro de 2010

Programa especial de A Peneira dedicado a Melide

A semana pasada tivo lugar no programa A Peneira de Dez TV un especial dedicado á problemática laboral no seo do Concello de Melide, que pretendía ser un debate, pero ao que só asistiron representantes dunha parte, pois o Concello rexeitou a invitación da canle de televisión local de Lalín, de aí que o resultado fose un tanto decepcionante.
Coma non todos poden recibir Dez TV nos seus fogares (á miña casa chega de chiripa), velaquí poño a gravación íntegra do programa:

Sen a presenza de Soqui Cea a cousa quedou bastante rara, pois converteuse nunha enumeración de casos puntuais e anécdotas, das que non podemos contrastar puntos de vista, algo que agardo que corrixan no futuro, organizando un debate máis xeral sobre a situación de Melide (sen limitarse á casuística dos conflitos laborais) que conte coa presenza das distintas formacións políticas.

Tamén quero aproveitar a ocasión para desexar moita sorte a Rodrígo Vázquez nesta nova andaina en A Peneira, pois entendo que aparte de ter que coller o pulso ao programa, tamén debe facer fronte a moitas limitacións técnicas (impresión que levei ao ver unha realización do programa lamentable, cunha mala planificación dos tiros de cámara e con moitas incidencias na mestura). Supoño que en Dez TV estarán a vivir unha especie de renacer, co salto á TDT, de aí que certos erros sexan máis que xustificables, mentres que o feito de que dediquen un pouco de atención a Melide resulta moi de agradecer.

ACTUALIZACIÓN (2-2-2010): A Federación de Servizos Públicos de UGT convoca en Melide unha asemblea informativa:
Asemblea Informativa de UGT

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero