Mércores, 30 de Decembro de 2009

Miguelanxo Prado leva a súa obra ao iPhone

Presentación do iMotion Comic
Nunha das conferencias de Viñetas desde o Atlántico de 2008 fixeime en que Miguelanxo Prado tiña na man un iPhone, polo que cando me enterei de que que o Hexed de Emma Ríos estaba dispoñible para iPhone e Android pensei que era inevitable que Prado reaccionase dalgún xeito, e finalmente temos que esta semana presentaron unha conversión da súa Quotidiania Delirante ao móbil de Apple.
Para que poidamos ver de qué vai a cousa, amosan Meigas, o que será a primeira entrega (de balde) desta obra situada no gume entre o cómic e o audiovisual:

Quotidianía Delirante - MeigasSon un admirador da obra de Prado, e obviando ao Xabarín, precisamente a Quotidianía Delirante é para min o mellor que publicou, aínda que esta revisión non acaba de convencerme (ler un cómic a un ritmo imposto paréceme aberrante). Gusto deste tipo de experimentos, pero o que non entendo é por qué o anuncian dun xeito que poderiamos cualificar de fraudulento, pois non dubidan de definir esta novidade coma o primeiro cómic interactivo e animado para iPhone e iPod, pois non é nin o primeiro cómic animado para iPhone (a propia Marvel leva tempo publicando cousas como a nova serie de Spider-Woman) nin é interactivo (agás que consideremos que pasar páxinas supón unha interacción, polo que entón incluso os libros físicos serían interactivos…). Para min o mero feito de adaptar a obra a un formato dixital é suficiente como para concederlle certa atención mediática. Agardo que, aínda que as súas vendas vaian ser ridículas, están a dar pasos nun novo mercado no que cómpre experimentar. Pese a que nunca fon partidario dos videocomics (que existen dende hai moitos anos) son unha canle máis de comercialización, e igual serven para captar lectores para as obras en papel ou, cando menos, para dar maior proxección internacional aos comics de Prado, o que si poderían mellorar as súas vendas en soportes tradicionais, o que sempre é de agradecer.

Luns, 28 de Decembro de 2009

Melide recibirá o Aninovo cun concerto na Parroquial

Concerto de Melide Vida Musical
Tras o éxito do concerto de verán, a Asociación Cultural Melide Vida Musical organiza un Concerto de Ano Novo para o vindeiro 2 de xaneiro ás 20:00 horas na Igrexa Parroquial.
A Asociación supera xa os 100 socios en apoio de 30 compoñentes dunha agrupación musical formada por violíns, violoncellos, guitarra, baixo, batería, marimba, flauta e voz, e neste novo certame contará coa colaboración do dúo ourensán de acordeóns Sons da Eira, así como coa participación da soprano compostelá Concepción Rodríguez Fariña.
O concerto durará máis dunha hora e buscará ser variado, didáctico e divertido, combinando tanto temas clásicos coma contemporáneos, e supoño que repetirá o éxito de certames anteriores.

Domingo, 20 de Decembro de 2009

Avatar, estrea obrigada

prota co seu avatar
O pasado vernes chegou aos cines españois a película de James Cameron Avatar, que para quen non o saiba, está desenvolvida totalmente en 3D, o que é toda unha revolución audiovisual, superando a moitas películas deste tipo que puidemos ver ata o momento.
A película en si mesma é unha colección de tópicos, que poderiamos definir coma un híbrido entre FernGully e Bailando con lobos (entre moitas outras películas), na que un humano mediante unha tecnoloxía que non explican, métese no corpo dun avatar para infiltrarse nunha cultura extraterrestre. Así, temos un filme no que altérnanse secuencias na base dos humanos con outras no exterior de Pandora, un mundo de fantasía cunha natureza virxe que pretenden explotar os invasores ante un planeta Terra debastado.
¿Por qué só explotar os recursos de Pandora e non invadir o planeta? Pois porque o planeta xa está habitado, a súa fauna é moi agresiva e a atmósfera é velenosa para os humanos, ou sexa, unha serie de desculpas para xustificar a existencia dos avatares, para que a historia non rematase nun plis-plas.
reparto
O reparto da peli é bastante completo, recaendo case todo o peso da película sobre Sam Worthington (a quen vimos hai pouco na última de Terminator e volveremos a ver no remake de Furia de Titáns), aínda que Sigourney Weaver, Michelle Rodríguez e Joel Moore fanlle boa compaña coma humano, mentres que no seu avatar é Zoe Saldana (a Uhura de Star Trek) que o apoia. Coma contrapartida, Stephen Lang interpreta a un desalmado coronel Quaritch, nun papel que defende ben, pese ás súas limitacións (simplemente fai de tipo duro).
graficos computerizados moi 3D
No tocante ás 3D, hai que admitir que están moi traballadas, e ver a película en 2D sería pouco menos que un pecado. Estou totalmente certo de que, se deixamos a tecnoloxía a un lado, estamos ante unha obra do montón, pero se tempos en conta a experiencia da súa visualización, é unha peza imprescindible para este Nadal.
Iso si, non é unha película para nenos, pois hai moita violencia e dura máis de 2 horas e media. Tamén está o detalle de que moita xente acaba mareada ou cansa das 3D (e non polas lentes, que son bastante cómodas). Xusto a persoa que sentou á miña esquerda no cine soltou que estaba mareado cando rematou a peli, mentres que eu acabei co ollo dereito un chisco vermello. Vaia, que as 3D son unha boa experiencia audiovisual en plan espectáculo, pero non poden converterse na imaxe do futuro (coma tamén pasou cos sistemas de son 5.1).
aprendendo a usar o arco
Pero o das imaxes estereoscópicas non é o único especial da película, senón que está o feito de que os Ma’vi (habitantes de Pandora) están creados por ordenador coa tecnoloxía que deu vida á criatura Gollum nas pelis do Señor dos Aneis, ou sexa, que case todo o que vemos en pantalla é virtual, o que resulta impresionante, pois a aparencia acadada é bastante realista (agás en momentos moi puntuais).

¿Recomendo ver a película? Se é nunha sala de cine 3D considero que é unha experiencia audiovisual imprescindible. Agora ben, de non poder ter tal oportunidade, a película pódese deixar tranquilamente para o DVD, pois non ten ningún outro elemento rechamante.
Non digo que o filme sexa dos que hai que ver polos efectos especiais, senón que o que digo é que a experiencia estereoscópica que permite vai moito máis aló que outras obras, polo que é altamente recomendable o seu visionado. De querer probar a experiencia 3D, esta sería a mellor película que poderiamos elixir, pois presenta unha cantidade de planos sen precedentes, e visualmente resulta embriagadora.

ACTUALIZACIÓN (21-12-2009): Xa hai datos de taquilla da estrea de Avatar, cunha caixa de 73 millóns de dólares nos EE.UU. e 232,2 millóns a nivel mundial, o que non é ningún record pero deixa claro que están a comercializar ben o produto, pois xa compensarían o custo da película (230 millóns segundo o iMDb) e aínda faltan moitos días en cartel, o lanzamento en DVD/Blu-ray, a explotación televisiva e a cantidade de produtos derivados que poden saír (dende secuelas ata aplicacións da tecnoloxía desenvolvida a futuros proxectos). Un negocio redondo… ¿ou debería dicir esférico?

Xoves, 17 de Decembro de 2009

Blu:brain, outra oportunidade perdida

Blu:brain conectado a un televisor
Estes días choven as informacións sobre o Blu:brain, un trebello que pretendía revolucionar o consumo de contidos audiovisuais no fogar cun disco duro multimedia capaz de gravar o sinal da TDT de alta definición, e que anunciouse hai ano e medio, pero que finalmente no chegará ao mercado ata o 15 de febreiro de 2010 ao prohibitivo prezo de 399 euros, e deixando pasar a forte campaña de Nadal.
¿En qué están a pensar dende Blusens? A min isto chéirame ao navegador GPS con imaxes reais, que tanto anunciaron e que finalmente non chegou ao mercado polo seu elevado prezo. ¿Por qué tardaron tanto en lanzar o produto? Porque agora hai unha chea de dispositivos semellantes, xa consolidados, e con mellor prezo.
ZoltarTV
Sen ir máis lonxe, o ZoltarTV ten unhas prestacións moi semellantes (pero superiores) e o seu prezo é máis reducido (podemos atopar o modelo de 1,5 Tb por 299 euros). Nin dicir que o ZoltarTV ten conectividade Wi-Fi N, mentres que o Blu:brain conformouse co IEEE 802.11g (bastante máis lento), e que incomprensiblemente o disco duro de Blusens ten unha capacidade de 250 Gb, o que non está xustificada polo seu tamaño, xa que o Blu:brain ocupa máis que os seus competidores (que optaron por discos duros de 3,5 polgadas en vez de 2,5 polgadas).

Pero, ¿non dicían que o Blu:brain tiña conectividade PLC para funcionar a través da rede eléctrica doméstica? Pois outra bola. Resulta que ten Fast Ethernet (nin que dicir que os competidores teñen en moitos casos Gigabit Ethernet), e que así é compatible con adaptadores PLC (venderán a parella a 119 euros). Vaia, que de optar por tal conectividade, o prezo dispararíase aínda máis.

O único punto forte que podería ter o Blu:brain sería o uso de tecnoloxía IPTV para acceder a canles de televisión dixital e contidos baixo demanda, pero iso dependería dun catálogo potente e uns prezos atractivos, algo no que non confío absolutamente nada.

Coido que o Blu:brain nace morto, e que ninguén vai mercar semellante produto por ser inferior aos seus competidores a un prezo máis elevado e que non estará á venda antes de Nadal e Reis. Unha mágoa que pase tal, pois estaría encantado de ter un produto desas características da man dunha compañía galega.

Asus HDP-R O!PlayPara rematar, engadiría que non podemos valorar ben o Blu:brain ata probalo, pois a cousa aínda podería ser peor, xa que descoñecemos cal é a compatibilidade real no tocante a formatos multimedia. A min paréceme moi difícil que supere ao Asus HDP-R1 O!Play, que está á venda por 85 euros, e que traga con moitísimos formatos de vídeo e audio (é capaz de facer DTS downmix) acceden a ficheiros en rede ou de discos externos USB ou eSATA. Considero que é unha das mellores opcións actuais para quen queira introducirse na reprodución de vídeos en MKV (e de practicamente calquera vídeo descargado da Internet) nun televisor en alta definición, pois para mercar dispositivos máis completos eu agardaría uns meses, xa que sería interesante ver antes cara a onde van os reprodutores de Blu-ray (pois moitos deles tamén están a soportar MKV) e os gravadores de vídeo (algúns modelos aceptan tarxetas para a TDT Premium ou para sinais de satélite/cable). A paciencia non é mala conselleira.

Venres, 11 de Decembro de 2009

Bos Días ás consolas de videoxogos

Esta mañá, dada a proximidade do Nadal, falei con Carlos Amado e Xesús Peleteiro no Bos Días da TVG das consolas de videoxogos:

Está claro que é unha cuestión de gustos. Eu son usuario da Xbox 360, e de usar unha portátil, optaría pola PSP, pois admito que as consolas de Nintendo apenas teñen xogos que encaixen nos meus gustos.
Sobre os xogos tamén falamos un chisco hoxe:

Coido que a semana que vén imos comentar máis sobre xogos, pois non tivemos tempo suficiente para comentar o fenómeno dos xogos musicais, ou facer algunha recomendación de xogos por rangos de idades ou plataformas (que posiblemente é o que quere escoitar moita xente de cara a elixir os agasallos do Nadal).
Precisamente de videoxogos falei tamén o pasado xoves no programa A Tarde da Radio Galega, centrándonos nos xogos musicais e na Wii:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Quixera destacar que aínda que segundo dos datos que anuncian dende aDeSe os nenos son o grupo demográfico que máis uso fai dos videoxogos (o 80%), a media de idade dos xogadores continúa a ser elevada (ronda os 30 anos) e no volume de negocio os adultos temos moito peso, coma queda claro ao ver os cartos que ingresan xogos coma Modern Warfare 2 e Grand Theft Auto IV. Non podemos esquecer que os nenos non teñen capacidade económica como para mercar con certa frecuencia xogos para Xbox 360 e PS3.
Dende a propia aDeSe recoñecen que o grupo de usuarios que pasa máis de 4 horas á semana xogando é maior nos adultos que nos nenos, o que reflicte un cambio xeracional. A xente que utilizou videoxogos de neno nos os abandonou co tempo, e así é de agardar que a medida de idade de xogadores increméntese durante moitos anos, ata que estea normalizado o uso de videoxogos por todos os rangos de idades, como acontece con outros tipos de lecer electrónico. O tópico de que os videoxogos son para nenos é cousa do pasado, aínda que é unha mágoa que fose Nintendo coa Wii e a DS a que máis contribuíu a tal fin.

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios